Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 6 de outubro de 2021 Páx. 48782

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se crea a Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP e se ditan instrucións para o seu funcionamento.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece no seu artigo 6 que se promoverá a necesaria colaboración das empresas coas administracións públicas e entidades de formación. Esta participación desenvolverase, entre outros, nos ámbitos da formación do persoal docente, a formación do alumnado nos centros de traballo e a relación doutras prácticas profesionais, así como na orientación profesional e na participación de profesionais cualificados do sistema produtivo no sistema formativo. Estableceranse procedementos de colaboración e consulta cos diferentes sectores produtivos e cos interlocutores sociais.

Esta mesma Lei orgánica 5/2002 establece, no seu artigo 8, que a avaliación e a acreditación da competencia profesional adquirida a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación se debe desenvolver seguindo criterios que garantan a fiabilidade, a obxectividade e o rigor técnico da avaliación, e que terá como referente o Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

O Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, vén desenvolver o establecido no artigo 8.4 da Lei orgánica 5/2002, e establece o procedemento e os requisitos para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, así como os seus efectos.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, establece como un dos seus principios a concepción da educación como unha aprendizaxe permanente, que se desenvolve ao longo de toda a vida, promovéndose a articulación e a complementariedade da educación formal e non formal.

Co fin de dar cumprimento ao establecido no Real decreto 1224/2009 e no Real decreto 143/2021, do 9 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 1224/2009, esta consellería regulou o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Orde do 4 de xuño de 2021 pola que se regula, no ámbito do sistema educativo da Comunidade Autónoma de Galicia, o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral para unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

A disposición adicional segunda do Decreto 114/2010, do 1 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, determina que a consellería con competencias en materia de educación promoverá a colaboración coas empresas e entidades empresariais e, en particular, coas máis implicadas en sectores clave da economía galega e as relacionadas cos sectores emerxentes.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén promovendo unha participación máis activa da empresa no proceso formativo do alumnado de ensinanzas de formación profesional. Así, no curso 2019-2020 púxose en marcha a Rede galega de dinamización da FP dual, o que posibilitou que a modalidade de FP dual experimentase un importante crecemento nos últimos anos.

Con esta resolución, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade pon en marcha a Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP, que vén ampliar e reforzar o traballo realizado ata o momento pola Rede galega de dinamización da FP dual.

Á Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP incorpóranse os centros que formaban parte da Rede de centros dinamizadores da FP dual e os centros integrados de formación profesional incluídos no Decreto 107/2021, do 1 de xullo, polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional e se trasladan ensinanzas. Esta rede traballará no maior achegamento entre a formación profesional e as empresas, de xeito que se atendan as necesidades de persoal cualificado dos diferentes sectores produtivos e se favorezan a mellora da competitividade e o desenvolvemento do noso tecido produtivo, e a industria 4.0.

A Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP pode ser obxecto de cofinanciamento polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, e pola Unión Europea-NextGenerationEU no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Cómpre, por tanto, ditar as instrucións para a implantación da Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP e, en virtude do anterior, esta Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. O obxecto desta resolución é establecer os criterios de funcionamento da Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP.

2. Será de aplicación nos centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade nos que se impartan ensinanzas da formación profesional do sistema educativo.

Artigo 2. Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP

1. Créase a Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP, que actuará baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

2. A Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP dálle continuidade á Rede galega de dinamización da FP dual (REGADual), establecida na Resolución do 22 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se crea, con carácter experimental, a Rede galega de dinamización da FP dual, se seleccionan os centros educativos que a conformarán e se ditan instrucións para nomear as persoas responsables da dinamización da FP dual en cada centro.

3. A rede estará constituída por todos os centros integrados de formación profesional (CIFP) e os outros institutos de educación secundaria (IES) que forman parte de REGADual no momento de publicación desta resolución.

4. Cada centro incluído na Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP contará cunha persoa responsable da dinamización da relación con empresas.

5. Esta rede actuará como punto de atención ao empresariado e establecerá unha canle de comunicación directa entre administracións, centros educativos e empresas.

Artigo 3. Responsable da dinamización da relación con empresas

1. A dirección de cada centro educativo proporalle á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional unha persoa de entre o profesorado do centro que, con carácter xeral, teña destino definitivo, para o desenvolvemento das funcións de responsable da dinamización da relación con empresas.

2. A persoa responsable da dinamización da relación con empresas terá dedicación completa e exclusiva para o desenvolvemento das súas funcións.

3. Cada nomeamento da persoa responsable da dinamización da relación con empresas determinará os períodos de desenvolvemento das súas funcións.

Artigo 4. Funcións da persoa responsable da dinamización da relación con empresas

1. As funcións da persoa responsable da dinamización da relación con empresas son as seguintes:

a) Determinación de empresas e centros de traballo con disposición a desenvolver na súa empresa procesos de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais sobre as súas persoas empregadas.

b) Determinación de profesionais que desempeñen a actividade en empresas con capacidades e competencias para participar nos procesos de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais.

c) Determinación de empresas e centros de traballo na zona de actuación con disposición a participar, xunto con centros educativos, na implantación de oferta de FP na modalidade dual.

d) Determinación de empresas e centros de traballo con disposición a participar, xunto con centros educativos, no desenvolvemento do módulo de Formación en centros de traballo.

e) Determinación de empresas e centros de traballo con disposición a participar en estadías de formación de profesorado na empresa.

f) Determinación de empresas e centros de traballo con disposición a desenvolver actuacións de formación, con base tanto nos elementos curriculares formativos existentes como nos elementos do Catálogo nacional de cualificacións ou de programas específicos axustados ás necesidades de formación que precisan as empresas.

g) Participación en feiras e eventos sectoriais de difusión da formación profesional, en coordinación coa Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

h) Difusión, no tecido empresarial do ámbito de actuación da súa dinamización, dos procesos de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais, a FP dual e calquera outra acción que impulse unha maior relación das empresas e os centros de traballo cos centros educativos.

i) Divulgación da FP entre o alumnado doutros niveis educativos, para o que contarán coa colaboración dos centros nos que se impartan estas ensinanzas, especialmente cos departamentos de orientación, co fin de favorecer a orientación vocacional e profesional.

j) Asesoría a todos os actores participantes nos procesos de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais, e na promoción e a dinamización en xeral da FP, de cara á realización dunha xestión de calidade.

2. Co obxecto de favorecer o correcto desenvolvemento das súas funcións, as persoas responsables da dinamización da relación con empresas deberán participar nas actividades de formación que se determine desde a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

3. Nos CIFP, a persoa responsable da dinamización da relación con empresas coordinarase co departamento de relación con empresas e co departamento de acreditación e probas do seu centro, nas funcións que poidan ser complementarias, impulsando o traballo destes departamentos e colaborando nos obxectivos comúns.

Artigo 5. Incorporación dos centros e das persoas responsables da dinamización na Rede galega de dinamización da FP dual (REGADual) á Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP

Os centros educativos que formen parte da Rede galega de dinamización da FP dual (REGADual), establecida na Resolución do 22 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se crea, con carácter experimental, a Rede galega de dinamización da FP dual, así como as persoas responsables da referida dinamización nos devanditos centros, no momento de publicación desta resolución incorporaranse á Rede galega de dinamización da relación con empresas na FP, regulada nesta resolución.

Disposición derradeira primeira. Extinción da Rede galega de dinamización da FP dual (REGADual)

A presente resolución extingue a Rede galega de dinamización da FP dual (REGADual), creada na Resolución do 22 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se crea, con carácter experimental, a Rede galega de dinamización da FP dual.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2021

José Luis Mira Lema
Secretario xeral de Educación e Formación Profesional