Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 8 de outubro de 2021 Páx. 49333

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 24 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se anuncia a toma de posesión provisional dos predios de substitución na zona de concentración parcelaria de San Bartolomeu de Berrande (Vilardevós-Ourense).

En cumprimento do disposto polo artigo 37 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, notifícolle que a directora xeral de Desenvolvemento Rural resolveu dar a toma de posesión provisional das fincas resultantes do proceso de concentración parcelaria da zona de San Bartolomeu de Berrande (Vilardevós-Ourense), na cal figura vostede como propietario, con data do 17 de setembro de 2021.

A data para a toma de posesión das novas leiras é o 29 de outubro de 2021. No caso de que existan colleitas pendentes de recoller nas parcelas antigas de labradío ou arboredo, en parcelas que non estean clasificadas como monte alto, poderán ser retiradas antes do 29 de abril de 2022.

Para o caso que se pretenda retirar arboredo, deberá contarse co preceptivo permiso do Servizo de Montes e xestionar o aproveitamento con suxeición ao establecido no Decreto 50/2014, do 10 de abril, e na Orde do 20 de abril de 2018, que modifica os seus anexos II, III e VI.

No prazo de dous meses contados a partir do seguinte á data establecida para a posta á disposición dos predios, poderá reclamar por defecto de superficie nas leiras a vostede atribuídas, xuntando unha medición pericial asinada por un técnico competente, sobre diferenzas de superficie superiores ás marxes de tolerancia admitidas, conforme o disposto no antedito artigo 37. As persoas propietarias das parcelas de achega deben permitir aos titulares das novas leiras o acceso a elas para medilas, caso de ser necesario.

Debe terse en conta que:

1. A falta de superficie dunha leira non será compensada cando un exceso de superficie no conxunto dos predios atribuídos sexa suficiente para compensar, en valor, o conxunto das atribucións.

2. Non se admitirá reclamación no caso de que a leira obxecto dela coincida exactamente, na súa delimitación cartográfica, coa parcela achegada polo mesmo titular.

3. Impedir ou obstaculizar a toma de posesión é considerado unha infracción moi grave (artigo 90 da Lei 4/2015) sancionada con multa de 1.501 a 6.000 euros.

4. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a toma de posesión poderá darse, logo de apercibimento, mediante compulsión directa sobre a/as persoa/s que a impidan.

5. Os planos do acordo están accesibles na internet na páxina web da Consellería do Medio Rural, na sección de publicacións do buscador que se indica abaixo.

https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos

Ourense, 24 de setembro de 2021

Luis Jorge Álvarez Ferro
Xefe territorial de Ourense