Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 9 de decembro de 2021 Páx. 59860

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2021 pola que se convoca un proceso selectivo para ingresar como persoal laboral fixo do grupo III na categoría de técnico/a especialista de física, polo sistema de promoción interna.

De conformidade co disposto na Resolución reitoral do 13 de decembro de 2018 (DOG do 24 de decembro) pola que se aprobou a oferta pública de emprego (OEP) do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo para o ano 2018, esta reitoría en uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, BOE do 24 de decembro, de universidades, e polos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro) do Goberno da Xunta de Galicia, resolveu convocar un proceso selectivo para o ingreso na categoría de técnico/a especialista de física, polo sistema de promoción interna, con suxeición ás seguintes bases:

1. Normas xerais.

1.1. Convócase un proceso selectivo para cubrir unha (1) praza de persoal laboral fixo da categoría de técnico/a especialista de física da Universidade de Vigo, grupo III, polo sistema de promoción interna.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición coas características que se indican no anexo I.

1.3. O programa que rexerá as probas relaciónase no anexo II.

1.4. Ao presente proceso selectivo aplicaráselle a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades; o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (EBEP); a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG); o II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo; os estatutos da Universidade de Vigo e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

1.5. Os actos deste proceso que deban publicarse, agás cando a publicación se realice no Diario Oficial de Galicia (DOG), terán como data de efectos a da súa publicación no taboleiro electrónico da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal/public/bulletin/bulletin-index.xhtml). Con efectos unicamente informativos tamén se publicarán no seguinte enderezo electrónico: https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo

1.6. Para os efectos de información e consultas as persoas interesadas poden dirixirse por correo electrónico a consultapas@uvigo.gal e por teléfono ao número 986 81 37 62.

2. Requisitos.

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata a formalización do contrato, os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal laboral fixo da Universidade de Vigo e estar prestando servizos nela con carácter definitivo, en adscrición provisional ou noutra situación con dereito a reserva de praza.

b) Pertencer a unha categoría distinta á da praza ofertada nesta convocatoria.

c) Idade: non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.

d) Titulación: estar en posesión do título de bacharelato ou técnico ou estar en condicións de obtelo na data de remate do prazo de presentación de instancias. Así mesmo, estarase ao disposto na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño (BOE do 17 de xuño), pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada mediante a Orde EDU/520/2011, do 7 de marzo (BOE do 14 de marzo).

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

e) Capacidade: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

f) Habilitación: non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha das administracións públicas ou dos organismos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para desempeñar empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional a que se pertencía. No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

3. Solicitudes.

3.1. Para participar nestas probas selectivas deberase presentar unha solicitude seguindo o modelo oficial dispoñible no seguinte enderezo: https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo > Solicitude de admisión, seguindo as indicacións que figuran nel, cubrindo todos os campos obrigatorios, validándoos e confirmándoos.

Asignarase a cada instancia un número de referencia de identificación único. Unha vez cuberta a instancia, imprimiranse dous exemplares, que deberán ser asinados pola persoa solicitante; segundo o lugar de presentación, un servirá de recibo para a persoa interesada e o outro deberá presentarse perante o reitor da Universidade de Vigo, consonte se regula a epígrafe seguinte.

3.2. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. As solicitudes presentaranse na sede electrónica da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal/public/catalog-detail/1150909); tamén poden presentarse na Oficina de asistencia en materia de rexistro do Campus de Vigo (Edificio Exeria, Campus Universitario, 36310 Vigo), nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Campus de Ourense (Unidade Administrativa), Campus de Pontevedra (Escola de Enxeñaría Forestal) e Vigo (r/ Torrecedeira, nº 86) ou segundo as restantes formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

3.3. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, as persoas aspirantes cun grado de discapacidade igual ou superior ao 33 % indicarán na solicitude as posibles adaptacións de tempo e/ou medios que consideren necesarias para a realización das probas e o seu motivo; para este fin, deberase achegar coa solicitude un certificado que acredite a discapacidade así como o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade; para estes efectos, o ditame médico deberá ser suficientemente explicativo para que o órgano de selección poida valorar a procedencia ou non das adaptacións solicitadas.

3.4. No prazo de presentación de solicitudes deberá acreditarse a titulación requirida na alínea d) da base segunda.

3.5. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fixesen constar nas súas solicitudes, e unicamente poderán demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 4.2; transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza.

3.6. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Reitoría da Universidade de Vigo ditará unha resolución que se publicará no DOG, en que se aprobe a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación do lugar en que se atope exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, co nome, apelidos e número de DNI, así como as causas que motivaran a exclusión, de ser o caso.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

4.3. A estimación ou desestimación das peticións de emenda ou corrección entenderase implícita na resolución da Reitoría, que aprobe a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicará igualmente no DOG.

4.4. O feito de figurar na relación de persoas admitidas non implicará recoñecerlles ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos, de xeito que a constatación de que non os posúen producirá o decaemento de todos os dereitos que se puideran derivar da súa participación.

5. Tribunal.

5.1. A composición do tribunal cualificador destas probas publicarase xunto coa relación provisional indicada na base 4.1 e terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Deberá actuar de acordo ao disposto na LPACAP e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).

5.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir, e notificaranllo ao reitor da Universidade, cando concorran nelas as circunstancias previstas no artigo 23 da LRXSP, cando realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria, ou de ter colaborado durante ese período con centros de preparación de opositores, de acordo co artigo 59.2 da LEPG.

A Presidencia deberá solicitarlles ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os e as integrantes do tribunal cando concorran neles/as algunha das circunstancias sinaladas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da LRXSP.

5.3. A Reitoría publicará nos lugares indicados na base 1.5 a resolución pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán a quen perdese a súa condición por algunhas das causas previstas na base anterior.

5.4. Logo da convocatoria da presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia, presencial ou a distancia, do/da presidente/a e o/a secretario/a, ou, de ser o caso, de quen os/as substitúan, e a metade polo menos dos/das seus/súas membros titulares ou suplentes.

5.5. Corresponderalle ao tribunal a consideración, a verificación e a apreciación das incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento dos exercicios, adoptando ao respecto as decisións que considere pertinentes.

5.6. O tribunal poderalle propor ao reitor a designación de asesores/as especialistas que se limitarán a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas e que deberán posuír titulación de igual ou superior nivel á exixida nesta convocatoria. A súa designación publicarase na páxina electrónica indicada na base 1.5 e seralles de aplicación o previsto en materia de abstención e recusación.

Así mesmo, cando o número de aspirantes o faga conveniente, poderá solicitar do reitor a designación de persoal colaborador.

5.7. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios ca o resto das persoas aspirantes. Para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base 3.3, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

5.8. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e excluirá a aquelas que consignen nas follas de exame marcas ou signos que que as singularicen.

5.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre calquera dos requisitos exixidos na presente convocatoria, logo da audiencia da persoa interesada, deberalle propor a súa exclusión ao órgano que convoca ou, se é o caso, pór no seu coñecemento a posible concorrencia desta circunstancia, para que, logo das comprobacións necesarias, se resolva ao respecto.

5.10. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura da praza convocada, cando se produza renuncia da persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación a persoa proposta, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.

5.11. Para os efectos de comunicacións o tribunal terá a súa sede no Edificio Exeria, e poderá dirixirse polas canles sinaladas na base 1.6.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra Y, de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda do 29 de xaneiro de 2021 (DOG do 5 de febreiro).

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento, no cal acreditarán a súa identidade e serán excluídas do proceso selectivo as que non comparezan. Deberán obedecer as instrucións do tribunal, e de ser o caso, do persoal colaborador para o seu correcto desenvolvemento; en caso contrario poderán impedirlle ao aspirante a continuación do proceso. Contra este acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. A resolución final deste proceso selectivo ditarase antes de que transcorra un ano desde a publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado (BOE), sen contar o mes de agosto.

6.4. As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro dos cinco días hábiles seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente tomando en conta, ademais do alegado, os dereitos das demais persoas aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables e ás necesidades e aos intereses da universidade. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.5. O lugar, a data e a hora de realización do primeiro exercicio publicarase nos lugares previstos na base 1.5 cun mes de antelación, e non se realizará antes do 1 de febreiro de 2022.

A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal, no lugar ou lugares onde se realizase o anterior, e ademais nos lugares indicados no parágrafo anterior, cunha antelación mínima de 2 días á data sinalada para a súa iniciación.

6.6. En caso de que o tribunal acorde criterios de avaliación en desenvolvemento dos establecidos nesta convocatoria, publicaraos previamente á súa aplicación nos lugares previstos na base 1.5.

6.7. Tras cada exercicio, as persoas aspirantes poderán levar os cuestionarios e, das probas tipo test, o tribunal publicará as respostas correctas na páxina electrónica indicada na base 1.5.

6.8. Os aspirantes que superen o primeiro exercicio da oposición deberán presentar nos lugares indicados na base 3.2, no prazo de dez días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación do acordo do tribunal coa cualificación do dito exercicio, documentación acreditativa da formación mediante copia do título, diploma ou certificación correspondente en que consten todos os elementos necesarios para a valoración ou susceptibles dela.

Neste mesmo prazo, a Universidade de Vigo expedirá de oficio unha certificación acreditativa da antigüidade, e remitirá o orixinal ao tribunal e unha copia á persoa interesada.

Os méritos valoraranse por referencia á data de publicación desta convocatoria no DOG e non se valorarán os que non se presenten suficientemente acreditados nin os presentados fóra deste prazo.

7. Cualificacións.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará público nos lugares previstos na base 1.5 un acordo coa relación de persoas aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do nome; contra este acordo, poderanse presentar reclamacións no prazo de cinco días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

7.2. Rematada a fase de oposición, o tribunal publicará a listaxe coa valoración provisional da fase de concurso dos aspirantes que a superaran, detallada para cada unha das epígrafes que se relacionan no anexo I, contra a cal se poderá reclamar no prazos de tres días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

7.3. Unha vez resoltas as reclamacións, a Presidencia do tribunal publicará a relación coas persoas que superasen o proceso selectivo, ordenadas consonte a puntuación final obtida, con indicación das puntuacións definitivas da fase de concurso e de cada un dos exercicios da oposición. A continuación elevaraa á Reitoría, que ditará e publicará unha resolución poñendo fin ao proceso selectivo.

7.4. A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas en ambas as dúas fases. No suposto de empate, acudirase por orde aos seguintes criterios:

a) Puntuación obtida no conxunto da fase de oposición.

b) Puntuación obtida en cada un dos exercicios pola seguinte orde: segundo e primeiro.

c) Puntuación obtida no conxunto da fase de concurso.

d) Puntuación obtida en cada unha das epígrafes da fase de concurso na orde en que se relacionan no anexo.

e) Sorteo entre as persoas implicadas.

7.5. Tras finalizar o proceso selectivo, o tribunal valorará os méritos da fase de concurso e elaborará unha relación ordenada cos aspirantes de acordo coa normativa de elaboración de listas de agarda da Universidade de Vigo. A lista de agarda resultante utilizarase para atender as necesidades de persoal de carácter exclusivamente temporal que poidan xurdir.

8. Presentación de documentos e formalización do contrato.

8.1. A partir do día seguinte ao da publicación indicada na base 7.3, as persoas propostas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para presentar na Oficina de asistencia en materia de rexistro da Universidade de Vigo os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada do título académico ou certificación académica acreditativa de ter aprobadas todas as materias que capacitan para a obtención do título, xuntarase o xustificante acreditativo de ter aboados os dereitos para a expedición do título; no caso de titulación obtida no estranxeiro, presentarase credencial da súa homologación ou equivalencia.

b) Informe do Servizo Público de Saúde acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que imposibilite o desempeño das correspondentes funcións. Quen fixese valer a súa condición de persoa con discapacidade deberá acreditar a súa compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

8.2. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos, as persoas aspirantes formalizarán un contrato de traballo, no cal se incluirá un período de proba dun mes, transcorrido o cal e de telo superado satisfactoriamente, adquirirán a condición de persoal laboral fixo.

Estará exento do período de proba quen tivese desempeñado a mesma categoría e funcións na Universidade de Vigo, por un período igual ou superior ao indicado.

8.3. Se dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior libremente apreciados, non se presentase a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorra por falsidade na solicitude inicial.

Neste caso ou no de non superar o período de proba, o posto adxudicaráselle á seguinte persoa candidata de entre as que superasen o proceso selectivo.

9. Norma derradeira.

9.1. De acordo co disposto no artigo 13 do Regulamento (UE) nº  2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección da persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e co disposto no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos facilitados na solicitude serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade de Vigo, coa finalidade de xestionar a tramitación deste procedemento selectivo e amparados pola Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e os estatutos da Universidade de Vigo.

Coa súa participación nesta convocatoria as persoas interesadas autorizan a Universidade de Vigo para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así se derive da natureza desta convocatoria. Non obstante e co fin de previr riscos para a publicidade de datos persoais de vítimas de violencia de xénero, a persoa afectada comunicará esta circunstancia coa maior celeridade á Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo (986 81 34 19 e igualdade@uvigo.es).

Estes datos trataranse durante o tempo imprescindible para cumprir coa citada finalidade e conservaranse durante o prazo necesario para determinar as posibles responsabilidades que se puidesen derivar da dita finalidade e do tratamento dos datos.

As persoas participantes están obrigadas a facilitar estes datos en virtude do especificado nos parágrafos anteriores e, en caso de non facelo, excluiráselles do proceso selectivo.

As persoas participantes teñen dereito a solicitarlle ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, a rectificación ou a supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento, así como a oporse ao dito tratamento e a solicitar, agás casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade dos seus datos.

Estes dereitos poderán exercerse mediante solicitude dirixida ao reitor da Universidade de Vigo na Oficina de asistencia en materia de rexistro da Universidade de Vigo, ou en calquera dos rexistros indicados no artigo 16 da LPCAP e remitida á Secretaría Xeral da Universidade de Vigo, Campus universitario Lagoas-Marcosende, 36310 Vigo (Pontevedra). Máis información: https://www.uvigo.gal/proteccion-datos

Igualmente, pode dirixir a dita solicitude directamente á delegada de protección de datos do responsable: Ana Garriga Domínguez, Facultade de Dereito, Campus Universitario As Lagoas s/n, 32004, Ourense (España), 988 36 88 34, dpd@uvigo.gal

Tamén pode presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

9.2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 25 de novembro de 2021

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

Proceso selectivo

a) Fase de oposición.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite ao día primeiro do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas expresas que figuran no anexo II e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan no momento da súa derrogación parcial ou total, con data límite ao día primeiro do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio.

Non se permitirá o uso de ningún tipo de dispositivo, material nin recurso en ningún formato.

A oposición estará formada polos seguintes exercicios obrigatorios:

Primeiro. De carácter teórico, escrito e eliminatorio. Consistirá en contestar un test de 100 preguntas con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, acerca das materias do programa. Cualificarase cun máximo de 40 puntos, e será necesario obter 20 puntos para superalo.

O tempo de realización será de 120 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. O exercicio incluirá 6 preguntas de reserva que deberán responderse dentro do tempo indicado.

Segundo. De carácter práctico e eliminatorio. Consistirá en realizar as probas prácticas e/ou resolver un ou varios supostos prácticos relativos ao programa. Cualificarase cun máximo de 45 puntos, e será necesario obter 22,5 puntos para superalo.

O tempo de realización será de 150 minutos.

b) Fase de concurso.

1. Antigüidade na Universidade de Vigo: ata un máximo de 10 puntos, a razón de 0,105 por mes completo traballado. Valoraranse os servizos prestados en calquera categoría de persoal laboral incluída na clasificación do II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, ou categorías extinguidas por transformación e/ou promoción, actualmente establecidas na relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo (Resolución do 8 de xuño de 2021, DOG do 16 de xuño).

2. Formación: ata un máximo de 5 puntos. Valorarase a formación relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais, incluídas as materias cursadas para a obtención de títulos oficiais superiores ao exixido pola convocatoria ou afíns; neste último caso, deberá achegarse o programa académico ou a guía docente da materia correspondente ao curso en que se superara, con indicación do contido e da duración en horas.

Duración

Puntuación

De 30 horas a 99 horas

1 punto

De100 horas a 249 horas

2 puntos

De 250 horas a 499 horas

3 puntos

Igual ou superior a 500 horas

4 puntos

Os cursos cunha duración menor de 30 horas non se tomarán en consideración agás que a suma deles sexa igual ou superior a 30 horas, e recibirase polo conxunto un máximo de 1 punto.

Considerarase que a formación está directamente relacionada coa categoría se o seu contido se refire directamente aos temas que configuran o programa (anexo II), consideración que recibirán os cursos de galego.

De acreditar máis dun nivel de coñecemento, valorarase unicamente o curso de superior nivel. No caso dos cursos de galego, só se valorarán os de nivel superior ao exixido na convocatoria: Celga 5 e os cursos medio e superior de linguaxe administrativa galega e de linguaxe xurídica galega.

ANEXO II

Programa

1. Tratamento do erro en medidas experimentais.

2. Instrumentación: osciloscopio e multímetro. Fundamentos e manexo.

3. Cinemática. Sistema de referencia. Traxectoria, velocidade e aceleración. Movemento rectilíneo e curvilíneo.

4. Dinámica. Leis de Newton. Momento lineal. Lei de gravitación universal. Lei de Hooke. Enerxía potencial. Momento angular. Momento de inercia. Enerxía cinética de translación e rotación. Teoremas de conservación. Movemento harmónico simple.

5. Fluídos. Densidade. Viscosidade. Tensión superficial. Presión hidrostática. Principio de Arquímedes.

6. Electrostática. Carga eléctrica. Lei de Coulomb. Campo electrostático potencial electrostático. Condutores e dieléctricos.

7. Corrente eléctrica. Corrente continua e alterna. Lei de Ohm. Asociación de resistencias e condensadores. Leis de Kirchhoff.

8. Campo magnético. Indución magnética. Imantación. Tipos de magnetismo. Histérese magnética. Forza de Lorentz. Lei de Ampère.

9. Indución electromagnética. Leis de Faraday e de Lenz. Indución mutua e autoindución.

10. Termodinámica. Conceptos de temperatura, calor e traballo termodinámico. Principios da termodinámica. Expansión térmica. Calor específico. Ecuación de estado dos gases ideais. Calor latente e cambios de estado.