Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 3 de decembro de 2021 Páx. 59184

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2.

En virtude da Orde do 7 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 21, do 31 de xaneiro) convocouse o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2. Na dita orde establécese como sistema selectivo o de concurso-oposición.

A base II.3 da convocatoria dispón que os méritos correspondentes á fase de concurso deberán referirse á data de publicación da convocatoria e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En cumprimento da previsión anterior, e co obxecto de que as persoas aspirantes que superen a fase de oposición deste proceso selectivo poidan acreditar os méritos con que conten na fase de concurso, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro

Publicar o procedemento que se debe seguir para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2.

De acordo co establecido na base II.3. da convocatoria, os méritos que se baremarán na fase de concurso deberán referirse á data de publicación no DOG da convocatoria, que foi o 31 de xaneiro de 2020.

Segundo

No prazo dos 10 días hábiles seguintes ao da publicación da presente resolución no DOG, as persoas aspirantes actuarán do seguinte xeito:

Deberán acceder á seguinte páxina web: https://www.xunta.gal/funcion-publica/expediente-administrativo, na cal poderán comprobar os méritos que teñen rexistrados no seu expediente electrónico.

Para accederen poderán empregar calquera dos seguintes métodos de acceso:

• Certificado electrónico.

• Chave365.

• Para o persoal con destino na actualidade na Xunta de Galicia, o usuario/chave do directorio electrónico da Xunta de Galicia.

Unha vez que accedan á aplicación informática, poderán xerar o impreso de conformidade ou o impreso de emenda, a partir dos datos que constan no seu expediente persoal.

Comprobados os datos que figuran no seu expediente electrónico, a persoa interesada poderá validalos ou tramitar a súa desconformidade.

a) No suposto de estar conforme cos datos consultados, validaraos sen facer ningún cambio, pechará o impreso e realizará a presentación electrónica.

Na epígrafe «Motivo polo cal fai a solicitude» deberá elixir a opción «2. Fase de concurso de proceso selectivo».

Para a presentación da solicitude, a persoa interesada deberá premer no botón «Pechar e presentar impreso de conformidade».

A continuación, poderá xerar en formato PDF o seu impreso de conformidade en que se visualizará o número de rexistro e a data de presentación como xustificante da presentación.

b) No suposto de amosar a súa desconformidade por non estar de acordo con algún ou algúns dos datos, por non constaren, seren erróneos ou incompletos, a persoa interesada deberá completar ou corrixir a información rexistrada e xerar un impreso de emenda.

Na epígrafe «Motivo polo cal fai a solicitude» deberá elixir a opción «2. Fase de concurso de proceso selectivo».

Na epígrafe «Datos da súa unidade de persoal», no campo «Nome» deberá escribir «Dirección Xeral da Función Pública» e no campo de «Enderezo» deberá escribir «Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela».

Ao finalizar as correccións, modificacións ou inclusións de novos datos, a persoa interesada pechará a súa solicitude premendo no botón «Pechar e xerar impreso de emenda».

A persoa interesada deberá asinar o impreso de emenda e deberá remitilo á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública, Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, e deberá achegar toda a documentación válida para xustificar os méritos engadidos ou modificados, de conformidade co establecido no punto cuarto desta resolución.

Se a persoa interesada non pode acceder á aplicación informática poderá poñerse en contacto co servizo informático da Dirección Xeral da Función Pública, no teléfono 881 99 98 83.

Terceiro

Os datos reflectidos no impreso de conformidade ou no impreso de emenda serán os que poida valorar o tribunal na baremación da fase de concurso e sempre referidos á data que se establece no punto primeiro desta resolución.

Calquera impreso de conformidade ou de emenda e a documentación xustificativa dos méritos que non reúna os requisitos ou que fose rexistrado fóra do prazo establecido no punto segundo desta resolución terase por non presentado.

Todos os datos reflectidos no expediente administrativo das persoas interesadas e que xa consten validados con anterioridade serán os que teña en conta o tribunal na baremación da fase de concurso, sempre que estean referidos á data que se establece no punto primeiro desta resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva non se admitirá, unha vez rematado o prazo de presentación de instancias e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha documentación acreditativa de novos méritos aínda que consten rexistrados no expediente electrónico, agás aquela documentación que, xustificando documentalmente que foi solicitada pola persoa interesada ao organismo ou entidade competente no prazo de presentación de solicitudes ou nun momento anterior, non fose recibida pola persoa interesada no indicado prazo, suposto en que se admitirá a súa presentación ata o momento da finalización do prazo para a presentación de reclamación á baremación provisional.

Fóra deste suposto e prazo non se admitirá a presentación de ningunha documentación acreditativa de novos méritos.

As persoas interesadas que, con anterioridade á data de publicación desta resolución no DOG, rexistrasen no sistema informático a validación dalgún mérito no expediente electrónico e que se atope pendente de validar, deberán presentar, de ser o caso, dentro do prazo de presentación de solicitudes, a documentación complementaria para acreditar debidamente os méritos alegados.

A petición de valoración de cursos acreditarase mediante copia auténtica ou orixinal do certificado de asistencia ao curso en que deberá constar o organismo ou entidade que organizou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, contido do curso e número de horas lectivas.

Aos títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto de calquera dos oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia deberá xuntarse a súa tradución para o castelán ou o galego, que deberá ser efectuada:

a) Por tradutor xuramentado, debidamente autorizado ou inscrito en España.

b) Por calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

c) Pola representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadá a persoa interesada.

Cuarto. Remisión da documentación acreditativa dos méritos alegados

Toda a documentación válida para xustificar os méritos engadidos ou modificados pola persoa interesada no seu expediente administrativo deberá ser remitida á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública, Edificio Administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela, tendo en conta o seguinte:

Os certificados asinados electronicamente e os documentos electrónicos poderán remitirse a través do rexistro electrónico. A persoa solicitante, para a remisión electrónica, empregará o modelo co código PR004A, previsto na Orde do 4 de maio de 2017 que aproba a posta en funcionamento do servizo para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conteñen un sistema electrónico específico, habilitado na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal. Ou ben presentará a documentación nas oficinas de Rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Se a documentación que se presente é un documento orixinal en papel ou carece de sinatura electrónica e/ou validación electrónica, deberá presentarse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para que o persoal funcionario do rexistro acredite que é copia electrónica auténtica de documento.

A documentación acreditativa dos méritos deberá presentarse na orde que figura cada un dos méritos na solicitude de validación.

As persoas interesadas que o desexen poden facer uso do modelo incluído nesta resolución como anexo II.

Quinto. Acreditación do grao persoal consolidado e formalizado e do exercicio dos dereitos de conciliación para as persoas aspirantes que prestasen servizo na Xunta de Galicia

a) O grao persoal consolidado e formalizado establecido na base II.2 será comprobado de oficio pola Dirección Xeral da Función Pública.

b) Para acreditar o exercicio dos dereitos de conciliación establecidos na base II.2, as persoas aspirantes presentarán certificación segundo o modelo que figura como anexo I a esta resolución, que será expedida e debidamente asinada polas unidades seguintes, de acordo co destino de cada aspirante no día de publicación desta resolución no DOG:

– Servizos centrais: as persoas titulares da secretaría xeral técnica, subdirección xeral ou xefatura do servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral técnica da consellería respectiva, ou titulares dos órganos ou unidades equivalentes das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

– Servizos periféricos: as persoas titulares das xefaturas territoriais ou, de ser o caso, persoal funcionario responsable da área de persoal das xefaturas territoriais da consellería respectiva, ou das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

Sexto. Acreditación do grao persoal consolidado e formalizado e do exercicio dos dereitos de conciliación para as persoas aspirantes que prestasen servizo noutras administracións públicas distintas da Xunta de Galicia

Neste caso, a xustificación dos méritos alegados polas persoas aspirantes farase mediante a presentación da certificación segundo o modelo que figura como anexo I a esta resolución, que será expedida e debidamente asinada polas persoas titulares das unidades da Administración pública en que prestasen servizos e que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal.

Sétimo. Acreditación do exercicio dos dereitos de conciliación para as persoas aspirantes que non prestasen servizo nalgunha Administración pública

Neste caso a xustificación dos méritos alegados polas persoas aspirantes farase mediante a presentación da certificación emitida pola Seguridade Social.

Oitavo

Os certificados acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega deberán rexistrarse na epígrafe «Galego e Grao» do expediente electrónico e deberá remitirse a documentación que o acredite, salvo que xa conste este título como validado no expediente electrónico.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2021

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

MODELO DE CERTIFICADO DO EXERCICIO DE DEREITOS DE CONCILIACIÓN

Méritos que se fan constar relativos á fase de concurso.

Datos da persoa certificadora:

Nome

Cargo e entidade

CERTIFICA que, segundo os datos que constan neste centro directivo, ____________________________________________________, con DNI __________________________, ten acreditados os seguintes méritos:

Base II.2. Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación da convocatoria do proceso selectivo no DOG:

Permiso por parto, adopción, acollemento ou nacemento

Desde

Ata

Redución de xornada artigo 106.2 a) e b) da LEPG ou excedencia por coidado de familiares

Desde

Ata

O que fago constar para os correspondentes efectos de participación no proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Orde do 7 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 21, do 31 de xaneiro) e asino esta certificación en __________________________, ____ de ________________ de 2021.

ANEXO II

MODELO DE INSTANCIA DE REMISIÓN DE DOCUMENTOS

Don/dona ___________________________________________________________________, con DNI/NIE número____________________, e con domicilio para efectos de notificación en ___________________________________________________________________ no concello de ________________________, código postal __________ , provincia de _____________________, teléfono de contacto ___________________ e correo electrónico _____________________________ achega a documentación acreditativa dos méritos alegados na fase de concurso do proceso selectivo para o acceso ao corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Orde do 7 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 21, do 31 de xaneiro).

(Data e sinatura)

DIRECCIÓN XERAL DA FUNCIÓN PÚBLICA

Servizo de Selección

Consellería de Facenda e Administración Pública

Edificio Administrativo San Caetano

15781 Santiago de Compostela