Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 29 de outubro de 2021 Páx. 53109

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 21 de outubro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2021 e 2022 (código de procedemento TR301V).

Os números 1 e 2 do artigo 29 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúen á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral e de fondos de ámbito nacional e de emprego.

A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, prevé a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema.

O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, completa este marco regulador e dedica o seu artigo 25 ás axudas e bolsas que poden percibir as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas.

Asemade, a nova Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, regula, no seu capítulo IV, as diferentes tipoloxías de bolsas e axudas.

Neste senso, o artigo 23.2 da citada orde ministerial dispón que as administracións públicas competentes establecerán nos seus respectivos ámbitos as contías, prazos de solicitude e concesión das bolsas e axudas previstas, e no seu anexo II determínanse as súas contías máximas.

A posterior publicación da Orde TES/1109/2020, do 25 de novembro (BOE núm. 311, do 27 de novembro), modificou a Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo. Dada a diversidade da casuística derivada da xestión das iniciativas de formación profesional para o emprego, a dita modificación incidiu, entre outras cuestións, no relativo á determinación polas administracións competentes da axuda que percibirán as persoas traballadoras desempregadas pola utilización de transporte público interurbano para asistir ás actividades formativas.

En aplicación da Lei 5/2021, do 2 de febreiro (DOG núm. 26, do 9 de febreiro), de impulso demográfico de Galicia, a cal recolle unha especial consideración para as familias monoparentais, así como un apoio específico ás familias numerosas, atendendo á súa especial contribución á sociedade e á súa achega á remuda xeracional, a presente orde de bolsas e axudas fai fincapé nelas para adaptarse á realidade social actual.

En relación coas accións formativas referenciadas no Catálogo nacional de cualificacións profesionais, acreditadas nos termos previstos na Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, estas correspóndense co ámbito da formación profesional para o emprego, competencia do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Mediante resolucións da Secretaría Xeral de Formación Profesional do Ministerio de Educación e Formación Profesional do 19 de abril de 2021 (BOE do 5 de maio), concedéronse á Comunidade Autónoma de Galicia diversas cantidades consignadas nos orzamentos xerais do Estado para o exercicio económico de 2021, para o desenvolvemento de accións formativas no ámbito da formación profesional para o emprego vencelladas ao Catálogo nacional das cualificacións profesionais.

Así mesmo, a Orde TES/527/2021, do 26 de maio (BOE núm. 129, do 31 de maio), pola que se distribúen territorialmente para o exercicio económico de 2021, para a súa xestión polas comunidades autónomas con competencias asumidas, créditos do ámbito laboral financiados con cargo aos orzamentos xerais do Estado, non financiados co Mecanismo de recuperación e resiliencia, incluíndo aqueles destinados á execución do Plan de choque polo emprego xove 2019-2021 e do Plan Reincorpora-T 2019-2021, estableceu a distribución de créditos entre comunidades autónomas para o financiamento daquelas iniciativas do Sistema de Formación Profesional para o emprego incluídas no Catálogo de especialidades formativas non dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade e cuxa competencia corresponde ao Servizo Público de Emprego Estatal.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece no seu artigo 5.2 que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos que se axusta esta disposición.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos que teñen carácter básico, polo que son de aplicación á normativa nesta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo á concesión de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego.

Neste senso, o artigo 7.b) do Real decreto 1917/2008, do 21 de novembro, polo que se aproba o programa de inserción sociolaboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, establece que durante o tempo de participación nunha acción formativa a muller terá dereito a percibir unha bolsa por asistencia de 10 euros por día lectivo ata a finalización do curso.

Como novidade introdúcese unha nova tipoloxía de axuda no caso de precisar aloxamento se a distancia mínima de desprazamento é superior a 100 km, entre outros requisitos que se deben cumprir, para facilitar a asistencia ás accións formativas e que a distancia non sexa un motivo de impedimento na formación profesional para o emprego.

A orde adecúa a tipoloxía de bolsas e axudas aos cambios normativos e ás diferentes modalidades de impartición das accións formativas, incorpora novos colectivos con dereito a percibir bolsas de asistencia, reformula determinados procesos co obxecto de adaptalos ao propósito da administración electrónica, clarifica determinados criterios de control e seguimento, e modifica aspectos do procedemento de concesión de subvencións co obxectivo de axilizar a tramitación dos pagamentos, mantendo o mínimo, establecido en anteriores ordes respecto ao momento ao que se ten dereito a percibir a bolsa ou axuda, de 100 € acumulados.

Á vista do anterior, e logo de consultar o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto regular o réxime da concesión directa de subvencións, por parte da Consellería de Emprego e Igualdade, en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas no marco da formación profesional para o emprego financiada pola referida consellería, código de procedemento TR301V, coa excepción da formación incluída en programas integrados de emprego e obradoiros de emprego.

2. Por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións, referidas ás accións formativas que se inicien no período comprendido entre o día da entrada en vigor desta orde e o 31 de outubro de 2022 (ambos incluídos).

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento destas axudas destínase un crédito total de 7.000.000 €, distribuído en dúas anualidades, que se imputarán con cargo á aplicación orzamentaria 11.05.323A.480.0, códigos de proxecto 2013 00545 e 2021 00149.

A distribución do importe por anualidades especifícase na seguinte táboa:

Aplicación

Proxecto

Anualidade 2021

Anualidade 2022

11.05.323A.480.0

2013 00545

100.000 €

600.000 €

11.05.323A.480.0

2021 00149

400.000 €

5.900.000 €

Total

500.000 €

6.500.000 €

2. A concesión das subvencións en concepto de bolsas e axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. Se o orzamento asignado non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentase nalgún dos lugares previstos nesta orde ou, no caso de que a solicitude non estea completa, a data en que esta fose emendada. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.

4. Os créditos consignados nesta orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación profesional para o emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais e nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

5. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións en concepto de bolsas e axudas obxecto da presente convocatoria as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas recollidas no artigo 1 e que reúnan os requisitos exixidos con carácter xeral nesta orde, así como os particulares establecidos nos artigos que se refiren a cada tipo de bolsa ou axuda, nos termos do disposto no capítulo IV e no anexo II da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

2. Para os efectos do indicado no punto 1 deste artigo, terán a consideración de persoas traballadoras desempregadas aquelas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e con situación laboral como non ocupadas, na data de inicio da acción formativa ou no momento da súa incorporación á acción formativa.

Tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, tendo a condición laboral de ocupadas no momento da súa incorporación á acción formativa, nos supostos en que estea permitida a participación de persoas traballadoras ocupadas, adquiran a condición de persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia durante o período de desenvolvemento da acción formativa.

Neste caso, só terán dereito a percibir as axudas que lles poidan corresponder desde o primeiro día do mes seguinte a aquel en que adquiran a condición de persoa desempregada. No suposto de que desapareza o feito causante, perderase o dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar esta situación.

A persoa beneficiaria debe comprometerse a manter os requisitos que lle permiten o acceso á subvención durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito, de tal maneira que, se deixase de cumprilos, estará obrigada a comunicalo por escrito ao órgano competente para resolver, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza tal circunstancia.

3. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria das subvencións previstas nesta orde aquelas persoas nas cales concorra algunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A xustificación polas persoas solicitantes de non estaren incursas en ningunha das anteditas circunstancias realizarase mediante unha declaración responsable incluída no modelo de solicitude do anexo I (procedemento TR301V), referenciado no artigo 15 desta orde, e cuxo contido deberá respectar o que establece artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. As referencias que nesta orde se recollen con respecto ao momento a partir do cal se ten dereito a percibir a bolsa ou axuda refírense aos efectos do cómputo, pois a percepción do importe correspondente á subvención efectuarase no momento correspondente, logo da instrución, tramitación, proposta e resolución, nos termos desta mesma orde, e tendo en conta, especialmente, a necesidade de que exista un mínimo acumulado de 100 € ou fracción.

Artigo 4. Bolsas e axudas. Tipoloxía e réxime de concesión

1. As subvencións reguladas nesta orde son compatibles e acumulables entre si, agás a axuda por transporte público e a axuda por transporte en vehículo propio, que son incompatibles entre elas.

As bolsas de asistencia para persoas cunha discapacidade recoñecida nun grao igual ou superior ao 33 %, as das persoas que participen nunha acción formativa solicitada desde o seu IPE, así como as destinadas a persoas que formen parte dunha familia monoparental ou numerosa, son excluíntes entre sí e non se poderán percibir simultánea e acumulativamente.

2. As bolsas e axudas reguladas por esta orde, dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas referenciadas no artigo 1, son as que a seguir se relacionan:

• Bolsas de asistencia para os seguintes colectivos:

– Persoas con discapacidade recoñecida en grao igual ou superior ao 33 %.

– Persoas que participan nunha acción formativa incluída no seu itinerario persoal individualizado de emprego.

– Membros integrantes dunha familia monoparental.

– Membros integrantes dunha familia numerosa.

• Axudas de transporte público, urbano e interurbano, ou vehículo propio.

• Axudas para manutención.

• Axudas de aloxamento e manutención.

• Axudas á conciliación.

• Axudas para mulleres vítimas de violencia de xénero.

O dereito do alumnado a percibilas referirase a cada día de asistencia na correspondente acción formativa, debidamente acreditada e recompilada a través dos medios de control da asistencia aplicables.

De acordo co establecido no artigo 23.2 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, no relativo ao limiar mínimo de tramitación, deberá existir un mínimo acumulado de 100 € por persoa desempregada participante nas accións formativas para proceder á tramitación das bolsas e axudas. Naqueles supostos en que, pola duración do curso ou do período de concorrencia do feito causante, os días de asistencia á formación non permitan chegar ao antedito mínimo de 100 € por persoa, a tramitación realizarase ao remate da acción formativa, pola fracción correspondente.

O sinalado no anterior parágrafo non impedirá que a xefatura de servizo competente na materia poida determinar a tramitación de bolsas e axudas por importes inferiores se as posibilidades de xestión e a carga de traballo da unidade administrativa o permiten.

3. O alumnado que participe en accións formativas impartidas, total ou parcialmente, na modalidade de teleformación ou mediante aula virtual, terá dereito a percibir, sempre que quede debidamente acreditada a asistencia e cumpra cos requisitos necesarios para a súa obtención, axudas por discapacidade, por participar nunha acción formativa do seu itinerario persoal individualizado de emprego, por ser membro dunha familia monoparental ou numerosa, por conciliación e para axuda a mulleres vítimas de violencia de xénero.

4. Para o cálculo do tempo de asistencia, número de días, na modalidade de teleformación, será de aplicación a seguinte fórmula:

(Días de teleformación planificados na programación * Nº controis realizados polo alumno)/Nº total de controis que se realizarán

En cursos modulares, para os efectos de determinar o número de controis realizados polos alumnos para a liquidación de bolsas e axudas, así como o número total de controis que se realizarán durante a realización da actividade formativa, aplicaranse como referencia de cálculo, cando o curso sexa modular, os módulos formativos e, no caso de que por exención se realicen unha ou varias unidades formativas sen completar o módulo, o cálculo aplicarase unicamente sobre as unidades realizadas.

5. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concesión directa, de acordo co establecido no artigo 19.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.5.d) da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral.

6. A Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia reserva para si o dereito a efectuar cantas comprobacións sexan oportunas coa finalidade de asegurar o cumprimento dos requisitos exixidos por parte das persoas que perciban as subvencións reguladas nesta orde e, de ser o caso, poderá iniciar os procedementos de reintegro e sancionador que sexan oportunos, segundo o establecido pola lexislación de subvencións aplicable.

7. Para os efectos de comprobar a asistencia e participación do alumnado nas accións formativas incluídas no marco da formación profesional para o emprego reguladas na presente orde, utilizaranse os métodos de control que permitan reflectir e ter constancia do tempo de presenza e da hora e minutos en que tivo lugar a entrada e saída das persoas participantes.

Neste senso, suxeito ao que dite a correspondente norma reguladora de cada procedemento, aplicaranse sistemas de control biométrico mediante pegada dixital compatibles co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia e/ou calquera outro método que para os ditos efectos se autorice para cada unha das posibles modalidades de impartición das accións formativas.

8. Consonte o número 4 do artigo 23 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, as bolsas e axudas á conciliación previstas nesta orde non se computarán como renda para os efectos do establecido no artigo 275.4 do texto refundido da Lei xeral da seguridade social, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro.

Artigo 5. Bolsas de asistencia para persoas con discapacidade, persoas que participan nunha acción formativa do seu itinerario persoal individualizado de emprego e membros integrantes de familias numerosas ou familias monoparentais

1. Poderán percibir unha bolsa de 9 euros por día de asistencia as persoas traballadoras desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos:

a) Ter recoñecida unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %, segundo o previsto no artigo 1 do Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro.

b) Participar nunha acción formativa solicitada, e non caducada, desde o itinerario individual e personalizado de emprego (IPE), en coherencia co obxectivo profesional que nel se estableza e sempre que non se negasen a participar en actividades nel recollidas.

c) Ser membro integrante de familia numerosa.

d) Ser membro integrante dunha familia monoparental.

2. A contía máxima acumulable das bolsas de asistencia reguladas neste artigo será de 9 euros por día de asistencia, independentemente de que a persoa desempregada pertenza simultaneamente a máis dun dos colectivos sinalados no número 1 deste artigo.

3. No caso das persoas pertencentes ao colectivo da letra a) do número 1, no suposto de que o recoñecemento da discapacidade teña lugar con posterioridade ao inicio da acción formativa, terán dereito a percibir esta bolsa a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar este recoñecemento, e deberán realizar a solicitude da axuda no prazo dun mes desde que ese recoñecemento tivo lugar.

4. Polo que se refire ás persoas que se engloban na letra b) do número 1, para ter dereito a esta bolsa, a solicitude da acción formativa desde o itinerario individual e personalizado de emprego (IPE), ten que ser anterior á data que consta na carta de cita para a selección enviada pola oficina de emprego ou, no caso de selección directa ou convocatoria pública, anterior á data en que a entidade presenta a acta de selección na oficina de emprego correspondente.

5. As persoas incluídas no colectivos referenciados nas letras c) e d) do número 1, no suposto de que a inscrición no Rexistro de Familias Monoparentais galegas ou, de ser o caso, o recoñecemento da condición de familia numerosa teña lugar con posterioridade ao inicio da acción formativa, terán dereito a percibir esta bolsa a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar tal inscrición ou recoñecemento, e deberán realizar a solicitude da axuda no prazo dun mes desde que a inscrición ou recoñecemento tivese lugar.

6. No caso de que dúas persoas conviventes pertencentes a unha mesma unidade familiar participen na mesma acción formativa, só se aboará a axuda por familia numerosa a unha delas.

7. Para ter dereito ás bolsas a que se refire o número 1, o alumnado deberá carecer de rendas de calquera clase iguais ou superiores ao 75 % do indicador público de renda de efectos múltiples (no sucesivo, IPREM).

Entenderase cumprido este requisito sempre que a suma das rendas de todas as persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia, incluída a persoa solicitante, dividida polo número das persoas membros que a compoñen, sexa inferior ao 75 % do IPREM.

Artigo 6. Axudas de transporte

1. As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación a que se refire esta orde terán dereito a unha axuda de transporte público, que variará segundo o seu carácter urbano ou interurbano:

a) Axuda de transporte público urbano: o alumnado que utilice a rede de transporte público urbano para asistir á formación terá dereito a percibir unha axuda de 1,5 € por día de asistencia.

b) Axuda de transporte público interurbano: o alumnado cuxo enderezo de intermediación laboral estea localizado nun concello distinto daquel en que teña lugar a acción formativa e deba empregar o transporte público interurbano para asistir á acción formativa, terá dereito a percibir unha axuda de 7 € por día de asistencia.

Para teren dereito á súa percepción, deberán presentar unha declaración responsable, incluída no anexo I, en que se explicite a liña ou as liñas de transporte público, urbano e/ou interurbano, que precisen utilizar para asistir á acción formativa.

2. De non existir medio de transporte público entre o enderezo de intermediación laboral das persoas traballadoras desempregadas que asistan á acción formativa e o lugar en que esta se desenvolva ou, no caso de existir, se o horario regular do transporte público non permite compatibilizalo co horario da acción formativa, terán dereito a percibir unha axuda por transporte en vehículo propio consistente en 0,19 € por quilómetro e día de asistencia, cun máximo de 15 euros diarios.

Para teren dereito á súa percepción deberán presentar unha declaración responsable, incluída no anexo I, de que non existe medio de transporte público entre o enderezo de intermediación laboral e o lugar en que a acción formativa se desenvolva ou, caso de existir este, que o horario regular do trasporte público non permite compatibilizalo co horario de realización da acción formativa. Esta declaración deberá incluír o total diario de quilómetros que deban realizar e indicar a matrícula do vehículo que utilizarán no desprazamento.

No caso de que dúas persoas conviventes pertencentes a unha mesma unidade familiar participen na mesma acción formativa, só se aboará a axuda por transporte en vehículo propio a unha delas.

A presentación da declaración responsable non eximirá as persoas beneficiarias da axuda da obriga de gardar, para o caso dunha posterior comprobación por parte da Administración, toda aquela documentación xustificativa de que se cumpren os requisitos establecidos no parágrafo anterior para ter dereito á percepción desta axuda.

Para o cálculo da cantidade que se aboará terase en conta a distancia en quilómetros existente entre o enderezo habitual da persoa solicitante desempregada e o do establecemento formativo onde teña lugar a realización da acción formativa ou o módulo de prácticas. Para os efectos do disposto nesta orde, entenderase como enderezo habitual o enderezo de intermediación que figure rexistrado no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento de inicio da actividade formativa.

A comprobación da exactitude dos quilómetros declarados como realizados diariamente poderase efectuar, sen prexuízo da posible utilización doutros medios de control, mediante o uso de sistemas informáticos que permitan determinar a distancia existente entre os puntos de orixe e destino.

Artigo 7. Axudas de manutención e de aloxamento e manutención

1. Se o horario de impartición da acción formativa é de mañá e de tarde, e a distancia entre o enderezo de intermediación laboral da persoa traballadora desempregada rexistrado no Servizo Público de Emprego de Galicia e o lugar en que se desenvolve aquela acada ou supera os 20 quilómetros, poderase ter dereito a unha axuda de manutención por importe máximo de 12 euros diarios, conforme a contía máxima establecida no punto segundo do anexo II da Orde TMS/368/2019.

2. No caso de que a distancia entre o enderezo de intermediación laboral da persoa traballadora desempregada e o lugar en que se imparte a acción formativa sexa igual ou superior aos 100 quilómetros, ou que, pola rede de transportes existentes, os desprazamentos non se poidan efectuar diariamente antes e despois das clases, poderase ter dereito a unha axuda de aloxamento e manutención, sempre que a asistencia á acción formativa sexa en horario de mañá e tarde e implique que a persoa solicitante se deba aloxar no concello en que ten lugar a súa impartición. A concorrencia desta última circunstancia será apreciada polo órgano competente. O alumnado terá dereito aos billetes de transporte en clase económica dos desprazamentos inicial e final.

A axuda por aloxamento e manutención será dun máximo de 50 € por día.

Para teren dereito á percepción das anteriores axudas as persoas solicitantes deberán presentar unha declaración responsable, incluída no anexo I, indicando que se cumpren os requisitos establecidos no parágrafo anterior e achegar mensualmente a documentación recollida no artigo 25.3 desta orde.

Artigo 8. Axudas á conciliación

1. As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación de referencia e que teñan que conciliar tal participación co coidado de fillos/as menores e/ou persoas acollidas menores de doce anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao, terán dereito a unha contía igual ao 75 % do IPREM diario, por día de asistencia, acumulable, de ser o caso, ao resto de bolsas e axudas que poidan corresponderlle.

2. As persoas que queiran acollerse a esta axuda deberán cumprir as seguintes condicións ao inicio da acción formativa ou no momento en que teña lugar o feito causante:

a) Carecer de rendas de calquera clase iguais ou superiores ao 75 % do IPREM, nos termos de cálculos de renda referidos nesta orde.

b) Ter fillo/a/s e/ou persoas acollidas menor/es de doce anos ou, de ser o caso, familiares dependentes ata o segundo grao.

3. No suposto de que o suxeito causante da axuda sexa un familiar ata o segundo grao, este entenderase incluído na unidade familiar para o cómputo de rendas.

4. Se o fillo ou a filla nace ou se acredita a dependencia con posterioridade ao inicio da acción formativa, terase dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar o feito causante, e terá que realizar a solicitude da axuda no prazo dun mes desde que o feito tivo lugar.

5. No suposto de desaparición do feito causante, perderán o dereito á percepción da axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar a desaparición, estando obrigadas a comunicalo por escrito ao órgano competente para resolver, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza tal circunstancia.

6. No caso de que dúas persoas conviventes pertencentes a unha mesma unidade familiar participen na mesma acción formativa só se aboará a axuda por conciliación a unha delas.

Artigo 9. Axudas para mulleres vítimas de violencia de xénero

1. As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación a que se refire esta orde e que teñan a condición de muller vítima de violencia de xénero terán dereito a percibir unha axuda de dez euros por día de asistencia, acumulables, de ser o caso, ao resto de bolsas e axudas que poidan corresponderlle.

2. Para aquelas subvencións en concepto de bolsas e axudas en que se establezan límites de rendas da unidade familiar ou de convivencia para a súa percepción, quedarán excluídas do cómputo das rendas os ingresos da persoa agresora.

Artigo 10. Cálculo das rendas

1. Para os efectos destas bases, as rendas calcularanse do seguinte xeito:

a) Para as persoas traballadoras por conta allea:

• Tomaranse os ingresos brutos do mes anterior ao inicio do curso ou do mes anterior a aquel en que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

• Teranse en conta as axudas de custo que superen o 10 % do IPREM.

b) Para as persoas autónomas:

• Tomaranse os ingresos netos do trimestre anterior ao inicio do curso ou do trimestre anterior a aquel en que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso.

• Ratearase o importe mensualmente, para obter as rendas mensuais.

2. Computarase como renda o importe dos salarios sociais, as rendas mínimas de inserción ou as axudas análogas de asistencia social concedidas pola Comunidade Autónoma, así como o importe das prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal.

Tamén terán a consideración de renda os ingresos correspondentes a rendementos patrimoniais, pensións e calquera outro tipo de ingresos percibidos.

A variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción das axudas.

3. Os datos dos puntos anteriores referiranse á suma de ingresos de todas as persoas que integran a unidade familiar ou de convivencia, incluída a persoa solicitante, dividida polo número de membros que a compoñen.

Artigo 11. Definición de unidade familiar ou de convivencia

1. Para os efectos desta orde, consideraranse como persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia, con referencia ao momento de presentar a solicitude e sempre que se produza a convivencia no mesmo enderezo que a persoa solicitante, ademais de esta:

a) As persoas familiares por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao de parentesco en liña ascendente, descendente ou colateral da persoa solicitante.

b) O cónxuxe ou a persoa con que conviva en situación de unión de feito ou análoga, sempre que se trate de parella de feito acreditada.

c) As persoas acollidas menores de vinte e seis anos, ou de máis idade cando se trate de persoas con discapacidade.

2. A acreditación da convivencia non se realizará no momento da solicitude, senón que terá lugar, eventualmente, no momento posterior que proceda, nos termos sinalados nesta orde, ben que si deberán cumprirse os requisitos coas oportunas consecuencias para o caso de incumprimento ou falsidade do declarado responsablemente.

Artigo 12. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión das subvencións en concepto de bolsas e axudas a que se refire esta orde tramitarase en réxime de concesión directa, de acordo co previsto na Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral; na Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento; e no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións no ámbito do emprego e da formación profesional ocupacional.

Artigo 13. Información sobre o procedemento administrativo

Poderase obter información relativa a este procedemento administrativo, código TR301V, a través dos seguintes medios:

a) Na sede electrónica da Xunta de Galicia: http://sede.xunta.gal

b) Na páxina web oficial da consellería:

https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/formacion-emprego/bolsas

c) Para as subvencións en concepto de bolsas e axudas que instrúa e tramite a Dirección Xeral de Formación e Colocación, nos teléfonos 881 99 53 70 e 981 54 56 95.

Para o caso concreto de accións formativas impartidas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, no teléfono 881 99 78 03 e 881 99 78 07, así como no enderezo web https://emprego.xunta.es/cntxes-pro/web/cntg

d) Para as subvencións en concepto de bolsas e axudas que instrúan e tramiten as xefaturas territoriais, segundo corresponda, ademais de presencialmente na sede do correspondente servizo periférico, na rede de oficinas de emprego e na rede pública de centros de formación profesional para o emprego, nos seguintes teléfonos:

• A Coruña: 881 88 15 66 e 881 88 15 58.

• Lugo: 982 29 42 75 e 982 29 42 41.

• Ourense: 988 38 68 37 e 988 38 61 05.

• Vigo: 886 21 81 65 e 986 81 77 65.

e) Nas entidades, centros e empresas que perciban fondos públicos para o desenvolvemento de accións de formación para o emprego, nos termos do sinalado nesta orde e no correspondente instrumento xurídico.

f) Para cuestións de carácter xeral relacionadas coa orde, a través do teléfono 012 do Servizo de Información e Atención á Cidadanía da Xunta de Galicia (981 90 06 43 desde o resto do territorio español), e nas oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Artigo 14. Obriga de colaboración

1. As entidades, os centros e as empresas que perciban fondos públicos para o desenvolvemento de accións de formación para o emprego e que desenvolvan as accións formativas a que se refire o artigo 1 colaborarán, en cumprimento dos compromisos e obrigas asumidos, na xestión das subvencións en concepto de bolsas e axudas do alumnado que participe nas accións formativas desenvolvidas por cada un deles.

Esta obriga de colaboración abrangue tamén aqueles centros da rede pública da Xunta de Galicia que impartan formación profesional para o emprego, con independencia da consellería de adscrición, sen prexuízo doutras obrigas que poidan determinarse no instrumento xurídico correspondente.

2. A obriga de colaboración concretarase en todos aqueles aspectos que se indican nesta orde, e con respecto ás persoas que participen na correspondente acción formativa, de conformidade co previsto no artigo 23.1 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo:

a) Informalas axeitadamente, en tempo e forma, dos dereitos que posúen, dos prazos para presentar a solicitude e da documentación necesaria.

b) Auxilialas no trámite de solicitude se así son requiridas e autorizadas pola persoa participante. Neste senso, facilitarán ao alumnado solicitante das subvencións en concepto de bolsas e axudas os oportunos documentos que acrediten a documentación achegada, así como a data de entrega.

3. Cando a Administración pública autonómica constate que se produciu a perda do dereito ao recoñecemento ou pagamento dunha subvención por bolsa ou axuda a unha persoa traballadora desempregada que tivese dereito a ela, e a dita perda fose motivada polo incumprimento das obrigas por parte das entidades a que se refire este artigo, estas poderán, salvo acreditación achegada pola entidade de ter aboado ela a subvención a que tiña dereito a persoa ou persoas afectadas, ser obxecto dun procedemento de revogación e reintegro do financiamento público que obtivesen para o desenvolvemento da acción formativa na contía equivalente ao importe que deixase de percibir a persoa afectada.

Artigo 15. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado do anexo I, procedemento TR301V, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, para a súa posterior tramitación a través do sistema informático SIFO.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A persoa interesada deberá presentar, debidamente cuberto e asinado, o formulario de solicitude do anexo I, con indicación expresa das bolsas ou axudas que vaia solicitar.

3. No suposto de que a persoa solicitante non teña capacidade técnica ou económica ou que, por outros motivos, non teña garantido o acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a presentación electrónica da solicitude e da documentación complementaria poderá ser validamente realizada por unha persoa representante que si cumpra cos anteditos requisitos.

Neste senso, de conformidade co previsto no artigo 23.1 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, as correspondentes entidades e centros beneficiarios colaborarán coas persoas solicitantes, a través dos seus recursos e medios humanos e técnicos, sempre que aquelas lles outorguen a súa autorización para presentar no seu nome a solicitude e a documentación complementaria.

Ademais, a persoa peticionaria poderá dirixirse á oficina de emprego que lle corresponda do Servizo Público de Emprego de Galicia, para que unha persoa empregada pública presente no seu nome a solicitude e a documentación complementaria, se é autorizada expresamente pola peticionaria.

No caso de mulleres vítimas de violencia de xénero que solicitasen a confidencialidade dos seus datos, a subvención deberá solicitarse a través da persoa titora.

4. A solicitude dirixirase á Dirección Xeral de Formación e Colocación ou ás xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade, segundo cal sexa o tipo de acción formativa en que se participa, de conformidade co establecido nesta orde:

a) As solicitudes das persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, procedementos TR302A e TR303B, e nas accións formativas impartidas polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia dirixiranse á Dirección Xeral de Formación e Colocación.

b) As solicitudes das persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas distintas ás que se mencionan nas anteriores letras, incluíndo, en todo caso, as derivadas de cursos financiados no marco do procedemento TR301P, da oferta formativa executada nos centros da Consellería de Emprego e Igualdade, así como nos centros da Consellería de Cultura, Educación e Universidade respecto das accións formativas incluídas nos acordos de colaboración para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos, dirixiranse ás correspondentes xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade, segundo a provincia ou ámbito territorial.

Para estes efectos, deberán sinalar no cadro correspondente do modelo de anexo I a opción que corresponda.

5. A solicitude deberá presentarse acompañada da documentación complementaria relacionada no artigo 17 desta orde, de ser o caso.

Artigo 16. Declaración responsable que forma parte da solicitude

1. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e na cal se farán constar os aspectos seguintes:

a) Que cumpre cos requisitos necesarios para o recoñecemento do dereito á bolsa e/ou axuda, que dispón da documentación que acredita tal cumprimento e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida, ademais de que se compromete a manter os ditos requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito de tal maneira que, se deixase de cumprilos, estaría obrigada a comunicalo por escrito ao órgano competente para resolver, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza tal circunstancia.

b) Que, en relación con outras bolsas e axudas concedidas ou solicitadas:

• Non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra bolsa e/ou axuda para este mesmo concepto para o que solicita esta subvención.

• De se solicitar e/ou conceder outras axudas para este mesmo concepto para o que se solicita esta bolsa e/ou axuda, deberá relacionalas.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que, de ser o caso, se xuntan son certos.

d) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente, que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, para os efectos do previsto no artigo 11.g) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

g) Que coñece as estipulacións da presente orde e das bases da convocatoria, que cumpre cos requisitos sinalados nela, en particular os establecidos para aquelas bolsas e/ou axudas que solicita, e que se compromete a destinar o importe da subvención ao obxecto indicado.

h) Que, para o suposto de solicitar unha bolsa de asistencia por discapacidade, IPE, por ser membro dunha familia monoparental ou numerosa, ou unha axuda por conciliación, a suma das rendas de todas as persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia, incluída a persoa solicitante, dividida polo número das persoas membros que a compoñen é inferior ao 75 % do IPREM.

i) Que, para o suposto de solicitar axuda por transporte público, urbano e/ou interurbano, debe utilizar a/as liñas de transporte que se relacionan no anexo I.

j) Que, para o suposto de solicitar axuda por transporte vehículo propio, non existe medio de transporte público entre o enderezo de intermediación laboral e o lugar onde se desenvolve a acción formativa ou, no caso de existir, que o horario regular do trasporte público non permita compatibilizalo co horario da acción formativa.

k) Que, para o suposto de solicitar axuda por manutención, o horario de impartición da acción formativa é de mañá e tarde e a distancia entre o enderezo de intermediación laboral rexistrado no Servizo Público de Emprego de Galicia e o lugar en que se desenvolve aquela acada ou supera os 20 quilómetros, e que, para estes efectos, o total diario de quilómetros a realizar e a matrícula do vehículo a utilizar son as que se relacionan no anexo I.

l) Que, para o suposto de solicitar axuda por aloxamento e manutención, a distancia entre o enderezo de intermediación laboral da persoa traballadora desempregada e o lugar en que se imparte a acción formativa é igual ou superior aos 100 quilómetros, ou que, pola rede de transportes existentes, os desprazamentos non se poden efectuar diariamente antes e despois das clases e, ademais, que a asistencia á acción formativa implica o aloxamento no concello en que ten lugar a súa impartición, en horario de mañá e tarde.

m) Que, para o suposto de solicitar a axuda por conciliación, esta é consecuencia do coidado de fillos/as menores e/ou persoas acollidas menores de doce anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao.

2. A concesión das subvencións vinculadas coas bolsas e axudas recollidas nesta orde realizarase sobre a base da declaración responsable recollida neste artigo, sen prexuízo das comprobacións que poidan ser realizadas con posterioridade pola unidade administrativa correspondente.

3. A presentación dunha declaración responsable falseando as condicións requiridas para a concesión da subvención ou ocultando as circunstancias que a impedisen ou limitasen poderá ter a consideración dunha infracción nos termos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

En calquera caso, considerarase como falseamento ou ocultación das circunstancias o incumprimento do compromiso de manter os requisitos necesarios para ter dereito á subvención, a falta de documentación que o acredite e o incumprimento da obriga de comunicar que se deixou de cumprir os requisitos exixibles, no prazo sinalado nesta orde.

Artigo 17. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas que soliciten as bolsas de asistencia reguladas nos artigos 5 e 8 da presente orde, relativas a persoas con discapacidade, persoas que participan nunha acción formativa incluída no seu itinerario persoal individualizado de emprego, persoas pertencentes a familias monoparentais ou numerosas, e/ou axudas por conciliación, deberán achegar xunto coa solicitude o anexo II.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal.

A documentación complementaria, tanto a presentada na solicitude como noutras fases do procedemento, achegarase preferiblemente por medios electrónicos mediante a presentación do documento orixinal de se tratar dun documento dixital ou da imaxe electrónica do documento orixinal, de se tratar dun documento en papel. Neste último caso, a imaxe electrónica adaptarase ao previsto no Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, e na Resolución do 19 de xullo de 2011, da Secretaría de Estado para a Función Pública, pola que se aproba a Norma técnica de interoperabilidade de dixitalización de documentos.

3. As imaxes electrónicas aplicarán os formatos establecidos para ficheiros de imaxe na Norma técnica de interoperabilidade do catálogo de estándares; o nivel de resolución mínimo para imaxes electrónicas será de 200 píxeles por polgada, tanto para as imaxes obtidas en branco e negro, cor ou gradación de grises; a imaxe electrónica será fiel ao documento orixe (respectará a xeometría do documento orixe, en tamaños e proporcións, non conterá caracteres ou gráficos que non figurasen no documento de orixe e a súa xeración realizarase por un medio fotoeléctrico).

As imaxes electrónicas que acheguen as persoas interesadas ao procedemento administrativo terán eficacia, exclusivamente, no ámbito da actividade das administracións públicas.

As imaxes electrónicas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para estes efectos, a persoa interesada deberá conservar o documento orixinal por un prazo de 4 anos desde a presentación da imaxe electrónica.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

I) DNI/NIE da persoa solicitante.

II) DNI/NIE da persoa representante.

III) A inscrición como persoa traballadora desempregada no Servizo Público de Emprego de Galicia, nos termos desta orde.

IV) Para o caso de solicitar a axuda por transporte en vehículo propio ou a axuda por manutención, o enderezo de intermediación laboral da persoa solicitante.

V) Para o caso concreto das bolsas de asistencia para persoas con discapacidade, certificado da discapacidade da persoa solicitante recoñecida pola Xunta de Galicia.

VI) Nos casos que proceda, a inclusión da acción formativa, solicitada e non caducada, en que a persoa traballadora desempregada participa, desde o itinerario individual e personalizado de emprego (IPE), en coherencia co obxectivo profesional que nel se estableza, nos termos desta orde.

VII) Para o suposto das bolsas de asistencia e para axudas por conciliación, certificado de empadroamento, convivencia ou residencia de toda a unidade familiar nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

VIII) Para o caso concreto das bolsas de asistencia para persoas membros de familias numerosas, título de familia numerosa.

IX) Para o caso específico de axudas á conciliación, de ser o caso, certificado do grao e nivel de dependencia da persoa que motiva a conciliación emitido pola Administración pública competente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro pertinente habilitado no formulario correspondente, anexos I e/ou II, e achegar os documentos acreditativos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dalgún dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 19. Trámites posteriores á presentación da solicitude e documentación complementaria

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Prazo de presentación das solicitudes

1. A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a súa incorporación á acción formativa, ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito.

2. A presentación da solicitude fóra de prazo dará lugar á súa inadmisión sen máis trámites, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará que desiste da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 21. Réxime das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou postal) no formulario de solicitude.

No caso de optar pola notificación postal, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal.

Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación

1. Os órganos competentes para as distintas fases do procedemento serán:

a) O Servizo de Xestión Administrativa da Formación para o Emprego será competente para instruír, tramitar e emitir as propostas de resolución correspondentes ás bolsas e axudas das persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, no marco dos procedementos TR302A e TR303B, e a Dirección Xeral de Formación e Colocación será o órgano que dite as correspondentes resolucións.

b) O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia será competente para instruír, tramitar e emitir as propostas de resolución correspondentes ás bolsas e axudas das persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas impartidas no dito centro, e a Dirección Xeral de Formación e Colocación será o órgano que dite as correspondentes resolucións.

c) Os servizos de Formación e Colocación das xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade correspondentes, segundo o ámbito territorial en que exerzan as súas funcións, serán as unidades competentes para a instrución e tramitación do resto das solicitudes, incluídas, en todo caso, as das persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas con compromiso de contratación, no marco do procedemento TR301P, en centros do seu ámbito territorial, e as que participen en accións formativas da oferta executada nos centros da Consellería de Emprego e Igualdade, así como nos centros da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, respecto das accións formativas incluídas nos acordos de colaboración para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos, sen prexuízo das obrigas que se prevexan para estes centros nos correspondentes instrumentos xurídicos. A resolución de concesión corresponderá á xefatura territorial correspondente.

2. As xefaturas territoriais poderán determinar que as oficinas de emprego e os centros de formación da rede pública delas dependentes poidan participar na instrución e tramitación das solicitudes a que se refire o número 1 deste artigo.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os seis meses e computarase a partir da data da presentación das solicitudes.

Logo de transcorrer o dito prazo sen terse notificado resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada.

4. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación.

5. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

6. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Documentación probatoria

1. Para os efectos das posteriores comprobacións, a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos por parte das persoas beneficiarias, que estas conservarán durante un prazo mínimo de 4 anos, nos termos do artigo 14 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, e que porán á disposición da Administración cando esta llelo requira, é a seguinte:

a) Bolsas de asistencia dirixidas a persoas con discapacidade:

• Certificado de empadroamento conxunto de todas aquelas persoas que, para os efectos desta orde, compoñen a unidade familiar ou de convivencia.

• Documentación acreditativa de que a suma das rendas das persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia é inferior ao 75 % do IPREM.

• Certificado acreditativo do grao de discapacidade emitido polo Imserso ou polo servizo autonómico correspondente. No suposto de que o recoñecemento da discapacidade estea acreditado pola Xunta de Galicia, o certificado só deberá presentarse no caso de que a persoa interesada, conforme o disposto no artigo 18 da presente orde, se opoña á súa consulta.

b) Bolsas de asistencia dirixidas a persoas que participan nunha acción formativa incluída no seu itinerario persoal individualizado de emprego:

• Certificado de empadroamento conxunto de todas aquelas persoas que, para os efectos desta orde, compoñen a unidade familiar ou de convivencia.

• Documentación acreditativa de que a suma das rendas das persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia é inferior ao 75 % do IPREM.

c) Bolsas de asistencia dirixidas a membros dunha familia monoparental:

• Inscripción no Rexistro de Familias Monoparentais de Galicia ou certificado vixente emitido pola unidade administrativa competente da Consellería de Política Social.

• Documentación acreditativa de que a suma das rendas das persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia é inferior ao 75 % do IPREM.

d) Bolsas de asistencia dirixidas a membros de familias numerosas:

• Título de familia numerosa. Esteo título só deberá presentarse no caso de que a persoa interesada, conforme o disposto no artigo 18 da presente orde, se opoña á súa consulta.

• Documentación acreditativa de que a suma das rendas das persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia é inferior ao 75 % do IPREM.

e) Axuda por transporte en vehículo propio: documentación xustificativa de que non existe medio de transporte público entre o enderezo de intermediación laboral e o lugar en que a acción formativa se desenvolva ou, no caso de existir este, que o horario regular do trasporte público non permite compatibilizalo co horario de realización da acción formativa.

f) Axuda á conciliación:

• Libro de familia ou calquera documentación que acredite de forma suficiente o grao de parentesco.

• Documentación acreditativa de que a suma das rendas das persoas integrantes da devandita unidade familiar ou de convivencia é inferior ao 75 % do IPREM.

g) Axuda para mulleres vítimas de violencia de xénero: calquera dos seguintes documentos, con vixencia no momento de participación na acción formativa:

• Certificación da orde de protección ou da medida cautelar correspondente, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar; certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local; sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na lei; certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local; informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios, ou informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social, segundo sexa o caso.

2. As unidades administrativas competentes efectuarán labores de control e verificación do cumprimento dos requisitos necesarios para ser beneficiarios das referidas bolsas e axudas, nos termos que sinalen ao respecto as instrucións ditadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Se durante as referidas actividades de control e verificación se concluíse que unha persoa beneficiaria presentou unha declaración responsable falseando as condicións requiridas para a concesión da subvención ou ocultando as circunstancias que a impedisen ou limitasen, ademais da consecuente perda do dereito á percepción da subvención, poderá ter a consideración dunha infracción nos termos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 24. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de conformidade co que preceptúan os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 25. Pagamento das bolsas e axudas

1. O pagamento das subvencións por concepto de bolsas e axudas establecidas na presente orde realizarase logo da comunicación da resolución de concesión á persoa beneficiaria e terá carácter mensual cando a acción formativa se desenvolva na modalidade presencial, sempre que sexa compatible coa exixencia da contía mínima acumulada por persoa desempregada a que se refire esta orde. No primeiro pagamento incluirase o importe total das axudas devindicadas para o período correspondente ata a comunicación da resolución de concesión.

Cando a acción formativa se imparta na modalidade de teleformación e se corresponda con especialidades formativas de carácter modular, o pagamento terá lugar cando remate cada módulo formativo. No suposto de especialidades formativas que non teñan carácter modular, o pagamento efectuarase unha vez rematada a acción formativa.

2. Todas as subvencións previstas nesta orde están supeditadas, ademais de ao cumprimento dos requisitos exixidos para cada tipo de bolsa e axuda, á asistencia á acción formativa ou á realización dos controis periódicos de seguimento, de maneira que todos os pagamentos terán lugar logo da comprobación das asistencias mensuais de cada unha das persoas beneficiarias, no caso de que a modalidade de impartición sexa presencial ou, no suposto de que a acción formativa se imparta na modalidade de teleformación, da realización en prazo dos controis de seguimento da aprendizaxe programados.

Para o caso específico da axuda por manutención, esta asistencia deberá ser de mañá e tarde.

3. No suposto das axuda por manutención, as persoas beneficiarias deberán achegar mensualmente as correspondentes facturas ou os xustificantes de pagamento.

No caso da axuda de manutención e aloxamento, xustificarase por medio do contrato de arrendamento, factura de hospedaxe ou calquera outro medio documental acreditativo válido en dereito, ademais das facturas e xustificantes de pagamento da manutención.

4. A autorización de vacacións polo órgano competente implica que, durante ese período, queda en suspenso o pagamento das subvencións en concepto de bolsas e axudas a que teña dereito o alumnado.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación, así como nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade, no ámbito das súas respectivas competencias, para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a súa concesión, denegación, modificación, reintegro ou outras incidencias das citadas subvencións.

De igual xeito, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para tramitar e resolver os expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional segunda. Información sobre a xestión de subvencións

1. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto de cada convocatoria pública efectuada no marco destas bases e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), nos termos do Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.

2. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición transitoria primeira. Accións formativas iniciadas con anterioridade a entrada en vigor desta orde e que rematen no ano 2022

1. Nos casos de accións formativas iniciadas antes da entrada en vigor desta orde e que rematen no ano 2022, actuarase do seguinte xeito:

• Tramitarase con cargo aos créditos da Orde do 17 de novembro de 2020, pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2020 e 2021, a parte das bolsas correspondente ao período do curso impartido durante o ano 2021.

• Tramitarase con cargo aos créditos da presente orde a parte das bolsas correspondente ao período do curso impartido durante o ano 2022, pero aplicando os criterios da Orde do 17 de novembro de 2020.

Así mesmo, se o feito causante se produce con posterioridade á entrada en vigor desta orde, tramitarase a bolsa con cargo aos créditos da presente orde, pero aplicando os criterios da Orde do 17 de novembro de 2020.

2. Na aplicación dos criterios recollidos nesta disposición transitoria, en ningún caso se lle requirirá á persoa interesada a presentación dunha nova solicitude, unha vez presentada a solicitude inicial.

Disposición transitoria segunda. Presentación de solicitudes ao abeiro da orde anterior

O prazo de presentación de solicitudes ao abeiro da Orde do 17 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2020 e 2021, será dun mes desde a incorporación á acción formativa, ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar resolucións e instrucións de desenvolvemento e execución

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para que dite, no ámbito das súas funcións, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día 1 de novembro de 2021.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file