Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 8 de outubro de 2021 Páx. 49235

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 29 de setembro de 2021 sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería.

O Decreto 110/2020, do 6 de setembro, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e crea a actual Consellería de Emprego e Igualdade.

Na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, detállanse as regras que disciplinan as competencias dos órganos administrativos e os mecanismos que introducen excepcións ou matizan tales regras, entre elas, a delegación de competencias, que atopa regulación no artigo 6 da referida lei.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

O Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, modificado polo Decreto 111/2021, do 22 de xullo, regula a súa organización. Esta, pola súa complexidade e polo seu ámbito de competencias, implica unha concentración de funcións na súa titular que fan aconsellable efectuar unha delegación de competencias que ordene a actuación administrativa co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión, sen esquecer o debido respecto aos principios recollidos no artigo 103.1 da nosa Constitución.

O Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 71/2021, do 29 de abril, na súa disposición adicional segunda, mantivo a vixencia das delegacións de competencias outorgadas polos distintos órganos superiores e de dirección ata a súa expresa derrogación ou novo outorgamento.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Administración de persoal

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das facultades que lle corresponden á persoa titular da consellería en materia de persoal segundo o establecido na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e demais disposicións en vigor, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación, o nomeamento do persoal eventual e as que lles correspondan a outros órganos.

2. Así mesmo, delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, das persoas titulares da Secretaría Xeral da Igualdade, das direccións xerais da consellería, das xefaturas territoriais, así como do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica, ademais de autorizalos para a asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

3. Delégase nas persoas titulares das direccións xerais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa, así como autorizalos para a asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

4. Delégase nas persoas titulares das xefaturas territoriais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal da correspondente xefatura territorial, así como autorizalos para a asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

Artigo 2. Contratación

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) As atribuídas á persoa titular da consellería respecto dos contratos menores no ámbito de competencias da Secretaría Xeral Técnica.

b) En relación cos contratos que non teñan a consideración de contratos menores, a aprobación dos expedientes de contratación, a aprobación dos pregos de cláusulas administrativas, a aprobación do gasto correspondente, así como, de ser o caso, dispor a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 120 relativo á tramitación de emerxencia, da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, ou norma que a substitúa.

c) A adxudicación e formalización dos contratos non cualificados como contratos menores; a prerrogativa da súa interpretación e resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das súas modificacións por razóns de interese público; acordar a súa resolución e determinar os efectos desta, así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, lle corresponden ao órgano de contratación, salvo as que se deleguen expresamente nas persoas titulares das direccións xerais da consellería.

d) As funcións que, en relación coas encomendas de xestión, tanto intrasubxectivas como intersubxectivas, así como en relación coas encargas a medios propios en materias da competencia da Secretaría Xeral Técnica, correspondan á persoa titular da consellería segundo a lexislación vixente, sen prexuízo do disposto no punto 2.c).

2. Deléganse nas persoas titulares das direccións xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, as facultades que se enuncian a seguir:

a) En relación cos contratos menores, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe á persoa titular da consellería.

b) En relación cos contratos que non teñen a consideración de menores, a aprobación dos pregos de prescricións técnicas, a aprobación dos proxectos e as súas modificacións, a realización das operacións relativas á transmisión dos dereitos de cobramento, a súa dirección, inspección e control, para o que se poderán ditar as instrucións oportunas para o fiel cumprimento do convido e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa lle atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución, excepto as que supoñan a modificación do contrato e a resolución de incidencias a que se refire o artigo 120 relativo á tramitación de emerxencia, da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, ou norma que a substitúa.

c) As funcións que, en relación coas encomendas de xestión, tanto intrasubxectivas como intersubxectivas, así como en relación coas encargas a medios propios en materias da súa competencia, lle correspondan á persoa titular da consellería segundo a lexislación vixente.

3. Deléganse nas persoas titulares das xefaturas territoriais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, as facultades que como órgano de contratación lle son atribuídas á persoa titular da consellería respecto daqueles expedientes que se financien con cargo ao capítulo II do orzamento de gastos, así como aqueles que se realicen respecto aos créditos desconcentrados.

Artigo 3. Convenios

1. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería a subscrición, a modificación, a prórroga ou a perda de efectos dos convenios de adhesión á rede Eusumo, así como dos convenios para o desenvolvementos de prácticas non laborais.

2. Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación a subscrición, a modificación, a prórroga ou a perda de efectos dos convenios sen custo económico relativos á acreditación da formación para o emprego que impartan entes públicos ou privados.

Artigo 4. Xestión financeira e orzamentaria

1. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería, ademais das facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio das competencias delegadas en materia de contratación, a aprobación das modificacións orzamentarias competencia da Consellería de Emprego e Igualdade e o exercicio da competencia para autorizar os gastos xerais dos servizos da consellería, autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas e propoñerlle á persoa titular da Consellería de Facenda e Administración pública a ordenación dos correspondentes pagamentos relativos:

a) Aos gastos de persoal.

b) Aos gastos xerais incluídos no capítulo II dos orzamentos que afecten a Secretaría Xeral Técnica ou varias unidades de distintos centros directivos da consellería.

c) Os créditos dos capítulos IV, VI e VII dos orzamentos, salvo os derivados dos contratos menores correspondentes a competencias delegadas nas persoas titulares das direccións xerais.

2. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería a tramitación e a resolución dos expedientes de desconcentración dos créditos necesarios para o efectivo exercicio das funcións atribuídas ás xefaturas territoriais.

3. Deléganse nas persoas titulares das direccións xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, as mesmas facultades indicadas anteriormente no número 1 deste artigo en relación:

a) Cos gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación.

b) Cos créditos correspondentes aos capítulos II e VI dos orzamentos que correspondan a gastos específicos do seu centro directivo e que teñan o carácter de contrato menor.

4. Deléganse nas persoas titulares das xefaturas territoriais da consellería as seguintes competencias:

a) A autorización e a disposición dos gastos con cargo ao capítulo II dos orzamentos de gastos, ata o límite dos créditos que para tal fin sexan distribuídos pola Secretaría Xeral Técnica por delegación da persoa titular da consellería e que non estean reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como o recoñecemento das obrigas de gasto e a proposta dos pagamentos correspondentes aos créditos distribuídos.

b) Respecto dos créditos desconcentrados, a autorización e disposición dos gastos correspondentes aos ditos créditos, excepto os casos reservados á competencia do Consello da Xunta de Galicia, así como a aprobación dos actos de disposición de créditos e o recoñecemento das obrigas, e solicitar da Consellería de Facenda e Administración Pública a ordenación dos correspondentes pagamentos.

5. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería e nas persoas titulares das direccións xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de gastos para xustificar, sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

6. As competencias delegadas nos números anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases dos gastos, e correspóndelles á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e ás persoas titulares das direccións xerais da Consellería de Emprego e Igualdade, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura daqueles documentos que impliquen unha mera actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.

Artigo 5. Réxime interno e asuntos xerais

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das seguintes facultades:

1. A disposición de canto concirne ao réxime interno da consellería cando non sexa competencia exclusiva da persoa titular da consellería ou doutro centro directivo.

2. En xeral, o despacho e a resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos á persoa titular da consellería e non se deleguen expresamente noutros órganos.

Artigo 6. Subvencións

Deléganse nas persoas titulares das direccións xerais da consellería, dentro do seu respectivo ámbito funcional, e nas persoas titulares das xefaturas territoriais da consellería as seguintes competencias:

A concesión ou a denegación das axudas públicas e subvencións convocadas con cargo aos créditos orzamentarios da consellería, a modificación e revogación das concedidas e mais a incoación e resolución dos procedementos de reintegro delas, no respectivo ámbito funcional, sempre e cando non estean expresamente delegadas noutro órgano na correspondente orde de convocatoria.

Artigo 7. Xestión patrimonial

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe á persoa titular da consellería.

Artigo 8. Potestade sancionadora

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería as competencias relativas ás resolucións sancionadoras e ás propostas de sanción ao Consello da Xunta que correspondan á persoa titular da consellería en virtude da cualificación da infracción cometida ou da contía da sanción proposta.

Artigo 9. Recursos e reclamacións

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería o exercicio das competencias seguintes:

a) A resolución dos recursos administrativos que correspondan á persoa titular da consellería e a facultade de suspender os actos impugnados, nos casos en que non estean expresamente delegados noutros órganos e cando a delegación non estea prohibida expresamente.

b) A resolución dos recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións ditadas pola Secretaría Xeral Técnica en virtude das facultades delegadas, así como dos interpostos contra as resolucións ditadas por outros órganos en exercicio de facultades delegadas e non atribuídas a estes.

c) Resolver as solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables que corresponda que resolva a persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, segundo o previsto no capítulo I do título V da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Resolver os procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 39/2015, do 1 de outubro, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, competencia da Consellería de Emprego e Igualdade.

e) Resolver e formular os requirimentos previos á vía xudicial contencioso-administrativa competencia da Consellería de Emprego e Igualdade, nos termos previstos no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Deléganse nas persoas titulares das direccións xerais da consellería, dentro do seu respectivo ámbito funcional, e nas persoas titulares das xefaturas territoriais da consellería as seguintes competencias:

a) A resolución dos recursos administrativos que nas áreas das súas atribucións correspondan á persoa titular do departamento, cando a delegación non estea prohibida expresamente; concretamente, a resolución dos recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas polas persoas titulares das xefaturas territoriais no seu respectivo ámbito.

b) A resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas, concretamente, dos interpostos contra as resolucións de concesión de subvencións ditadas por delegación da persoa titular da consellería, así como dos procedementos de reintegro destas .

Artigo 10. Protectorado en materia de fundacións

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as facultades que a normativa vixente lle atribúe ao correspondente protectorado en materia de fundacións.

Artigo11. Criterios complementarios na aplicación das delegacións

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

b) En calquera momento, a persoa titular da consellería poderá avocar para si o exercicio das competencias que se delegan nesta orde.

c) Atribúeselle á Secretaría Xeral Técnica o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, persoal e contratación, non están expresamente delegadas noutros órganos da Consellería de Emprego e Igualdade .

d) En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a abstención ou recusación da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, as competencias que se delegan pola presente orde serán exercidas, mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

Respecto das persoas titulares das direccións xerais da Consellería de Emprego e Igualdade, as competencias delegadas contidas nesta orde exerceranas, mentres tanto persistan aquelas circunstancias, a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, no seu defecto, as persoas titulares das direccións xerais seguindo nesta suplencia a orde establecida no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade. Neste sentido, a substitución asumiraa o titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa establecida no decreto, e corresponderalle ao primeiro, se é o caso, substituír o último.

e) As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 10 de xuño de 2016 sobre delegación de competencias en diversos órganos da Consellería de Economía, Emprego e Industria na parte relativas ás competencias en materia de emprego e a Orde do 29 de decembro de 2017 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e noutros órganos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e entidades adscritas, na parte relativa ás delegacións na Secretaría Xeral da Igualdade, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade