Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Luns, 18 de outubro de 2021 Páx. 50840

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 30 de setembro de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución dos recursos de reposición contra a clasificación do Monte Veciñal en Man Común Vilacaíz, no concello do Saviñao (expediente 14/2017).

Na sesión celebrada polo Xurado Provincial o día 13.9.2021 figura o seguinte acordo:

Monte Vilacaíz (expediente 14/2017), pertencente aos veciños da parroquia Vilacaíz, concello do Saviñao. O 25.11.2019 o xurado ditou resolución de clasificación do MVMC de Vilacaíz.

Contra a resolución foron presentados os seguintes recursos de reposición:

Data de presentación

Recorrente

3.1.2020

Manuel Rodríguez Fernández

8.1.2020

Pilar Jorge Martínez e sete persoas máis

13.1.2020

Eugenio Pérez López

20.1.2020

Pilar Carreira Rodríguez

17.1.2020 e 22.1.2020

Manuel López López

9.1.2020

José Méndez López e Delmira López López

En síntese, alegan a caducidade do expediente, o uso individualizado de terreos dentro do monte e fan alusión á resolución do Xurado do ano 1981, pola que acordou non clasificar os montes Costa, Coto, Penas e outros, por estaren divididos desde 1928.

Examinados os recursos e as argumentacións de carácter xeral que neles se recollen contra a clasificación do monte, conclúese:

– Que o procedemento de clasificación foi iniciado 13.12.2017. O prazo para resolver foi ampliado por acordo do Xurado o 8.11.2018, de acordo co artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, polo que o prazo máximo para a finalización do procedemento se estendeu ao 13.12.2019. A resolución e as correspondentes notificacións foron realizadas en tempo.

– Canto á resolución do Xurado do 14.12.1981 pola que non se clasificaron uns terreos da parroquia de Vilacaíz como monte veciñal en man común, cabe recordar a mera natureza declarativa deste tipo de resolucións, que nada determinan sobre a natureza veciñal en man común dos terreos, que, de existir ou ser esta, xa implica a existencia do monte veciñal aínda que non haxa resolución do Xurado ao respecto. Unicamente debe entenderse que naquel procedemento non se considerou que houbese motivos suficientes para declaralo como veciñal, sen prexuízo de que nun procedemento posterior, se houber probas ou indicios probatorios suficientes, poida existir unha declaración distinta. Así mesmo, das 136,4 ha clasificadas na resolución impugnada, 111 ha non coinciden coas zonas de investigación do expediente de 1981 a que se refiren algúns dos recorrentes.

– Na resolución impugnada neste procedemento só se clasificaron aqueles terreos onde a investigación esclareceu que estaban clasificados como bens comunais, ligados ao inventario de bens municipais do concello do Saviñao e deixaron fóra os terreos en que puider existir algunha dúbida sobre a propiedade.

– Os documentos particionais que constan no expediente veñen a evidenciar sen ningunha dúbida a natureza veciñal en man común do monte.

En relación coas argumentacións de carácter particular para deixar fóra parcelas concretas, conclúese:

– A parcela 27058A037000091, referida no recurso do 3.1.2020 de Manuel Rodríguez Fernández, non foi obxecto de clasificación, polo que calquera afectación de superficie deberá ser obxecto de corrección catastral ou dun futuro deslindamento co monte veciñal.

– Sobre as parcelas reclamadas no recurso presentado o 8.1.2020 por Pilar Jorge e sete persoas máis, non se presenta documento ningún que contrarreste os indicios probatorios existentes sobre a consideración dos terreos como veciñais en man común.

– As parcelas 150 e 151 do polígono 13, referidas no recurso do 13.1.2020, de Eugenio Pérez López, mantéñense no Catastro Inmobiliario, desde antano, como propiedade do Concello do Saviñao e o interesado non presenta documento que acredite a propiedade particular.

– As parcelas 147, 149 e 152 do polígono 13, referidas no recurso presentado o 17.1.2020 por Manuel López López mantéñense no Catastro Inmobiliario, desde antano, como propiedade do Concello do Saviñao e o interesado non presenta documento que acredite a propiedade particular.

– Canto á parcela 166 do polígono 12, o día 22.1.2020 o recorrente alega que é propiedade del, de acordo co ditado na sentenza que presenta. No entanto, na dita sentenza non se identifica claramente a parcela, pois remítese á súa descrición segundo os puntos 1 e 2 da demanda, que non achega. En todo caso, após a acreditación da identificación da parcela, poderá ser obxecto de exclusión en cumprimento de sentenza en calquera momento posterior á resolución deste recurso.

– Sobre as parcelas 12 e 14 do polígono 13, referidas no recurso do 20.1.2020 de Pilar Carreira Rodríguez, cabe sinalar que a 14 non foi obxecto de clasificación e a 12 se mantén no Catastro Inmobiliario desde antano como propiedade do Concello do Saviñao, sen que presente título acreditativo da propiedade particular.

– Así mesmo, a parcela 63 do polígono 16, na cal a recorrente indica que ten un almacén, ten como titular o Concello do Saviñao no Catastro Inmobiliario e sobre a dita parcela non se presenta documento que contrarreste os indicios probatorios existentes sobre a súa consideración como veciñal en man común.

– O recurso presentado o 9.1.2020 por José Méndez López e Delmira López López non fai mención a parcelas concretas senón ao conxunto de terreos identificados na resolución como zona 5, polo que se considera argumentado nas consideracións de carácter xeral.

En conclusión, o Xurado, por unanimidade, acorda desestimar os recursos, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 30 de setembro de 2021

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Lugo