Na sesión celebrada polo Xurado Provincial o día 13.9.2021, figura o seguinte acordo:
Monte Vilarello I (exp. 103/78), pertencente aos veciños dos lugares de Vilarello do Río e Vilarello da Igrexa, no concello de Cervantes. Clasificado polo Xurado o 30.4.1979.
– O 25.2.2021 ten entrada unha proposta de deslindamento parcial do MVMC, aprobada pola comunidade propietaria do monte veciñal.
– O 16.3.2021 o Servizo de Montes emite un informe favorable da antedita proposta e o 9.4.2021 iníciase o procedemento coa súa publicación no DOG e a apertura dun prazo para presentar alegacións. Expediente de deslindamento 2DES/2021.
– O 23.7.2021 a comunidade do monte veciñal notifica que non houbo alegacións e ratifícase na proposta inicial, que recibe o informe favorable do Servizo de Montes o 12.8.2021.
– O 3.9.2021 ten entrada a proposta da liña de deslindamento definitiva e a documentación requirida no artigo 54 da Lei 7/2012, de montes de Galicia.
Segundo a memoria elaborada polo Servizo de Montes, na cal se especifican as modificacións que se producen como consecuencia do deslindamento, o monte de Vilarello I pasa a ter unha superficie de 325 hectáreas.
De conformidade co disposto no artigo 54.3 da Lei 7/2012, no caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, darase traslado dos acordos alcanzados ao Xurado Provincial, quen ditará resolución aprobatoria do deslindamento.
Visto o anterior, o Xurado, por unanimidade, acorda aprobar o deslindamento e proceder a realizar as oportunas correccións no expediente, de conformidade co informe elaborado polo Servizo de Montes.
O plano que figura no anexo, ao final deste anuncio, corresponde ao monte veciñal após o deslindamento aprobado.
Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Lugo, 23 de setembro de 2021
Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo