Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 14 de decembro de 2021 Páx. 61204

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2021 pola que se convocan probas selectivas para cubrir sesenta e cinco prazas da categoría profesional de auxiliar técnico de servizos, grupo IV.1, polas quendas de promoción interna e de acceso libre, vacantes no cadro de persoal laboral.

As prazas convocadas correspóndense coas seguintes ofertas de emprego público:

Resolución do 21 de decembro de 2018 (DOG do 31 de decembro) pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2018. Oferta xeral, categoría oficial de servizos: tres (3) prazas pola quenda de promoción interna e dúas (2) prazas de acceso libre pola quenda de discapacidade. Estabilización, categoría oficial de servizos: quince (15) prazas acceso libre, das cales tres (3) son da quenda de discapacidade.

Resolución do 12 de decembro de 2019 (DOG do 23 de decembro) pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2019. Categoría oficial de servizos: tres (3) prazas por promoción interna e tres (3) prazas de acceso libre, das cales unha (1) se oferta pola quenda de discapacidade.

Resolución do 24 de setembro de 2020 (DOG do 5 de outubro) pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2020. Oferta xeral, categoría oficial de servizos: cinco (5) prazas de acceso libre. Oferta adicional de estabilización, categoría auxiliar técnico en informática: quince (15) prazas de acceso libre, das cales tres (3) son da quenda de discapacidade.

Resolución do 17 de agosto de 2021 (DOG do 25 de agosto) pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2021. Oferta xeral, categoría auxiliar técnico de servizos: sete (7) prazas de acceso libre, das cales unha (1) é da quenda de discapacidade.

Resolución do 10 de novembro de 2021 (DOG do 18 de novembro) pola que se publica a oferta complementaria de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2021. Oferta adicional de estabilización, categoría auxiliar técnico de servizos: dez (10) prazas de acceso libre, das cales unha (1) é da quenda de discapacidade. Oferta xeral, categoría auxiliar técnico de servizos: dúas (2) prazas de acceso libre.

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na súa reunión do 30 de outubro de 2020, aprobou a unificación das categorías de auxiliar técnico informático (ATI) e oficial de servizos (OFIS) nunha nova categoría denominada auxiliar técnico de servizos.

Como consecuencia desta unificación, as prazas vacantes das categorías auxiliar técnico informático e oficial de servizos das ofertas de emprego público acumuladas dos anos 2018, 2019 e 2020 pasan a convocarse pola nova categoría de auxiliar técnico de servizos.

De conformidade co anterior, o reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como nos estatutos desta universidade, e co fin de atender de maneira estable as necesidades estruturais de persoal de administración e servizos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para cubrir sesenta e cinco (65) prazas da categoría profesional auxiliar técnico de servizos, grupo IV.1, vacantes no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a USC derivados desta convocatoria se realizarán exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo sesenta e cinco (65) prazas vacantes na categoría profesional de auxiliar técnico de servizos, grupo IV.1, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), polas quendas de promoción interna e de acceso libre.

1.2. O número total de prazas vacantes reservadas á quenda de promoción interna ascende a seis (6) prazas.

1.3. O número total da vacantes reservadas á quenda de acceso libre ascende a cincuenta e nove (59) prazas, das cales corenta (40) se corresponden con prazas ofertadas para estabilización de emprego público e dezanove (19) coa oferta xeral.

1.4. Do total de prazas da quenda de acceso libre indicadas no punto anterior reservaranse once (11) para seren cubertas por persoas con discapacidade de grao igual ou superior ao 33 %. No suposto de que estas prazas da cota de reserva non se cubran, acumularanse á quenda xeral de acceso libre.

1.5. O proceso de selección de promoción interna e de acceso libre realizarase conxuntamente. De non se cubriren por promoción interna, non se acumularán ás de acceso libre.

1.6. As persoas aspirantes só poderán participar nunha das formas de acceso.

1.7. As prazas convocadas terán o seu destino nas localidades de Santiago de Compostela e Lugo.

1.8. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións, axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.9. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

1.10. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

1.11. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para seren admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes, e mantelos ata o momento de formalización do contrato, os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún Estado membro da Unión Europea ou nacional dalgún Estado, ao cal, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois e dos nacionais dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea e, cando así o prevexa o correspondente tratado, o dos nacionais dalgún Estado ao cal, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, menores de vinte e un (21) anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

Quen, non sendo español nin nacional dun Estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade, sendo titular dun documento que o/a habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión de titulación de graduado/a en educación secundaria obrigatoria ou titulacións equivalentes. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.

d) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría á cal se pretende incorporar.

e) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública.

f) Non estar sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do Convenio colectivo para persoal laboral da USC.

g) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.10.1 desta convocatoria para as persoas con discapacidade, para os membros de familias numerosas e para os/as demandantes de emprego.

2.2. As persoas aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal laboral fixo da USC.

b) Estar prestando servizos con carácter definitivo ou en adscrición provisional.

c) Pertencer a unha categoría distinta da das prazas ofertadas nesta convocatoria.

d) Ter unha antigüidade efectiva de, polo menos, seis meses como persoal laboral fixo na categoría a que pertenzan o último día do prazo de presentación de solicitudes.

e) Poderán quedar exentas do requisito da titulación exixido para a quenda libre, dado que a relación de postos de traballo non recolle unha titulación específica, de acordo co previsto no artigo 37.2 do convenio colectivo para o persoal laboral.

3. Solicitudes.

3.1. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.2. As persoas que desexen participar nesta probas selectivas deberán formalizar a súa solicitude, así como aboar a taxa correspondente, unicamente por medios electrónicos. Para iso empregarase exclusivamente o formulario electrónico habilitado ao respecto que figura no Catálogo de procedementos da sede electrónica da USC:

https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalLaboral.htm

No momento de formalizar a súa solicitude, as persoas aspirantes deberán xuntar a documentación que proceda segundo as bases da convocatoria.

3.3. Para a presentación de solicitudes, as/os aspirantes deben posuír un destes medios de identificación electrónica válidos:

– No caso de persoal da USC: credenciais corporativas.

– No caso de persoal alleo á USC: certificados persoais clase 2CA, certificados incluídos no DNI electrónico ou claves concertadas do sistema Cl@ve.

3.4. As persoas aspirantes deberán facer constar na solicitude a quenda pola cal se inscriben, promoción interna ou acceso libre, segundo corresponda.

3.5. A solicitude presentarase xunto coa seguinte documentación:

– Fotocopia do certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 2 ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

– As persoas aspirantes que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e opten pola cota de reserva para persoas con discapacidade deberán marcar o recadro correspondente da solicitude e acreditalo mediante certificado expedido para o efecto polos órganos competentes. De non o faceren, entenderase que non optan por esta reserva.

As/os aspirantes que teñan ou tivesen expediente administrativo como PAS na USC estarán exentos/as de xustificar documentalmente as condicións e os requisitos xa probados para obteren a súa anterior contratación ou nomeamento e deberán presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non se encontre debidamente acreditada no seu expediente persoal.

As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar:

– Fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado con quen teñan o dito vínculo.

– Declaración ou promesa da persoa aspirante de que non está separada de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

– As persoas aspirantes que estean exentas de realizar a proba previa de acreditación do coñecemento do castelán xuntarán, para tal efecto, fotocopia dos diplomas de español como lingua estranxeira de nivel B2, C1 ou C2 ou equivalente. De non achegaren esta certificación, non poderán ser declaradas exentas e deberán realizar a proba a que se refire a base 6.6.

3.6. A documentación xustificativa dos méritos que se valoran na fase de concurso achegarase coa solicitude, e non serán valorados méritos que non estean suficientemente acreditados documentalmente nin os presentados fóra do prazo establecido para a presentación de solicitudes. A acreditación farase da seguinte maneira:

a) Certificado acreditativo dos servizos prestados, no cal consten a categoría e os períodos en que se prestaron, expedido pola unidade de persoal da Administración pública correspondente. Así mesmo, deberase indicar na epígrafe correspondente da solicitude se os servizos foron prestados na USC ou noutras administracións públicas.

b) Diplomas dos cursos de formación e cualificación profesional.

O certificado acreditativo das cuestións indicadas nas alíneas a) e b) anteriores (certificaranse os cursos que constan no expediente persoal) expedirase de oficio para as persoas aspirantes que presten ou prestasen servizos na USC.

3.7. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.8. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou as copias auténticas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.9. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar, no formulario de inscrición do proceso selectivo, a adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios, para o cal reflectirán con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.

3.10. Os dereitos de exame serán de 25,81 €. Para realizar o seu ingreso, empregarase un dos seguintes medios accesibles desde o formulario de inscrición.

• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.

• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación que se deberá imprimir, unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo; non será preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.

3.10.1. De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

• As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e que non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

3.10.2. As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:

• Persoas con discapacidade: certificado do grao discapacidade.

• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

• Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego na cal conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria.

2º. Certificación expedida polo Servizo Público de Emprego na cal conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

3.10.3. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.10.4. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o cal terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.11. No formulario de solicitude as/os aspirantes deberán asinar a declaración responsable que figura no documento, pola cal manifestan estaren en posesión dos requisitos exixidos nas bases da convocatoria e se comprometen a achegar a documentación que nela se indica.

3.12. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica, polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique na epígrafe «Medios de aviso de notificación» do formulario o teléfono e enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia en sede electrónica, para o acceso á cal se empregarán os medios de identificación que se indican na base 3.3.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución en que declare aprobada a lista provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o lugar no cal está exposta ao público a lista completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivaron a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar os defectos que motivaron a exclusión.

Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas do Catálogo de procedementos na seguinte ligazón:

https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalLaboral.htm, para o cal o/a aspirante deberá empregar os medios de identificación e sinatura que se indican no número 3.3 desta convocatoria.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión e xustifiquen o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a lista definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderase interpor contra ela recurso, perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición, ante o reitor, no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.5. O feito de figurar na lista de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas terá a categoría segunda de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo, aprobado en Consello de Goberno do 29 de decembro de 2020.

5.2. O procedemento de actuación axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5.3. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.4. Os membros do tribunal deberanse abster de intervir, e notificaranllo ao reitor da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.5. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola cal se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.4.

5.6. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal de acordo co previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015, coa asistencia, tanto presencial como a distancia, da maioría absoluta dos seus membros titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.7. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a asistencia presencial ou a distancia do presidente, do secretario e da metade, polo menos, dos seus membros.

5.8. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.9. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os ditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel que a exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlle de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación, con carácter temporal, doutros/as funcionarios/as para colaboraren no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.10. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o número 3.9 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

5.11. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.12 En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, de se producir a renuncia dunha persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou cando non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación as persoas propostas, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra Y, de conformidade co establecido na Resolución do 29 de xaneiro de 2021 da Consellería de Facenda e Administración Pública.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios, derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial.

A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante o proceso selectivo darase un tratamento diferenciado á quenda xeral de acceso da quenda de reserva para persoas con discapacidade, no que se refire ás relacións de admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e á relación de aprobados/as. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única en que se incluirán todas as persoas que superaron o proceso selectivo, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participasen.

6.4. Os sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaranse nos locais onde se realizase a proba anterior, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao seu comezo, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas, se se trata dun novo.

6.5. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.6. Persoas aspirantes con nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na cal se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no artigo 3 do Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do diploma de español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase como apto ou non apto e será necesario obter a valoración de apto para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición.

Quedan eximidas de realizar esta proba as persoas aspirantes que acrediten, conforme se indica na base 3, que están en posesión do diploma de español como lingua estranxeira nalgún dos niveis seguintes: nivel B2, C1 ou C2, ou equivalente, e as/os nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español.

6.7. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se ten coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre algún dos requisitos exixidos por esta convocatoria, deberá propor a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.

Contra esta exclusión poderase interpor recurso, perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

7. Lista de persoas aspirantes aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública, no lugar ou lugares da súa realización, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web: http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html e naqueloutros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes, polas quendas de promoción interna e de acceso libre, que acadaron o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da realización de cada exercicio, para presentaren reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete (7) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentaren reclamacións ás cualificacións.

7.4. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.5. Á publicación anterior xuntarase a relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada unha delas, fosen seleccionadas, pola quenda de acceso que corresponda, na cal constará a cualificación final obtida en cada unha das fases, oposición e concurso, e a proposta provisional de persoas seleccionadas segundo o previsto no anexo I.

No caso de se producir empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios e por esta orde ata que se resolva o empate: maior puntuación na fase de oposición, na fase de coñecementos específicos, no terceiro exercicio, maior idade e a orde alfabética establecida na base 6.1.

7.6. Contra esta publicación as/os aspirantes poderán presentar reclamación, ante o tribunal, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do Rexistro de Entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o cal o/a aspirante debe empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron no número 3.3.

7.7. No caso de aspirantes que se presenten pola quenda de reserva de persoas con discapacidade e superen os exercicios, pero non acaden praza cando a súa puntuación é superior á obtida por outros/as aspirantes do sistema de acceso xeral, serán incluídos pola súa orde de puntuación neste sistema.

7.8. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará, pola quenda de acceso que corresponda, a proposta de contratación a favor das persoas aspirantes seleccionadas, tendo en conta o previsto no número 5.12 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web: http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html

8. Presentación de documentación.

8.1. No prazo de vinte (20) días naturais, contados a partir do seguinte a aquel en que se faga pública a proposta de contratación, as persoas aspirantes que figuren nela deberán presentar, na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros da USC, orixinais e fotocopia da seguinte documentación:

a) DNI ou documento que acredite a nacionalidade.

b) Documento que acredite, de ser o caso, a residencia legal en España.

c) Titulación exixida na base 2.1.c).

d) Certificado acreditativo de lingua galega, indicado na base 3.5.

e) Diploma de español como lingua estranxeira, de ser o caso, indicado na base 3.5.

f) A acreditación do requisito exixido na base 2.1.d) farase mediante a presentación de certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderase acreditar que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen, dentro do prazo fixado e salvo caso de forza maior, non presente a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Adxudicación do postos de traballo.

9.1. As persoas seleccionadas deberán solicitar, por orde de preferencia, as prazas vacantes que previamente lles oferten.

9.2. As persoas seleccionadas pola quenda de promoción interna terán preferencia para a elección de praza sobre as da quenda de acceso libre.

9.3. A adxudicación de destinos efectuarase de acordo coas peticións das persoas interesadas, seguindo a orde de puntuación final obtida.

9.4. As persoas que superasen o proceso selectivo pola cota de prazas reservadas para persoas con discapacidade poderanlle solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a elección de praza dentro do ámbito territorial que determine a convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outros análogos, que deberán ser debidamente acreditados. O reitor resolverá a dita alteración cando estea debidamente xustificada.

9.5. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 por cento poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Á solicitude deberase xuntar un informe, expedido polo órgano competente na materia, que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.

10. Contratación como persoal laboral fixo.

10.1. Concluído o proceso selectivo, a persoa aspirante que o superase será contratada como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

10.2. O período de proba será de dous meses, durante os cales o/a traballador/a terá os dereitos e as obrigas correspondentes ao posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que se poderá producir por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable a quen estivese xa con anterioridade desenvolvendo as mesmas funcións na USC.

11. Listas de espera.

11.1. Elaboraranse listas de espera, tanto para promoción interna como para acceso libre, coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego. Para estes efectos, e co fin de determinar a opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia na epígrafe correspondente da solicitude.

12. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, perante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpor o dito recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2021

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación das prazas: auxiliar técnico de servizos

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a seguir se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican, agás as exencións previstas na descrición do primeiro e cuarto exercicio.

Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o cuarto, que será obrigatorio e non eliminatorio para as persoas que se presenten pola quenda de acceso libre.

As persoas aspirantes deberanse presentar para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal. Así mesmo, deberanse presentar provistas do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

Primeiro exercicio. Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que achegasen documentalmente xunto coa solicitude, ou que teñan acreditado no expediente, o certificado Celga 2 ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que lles facilitarán por escrito.

A duración desta proba será de 45 minutos.

Segunda proba. Comprensión oral.

As persoas aspirantes escoitarán un texto (gravado ou lido no momento) e, nun cuestionario tipo test, deberán contestar unha batería de preguntas que asegure a comprensión do fragmento escoitado.

A duración desta proba será de 15 minutos.

Terceira proba. Comprensión escrita.

Ás persoas aspirantes proporcionaráselles un texto breve, sobre o cal se lles fará unha batería de preguntas tipo test de modo que se avalíe a súa capacidade de comprensión do texto.

A duración desta proba será de 15 minutos.

Cuarta proba. Expresión oral.

Consistirá nunha entrevista co persoal examinador que, nun modelo de folla de avaliación, irá anotando distintos parámetros da fala da persoa entrevistada, tanto da súa fonética como da súa riqueza léxica, tanto da pronuncia como da sintaxe.

A duración da entrevista será de 10 minutos.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

Segundo exercicio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de noventa (90) preguntas tipo test, máis cinco (5) de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos específicos que figuran no programa que se relaciona no anexo II.

O tempo para a realización deste exercicio será de 95 minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 25 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo do 60 % do total das respostas correctas, que supón unha valoración de 15 puntos.

Terceiro exercicio. Consistirá na realización dun exercicio de carácter práctico ou teórico-práctico, proposto polo tribunal e relacionado co contido do programa específico, no cal os/as aspirantes deberán demostrar as capacidades para o desempeño das funcións correspondentes.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 90 minutos.

A puntuación deste exercicio será de 0 a 30 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 12,5 puntos.

Cuarto exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que se presenten pola quenda de promoción interna.

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de trinta (30) preguntas tipo test, máis tres (3) de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao bloque de coñecementos non específicos do programa.

O tempo para a súa realización será de 40 minutos e valorarase de 0 a 5 puntos.

As preguntas adicionais de reserva substituirán, se for o caso, as anuladas pola súa orde.

Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobados e publicados os criterios de avaliación e corrección.

II. Fase de concurso.

Quenda de promoción interna: máximo 40 puntos.

Experiencia: máximo 35 puntos.

• Na mesma categoría incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase a 0,40 puntos/mes. Para estes efectos, consideraranse equivalentes os servizos prestados nas categorías de oficial de servizos e auxiliar técnico informático. Non se valorará o tempo traballado en categoría superior por atribución temporal de funcións.

• Noutras categorías de persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase a 0,10 puntos/mes.

• Na mesma categoría noutras administracións públicas: valorarase a 0,10 puntos/mes ata un máximo de 10 puntos.

Formación. Valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:

Cursos de formación relacionados coa praza:

• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.

• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.

Cursos de formación de lingua galega:

• Celga 3: 0,25 puntos.

• Celga 4: 0,50.

• Celga 5: 0,75 puntos.

• Outros cursos de galego impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con aptitude: 0,02 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con asistencia: 0,01 puntos/hora.

Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valorarase a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso.

Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

Quenda de acceso libre: máximo 40 puntos.

Experiencia: máximo 35 puntos.

• Na mesma categoría e especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,40 puntos/mes. Para estes efectos, consideraranse equivalentes os servizos prestados nas categorías de oficial de servizos e auxiliar técnico informático.

• Na mesma categoría e distinta especialidade incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,30 puntos/mes.

• Na mesma categoría noutras administracións públicas: valorarase 0,10 puntos/mes.

• Noutras categorías de persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase a 0,10 puntos/mes.

Formación. Valorarase igual que para promoción interna ata un máximo de 5 puntos.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.

Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listas de espera, as dúbidas que xurdan resolveraas unha comisión composta por dous representantes da Xerencia e dous en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listas e poderalles solicitar información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.

ANEXO II

Denominación das prazas: auxiliar técnico de servizos

Programa

Coñecementos específicos:

1. Carpintaría: coñecemento das ferramentas máis habituais. Persianas e pechaduras.

2. Electricidade: coñecemento das ferramentas máis habituais. Pantallas de iluminación: elementos que as compoñen. Luces de emerxencia. Coñecementos básicos: enchufes, interruptores e sistemas de protección.

3. Fontanaría: coñecemento das ferramentas máis habituais. Mantemento básico das instalacións de fontanaría: chaves de paso, billas, desaugadoiros, sifóns e cisternas.

4. Calefacción: tipos de circuítos. Partes dunha instalación: caldeira, manómetro, purgador, radiador, válvula de seguridade e vaso de expansión.

5. Xestión de almacén, conservación e reposición de materiais.

6. Tratamento e circulación do correo na USC. Produtos postais básicos: cartas e paquetaría. Sistemas de franqueo: GANES.

7. Deportes: identificación e mantemento dos elementos básicos das instalacións deportivas.

8. Seguridade dos edificios. Sistemas antiincendios: extintores e bocas de incendios equipadas (BIE), características. Plans de autoprotección.

9. Prevención de riscos laborais e saúde laboral no desenvolvemento das funcións propias da categoría.

10. Sustentabilidade na USC. Especial referencia á xestión de refugallos.

11. Información, atención e recepción de persoal.

12. A información da USC na web: estrutura e contidos.

13. A comunicación coa cidadanía. Tipos, elementos e ferramentas de mellora. Barreiras da comunicación. Situacións de tensión: tratamento das queixas.

14. Identidade corporativa da USC. Conceptos básicos.

15. Centros da USC: distribución xeográfica e titulacións oficiais.

16. Servizos da USC: localización e finalidade.

17. Coñecementos básicos de Microsoft Teams.

18. Administración electrónica na USC. Sede electrónica: servizos xerais e servizos persoais.

19. Uso e mantemento básico de medios audiovisuais: coñecemento básico sobre cablaxe de audio e vídeo-datos: cables rca, xlr, vga, hdmi, dvi, utp, usb e jack.

Coñecementos non específicos:

1. A Constitución española: dereitos fundamentais e liberdades públicas.

2. O Convenio colectivo para o persoal laboral da USC.

3. Estatutos da USC: do persoal de administración e servizos.

4. Estatutos da USC: órganos xerais da Universidade.

5. Lei de prevención de riscos laborais: dereitos e obrigas.

6. Código de conduta dos empregados públicos.

7. Dereitos e deberes lingüísticos na USC.

8. Políticas públicas para a igualdade efectiva de homes e mulleres.

Nota. As referencias normativas deste programa pódense ver afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame e, nese caso, débense entender referidas á lexislación en vigor.

ANEXO III

Denominación das prazas: auxiliar técnico de servizos

Tribunal titular:

Presidente:

– Manuel Boquete Botana, funcionario de carreira da escala administrativa da USC.

Vogais:

– Ana María Cepeda Lueiro, persoal laboral fixo do grupo IV.1 da USC.

– Andrés Proupín Castiñeiras, persoal laboral fixo do grupo IV.1 da USC.

– María del Carmen Espiñeira Regueiro, persoal laboral fixo do grupo IV.1 da USC.

Secretario:

– José Manuel Caamaño Jerez, funcionario de carreira da escala administrativa da USC, que actuará con voz e voto.

Tribunal suplente:

Presidenta:

– María Carmen Ríos López, funcionaria de carreira da escala de xestión da USC.

Vogais:

– Carlos Casado Martíns, persoal laboral fixo do grupo IV.1 da USC.

– Javier Rodríguez Núñez, persoal laboral fixo do grupo IV.1 da USC.

– María del Carmen Rey García, persoal laboral fixo do grupo IV.1 da USC.

Secretaria:

– Luisa Ferreiro Couselo, funcionaria de carreira da escala administrativa da USC, que actuará con voz e voto.