Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 28 de outubro de 2021 Páx. 52845

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 145/2021, do 14 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Aparcadoiro de Augas Santas, no termo municipal de Ribadeo (Lugo).

O Concello de Ribadeo, en sesión celebrada o día 17 de xuño de 2021, acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto denominado Aparcadoiro de Augas Santas, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Con data do 27 de agosto de 2021 tivo entrada no rexistro da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia a solicitude do concello de Ribadeo e o expediente. Con data do 15 de setembro de 2021 o concello achegou documentación complementaria á súa solicitude inicial. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que a actuación consistente na construción dun estacionamento para vehículos na contorna da praia das Catedrais pretende dar cumprimento ao Plan especial de protección das Catedrais, que recolle como unha das medidas máis necesarias para a protección deste espazo a disposición dun novo estacionamento público, afastado do areal e integrado na paisaxe. A nova situación do estacionamento, detrás da vía férrea do FEVE e con entrada-saída directa cara á estrada nacional N-634 e á autovía A-8, permitirá reducir drasticamente o tráfico rodado a través da estrada provincial LU-P-0610 na contorna inmediata da praia das Catedrais e, consecuentemente, reducir o impacto negativo sobre este espazo natural protexido. Así mesmo, este novo aparcamento cumpriría con todos os estándares medio ambientais propios deste tipo de infraestrutura.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de outubro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Aparcadoiro de Augas Santas no termo municipal de Ribadeo (Lugo), debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, catorce de outubro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo