Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 9 de decembro de 2021 Páx. 59718

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 29 de novembro de 2021 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de dous postos de traballo vacantes na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da mesma lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, os postos de traballo que se indican no anexo I desta orde.

Segundo. Poderán concorrer a eles os/as funcionarios/as de carreira que reúnan as condicións que para os postos de traballo se sinalan no anexo I.

Terceiro. As solicitudes dirixiranse á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos no prazo de quince (15) días, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II. Para achegar a dita solicitude, na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, e para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Cuarto. As persoas aspirantes deberán achegar coa petición un currículo e xustificar, mediante certificación ou copia electrónica auténtica dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen.

Os méritos alegados e non probados segundo se indica no parágrafo anterior non se terán en conta.

Quinto. No caso de que resulte seleccionado/a para ocupar un posto de traballo dos que se relacionan no anexo I desta orde un/unha funcionario/a con destino noutras administracións, requirirase o informe favorable do departamento onde preste servizos, e considerarase favorable de non emitirse no prazo de quince días naturais, segundo o preceptuado no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo. Unha vez tramitado o seu traslado a esta comunidade autónoma, procederase a adxudicarlle o posto para o que foi seleccionado. Se no prazo de dous meses, a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia, o/a funcionario/a seleccionado/a non se pode incorporar á comunidade autónoma, considerarase deserto o posto e poderase proceder de novo á súa provisión.

Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá, de considerarse oportuno, declararse deserto o posto de traballo.

Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar na data que se determine xustificadamente mediante orde da persoa titular da consellería convocante, publicada no Diario Oficial de Galicia. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde a dita data.

Oitavo. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados pola Xunta de Galicia-Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive deste procedemento de provisión de posto de traballo con convocatoria pública. Polo tanto, os datos recadados serán tratados para tramitar as solicitudes e resolver a convocatoria. Esta finalidade está baseada no cumprimento dunha obriga legal, segundo a normativa xeral e sectorial referida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Os datos da persoa seleccionada para ocupar o posto de traballo que se anuncia poderán ser comunicados á Dirección Xeral da Función Pública, para os efectos do cumprimento das obrigas legais que lle corresponden, e o seu nome, apelidos e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

Os datos conservaranse durante o tempo necesario para cumprir coa finalidade para a cal se solicitaron e para determinar as posibles responsabilidades que poidan derivar da dita finalidade e do tratamento dos datos. Será de aplicación a normativa de arquivos.

As persoas interesadas poderán solicitar o acceso, rectificación, limitación e supresión dos seus datos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos

Noveno. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, perante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, á súa elección, perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2021

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO I

Código do posto: PX.A11.00.005.15770.050.

Denominación do posto: Xefatura do Departamento de Coordinación Transversal.

Subgrupo: A1-A2.

Nivel: 28.

Corpo ou escala: xeral/especial/xeral (escala informática)/docente.

Código de adscrición ás administracións públicas: A17 (adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e CC.AA. e persoal docente con destino na Comunidade Autónoma de Galicia).

Formación específica: 640 (para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego-requisito indispensable).

Dependencia: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Localidade: Santiago de Compostela.

Código do posto: PX.A11.00.005.15770.080.

Denominación do posto: xerente de Proxectos.

Subgrupo: A1-A2.

Nivel: 28.

Corpo ou escala: xeral/especial/xeral (escala informática).

Código de adscrición ás administracións públicas: A11 (adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e CC.AA.).

Formación específica: 640 (para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego-requisito indispensable).

Dependencia: Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Localidade: Santiago de Compostela.

missing image file