Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Martes, 16 de novembro de 2021 Páx. 56340

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 3 de novembro de 2021 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Folgoso do Courel (Lugo).

O Concello de Folgoso do Courel, con data do 5 de outubro de 2021, remite para a súa aprobación definitiva o expediente completo do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG) e a disposición transitoria 2.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG). Conforme esta disposición, o plan que na data de entrada en vigor da LSG contara con aprobación inicial, como é o caso, poderá continuar a súa tramitación a teor do disposto na LOUG, ben que as súas determinacións deberán adaptarse plenamente á LSG.

Tras analizar a documentación achegada polo concello e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes e tramitación.

1. No municipio de Folgoso do Courel non hai planeamento xeral municipal aprobado, polo que actualmente rexe o Plan básico autonómico.

Conta cunha delimitación do solo de núcleo rural en Baldomir, aprobada definitivamente o 11 de decembro de 2008. Ademais, os núcleos de Moreda, Folgoso do Courel, Piñeira, Paderne e Froxán contan con expedientes de recoñecemento de núcleo aprobados polo Servizo Provincial de Urbanismo.

2. Como instrumentos de ordenación do territorio con incidencia no concello constan aprobados:

• As Directrices de ordenación do territorio, AD 10.2.2011.

• O Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Xunta de Galicia xestionadas por Retegal, AD 2.5.2013.

• Proxecto sectorial 02_2014 de infraestruturas de telecomunicacións xestionadas por Retegal, AD 5.3.2015.

3. O Concello de Folgoso do Courel remitiu ao órgano ambiental o 18 de decembro de 2012 o documento de inicio do PXOM adaptado á LOUG, para comezar o trámite da avaliación ambiental estratéxica. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o documento de referencia o 21 de febreiro de 2013.

4. En virtude do artigo 85.1 da LOUG, o Concello achega á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o documento do PXOM, que emite o informe previo á aprobación inicial o 28 de novembro de 2013.

5. O 26 de decembro de 2014 o Pleno do Concello de Folgoso do Courel aprobou inicialmente o PXOM, publicado no DOG nº 25, do 6 de febreiro de 2015. Mediante acordo do Pleno con data do 27 de febreiro de 2015 acordouse a ampliación do prazo de exposición pública ata o 30 de abril de 2015, que se publicou no DOG nº 62, do 1 de abril de 2015.

6. O documento obxecto de aprobación e expediente completo foron sometidos a información pública durante o prazo de dous meses mediante os anuncios publicados no DOG e nos xornais La Voz de Galicia, o 28 de xaneiro de 2015, e El Progreso, o 27 de xaneiro de 2015. Simultaneamente déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Quiroga, A Pobra do Brollón, Samos, Pedrafita, O Incio, Oencia (León) e Barjas (León), e leváronse a cabo as consultas ás administracións e organismos afectados.

Tendo en conta a data de aprobación inicial do PXOM, cómpre sinalar que, de acordo coa disposición transitoria primeira do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, o disposto nese regulamento non resulta de aplicación obrigatoria.

7. O 22 de xuño de 2020 o Concello de Folgoso do Courel presentoulle ao órgano ambiental a documentación do PXOM adaptada á LSG e mediante a Resolución do 31 de xullo de 2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM de Folgoso do Courel (DOG nº 168, do 20 de agosto).

8. O 30 de decembro de 2020 o Pleno do Concello de Folgoso do Courel aprobou provisionalmente o PXOM, logo de informe dos servizos xurídicos e técnicos municipais. Posteriormente, con data do 10 de xuño de 2021 o Pleno do Concello acorda unha segunda aprobación provisional do PXOM, logo dos informes municipais.

9. O documento do PXOM e o seu expediente administrativo foron remitidos a esta consellería o 24 de xuño de 2021, para resolver sobre a súa aprobación definitiva. O 13 de xullo de 2021 foi requirido o concello para que emendase as deficiencias detectadas sobre a integridade documental do PXOM. En contestación a ese requirimento, o documento do PXOM e o seu expediente administrativo completo foron remitidos novamente o 5 de outubro de 2021 para resolver sobre a súa aprobación definitiva.

10. De acordo co informe da Secretaría Municipal e co expediente administrativo achegado, solicitáronse informes sectoriais aos seguintes organismos competentes:

• Ministerio de Facenda e Administracións Públicas-Dirección Xeral de Patrimonio do Estado: informe do 26 de febreiro de 2015, sen consideracións.

• Subdelegación do Goberno en Lugo: informe do 17 de marzo de 2015, sen observacións.

• Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo-Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información: informe do 10 de abril de 2015, desfavorable; e do 11 de abril de 2018, favorable.

• Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo-Dirección Xeral de Política Enerxética e de Minas: informe do 1 de abril de 2015, con observacións.

• Confederación Hidrográfica Miño-Sil: informes do 16 de xuño de 2015 e do 13 de decembro de 2017, desfavorables, e do 2 de marzo de 2020, favorable con condicións.

• Ministerio de Fomento: sen resposta.

• Subdelegación de Defensa na Coruña-Área de Patrimonio: informe do 4 de marzo de 2015, sen consideracións.

• Ministerio de Facenda e Administracións Públicas-Dirección Xeral do Catastro. Xerencia Rexional do Catastro en Galicia: sen resposta.

• Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental: informe sobre o ISA do 26 de marzo de 2015, con consideracións.

• Instituto de Estudos do Territorio (IET): informe do 27 de abril de 2015, favorable con consideracións.

• Augas de Galicia: sen resposta.

• Dirección Xeral de Conservación da Natureza: informe do 30 de marzo de 2015, favorable condicionado.

• Axencia Galega de Infraestruturas (AXI): informe do 21 de maio de 2015, desfavorable, e do 9 de febreiro de 2018, favorable.

• Dirección Xeral de Mobilidade: sen resposta.

• Consellería do Medio Rural-Servizo de Montes: informe do 11 de xaneiro de 2016, favorable con consideracións.

• Dirección Xeral de Enxeñaría e Minas: informe do 13 de marzo de 2015, con información.

• Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas-Dirección Xeral de Sostenibilidade e Paisaxe: sen resposta.

• Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza-Secretaría Xeral Técnica: sen resposta.

• Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria-Secretaría Xeral: sen resposta.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 12 de novembro de 2015, desfavorable; do 13 de febreiro de 2019, favorable condicionado, e do 25 de xuño de 2020, favorable.

• Consellería de Traballo e Benestar-Secretaría Xeral: sen resposta.

• Consellería de Sanidade-Dirección Xeral de Recursos Económicos: informe do 25 de febreiro de 2015, sen consideracións.

• Deputación Provincial de Lugo: informe do 18 de xullo de 2012, desfavorable, e do 26 de xullo de 2019, favorable.

• Concello de Quiroga: sen resposta.

• Concello da Pobra do Brollón: sen resposta.

• Concello de Pedrafita: sen resposta.

• Concello de Samos: informe do 5 de marzo de 2015, con observacións respecto dos límites municipais.

• Concello do Incio: informe do 4 de marzo de 2015, favorable.

• Concello de Oencia: sen resposta.

• Concello de Barjas: sen resposta.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación que integra o PXOM de Folgoso do Courel, redactada pola Consultora Senén Prieto Ingeniería, S.L., con aprobación plenaria do 10 de xuño de 2021, púidose observar que se axusta ao establecido na normativa urbanística de aplicación. Porén, observáronse os seguintes erros materiais que cómpre emendar:

• A totalidade do solo de núcleo rural tradicional de Ferreiros de Arriba deberase incluír no contorno de protección e delimitación de «núcleo singular».

• De acordo co establecido no punto III.2 do informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, recollerase expresamente na normativa que, con carácter previo á obtención de novas licenzas nos núcleos de Hórreos, Ferrería Vella, Piñeira e Carballal, se precisa da modificación das características das concesións de auga no senso do sinalado no informe.

• Están mal numerados, respecto do gráfico de follas, os planos 5.3.13-14-15-16-17-18.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva do PXOM do concello de Folgoso do Courel, condicionado á emenda das observacións formuladas no punto II anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíqueselle esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Folgoso do Courel, 3 de novembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda