Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 9 de decembro de 2021 Páx. 59618

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia no ano 2022, en desenvolvemento do Real decreto 284/2021, do 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada e polo que se modifica o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro (códigos de procedemento IF310D/IF310E).

A Directiva 2003/59/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, relativa á cualificación inicial e á formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, pola que se modifican o Regulamento (CEE) núm. 3820/85, do Consello, e a Directiva 91/439/CEE, do Consello, estableceu unha nova formación obrigatoria para determinados condutores/as profesionais.

Con posterioridade, mediante a Directiva (UE) nº 2018/645 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de abril de 2018, modificáronse tanto a Directiva 2003/59/CE como a Directiva 2006/126/CE sobre o permiso de condución. Recentemente, mediante o Real decreto 284/2021, do 20 de abril, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada e polo que se modifica o Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, incorpóranse ao ordenamento xurídico español as novidades introducidas pola dita directiva (UE) nº 2018/645.

O Real decreto 284/2021, do 20 de abril, regula no anexo V os exames de cualificación inicial.

A convocatoria destas probas corresponde á Xunta de Galicia con base na delegación de competencias efectuada pola Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de competencias do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.

O artigo 17 do dito real decreto establece que deberán convocarse exames polo menos seis veces ao ano, podendo o órgano competente publicar unha vez ao ano todas as convocatorias referidas a este, indicando os prazos de inscrición correspondentes a cada convocatoria.

A convocatoria destas probas correspóndelle á Xunta de Galicia con base na delegación de competencias efectuada pola Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de competencias do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.

Na súa virtude, de conformidade coas previsións contidas na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, na Directiva (UE) nº 2018/645 do Parlamento Europeo e do Consello e no Real decreto 284/2021, do 20 de abril.

DISPOÑO:

1. Convocatoria.

Convócanse para o ano 2022, as probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros/as por estrada que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución. Os procedementos asociados a esta norma son o de inscrición ás ditas probas (anexo I-IF310D) e o de devolución de taxas en relación á dita inscrición (anexo II-IF310E).

2. Calendario.

No ano 2022 realizaranse seis convocatorias, tanto para as categorías D1, D1 + E, D e D + E, como para as categorías C1, C1 + E, C e C + E, que se desenvolverán de acordo co seguinte calendario e prazos de inscrición:

Convocatoría

Intervalo de celebración

Prazo de inscrición

19.12.2021 a 9.2.2022

Desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 7.1.2022

16.2.2022 a 6.4.2022

Desde o 8.1.2022 ata o 28.2.2022

13.4.2022 a 11.5.2022

Desde o 1.3.2022 ata o 15.4.2022

18.5.2022 a 27.7.2022

Desde o 16.4.2022 ata o 10.6.2022

3.8.2022 a 12.10.2022

Desde o 11.6.2022 ata o 30.8.2022

19.10.2022 a 14.12.2022

Desde o 31.8.2022 ata o 31.10.2022

En atención á evolución da situación sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19, as anteriores datas poderán ser obxecto de ulterior modificación, incluso unificando a celebración de convocatorias de exame, información que sería obxecto de publicación na web oficial da Dirección Xeral de Mobilidade, sección de Formación, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

3. Órgano responsable da tramitación.

O órgano responsable da tramitación dos procedementos regulados nesta resolución é a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia.

4. Inscrición.

4.1. Solicitudes.

a) As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica na sede electrónica do Ministerio de Fomento. Con esta finalidade poderase acceder á sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, procedemento IF310D (anexo I), onde se amosará o enlace á sede electrónica do Ministerio de Fomento en que se deberá realizar a inscrición cubrindo os datos requiridos para tal efecto.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

b) As persoas aspirantes excluídas ou non admitidas á realización das probas poderán solicitar a devolución das taxas que aboasen, de ser o caso, a través do procedemento IF310E, presentando para o efecto unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución.

c) As solicitudes de devolución de taxas (IF310E-anexo II) presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

d) Ao abeiro do establecido no artigo 10.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, nos procedementos regulados nesta resolución é obrigatoria a presentación electrónica, tanto das solicitudes como da documentación complementaria, dada a necesidade de inscrición na sede electrónica do Ministerio de Fomento para a comprobación de requisitos de acceso ás probas en todo o territorio estatal e tendo en conta tamén que está dirixido a un colectivo profesional de transportistas de mercadorías e de viaxeiros que, para o exercicio de traballos asociados coa dita profesión, deberán dispoñer de medios para a tramitación electrónica, especialmente nos casos de traballo por conta propia, nos que xa resulta obrigatoria de acordo coa lexislación vixente.

4.2. Documentación complementaria.

A documentación complementaria do procedemento de inscrición ás probas (IF310D-anexo I) presentarase obrigatoriamente por vía electrónica, para o cal deberá achegarse na opción habilitada para tal efecto dentro da mesma aplicación do Ministerio de Fomento utilizada para a inscrición.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

A documentación complementaria que se deberá presentar será o impreso de liquidación das taxas, que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou poden recollerse nas Oficinas de Atención á Cidadanía e de Rexistro, polo importe que estableza para o efecto a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Deberase aboar unha taxa por cada unha das actividades mencionadas a que cada interesado se presente, e por cada convocatoria. O pagamento da taxa ten que realizarse durante o período de inscrición da correspondente convocatoria.

O ingreso da/das taxa/s efectuarase en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Os códigos que deberán cubrir nos impresos de autoliquidación son os seguintes:

Consellería: 06-Infraestruturas e Mobilidade.

Delegación: 13-Servizos Centrais.

Servizo: 02-Mobilidade.

Taxa: 310120-Inscrición nas probas para a obtención e/ou renovación da competencia profesional para a actividade de transporte, a cualificación profesional para a condución de determinados vehículos dedicados á actividade de transporte, e/ou cualificación como conselleiros de seguridade en transporte de mercadorías perigosas.

Na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, tamén se dará información dos códigos que correspondan para cubrir os impresos de autoliquidación.

4.3. Comprobación de datos.

4.3.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE en vigor da persoa solicitante.

b) DNI/NIE en vigor da persoa representante, de ser o caso.

c) Inscrición como demandante de emprego.

d) Prestacións ou subsidios por desemprego que se perciban.

4.3.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4.3.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4.4. Exención da taxa de inscrición para as probas.

De acordo co establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, terán dereito á exención da taxa do procedemento de inscrición (IF310D-anexo I) as persoas que figuren como demandantes de emprego desde polo menos seis meses anteriores á data da convocatoria das probas nas que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego. O órgano responsable do procedemento comprobará de oficio os ditos requisitos, agás que, excepcionalmente, sexa necesario o requirimento á persoa interesada da acreditación documental das ditas circunstancias, debido á imposibilidade de realizar a dita comprobación ou cando sexa necesario, a xuízo do órgano responsable, para acreditar de forma fidedigna o cumprimento dos ditos requisitos.

4.5. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

5. Notificación de actos administrativos

5.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5.2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5.3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5.4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5.5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Información adicional.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na páxina web oficial da Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a través do seguinte enderezo electrónico: formacion.transportes@xunta.gal

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2021

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade