Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Xoves, 30 de setembro de 2021 Páx. 47805

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se anuncia a exposición das listaxes definitivas de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2020, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

De conformidade co establecido na norma 10.3 dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social para o exercicio económico do ano 2020, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia do 7 de maio de 2021 e publicados pola Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 10 de maio de 2021 (DOG número 91, do 18 de maio), o anuncio de exposición das listaxes definitivas de admitidos e excluídos publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Dado que nas listaxes preceptivas figuran datos de carácter identificativo, de características persoais, económicos ou de saúde protexidos pola Lei orgánica 15/1995, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, cuxa publicación pode lesionar o dereito constitucional á intimidade dos/das solicitantes ou dos/das causantes das axudas, cómpre realizar a publicación coas limitacións e reservas establecidas no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Dando cumprimento ao prescrito, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Facer públicas as listaxes definitivas das axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2020 relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública http://funcionpublica.xunta.es/?q=FAS

Para o coñecemento íntegro do acto os solicitantes deberán introducir nos espazos habilitados para o efecto o NIF e mais o código de impresión da súa solicitude.

Segundo. Contra a resolución definitiva dos expedientes os/as interesados/as poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Facenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, en calquera dos rexistros públicos, oficinas de Correos e demais lugares establecidos no artigo 16.4 da devandita Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; deberán dirixirse ao Edificio Administrativo San Caetano, número 1, piso 2º, 15770 Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

Tipo de axuda

Entradas

Aprobadas

Denegadas

Importe euros

1. Atención de persoas con discapacidade

814

771

43

1.662.503,62