Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Venres, 12 de novembro de 2021 Páx. 55828

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2021 pola que se axustan as anualidades da Resolución do 8 de xuño de 2021 pola que se convocan as bolsas de formación para o ano 2021 (código de procedemento VI440D).

Antecedentes.

Primeiro. O 3 de outubro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Resolución do 20 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexe a concesión de bolsas de formación en materia de vivenda do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento VI440D).

O ordinal décimo da citada resolución determina que a duración e a contía das axudas serán as que se determinen na resolución de convocatoria.

O 18 de xuño de 2021 publicouse no DOG a Resolución do 8 de xuño pola que se convocan as bolsas de formación para 2021. No seu ordinal décimo primeiro dispón que as actividades de formación iniciaranse coa incorporación dos/das bolseiros/as na data que indique a resolución de concesión e terán unha duración de doce mensualidades.

O ordinal cuarto da Resolución do 8 de xuño regula o crédito orzamentario da convocatoria, e indica no seu primeiro parágrafo, que o custo total destas actividades de formación é de 120.000 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.480.1, programa de bolseiros, dos orzamentos xerais para 2021, e á correspondente no orzamento de 2022, coa seguinte distribución de anualidades: 30.000 euros en 2021 e 90.000 euros en 2022.

No segundo parágrafo indica que, en cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, destinaranse 6.000 euros (1.600 euros en 2021 e 4.400 euros en 2022), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.484.0, dos orzamentos xerais para 2021 e 2022, en pagamento das cotizacións á Seguridade Social por parte do IGVS por continxencias comúns e profesionais.

Segundo. O día 15 de outubro de 2021 o director xeral ditou a resolución de concesión das dez bolsas. Esta resolución establece que se deben incorporar o primeiro día hábil do mes de novembro.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O orzamento da convocatoria calculouse prevendo que as actividades de formación se iniciasen o 1 de outubro. A incorporación das persoas beneficiarias das bolsas máis tarde da data prevista obriga a unha redistribución dos créditos establecidos inicialmente. Así resulta do artigo 26.3 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, que establece o seguinte: «A modificación da distribución inicialmente aprobada requirirá a tramitación do correspondente axuste de anualidades no expediente de gasto».

O artigo 27.2 do antedito decreto dispón que: «será necesaria a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia cando os importes ou os prazos resultantes da modificación da resolución superen os requisitos fixados no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, de 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ou cando a aprobación inicial da subvención fora autorizada previamente polo Consello da Xunta».

Neste senso, o artigo 58.1.b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece que: «poderán adquirirse compromisos de gastos de carácter plurianual aínda que a súa execución teña que iniciarse no exercicio seguinte, cando o seu contido coincida cos que a continuación se especifican: (..) transferencias correntes derivadas de normas con rango de lei, ou que se concedan a través de convocatorias ou sinatura de convenios, previa autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta».

Doutra banda, o día 2 de xuño de 2021 o Consello da Xunta autorizou os compromisos de gasto plurianuais derivados da citada Resolución do 8 de xuño de 2021.

Segundo. O día 29 de outubro de 2021 o Consello da Xunta autorizou os compromisos de gasto plurianuais derivados do axuste de anualidades da citada resolución.

Terceiro. En atención ás facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,

RESOLVO:

Redistribuír os créditos dispoñibles establecidos no ordinal cuarto da nomeada resolución, que terán a seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

2021

2022

08.81.451A.480.1 2019 00010

20.000,00 €

100.000,00 €

08.81.451A.484.0 2019 00010

1.050,00 €

4.950,00 €

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo