Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 15 de outubro de 2021 Páx. 50484

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 5 de outubro de 2021 pola que se clasifica de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia con domicilio na rúa Luis López Casanegra, número 5, na Coruña.

Feitos:

1. O 30 de xullo de 2021, Pedro José Calaza Martínez, na súa condición de presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia constituíuna o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, representado polo seu decano Pedro José Calaza Martínez, mediante escritura pública outorgada na Coruña o 4 de xuño de 2021, ante o notario Víctor José Peón Rama, co número de protocolo 1.340.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten como obxectivo «acadar os obxectivos de desenvolvemento sustentable promovidos pola FAO (organización das Nacións Unidas para a alimentación e a agricultura) a través da promoción da investigación, desenvolvemento, innovación e divulgación (I+D+i+d)».

4. O padroado inicial da Fundación está formado polo decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Pedro José Calaza Martínez, como presidente; a secretaria do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Alejandra Álvarez de Mon Rego, como vicepresidenta; o interventor do Colexio, Ricardo Vázquez Pérez; os delegados provinciais da entidade na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente Fernando García Abal, Xesús Pablo González Vázquez, Manuel González Sarria e Alfonso Carlos González-Redondo Ares; Rogelio Plácido Villar Gantes e Nicasio Daniel Mejuto Martí, como vogais; e Eloy Soto Pineda, como secretario sen voto.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese para a defensa do medio natural de Galicia da Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese para a defensa do medio natural de Galicia e a súa adscrición á Consellería do Medio Rural.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 27 de setembro de 2021,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia, adscribíndoa ao protectorado da Consellería do Medio Rural.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo