Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 15 de novembro de 2021 Páx. 55964

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 9 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro (código de procedemento PE610A).

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, estipula no seu artigo 117 que a consellería competente en materia de pesca realizará as actuacións necesarias para o fomento da formación, capacitación y reciclaxe das persoas profesionais dos distintos sectores, así como a daquelas persoas que poidan demandar a dita prestación formativa. O artigo 118 desta lei fixa como obxectivo que as actuacións formativas se adaptarán ás necesidades formativas e de reciclaxe demandadas polo sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola.

Así mesmo, e segundo o establecido no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, os órganos competentes da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia adoptarán medidas de acción positiva que favorezan o acceso efectivo das mulleres aos estudos e actividades de formación, perfeccionamento e de reciclaxe profesional conducentes ás titulacións e capacitacións profesionais que permitan a inserción e promoción laboral no sector da pesca, en canto se rexistre infrarrepresentación das mulleres na proporción sinalada na normativa vixente.

O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, establece que corresponde á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, entre outras, a ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de extensión pesqueira, ensinanzas e titulacións náutico-pesqueiras.

O Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, sinala no artigo 5 que o FEMP contribuirá, para o período 2014-2020, a fomentar unha pesca e unha acuicultura competitivas, ambientalmente sustentables, economicamente viables e socialmente responsables, e establece no artigo 6 as prioridades do fondo, detallando no punto 1 a prioridade 1) Fomentar unha pesca sustentable desde un punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento, a través dunha serie de obxectivos específicos que recollan a redución do impacto da pesca no medio mariño, a protección e a recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos, o equilibrio entre a capacidade pesqueira e as posibilidades de pesca dispoñibles, o fomento da competitividade e a viabilidade das empresas do sector pesqueiro, incluíndo expresamente a pesca costeira artesanal, o apoio á consolidación do desenvolvemento tecnolóxico e da formación profesional permanente.

A axuda contribuirá ao logro do obxectivo específico OE1.f) de desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente prevista no artigo 29 do título V capítulo I do citado Regulamento (UE) nº 508/2014, dentro da prioridade 1 (Fomentar unha pesca sustentable desde un punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento) do programa operativo para España do FEMP para o período 2014-2020, aprobado por decisión de execución da Comisión C (2015) 8118 final do 13 de novembro, cunha porcentaxe de cofinanciación de fondos FEMP do 75 %.

O fomento do capital humano contribúe a impulsar a competitividade do sector extractivo e a mellora das capacidades dos traballadores do mar para facilitar a súa aprendizaxe permanente, a súa integración en actividades complementarias da pesca extractiva ou poder reducir o número de accidentes marítimos que se producen no sector pesqueiro. Estas axudas pretenden mellorar tanto a formación específica do sector como unha formación integral e complementaria coa adquisición de competencias que axuden a mellorar os perfís profesionais que redundarán nunha mellora da competitividade da xente do sector. Así mesmo, preténdese contribuír positivamente á remuda xeracional que está a precisar o sector dando resposta a esta necesidade coa formación de novos profesionais que se incorporen ás actividades marítimo-pesqueiras.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais, e a convocatoria para o ano 2021, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para accións formativas, financiadas polo FEMP, que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro (código de procedemento PE610A).

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas subvencións observarase o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

b) Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

c) Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

d) Regulamento delegado (UE) nº 2015/531 da Comisión, do 24 de novembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

e) Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014 da Comisión, do 22 de xullo de 2014, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no relativo ao contido e a construción dun sistema común de seguimento e avaliación das operacións financiadas no marco do FEMP.

f) Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 da Comisión, do 20 de novembro de 2014, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, normas no que atinxe á presentación de datos acumulativos sobre operacións.

g) Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014 da Comisión, do 20 de novembro de 2014, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, normas sobre a información que deben enviar os Estados membros, así como sobre as necesidades de datos e das sinerxías entre as fontes potenciais de datos.

h) Regulamento delegado (UE) nº 288/2015 da Comisión, do 17 de decembro de 2014, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no que respecta ao período de tempo e ás datas en relación coa inadmisibilidade das solicitudes.

i) Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión.

j) Programa operativo para España do FEMP aprobado por decisión de execución da Comisión do 13 de novembro de 2015 C (2015) 8118 final.

k) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

l) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

ll) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

m) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

n) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común e das administracións públicas.

ñ) Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.

o) Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

p) Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

q) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

r) Criterios de selección para a concesión de axudas no marco do programa operativo da FEMP.

s) Real decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, polo que se regulan os títulos profesionais do sector pesqueiro (BOE núm. 41, do 17 de febreiro).

t) Orde do 31 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a obtención das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 156, do 19 de agosto) e a súa corrección de erros (DOG núm. 161, do 26 de agosto).

u) Orde FOM/2296/2002, do 4 de setembro, pola que se regulan os programas de formación dos títulos profesionais de mariñeiro/a de ponte e de máquinas da mariña mercante, e de patrón/patroa portuario/a, así como os certificados de especialidade acreditativos da competencia profesional (BOE núm. 226, do 20 de setembro).

v) Orde PRE/646/2004, do 5 de marzo, pola que se establecen os contidos mínimos dos programas de formación sanitaria específica e as condicións para a expedición e homologación do certificado de formación sanitaria dos/das traballadores/as do mar (BOE núm. 62, do 12 de marzo).

w) Resolución do 14 de xuño de 2010, do Instituto Social da Mariña, sobre contidos mínimos dos programas de actualización en formación sanitaria específica, condicións que deben reunir os centros de formación e homologación de centros privados para impartir formación sanitaria específica (BOE núm. 157, do 29 de xuño).

x) Resolución do 24 de abril de 2013, do Instituto Social da Mariña, sobre as condicións que deben reunir os centros de formación e procedemento de homologación de centros privados para impartir formación sanitaria específica (BOE núm. 130, do 31 de maio), e Resolución do 24 de abril de 2013, do Instituto Social da Mariña, sobre contidos mínimos dos programas de actualización en formación sanitaria específica e sobre formación sanitaria específica a distancia (BOE núm. 130, do 31 de maio).

y) Resolución do 2 de abril de 2018, do Instituto Social da Mariña, pola que se modifican os anexos da Orde PRE/646/2004, do 5 de marzo, pola que se establecen os contidos mínimos dos programas de formación sanitaria específica e as condicións para a expedición e homologación do certificado de formación sanitaria dos/das traballadores/as do mar (BOE núm. 96, do 20 de abril).

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As subvencións concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que, en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo FEMP 2014-2020, sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, dotadas con fondos do FEMP Prioridade 1. Fomentar unha pesca sustentable, OE1.f), medida 1.6.1. Programa operativo do FEMP, período 2014-2020, artigo 29 do Regulamento 508/2014, cunha porcentaxe de cofinanciación do 75 % FEMP. Así mesmo, a porcentaxe de custos indirectos subvencionables irán con cargo a fondos propios libres da Comunidade Autónoma.

2. No ano 2021 as axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias 15.03.422K.770.0 e 15.03.422K.780.0, código de proxecto 2016 0289, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

3. O importe máximo das subvencións que se concedan no 2021 será de 889.000,00 euros repartidos en dúas anualidades, correspondéndolle á anualidade 2021, 247.000,00 euros, e á anualidade 2022, 642.000,00 euros, distribuídos como segue:

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Anualidade 2021

Anualidade 2022

15.03.422K.770.0

201600289

209.500,00 €

545.700,00 €

15.03.422K.780.0

201600289

37.500,00 €

96.300,00

4. Os importes consignados na convocatoria, así como as aplicacións as que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto, respectando o disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores e as súas federacións, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector pesqueiro e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios/as aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Os operadores que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.

b) As persoas sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

3. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un/unha representante ou apoderado/a único/a da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiaria corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado/a, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os/as beneficiarios/as integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometeron a realizar, ou solidariamente cando non for posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

Artigo 5. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. As entidades beneficiarias deberán:

a) Realizar e xustificar as actividades para as cales se conceda a subvención nos termos e prazos indicados na resolución de concesión e no proxecto que lles sirva de base.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se atopan ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

e) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para que foi concedida a axuda de que se trate.

f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

g) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final. Así, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 135 do Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012, poderase proceder á recuperación da axuda aboada indebidamente.

h) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un período mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

i) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento formativo realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

– O/a beneficiario/a deberá recoñecer que a operación recibiu o apoio dos fondos, adoptando en todas as medidas de información e comunicación os seguintes termos:

1º. O emblema da Unión, de conformidade coas características técnicas establecidas no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 e no Regulamento de execución (UE) nº 763/2014.

2º. Unha referencia ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que apoia a operación e a súa porcentaxe de financiamento de conformidade co Regulamento (UE).

3º. O logotipo da Xunta de Galicia.

– Durante a realización da operación, o/a beneficiario/a informará o público do apoio obtido dos fondos:

1º. Facendo unha breve descrición da operación no sitio da internet, no caso de que dispoña dun, incluíndo os obxectivos e destacando o apoio financeiro da Unión. A descrición deberá permanecer durante todo o período de execución do proxecto e, polo menos, ata a data do pagamento final da axuda.

2º. Colocando un cartel con información sobre o proxecto (tamaño mínimo A3), no cal se mencionará o apoio financeiro da UE, nun lugar facilmente visible para o público, que deberá permanecer durante todo o período de execución do proxecto e, polo menos, ata a data do pagamento final da axuda.

3º. A entidade levará a cabo as tarefas de coordinación administrativa, posta en marcha, desenvolvemento e seguimento de todas as accións subvencionadas, seguindo, en todo caso, as normativas legais de aplicación para o desenvolvemento delas.

j) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable axeitado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. O incumprimento desta alínea levará a unha perda do 2 % da axuda concedida.

k) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa operativo, de acordo co establecido no artigo 111 do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao FEMP.

l) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberán manterse á disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados durante un prazo de dous anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación, para o cal se informará o/a beneficiario/a da data de inicio do período mencionado.

3. A non execución de polo menos o 50 % do gasto total subvencionado poderá levar á perda do dereito á totalidade das axudas concedidas, que, en todo caso, deberá ser debidamente motivada.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade con esta orde, os proxectos e accións formativas que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia destinadas á formación profesional, adquisición de novas competencias profesionais e formación permanente do sector pesqueiro.

Serán subvencionables as operacións relacionadas co artigo 29 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, en concordancia co obxectivo establecido no artigo 6, letra 1.f).

Os proxectos formativos obxecto de subvención están constituídos polas accións formativas e a súa programación, concebida para o fomento do capital humano a través da formación profesional do sector pesqueiro, na procura dunha mellor capacitación profesional, así como a aprendizaxe permanente. As accións formativas que poden ser obxecto de subvención ao abeiro da presente orde de convocatoria son:

a) Cursos de formación específica marítima e náutico-pesqueira para o sector, dirixidos a pescadores/as profesionais ou ben a cónxuxes ou parellas de feito recoñecidas conforme a normativa vixente, así como a pescadores/as autónomos/as. Estes cursos terán a duración obrigatoria referida no seguinte cadro:

Patrón/patroa local de pesca (250 h)

Patrón/patroa local de pesca sección de ponte e común (130 h)

Patrón/patroa local de pesca sección de máquinas (120 h)

Formación básica en seguridade (70 h)

Actualización formación básica en seguridade (16 h)

Operador/a restrinxido/a SMSSM (40 h)

Actualización operador/a restrinxido/a SMSSM (8 h)

Formación sanitaria inicial (22 h)

Actualización formación sanitaria inicial (8 h)

Formación sanitaria avanzada (40 h)

Actualización formación sanitaria avanzada (16 h)

Avanzado en loita contra incendios (24 h)

Actualización avanzado en loita contra incendios (8 h)

Embarcacións supervivencia e botes de rescate non rápidos (24 h)

Actualización embarcacións supervivencia e botes de rescate non rápidos (12 h)

b) Cursos de mariñeiro/a pescador/a, dirixidos a todo tipo de persoas que se estean preparando para acceder ao sector. Estes cursos terán unha duración obrigatoria de 50 horas.

Todos os cursos referidos nas alíneas a) e b) deberán cumprir coa lexislación estatal e autonómica aplicable en vigor no momento do desenvolvemento da acción formativa ou coa homologación correspondente, así como coa autorización da Administración competente, de ser lo caso. Para o seu correcto desenvolvemento deberase contar co persoal docente e coas instalacións e material adecuados, previstos na normativa sinalada no artigo 2 desta orde.

c) Accións de formación para a adquisición ou mellora de competencias dixitais, dirixidas a pescadores/as profesionais ou ben a cónxuxes ou parellas de feito recoñecidas conforme a normativa vixente, así como a pescadores/as autónomos/as.

d) Accións de formación orientadas á adquisición ou mellora de competencias vinculadas á innovación, xestión empresarial, emprendemento, comercialización e seguridade alimentaria, dentro das actividades económicas do sector, dirixidas a pescadores/as profesionais ou ben a cónxuxes ou parellas de feito recoñecidas conforme a normativa vixente, así como a pescadores/as autónomos/as.

e) Accións de formación orientadas á adquisición ou mellora de competencias vinculadas á xestión sustentable dos recursos e ecosistemas mariños, dirixidas a pescadores/as profesionais ou ben a cónxuxes ou parellas de feito recoñecidas conforme a normativa vixente, así como a pescadores/as autónomos/as.

f) Accións de formación orientadas á adquisición ou mellora de competencias profesionais do sector en seguridade e hixiene no traballo, prevención de riscos laborais, enfermidades profesionais e trastornos músculo-esqueléticos, xestión da produción, reprodución e xenética, nutrición, patoloxía e xestión sanitaria, lexislación e xestión ambiental e comercialización, dirixidas a pescadores/as profesionais ou ben a cónxuxes ou parellas de feito recoñecidas conforme a normativa vixente, así como a pescadores/as autónomos/as.

g) Accións formativas orientadas a promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, promover o papel da muller nas comunidades de pescadores/as e promover os grupos infrarrepresentados que participan na pesca costeira artesanal e no marisqueo, dirixidas a pescadores/as profesionais ou ben a cónxuxes ou parellas de feito recoñecidas conforme a normativa vixente, así como a pescadores/as autónomos/as.

h) Accións de transferencia tecnolóxica, seminarios, xornadas ou obradoiros en materia de pesca e marisqueo, dirixidas a pescadores/as profesionais ou ben a cónxuxes ou parellas de feito recoñecidas conforme a normativa vixente, así como a pescadores/as autónomos/as.

2. Non serán obxecto de subvención as accións que resulten financiables segundo outras liñas de axudas convocadas pola Consellería do Mar, nin os labores propios da actividade pesqueira ou marisqueira ordinaria.

3. Poderanse presentar solicitudes de carácter plurianual sen que a súa duración poida exceder os dous exercicios orzamentarios e coas limitacións recollidas no parágrafo 3 do artigo 7. As subvencións que neste caso se concedan ateranse aos límites establecidos para os compromisos de gasto plurianuais no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución das accións formativas referidas no artigo anterior:

a) Os de gastos de persoal imprescindible para o desenvolvemento das accións para as cales se solicita subvención. As horas de contratación de persoal serán as mesmas que as de duración da acción ou das accións para as cales este persoal é necesario na procura do normal desenvolvemento da actividade.

No caso do persoal docente deberá ter a titulación requirida para a impartir os cursos, segundo a normativa aplicable en vigor no momento do desenvolvemento destes. Deberán contar, de ser o caso, coa homologación en vigor do órgano competente segundo os cursos que se impartan.

b) Os de contratación de profesionais, empresas ou entidades prestadoras de servizos:

1º. No caso do persoal docente, este debe ter a titulación requirida para impartir os cursos solicitados segundo a normativa aplicable en vigor no momento do desenvolvemento destes. Deberán contar, de ser o caso, coa homologación en vigor do órgano competente segundo os cursos que se impartan.

2º. No caso de material e equipamentos, deberán contar coa homologación en vigor do órgano competente segundo os cursos que se impartan, de ser necesario.

c) Adquisición de equipamento e elementos necesarios e imprescindibles para impartir as actividades.

d) Adquisición de material didáctico e equipamento de seguridade individual para o alumnado, necesarios para o desenvolvemento da actividade.

e) Custos indirectos: enténdense por custos indirectos aqueles que, aínda que non poden vincularse directamente cunha actividade obxecto de subvención, por teren carácter estrutural, resultan necesarios para a súa realización, como gastos de oficina, administrativos, servizos básicos, subministracións (auga, electricidade, teléfono, gas), etc. Os custos indirectos deben corresponder ao período en que efectivamente se realiza a actividade. Para o cálculo destes custos empregarase o método de financiamento a tipo fixo aplicando unha porcentaxe fixa do 7 % do gasto directo total subvencionable.

f) Seguros de accidentes do alumnado.

g) Gastos necesarios para a realización das probas de natación nos cursos de mariñeiro/a pescador/a.

2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo/pola perceptor/a dunha subvención e que se axusten aos seguintes requisitos xerais:

a) Que se contraesen ao longo da duración da acción.

b) Que fosen pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación, e respondan de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada.

c) Que se consignasen no orzamento estimado total da solicitude.

d) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

e) Que sexan identificables e verificables, en particular, que consten na contabilidade do/da beneficiario/a e se inscribisen de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do/da beneficiario/a en materia de gastos.

f) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

g) Que sexan razoables e xustificados, e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e relación custo/eficacia.

3. Consideraranse subvencionables os gastos realizados e pagados entre o 1 de xullo de 2016 e o 31 de decembro de 2023. A data límite enténdese en todos os casos sen prexuízo do número de anualidades que se estableza en cada resolución de concesión de axuda. Non obstante, as operacións non se seleccionarán para recibir axuda do FEMP se concluíron materialmente ou se executaron integramente antes de que a persoa beneficiaria presente a solicitude de axuda.

4. Na presente convocatoria consideraranse subvencionables só aqueles gastos efectivamente pagados dentro do período de execución que as accións formativas teñen nesta orde de convocatoria, que será o que medie entre o 15 de novembro e o 29 de decembro para a anualidade 2021, e entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro para anualidade 2022. Quedan exceptuados deste último prazo límite os que se correspondan con gastos de persoal, obrigas tributarias e de Seguridade Social correspondentes aos meses en que non se poidan facer efectivos na data límite de execución, e que se considerarán subvencionables de seren efectivamente pagados dentro do seguinte trimestre ao de finalización do prazo de execución das axudas e non alén do prazo de xustificación establecido para cada anualidade.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para os contratos menores no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE, do 26 de febreiro de 2014, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa xustificación ou, de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6. A persoa beneficiaria poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

7. Os importes máximos para os custos directos subvencionables serán por tipo de actividade formativa, como segue:

a) Para os cursos de formación específica marítimo-pesqueira que teñan por obxecto a obtención de titulacións profesionais ou certificados de especialidade, os importes máximos subvencionables serán:

Cursos

Máximo

subvencionable

Importe/hora

Patrón/patroa local de pesca (250 h)

15.000 €

60 €/h

Patrón/patroa local de pesca sección de ponte e común (130 h)

7.800 €

60 €/h

Patrón/patroa local de pesca sección de máquinas (120 h)

7,200 €

60 €/h

Formación básica seguridade (70 h)

6.300 €

90 €/h

Actualización formación básica seguridade (16 h)

1.440 €

90 €/h

Operador/a restrinxido/a SMSSM (40 h)

5.800 €

145 €/h

Actualización operador/a restrinxido/a SMSSM (8 h)

1.160 €

145 €/h

Formación sanitaria inicial (22 h)

3.190 €

145 €/h

Actualización formación sanitaria inicial (8 h)

1.160 €

145 €/h

Formación sanitaria avanzada (40 h)

5.800 €

145 €/h

Actualización formación sanitaria avanzada (16 h)

2.320 €

145 €/h

Avanzado en loita contra incendios (24 h)

4.200 €

175 €/h

Actualización avanzado en loita contra incendios (8 h)

1.400 €

175 €/h

Embarcacións supervivencia e botes de rescate non rápidos (24 h)

4.200 €

175 €/h

Actualización embarcacións supervivencia e botes de rescate non rápidos (12 h)

2.100 €

175 €/h

Nesta alínea non se financiará ningún curso que se inicie con menos de 12 alumnos/as. De forma excepcional e debidamente xustificada, poderase realizar o pagamento de cursos que rematen con menos de 12 alumnos/as aplicándolles a minoración proporcional correspondente, segundo o referido no artigo 27 da presente convocatoria.

b) Para os cursos de formación específica necesarios para a obtención da titulación de mariñeiro/a pescador/a.

Cursos

Máximo

subvencionable

Importe/hora

Mariñeiro/a pescador/a (50 h)

3.000 €

60 €/h

No caso dos cursos de mariñeiro/a pescador/a, adicionalmente, subvencionaranse os gastos necesarios para a realización das probas de natación por un importe máximo de 100 euros/proba.

Nesta alínea non se financiará ningún curso que se inicie con menos de 12 alumnos/as. De forma excepcional e debidamente xustificada, poderase realizar o pagamento de cursos que rematen con menos de 12 alumnos/as aplicándolles a minoración proporcional correspondente, segundo o referido no artigo 27 da presente convocatoria.

c) Para o resto dos cursos o máximo subvencionable será de 15 euros por alumno/a e hora de duración do curso ou acción formativa ou de transferencia, excepto os cursos de competencias dixitais, nos cales o importe máximo subvencionable será de 20 euros por alumno/a e hora de duración do curso. Para todos os cursos referidos nesta alínea, o número mínimo de alumnos/as para cada curso será de 12 e o máximo de 20.

Nesta alínea non se financiará ningún curso que se inicie con menos de 12 alumnos/as. De forma excepcional e debidamente xustificada, poderase realizar o pagamento de cursos que rematen con menos de 12 alumnos/as aplicándolles a minoración proporcional correspondente, segundo o referido no artigo 27 da presente convocatoria.

d) Aos importes subvencionables relacionados nas alíneas 7.a), 7.b) e 7.c) poderáselles engadir, en concepto de custos indirectos, o 7 % dos custos directos segundo o disposto no punto 7.1.e) do presente artigo.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

Non serán subvencionables os gastos relativos a:

a) O IVE, excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva por persoas beneficiarias que non teñan a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13, punto 1, parágrafo primeiro, da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

b) A adquisición de terreos e inmobles.

c) Os derivados da transformación de buques pesqueiros que causen baixa no rexistro da frota operativa.

d) A adquisición de mobiliario e equipamento, salvo o equipamento imprescindible para o desenvolvemento da acción formativa subvencionada.

e) A adquisición de vestiario e equipamento persoal, salvo o vestiario e equipamento de seguridade do alumnado, necesario para a realización das prácticas que sexan exixibles, segundo a normativa vixente.

f) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.

g) Os gastos de mantemento e conservación dos bens e equipamentos.

h) Os gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

i) A modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

j) Non serán subvencionables os gastos derivados dos requisitos que teñen que cumprir as persoas solicitantes para poder concorrer ás actividades formativas reguladas nesta convocatoria.

k) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 9. Intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionado en cada unha das accións, de acordo co previsto na presente orde e segundo o indicado no Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, no seu artigo 95. Non obstante, a intensidade da axuda estará condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias. Se o importe das solicitudes presentadas supera o crédito orzamentario asignado a esta convocatoria, a intensidade da axuda poderá axustarse a estas limitacións orzamentarias, respectando, en todo caso, os principios da concorrencia competitiva. A Comisión de Avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

2. No caso de se presentaren varios proxectos para accións substancialmente idénticas, poderase establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado, e sempre tendo en conta os máximos establecidos no artigo 7.7 da presente convocatoria.

3. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos/ás beneficiarios/as incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

4. Manterase a axuda pero minorarase na fase de pagamento se o investimento material realizado é, por causa debidamente motivada, de contía inferior á que se considerou subvencionable, e na mesma proporción.

Artigo 10. Compatibilidade das axudas

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teña financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme un programa ou medida diferente e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase, por resolución do órgano concedente, á minoración da axuda concedida.

Artigo 11. Prazos de presentación de solicitudes e de resolución

1. Para a convocatoria de 2021 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

2. A resolución de concesión emitirase e notificarase aos interesados no prazo máximo de dous (2) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e, en todo caso, o prazo límite de resolución será o 29 de decembro de 2021. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 22.2 desta orde.

Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén esta e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpre os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non se atopa en ningún dos supostos establecidos no número 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.

2º. Non ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión, recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) Non ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións, ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) No caso das confrarías de pescadores e as súas federacións, ter cumpridas as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

e) O conxunto de todas as solicitudes presentadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

f) Non ter iniciado a actuación ou o investimento antes da data de presentación da solicitude.

A presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible.

2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

Artigo 13. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude do anexo I a seguinte documentación, xunto cun índice e ordenada segundo se indica:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Ademais, se o solicitante non é unha confraría de pescadores, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.

b) Proxecto formativo: deberase presentar unha memoria (modelo A), dispoñible na páxina web da Consellería do Mar no enderezo (www.mar.xunta.gal), que xustifique a necesidade da acción ou accións formativas solicitadas, que permita determinar a viabilidade do proxecto e realizar a súa valoración, conforme os criterios establecidos no artigo 21 desta orde de bases reguladoras.

Cada acción formativa incluída no proxecto formativo entenderase como unidade susceptible de producir efectos independentes.

c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, no cal o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II, e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma etc.).

Se for o caso, tamén se deberá acreditar a petición de tres ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.5 desta orde.

d) Documento de valoración (modelo B): deberá contemplar todas as epígrafes referidas no artigo 21.2 de criterios de avaliación (indicador específico) para poder ser cuantificados na fase de valoración das solicitudes. Indicarase razoadamente se cumpre ou non cada unha das epígrafes; de non especificarse nestes termos, entenderase que non cumpren e non se terán en conta á hora da valoración por parte da comisión nomeada ao abeiro do artigo 20 da presente convocatoria.

e) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable sobre as fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas ...) de conformidade co anexo III.

f) Só para solicitudes conxuntas: declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario/a de subvencións, conforme o anexo III.

g) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, engadirase:

g.1) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

g.2) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

4. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das alíneas a), e) e f) anteriores por cada un dos solicitantes.

5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

6. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Para a elaboración dos documentos está dispoñible a guía do solicitante cos modelos, que poden consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para asegurar que as persoas interesadas cumpren a obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Publicidade

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido nos artigos 15 da Lei de subvencións de Galicia, e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante das entidades.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

f) Concesións de subvencións e axudas.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado do anexo I ou anexo III, segundo o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 18. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario, poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 5.2.c), resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.

2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderá requirir a entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 19. Órganos de instrución, xestión e resolución

1. A tramitación, instrución e xestión dos expedientes será realizada polo Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.

O órgano instrutor elevará ao órgano concedente as propostas de inadmisión das solicitudes que non poidan obter a condición de beneficiario/a por atoparse nalgún dos supostos recollidos no artigo 4.2, ou que estean nos supostos do artigo 6.2. Estas solicitudes xa non pasarán á fase de avaliación.

Así mesmo, o órgano instrutor realizará as comprobacións necesarias de viabilidade técnica, económica e demais condicións de cualificación das solicitudes, elaborando un informe ao respecto, que presentará ante a Comisión de Avaliación. A viabilidade ou cualificación negativa da solicitude implicará que a dita solicitude non pasará á fase de valoración.

2. A resolución das solicitudes corresponde á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 20. Comisión de Avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan no artigo seguinte. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A Comisión de Avaliación estará formada polos seguintes membros:

Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Vogais: unha persoa do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e unha por cada unha das xefaturas territoriais, designadas polo/a presidente/a.

Un dos vogais da Comisión actuará como secretario/a.

En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da Comisión poderán ser substituídos por quen designe o/a presidente/a.

A Comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

Artigo 21. Criterios de elixibilidade e avaliación

1. Criterios de elixibilidade: inicialmente comprobarase que as operacións ofrezan garantías suficientes de viabilidade e de que vaian dirixidas ao logro dos obxectivos definidos no programa operativo para España do FEMP, mediante:

1.1. A valoración técnica e económica:

– Desde o punto de vista técnico. A valoración das garantías ofrecidas polos seus promotores canto á solvencia técnica e aos medios descritos no proxecto formativo, é dicir, a adecuación dos medios técnicos para os fins previstos.

– Desde o punto de vista económico. A valoración mediante a análise do financiamento previsto, é dicir, se a entidade dispón de garantías para levar adiante o financiamento do proxecto formativo e se o orzamento presentado está equilibrado cos fins perseguidos.

Os proxectos formativos considerados non viables técnica ou economicamente, segundo informe do órgano instrutor, quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, e non se procederá, por tanto, á súa valoración.

1.2. O indicador xeral: a seguir procederase á valoración da adecuación do proxecto formativo aos obxectivos do programa operativo do FEMP, de tal forma que aqueles proxectos formativos que non obteñan unha puntuación mínima, non poderán seguir sendo valorados. En concreto, valorarase a contribución do proxecto formativo ao cumprimento do previsto no programa operativo:

a) Valoración sobre a adecuación do proxecto formativo á análise DAFO da prioridade 1 do PO do FEMP, así como á estratexia e, en particular, ao cumprimento dos fins do obxectivo específico OE1.f) previsto para as medidas pertinentes e indicadores de produtividade recollidas no PO (artigo 29.1 e 2); (puntuación ata 6 puntos: DAFO 2 puntos; estratexia 2 puntos; medidas pertinentes 2 puntos).

b) Valoración sobre a achega do proxecto formativo á consecución dos indicadores de resultado (puntuación: ata 6 puntos).

c) Valoración sobre a implicación do proxecto formativo noutras prioridades, obxectivos específicos ou indicadores de resultado, así como noutros plans estratéxicos (puntuación: ata 5 puntos).

Unha vez ponderados os indicadores anteriores, os proxectos formativos cualificaranse en alto (15 ou máis puntos), medio (de 9 a 14 puntos) ou baixo (de 3 a 8 puntos), en función de se os beneficios que achegue son significativos, razoables ou deficientes.

Os proxectos formativos que non obteñan unha cualificación mínima de 3 puntos quedarán excluídos para obteren financiamento a través desta orde de axudas, e non se procederá, por tanto, á súa valoración específica.

2. Criterios de avaliación (indicador específico): unha vez determinados os proxectos formativos elixibles conforme o punto anterior, a Comisión valoraraos a seguir segundo os criterios ponderados co valor que se indica a seguir:

a) Calidade do proxecto formativo:

a.1) Carácter innovador: 2 puntos.

a.2) Mais do 50 % das horas impartidas son prácticas: 2 puntos. Esta alínea non é de aplicación aos cursos de formación especifica necesarios para a obtención de titulacións profesionais.

a.3) Adecuación das actividades formativas ás necesidades do mercado laboral: 2 puntos.

b) Características do/da beneficiario/a:

b.1) Traxectoria do/da beneficiario/a en relación con actividades formativas, de divulgación ou de transferencia de coñecementos: participación 1 punto, organización 2 puntos.

b.2) Destinatarios/as das accións formativas: participación do 50 % ou máis de mulleres, 2 puntos; participación do 50 % ou máis de mulleres que se incorporen á profesión, 4 puntos. Estas puntuacións poderán ser acumulables ata un máximo de 6 puntos.

c) Aspectos ambientais e socioeconómicos do proxecto formativo:

c.1) Actuacións formativas vinculadas á conservación ou mellora do ambiente mariño: 1 punto.

c.2) Intensidade da participación: un punto por entidade participante ata un máximo de 3 puntos.

c.3) Interese colectivo do proxecto formativo e repercusión na mellora da competitividade: 1 punto.

c.4) Repercusión na remuda xeracional: 2 puntos.

c.5) Acción dirixida a persoas ou colectivos desfavorecidos ou en risco de pobreza e/ou exclusión social: 2 puntos.

A Comisión de Avaliación, en función de se o proxecto presenta un significativo, razoable ou deficiente nivel de garantía de que se vai levar a cabo, así como do logro dos seus obxectivos, resultados e beneficios, valorará cada proxecto formativo presentado e cualificará o indicador específico como alto (15 ou máis puntos), medio (de 9 a 14 puntos) ou baixo (de 3 a 8 puntos).

Artigo 22. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, o/a presidente/a da Comisión Avaliadora formulará ao órgano concedente, a través do instrutor, proposta de resolución que indicará de xeito individualizado os/as beneficiarios/as, os proxectos formativos seleccionados e as accións para as cales se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola Comisión, non acadasen a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 11.3, emitirase unha nova proposta en que se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.

Artigo 23. Resolución

Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

Artigo 24. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, os/as interesados/as deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo IV. De non o faceren, entenderase tacitamente aceptada. Por outro lado, a aceptación da axuda implica a aceptación da súa inclusión como beneficiarios/as na lista de operacións publicada de conformidade co artigo 119, número 2 do citado Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao FEMP.

Artigo 25. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que se produzan ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 26. Modificacións

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente e deberá ser posta en coñecemento deste sempre con anterioridade á súa realización.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 27. Xustificación e pagamento

1. Con carácter xeral, os gastos correspondentes á anualidade 2021 deberán xustificarse antes do 30 de decembro de 2021, mentres que os gastos correspondentes á anualidade 2022 deberán de xustificarse antes do 1 de decembro de 2022. Este prazo poderá ampliarse por resolución expresa do órgano concedente, de oficio ou por petición do beneficiario e por causas debidamente motivadas. Cando a prórroga solicitada implique a ampliación ou modificación das anualidades da subvención concedida, o seu outorgamento requirirá a correspondente fiscalización previa.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar o anexo VI coa documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente que figura na resolución de concesión da subvención, no prazo establecido no parágrafo anterior:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as cales se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

a.1) Informe técnico (modelo E) en que se describa a realización das accións formativas e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, con especial referencia aos obxectivos acadados. No caso de pagamento final, proporcionarase información sobre os indicadores de resultados conforme o previsto no Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014, Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

a.2) Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE.

a.3) Facturas correspondentes aos custos sinalados na relación.

a.4) No caso de gastos de persoal: contrato formalizado, se é o caso, polo Inem, nóminas, TC1 e TC2 coa xustificación do seu pagamento e documento de declaración e liquidación do IRPF correspondente. Tamén se deberá achegar a documentación acreditativa do cumprimento das condicións de habilitación e capacitación do artigo 6.1. Se é o caso, os xustificantes de pagamento.

A entidade beneficiaria tamén terá que presentar unha certificación conforme as persoas contratadas:

1º. Non pertencen aos órganos de goberno da entidade.

2º. Non teñan vinculación de parentesco no primeiro grao de consanguinidade ou afinidade con membros dos órganos de goberno no momento da primeira contratación.

3º. No caso de persoal docente, a titulación requirida segundo o tipo de actividade ou curso e, de ser o caso, a homologación necesaria en vigor expedida polo organismo competente.

a.5) Extractos das contas, ordes de transferencia, ou certificacións bancarias que xustifiquen a efectiva realización dos gastos, así como o importe, procedencia e aplicación dos fondos propios ás actividades subvencionadas. Non se admiten talóns nin pagamentos en efectivo.

b) No caso de ser denegada expresamente a súa obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

c) No caso de proxectos formativos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión en que se recolla a ratificación dos compromisos que correspondan a cada un deles, así como nomeamento de apoderado único.

d) Os tres orzamentos que, de acordo co artigo 7.5 desta orde, e en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o/a beneficiario/a.

3. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto formativo e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o/a beneficiario/a presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto formativo, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario, conforme o anexo V.

4. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento formativo, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados.

5. A entidade deberá ter completado unha ficha (modelo C) por cada actividade formativa cos datos máis relevantes en relación coas accións obxecto desta subvención, onde se especificarán as actividades concretas desenvolvidas, as horas empregadas en cada actividade, o obxectivo de cada actividade, o/a docente ou docentes e persoa responsable da actividade. Así mesmo, cubrirán para cada actividade formativa un rexistro de asistencia para cada día (modelo D) onde quedará reflectida a hora de entrada e de saída de cada asistente, así como a súa sinatura. Estes rexistros deberán estar dispoñibles e poderán ser requiridos, en calquera momento, polas unidades da Consellería do Mar que interveñen na xestión e control destas axudas. Así mesmo, deberán presentarse coa conta xustificativa correspondente.

6. Poderán presentarse xustificacións parciais a medida que se vaian executando as accións formativas. O importe conxunto dos pagamentos parciais e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedan, non poderá superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto formativo e á liquidación definitiva da subvención. Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 29. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente ou unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

7. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 32 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. A entidade deberá comunicar á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, como mínimo con dez días de anticipación, o lugar e a hora de realización de cada actividade do proxecto formativo subvencionado, así como os/as docentes e a persoa responsable da actividade que levará a cabo as tarefas de coordinación administrativa e de posta en marcha e seguimento de todas as accións formativas subvencionadas.

9. Nos cursos conducentes á obtención dunha titulación náutico-pesqueira ou certificado de especialidade, o/a beneficiario/a deberá cumprir o que se indica a seguir:

Asumirá a responsabilidade do proceso técnico formativo dos cursos subvencionados, segundo autorización expresa e as directrices que indique a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, por medio do servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras, que traballará, de maneira coordinada, coa persoa responsable designada pola entidade beneficiaria da axuda.

Contará cos medios e equipamentos necesarios para o desenvolvemento, tanto da parte teórica como da práctica, segundo a lexislación vixente na materia no momento de realizar a formación. Ao mesmo tempo, para a execución dos cursos, entregarase ao alumnado todo o material necesario para o seu desenvolvemento, tanto na parte teórica como na práctica, consistente, entre outros, nun caderno, bolígrafo, nun manual, de ser o caso, ou caderno do alumnado que será en cor para facilitar a comprensión dos contidos dos módulos (luces, marcas, sistema de balizamento, sinais luminosos, sinais acústicos, manobras …), cartas náuticas, así como vestiario, medios e equipamento de seguridade necesario para a realización das prácticas e todo aquilo que se precise para un bo desenvolvemento das accións formativas.

Será a encargada de xestionar e realizar as probas de natación nos cursos de mariñeiro/a pescador/a.

Será responsable do seguro de accidentes e responsabilidade civil sobre sinistros acaecidos durante o desenvolvemento dos cursos e recaerá sobre ela a obriga de contratar e tramitar as correspondentes pólizas.

Levará a cabo as xestións complementarias derivadas do desenvolvemento dos cursos e estará obrigada a levar un control de asistencia diario, comunicando ao servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras os/as alumnos/as que causen baixa, segundo o que especifique para cada curso a normativa vixente, así como calquera outro incidente que se poida producir.

Comunicará as listaxes definitivas do alumnado que reúna as condicións para realizar os exames, tal como establece a Orde do 31 de xullo de 2014, no caso dos cursos de mariñeiro/a pescador/a e patrón/patroa local de pesca, así como a listaxe do alumnado apto para realizar os cursos cuxa competencia dependa dunha Administración distinta á Comunidade Autónoma galega, como son os certificados e títulos de formación básica en seguridade, operador/a restrinxido/a do SMSSM, avanzado loita contra incendios, embarcacións de supervivencia e botes de rescate non rápidos, formación sanitaria inicial e avanzada e as súas actualizacións correspondentes.

Realizará as correspondentes comunicacións e demais trámites de autorización ante a Dirección Xeral da Mariña Mercante e o Instituto Social da Mariña no referente aos cursos de formación básica en seguridade, avanzado en loita contra incendios, embarcacións de supervivencia e botes de rescate non rápidos, certificado de operador/a restrinxido/a do SMSSM, formación sanitaria inicial e avanzada e as súas actualizacións correspondentes.

10. No caso de que as actividades subvencionadas non rematasen co mesmo número de alumnos/as que o inicial, e sempre que cumpran co número mínimo exixido de participantes, esta circunstancia dará lugar a unha redución proporcional da subvención total concedida (custos directos e indirectos) en relación cos importes de subvención máxima por curso, no caso de cursos de formación específica. No resto de accións que están establecidas no artigo 7 da presente convocatoria, procederase a unha redución proporcional da subvención concedida (custos directos e indirectos) en relación cos custos por alumno/a e hora.

11. Para a elaboración dos informes e demais documentos está dispoñible a guía do solicitante cos modelos que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar
(http://mar.xunta.gal/).

Artigo 28. Pagamento anticipado

Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos/das interesados/as, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 29. Así mesmo, están suxeitos ao prazo de xustificación fixado no artigo 27.1 desta orde, dentro do ano do seu libramento.

Artigo 29. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo cos artigos 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia nos seguintes casos:

a) Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

b) Pagamentos parciais que excedan 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por unha entidade aseguradora ou mediante un aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que se depositará na caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que for o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

De acordo co artigo 67.4 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, por razóns xustificadas e por petición do/da beneficiario/a, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar a constitución da garantía por importe inferior ao antes indicado ou eximir da obriga de constituíla.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto formativo ou das accións independentes que o compoñan.

Artigo 30. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial da subvención concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de cumprimento parcial relativo á actividade subvencionada, procederase á redución proporcional da subvención concedida ou aboada.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe por reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de graduación de posibles incumprimentos das condicións impostas co motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá o reintegro total da axuda concedida e dos xuros de mora que se teñan dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 5.2.e) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que sexan incompatibles.

b) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.e) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas sexan compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 5.2.i) dará lugar a un reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable axeitada, segundo o establecido no artigo 5.2.j), dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

2. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 31. Infraccións e sancións

As actuacións dos/das beneficiarios/as en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 32. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 33. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/esES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional primeira

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo).

Disposición adicional segunda

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2021

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file