Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 7 de decembro de 2021 Páx. 59424

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 161/2021, do 25 de novembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dunha senda na AC-305, no treito A Casilla-O Araño-Burés, no concello de Rianxo (clave AC/19/005.06).

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 9 de agosto de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 151 o Anuncio do 26 de xullo de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción dunha senda na AC-305, no treito A Casilla-O Araño-Burés, de clave AC/19/005.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto de referencia.

Segundo. Tras a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 11 de novembro de 2021 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción dunha senda na AC-305, no treito A Casilla-O Araño-Burés, de clave AC/19/005.06.

O obxecto do presente proxecto consiste na construción dunha senda peonil destinada á mellora da seguridade viaria entre os puntos quilométricos (pp.qq.) 9+960-10+760 (Burés-Os Xens) e 12+510-13+020 (Contrés-A Casilla) da AC-305, coa finalidade de fomentar a mobilidade alternativa e de acadar unha diminución do tráfico rodado motorizado diario que actualmente existe entre os núcleos de Burés e A Casilla.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de novembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción dunha senda na AC-305, no treito A Casilla-O Araño-Burés, de clave AC/19/005.06.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de novembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade