Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 13 de outubro de 2021 Páx. 50141

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de setembro do 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Camariñas (expediente-e IN407A 2021/28-1).

Expediente-e: IN407A 2021/28-1.

Promotora: Electra del Gayoso, S.L.

Instalación: LMTS do CTC Camelle porto ao CTC Rociñas, CTC Rociñas e RBTS.

Concello: Camariñas.

Feitos:

1. O 8 de febreiro de 2021, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de atender o crecemento vexetativo da demanda e garantir a seguridade, continuidade e calidade da subministración.

Achegan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución nomeado: LMTS, CTC Camelle Praia ao CTC Rociñas, CTC Rociñas e RBTS Camelle.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Acordo de información pública: 8 de marzo de 2021.

– DOG: 31 de marzo de 2021.

– BOP: 12 de marzo de 2021.

– Xornal La Voz de Galicia: 11 de marzo de 2021.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal da secretaria do Concello de Camariñas de data 21 de abril de 2021.

3. Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública, Digna Rodríguez Romar, Digna Romar Mouzo, Hermitas Romar Casal, Inés Romar Casal, José Rodríguez Pérez, Esther Romar Casal e dúas máis achegaron unhas alegacións. Destas alegacións déuselles traslado á empresa promotora, que respondeu na defensa dos seus intereses.

4. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Servizo de Urbanismo-Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Coruña; Instituto de Estudos do Territorio-Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; ente público Portos de Galicia, zona centro-Xefatura Territorial da Consellería do Mar da Coruña e o Concello de Camariñas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos polos organismos afectados, isto é, Urbanismo, IET e o concello. No día desta resolución, non consta no expediente resposta do organismo afectado, é dicir, Portos de Galicia, á solicitude do condicionado solicitado.

5. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron un informe favorable sobre a solicitude de autorización.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e o artigo 39.a) do Decreto 230/2020, do 23 de decembro (DOG do 11 de xaneiro de 2021), polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

2. Lexislación de aplicación:

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

• Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

1. Características técnicas:

• Construción dun treito de LMTS (20 kV) simple circuíto coa orixe nunha cela do CTC Camelle Porto (existente) e remate nunha cela do CTC Rociñas, lonxitude de 570 metros en condutor RHZ1-2OL 3×(1×240) mm2 Al e coa orixe nunha cela existente do CTC Camelle Porto e remate nun novo centro de transformación nomeado CTC Rociñas. Se contempla a instalación pola mesma canalización multitubaxe dun circuíto de fibra óptica, con cabo Loose Tube CDS-0905 de 48 fibras para o control, telemando e telemedida.

• Centro de transformación de manobra interior en envolvente de obra civil de 400 kVA, 3 celas MT: unha de entrada de liña con función chave-seccionadora, unha de reserva de saída de liña con función chave-seccionadora e unha de protección con chave seccionadora, con fusibles combinados de protección do trafo e cadro de BT 4 saídas, equipos de telemando e telemedida.

O orzamento da instalación segundo o proxecto é de 108.060,44 €.

1. Na visita de campo realizada para examinar o lugar da instalación non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume sinaladas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

2. Respecto das alegacións formuladas polas persoas alegantes:

1º. Digna Rodríguez Romar, mediante escrito do 21 de abril de 2021, solicita que non se autorice o proxecto alegando, en síntese, o seguinte:

1.1. Non se xustifica o exercicio da potestade expropiatoria por ser posible levar a cabo o proxecto sen afectar propiedades particulares.

1.2. Non se xustifica a necesidade de situar o centro de transformación no lugar que se proxecta.

1.3. Alega que o Concello de Camariñas non expuxo o anuncio no seu taboleiro.

1.4. A parcela está sendo aproveitada para cultivo e coa construción do centro de transformación, a superficie fértil diminuirase facendo antieconómico o cultivo do resto.

Por medio de escrito achegado con data do 12 de maio de 2021 e número de rexistro 2021/1128463, a empresa promotora resposta o que segue:

1.a. No seu informe do 21 de marzo de 2021, o Concello de Camariñas sinala que o centro de transformación (CT) se instalará en solo rústico de protección ordinaria. O uso para o que está destinado a instalación proxectada é un dos usos permitidos pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) no seu artigo 35.1.m). Así mesmo, o CT xustificará o cumprimento dos artigos 39 da LSG e o 59 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da LSG (DLSG), considerando ao CT como unha edificación en solo rústico.

1.b. No tocante á idoneidade da localización, o artigo 39.d) da LSG sinala que non será necesario xustificar a idoneidade da localización elixida para as construcións sinaladas no artigo 35.1.m). A localización é a única posible para poder cumprir o requisito mínimo de distancia dos recuamentos de construción aos lindeiros da parcela, nunca inferiores a 5 metros (artigo 39.4.5 da LSG).

1.c. Non é posible que o CT se constrúa en camiño público, xa que, ao ser considerado como unha edificación, ten que cumprir co artigo 39.d) 4ª da LSG e situarse dentro da parcela. Tampouco pode afectar outras parcelas, ao abeiro do artigo 39.d) 2ª da LSG.

1.d. Para dar cumprimento aos artigos 39 da LSG e 59 do DLSG, considera a colocación a única posible.

1.e. O artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (LSE) declara de utilidade pública este tipo de instalacións eléctricas para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

A declaración de utilidade pública contemplada na LSE opera como «causa ex propiandi», toda vez que a instalación proxectada se dirixe fundamentalmente a satisfacer as necesidades colectivas da cidadanía.

2º. Digna Romar Mouzo, por medio de escritos que achega con data do 21 de abril de 2021 e números de rexistro 2021/929702 e 2021/929855, semellantes no seu contido aos de Digna Rodríguez Romar.

A empresa promotora responde a través dun escrito achegado con data do 12 de maio de 2021 e número de rexistro 2021/1128463, o mesmo escrito que para Digna Rodríguez Romar.

3º. Por medio dun escrito con data do 15 de abril de 2021 e número de rexistro 2021/873341, Ermitas Romar Casal solicita que non se autorice o proxecto alegando, en síntese, o seguinte:

3.a. Considera que existe chan público que permitiría a construción da dita instalación.

3.b. Instalación proxectada no lugar de maior prexuízo para o predio, non se coloca a carón da vía pública situándoa no lugar máis afastado do camiño, tendo que cruzar todo o predio para ter acceso á construción.

3.c. Terreo de uso agrícola no que se pode empregar maquinaria agraria. Esta posibilidade queda truncada de autorizarse a instalación.

3.d. A instalación proxéctase no centro da parcela, existindo terreo formado por rochas preto que produciría un prexuízo menor.

A empresa promotora resposta coa mesma argumentación que para a alegación de Digna Rodríguez Romar, por medio dun escrito achegado en data do 12 de maio de 2021 e número de rexistro 2021/1127998.

4º. Inés Romar Casal achega un escrito de data 25 de abril de 2021 e número de rexistro 2021/959212, semellante no seu contido ao de Ermitas Romar Casal.

A empresa promotora resposta coa mesma argumentación que a Digna Rodríguez Romar, por medio dun escrito achegado o 12 de maio de 2021 e número de rexistro 2021/1128463.

5º. José Rodríguez Pérez achega un escrito de data 21 de abril de 2021 e número de rexistro 2021/929990, semellante no seu contido ao de Digna Rodríguez Romar.

A empresa promotora resposta co mesmo razoamento que para Digna Rodríguez Romar, mediante un escrito achegado con data do 12 de maio de 2021 e número de rexistro 2021/1128463.

6º. M. Esther Romar Casal, M. Dolores Romar Casal e M. Trinidad Romar Casal, achegan un escrito o 21 de abril de 2021 e número de rexistro O00006332 e 2101325373, semellantes no seu contido ao de Digna Rodríguez Romar.

A empresa promotora resposta co mesmo argumento que para Digna Rodríguez Romar, por medio dun escrito achegado na data do 12 de maio de 2021 e número de rexistro 2021/1128296.

En derradeiro lugar, segundo as alegacións formuladas e achegadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e respecto das respostas efectuadas por Electra del Gayoso, S.L., cómpre manifestar as conclusións seguintes:

a) Respecto das alegacións sobre os prexuízos xerados polo proxecto sobre a explotación agrícola e demais dereitos afectados, en relación ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegue a un acordo entre a empresa distribuidora e as persoas afectadas durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes consonte coa lexislación vixente.

b) Verbo das alegacións sobre a localización da instalación, o Concello de Camariñas, órgano competente en materia urbanística, sinala no informe do 21 de marzo de 2021 que se xustificará o cumprimento dos artigos 39 da LSG e o 59 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da LSG, condicionando as distancias e á localización do centro de transformación.

c) En canto á exposición no taboleiro de anuncios o Concello de Camariñas certifica a súa exposición polo período abranguido entre o 9 de marzo e o 13 de abril de 2021.

1. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

a) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da dita instalación de distribución eléctrica.

b) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

c) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

Un certificado do/da director/a da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescripcións complementarias, se as houber, así coma das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

d) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o viecepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que considere pertinente.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 17 de setembro de 2021

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña