Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 2 de novembro de 2021 Páx. 53359

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2021 pola que se convoca o curso Actuación e funcionamento da Administración local por medios electrónicos para persoal do Concello de Pontevedra.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Concello de Pontevedra para a organización do curso Actuación e funcionamento da Administración local por medios electrónicos,

RESOLVO:

Convocar o curso que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos do persoal participante

Poderán participar na acción formativa convocada nesta resolución o persoal directivo, persoal funcionario ou laboral da Administración local con habilitación de carácter nacional, persoal da escala de Administración xeral e persoal da escala Administración especial do Concello de Pontevedra cun posto de traballo que teña relación coa materia impartida, que se encontre en situación de servizo activo (incluído permiso por maternidade ou do proxenitor distinto da nai biolóxica por nacemento, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que para estas actividades se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 8 de novembro de 2021.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e ao tratarse dunha actividade impartida na modalidade de telepresenza deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web actualizado.

Para as actividades impartidas na modalidade de telepresenza contarán ademais cun manual de usuario na páxina web da EGAP no seguinte enlace <https://egap.xunta.gal/formulariosrecursos> onde se indicará como acceder a esta plataforma de telepresenza e os compoñentes que o equipo necesita para un funcionamento básico da plataforma.

6. Na actividade impartida na modalidade de telepresenza a presentación da solicitude para participar nesta comportará o consentimento da persoa interesada para a gravación das sesións na plataforma de telepresenza. Esta gravación terá por único fin o de poder ser empregadas polo alumnado do curso como recurso formativo e para a resolución de posibles reclamacións.

Unicamente poderá acceder ás sesións o persoal docente e o alumnado do curso así como persoal da EGAP autorizado cos fins previstos pola normativa vixente en materia de protección de datos.

As gravacións serán borradas unha vez que remate o curso coas únicas excepcións que estean previstas na normativa vixente en materia de protección de datos.

7. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección poderán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro). A dita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario, só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

8. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal> en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas).

Cuarta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse automaticamente os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección das actividades formativas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

Quinta. Criterios de selección

Os criterios que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da EGAP do 4 de xaneiro de 2008 (DOG número 7, do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG número 58, do 25 de marzo). Para o ano 2021, segundo a Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 29 de xaneiro (DOG número 24, do 5 de febreiro), comezarase pola letra Y.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar no dito curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2. Logo de transcorrer o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección. A renuncia. A asistencia e o seguimento da actividades formativas

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de tres días anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e o seguimento das actividades de telepresenza.

a) É obrigatoria a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais, pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia a un mínimo do 90 % da duración da actividade.

– A superación das probas de avaliación que para os efectos se establezan. Para superaren as probas de avaliación, os/as alumnos/as deberán responder de forma correcta a un 50 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos. As datas, o horario e o lugar de realización da proba final será o indicado no anexo II.

Novena. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Décima. Facultades da EGAP e do Concello de Pontevedra

1. A EGAP e o Concello de Pontevedra poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Concello de Pontevedra resérvanse o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso no que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Concello de Pontevedra garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV21089.

Actuación e funcionamento da Administración local por medios electrónicos.

1. Obxectivos.

Formar o persoal do Concello de Pontevedra nas principais novidades introducidas polo Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, de actuación e funcionamento do sector público. Formar este persoal en materia de Administración electrónica, transparencia e protección de datos, actualizando e perfeccionando os seus coñecementos para a súa aplicación nos seus postos de traballo.

2. Destinatarios/as.

O curso vai dirixido o persoal directivo, persoal funcionario ou laboral da Administración local con habilitación de carácter nacional, persoal da escala de Administración xeral e persoal da escala de Administración especial do Concello de Pontevedra cun posto de traballo que teña relación coa materia impartida.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: telepresenza.

Duración: 24 horas.

Edicións: unha.

Datas: do 15 de novembro ao 1 de decembro de 2021.

Proba final en liña: o día 1 de decembro ás 19.00 horas.

Prazas: 70.

4. Contido.

– Análise das principais novidades introducidas polo Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, de actuación e funcionamento do sector público.

– Instrumentos de administración electrónica I (PAGe, Carpeta cidadá, SIR, SIA, DIR3,...). Ferramentas dispoñibles para as entidades locais no centro de transferencia de tecnoloxía.

– As oficinas de asistencia en materia de rexistros. Apoderamentos e representación. As copias e o Rexistro de funcionarios habilitados.

– Sistemas de identificación e sinatura electrónicas. Identificación e sinatura electrónica da cidadanía, das administracións públicas e do persoal empregado público. Actuación administrativa automatizada.

– Instrumentos de administración electrónica II (Intercambio de datos entre AA.PP., Plataforma de intermediación de datos). Ferramentas dispoñibles para as entidades locais no centro de transferencia de tecnoloxía.

– Esquema Nacional de Interoperabilidade, Esquema Nacional de Seguridade.

– Transparencia e bo goberno: o acceso da cidadanía a información nas entidades locais. Supostos conflitivos.

– Protección de datos e administración electrónica: principais puntos de conflito.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE número 267, do 8 de novembro, e corrección, BOE número 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as administracións públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,40 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG número 52, do 16 de marzo, corrección, DOG número 77, do 22 de abril) sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.