Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 27 de outubro de 2021 Páx. 52547

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 21 de outubro de 2021 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia.

Mediante a Orde do 30 de decembro de 2020 reguláronse os criterios de repartición e establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia (DOG núm. 15, do 25 de xaneiro), que foi modificada pola Orde do 8 de xuño de 2021 para modificar a distribución inicial do Fondo e ampliar a dotación económica da liña competitiva (DOG núm. 109, do 10 de xuño).

Esta orde tramitouse como expediente anticipado de gasto segundo o previsto na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e de acordo co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2021, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 20 de novembro de 2020, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

No artigo 33 da orde establécese o 31 de outubro de 2021 como data límite do prazo para a realización e xustificación das actuacións subvencionadas. Tendo en conta o número de proxectos subvencionados e a complexidade do proceso de tramitación e de contratación nas entidades locais beneficiarias, considerando que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, é procedente ampliar o devandito prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 22 de novembro de 2021, para facer viable o proceso de execución dos proxectos subvencionados e posibilitar o cumprimento do procedemento de xestión.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Con base en todo o anterior, de acordo coa Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, e co disposto na Orde do 30 de decembro de 2020 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2021, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 33.1 da Orde do 30 de decembro de 2020, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a conta xustificativa ata o 22 de novembro de 2021».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo