Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 7 de decembro de 2021 Páx. 59457

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 29 de novembro do 2021 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión de subvencións para compensar as empresas de transformación que tivesen perdas de produción como consecuencia do brote da COVID-19, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), convocadas pola Orde do 11 de xuño de 2021.

BDNS (Identif.): 571563.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas, xurídicas ou pluralidade de persoas físicas que sexan empresas do sector de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura, titulares de centros produtivos en Galicia, que visen reducida a súa produción entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia da pandemia da COVID-19, sempre que as perdas sexan de polo menos un 20 % en relación cos ingresos medios para o mesmo período nos 3 anos anteriores (2017, 2018 e 2019). No caso de empresas con menos de tres anos de actividade, estas deberán ter actividade durante polo menos o ano natural 2019 completo.

Segundo. Finalidade

A finalidade da presente orde é a de ampliar o crédito para contribuír a compensar as empresas de transformación de produtos da pesca e da acuicultura que tivesen perdas de produción por mor do brote da COVID-19.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 11 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións para compensar as empresas de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura que tiveran perdas de produción entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do brote da COVID-19, independentemente do seu tamaño, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento PE201G).

Cuarto. Importe

Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 11 de xuño de 2021 (DOG nº 121, do 28 de xuño) para o exercicio orzamentario 2021, na cantidade de 2.194.443,97 euros, con cargo á aplicación 15.02.723A.771.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

A presente modificación non afecta o prazo establecido na referida Orde do 11 de xuño de 2021 para a presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2021

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar