Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 10 de decembro de 2021 Páx. 60056

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de decembro de 2021 pola que se amplía o prazo de xustificación previsto na Resolución do 23 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ao sector da hostalaría para a promoción da dixitalización e o márketing dixital, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU503C).

O 24 de setembro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 185 a Resolución do 23 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ao sector da hostalaría para a promoción da dixitalización e o márketing dixital, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU503C).

A dita resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións, para contribuír á recuperación de destinos turísticos a través de axudas ao sector da hostalaría para a promoción da dixitalización e o márketing dixital para o ano 2021, co fin de remediar a grave perturbación que na economía galega provocou o gromo da COVID-19, facilitándolles acceso á liquidez e protección fronte a outros prexuízos económicos significativos que xurdisen por mor da COVID-19 mediante liñas de axudas que, con especial incidencia na transformación dixital, melloren a súa actividade económica e incrementen a súa competitividade.

O artigo 19 establece que, para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 10 de decembro de 2021 para presentar a documentación xustificativa da execución do proxecto.

Polas circunstancias especiais de tramitación deste procedemento, debido á gran cantidade de solicitudes presentadas e dada a proximidade do prazo de xustificación establecido na resolución de convocatoria, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación, de tal xeito que os beneficiarios das axudas poderán presentar a xustificación dos gastos ata 17 de decembro de 2021, sen que con iso se cause prexuízos a terceiros.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar o prazo de xustificación dos proxectos presentados ao abeiro da Resolución do 23 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ao sector da hostalaría para a promoción da dixitalización e o márketing dixital, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU503C) ata o 17 de decembro de 2021.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2021

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia