Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Mércores, 15 de decembro de 2021 Páx. 61349

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2021 pola que se convoca un proceso selectivo para ingresar como persoal laboral fixo do grupo I, na categoría de técnico/a superior de normalización lingüística, polo sistema de promoción interna e de acceso libre.

De conformidade co disposto na Resolución reitoral do 13 de decembro de 2018 (DOG do 24 de decembro), pola que se aproba a oferta pública de emprego (OEP) do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo para o ano 2018, esta reitoría, en uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e polos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro) do Goberno da Xunta de Galicia, resolveu convocar un proceso selectivo para o ingreso, polo sistema de promoción interna e de acceso libre, na categoría de técnico/a superior de normalización lingüística, con suxeición ás seguintes bases:

1. Normas xerais.

1.1. Convócase proceso selectivo correspondente á taxa adicional para a estabilización do emprego temporal, nos termos establecidos no artigo 19.9 da Lei 6/2018, do 3 de xullo (BOE do 4 de xullo) de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, e de conformidade co anexo I da Resolución do 13 de decembro de 2018 (DOG núm. 244, do 24 de decembro), pola que se publica a oferta de emprego público (OEP) do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo para o ano 2018, para cubrir dúas (2) prazas de persoal laboral fixo da categoría de técnico/a superior de normalización lingüística da Universidade de Vigo, grupo I, unha pola quenda de acceso libre e outra pola quenda de promoción interna. No caso de que non se cubra esta última, acumularase á quenda de acceso libre.

1.2. As persoas aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas citados: acceso libre ou promoción interna.

1.3. O sistema de selección será o de concurso-oposición coas características que se indican no anexo I.

1.4. O programa que rexerá as probas relaciónase no anexo II.

1.5. Ao presente proceso selectivo aplicaráselle a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (EBEP), a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG), o vixente II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, os estatutos da Universidade de Vigo e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

1.6. Os actos deste proceso que deban publicarse, agás cando a publicación se realice no DOG, terán como data de efectos a da súa publicación no taboleiro electrónico da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal/public/bulletin/bulletin-index.xhtml). Con efectos unicamente informativos tamén se publicarán no seguinte enderezo electrónico: https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo

1.7. Para os efectos de información e consultas as persoas interesadas poden dirixirse por correo electrónico a consultapas@uvigo.gal e por teléfono ao número 986 81 37 62.

2. Requisitos.

2.1. Para seren admitidas ao proceso selectivo, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes as persoas aspirantes deberán posuír e manter ata a formalización do contrato, os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou dalgún dos estados membros da Unión Europea. Tamén poderá participar:

1. Os cónxuxes de españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, nas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que sexan dependentes.

2. As persoas incluídas no ámbito de aplicación dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España nos que sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

As persoas aspirantes non residentes en España incluídos no punto 1, así como as persoas estranxeiras incluídas no punto 2, deberán xuntar á súa solicitude a documentación que acredite as condicións que se alegan.

Quen, non sendo español nin nacional dun Estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade e sexa titular dun documento que o habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Idade: ter feitos os 16 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Titulación: estar en posesión do título de grao, licenciado, arquitecto ou enxeñeiro ou estar en condicións de obtelo na data de remate do prazo de presentación de instancias.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

d) Taxas: ter aboadas as taxas por participación, agás o previsto na base 3.

e) Capacidade: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

f) Habilitación: non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha das administracións públicas ou dos organismos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para desempeñar empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional a que se pertencía. No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

2.2. As persoas aspirantes que concorran pola quenda de promoción interna estarán exentas de aboar as taxas por participación, e deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal laboral fixo da Universidade de Vigo e estar prestando servizos nela con carácter definitivo, en adscrición provisional ou noutra situación con dereito a reserva de praza.

b) Pertencer a unha categoría distinta á da praza convocada.

2.3. As persoas aspirantes que concorran pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade deberán ter recoñecido tal condición cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

3. Solicitudes.

3.1. Para tomar parte nestas probas selectivas deberase presentar unha solicitude seguindo o modelo oficial dispoñible no seguinte enderezo: https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo>Solicitude de admisión, seguindo as indicacións que figuran nel, cubrindo todos os campos obrigatorios, validándoos e confirmándoos.

Asignarase a cada instancia un número de referencia de identificación único. Unha vez cuberta a instancia, imprimiranse dous exemplares que deberán ser asinados pola persoa solicitante; segundo o lugar de presentación, un servirá de recibo para a persoa interesada e o outro deberá presentarse perante o reitor da Universidade de Vigo, consonte se regula no punto seguinte.

3.2. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. As solicitudes presentaranse na sede electrónica da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal/public/catalog-detail/1150909); tamén poden presentarse na Oficina de asistencia en materia de rexistro do Campus de Vigo (Edificio Exeria, Campus Universitario, 36310 Vigo), nas oficinas de asistencia en materia de rexistro dos Campus de Ourense (unidade administrativa), Campus de Pontevedra (Escola de Enxeñaría Forestal) e Vigo (r/ Torrecedeira, nº 86) ou segundo as restantes formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

As persoas aspirantes non poderán presentar máis dunha solicitude nin solicitar a súa participación nas probas selectivas, simultaneamente, en máis dun sistema de acceso. A contravención dalgunha destas normas determinará a exclusión dos/das aspirantes.

3.3. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, as persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % indicarán na solicitude as posibles adaptacións de tempo e/ou medios que consideren necesarias para a realización das probas e o seu motivo; para este fin, deberase achegar coa solicitude un certificado que acredite a discapacidade así como o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade; para estes efectos, o ditame médico deberá ser suficientemente explicativo para que o órgano de selección poida valorar a procedencia ou non das adaptacións solicitadas.

3.4. Os dereitos de participación serán de 43,30 euros e o pagamento, no cal deberá constar o nome, apelidos e DNI ou pasaporte da persoa interesada, poderá realizarase:

– Directamente nas oficinas de Abanca indicando o código 2110, ou

– Mediante transferencia á conta ES49 2080 5000 6731 1022 5991.

A falta de aboamento destes dereitos durante o prazo de presentación de solicitudes non é rectificable e determinará a exclusión das persoas aspirantes.

3.5. Estarán exentas do pagamento desta taxa:

a) As persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %, acreditada mediante o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os tres meses inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das probas selectivas e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego na data de presentación da solicitude de participación, acreditándoo mediante certificación expedida pola oficina de emprego relativa a ambas circunstancias.

c) As familias numerosas de categoría especial, acreditándoo mediante o correspondente título expedido dentro do ano anterior á data de publicación no DOG da convocatoria.

d) As vítimas de terrorismo, considerando como tales as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante unha sentenza xudicial firme ou en virtude dunha resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

e) As vítimas de violencia de xénero a que fai referencia a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e os seus fillos ou fillas; para iso deberán presentar a resolución xudicial outorgando a orde de protección a prol da vítima, sentenza condenatoria, medida cautelar a prol da vítima ou calquera outra en que o órgano xudicial considere a existencia de calquera dos delitos ou faltas.

3.6. Terán dereito a unha bonificación do 50 % da taxa por dereitos de exame as familias numerosas de categoría xeral, que deberán acreditar na forma establecida na base 3.5.c).

3.7. En ningún caso, o pagamento da taxa ou a xustificación da concorrencia dalgunha das causas de exención ou bonificación suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso selectivo. A omisión do pagamento dentro do prazo de presentación de solicitudes determinará a exclusión da persoa aspirante. Unicamente se poderá emendar o pagamento incompleto ou a falta de acreditación da súa exención e, exclusivamente, dentro do prazo previsto na base 4.2.

3.8. De conformidade co disposto na Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos, procederá a devolución das taxas de participación cando non se realice o feito impoñible por causas non imputables ao suxeito pasivo, e a persoa interesada deberá solicitar a devolución, achegando os datos necesarios para a transferencia bancaria correspondente. Polo tanto, non procederá a devolución nos supostos de exclusión das probas selectivas por causa imputable á persoa interesada.

3.9. Unicamente dentro do prazo de presentación de solicitudes deberá achegarse:

a) Acreditación do pagamento das taxas ou, se é o caso, da causa de exención ou bonificación.

b) Acreditación do Celga 4 consonte o establecido na base 6.8 da convocatoria; de non ser así, deberá realizarse a proba de lingua galega prevista no anexo I.

c) Acreditación do diploma de español de nivel B2 (intermedio) ou superior, de conformidade co establecido na base 6.9; de non ser así, seralles de aplicación o previsto na devandita base.

3.10. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fixesen constar nas súas solicitudes, e poderán unicamente demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 4.2; transcorrido este prazo, non se admitirá ningún pedimento desta natureza.

3.11. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se correspondan coas copias simples presentadas.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Reitoría da Universidade de Vigo ditará unha resolución que se publicará no DOG en que aprobe a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, e indique o lugar en que se atope exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, co nome, apelidos e número de DNI, así como as causas que motivaran a exclusión, de ser o caso.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

4.3. A estimación ou desestimación das peticións de emenda ou corrección entenderase implícita na resolución da reitoría que aprobe a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicará igualmente no DOG.

4.4. O feito de figurar na relación de persoas admitidas non implicará recoñecer ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos, de xeito que a constatación de que non os posúen producirá o seu decaemento de todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación.

5. Tribunal.

5.1. A composición do tribunal cualificador destas probas publicarase xunto coa relación provisional indicada na base 4.1 e terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Deberá actuar de acordo ao disposto na LPACAP e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).

5.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir, e así o notificarán ao reitor da universidade, cando concorran nelas as circunstancias previstas no artigo 23 da LRXSP, cando realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria, ou de ter colaborado durante ese período con centros de preparación de opositores, de acordo co artigo 59.2 da LEPG.

A presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non atoparse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os e as integrantes do tribunal cando concorran neles/as algunha das circunstancias sinaladas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da LRXSP.

5.3. A reitoría publicará nos lugares indicados na base 1.6 a resolución pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán a quen perdese a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

5.4. Logo da convocatoria da presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia, presencial ou a distancia, do/da presidente/a e o/a secretario/a, ou, se é o caso, de quen os/as substitúan, e a metade polo menos dos/das seus/súas membros titulares ou suplentes.

5.5. Corresponderá ao tribunal a consideración, verificación e apreciación das incidencias que puideran xurdir no desenvolvemento dos exercicios, adoptando ao respecto as decisións que considere pertinentes.

5.6. O tribunal poderá propor ao reitor a designación de asesores/as especialistas que se limitarán a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas e que deberán posuír titulación de igual ou superior nivel á exixida nesta convocatoria. A súa designación publicarase na páxina electrónica indicada na base 1.6 e seralles de aplicación o previsto en materia de abstención e recusación.

Así mesmo, cando o número de aspirantes o faga conveniente, poderá solicitar do reitor a designación de persoal colaborador.

5.7. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ca o resto das persoas aspirantes. Para as persoas con discapacidades que soliciten na forma prevista na base 3.3, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

5.8. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e excluirá a aquelas que consignen nas follas de exame marcas ou signos que as singularicen.

5.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre calquera dos requisitos exixidos na presente convocatoria, logo da audiencia da persoa interesada, deberá propor a súa exclusión ao órgano convocante ou, se é o caso, por no seu coñecemento a posible concorrencia desta circunstancia, para que, logo das comprobacións necesarias, se resolva ao respecto.

5.10. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura da praza convocada, cando se produza renuncia da persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación a persoa proposta, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.

5.11. Para os efectos de comunicacións, o tribunal terá a súa sede no edificio Exeria, e poderán dirixirse polas canles sinaladas na base 1.7.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «Y», de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda do 29 de xaneiro de 2021 (DOG do 5 de febreiro).

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento, no que acreditarán a súa identidade e serán excluídas do proceso selectivo as que non comparezan. Deberán obedecer as instrucións do tribunal e, de ser o caso, do persoal colaborador a prol do seu correcto desenvolvemento; en caso contrario, poderán impedir ao aspirante a continuación do proceso. Contra este acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. A resolución final deste proceso selectivo ditarase antes de que transcorra un ano desde a publicación desta convocatoria no BOE, sen contar o mes de agosto.

6.4. As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, e xuntarán á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro dos cinco días seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente tomando en conta, ademais do alegado, os dereitos das demais persoas aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables e ás necesidades e aos intereses da universidade. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.5. O lugar, a data e a hora de realización do primeiro exercicio publicarase nos lugares previstos na base 1.6 con un mes de antelación, e non se realizará antes do 1 de febreiro de 2022.

A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal, no lugar ou lugares onde se realizase o anterior, e ademais nos lugares indicados no parágrafo anterior, cunha antelación mínima de dous días á data sinalada para a súa iniciación.

6.6. En caso de que o tribunal acorde criterios de avaliación en desenvolvemento dos establecidos nesta convocatoria, publicaraos nos lugares previstos na base 1.6.

6.7. Tras cada exercicio, as persoas aspirantes poderán levar os cuestionarios e, nas probas tipo test, o tribunal publicará as respostas correctas na páxina electrónica indicada na base 1.6.

6.8. Estarán exentas de realizar o exercicio de coñecemento de lingua galega as persoas aspirantes que acrediten estar en posesión do Celga 4 ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG do 30 de xullo), pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG do 19 de febreiro). A relación coas persoas que deban realizar a proba publicarase coa relación provisional de persoas admitidas e excluídas, podendo solicitar a rectificación no prazo previsto na base 4.2.

6.9. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira, agás os e as nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español, deberán acreditar o coñecemento do castelán ben mediante a presentación dos diplomas e certificacións relacionadas na base 3.9.d), ou mediante a superación dunha proba que se axustará ao disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro. A proba cualificarase como apto ou non apto, e será necesario obter a cualificación de apto para poder realizar á fase de oposición.

6.10. Os aspirantes que superen o primeiro exercicio da oposición deberán presentar nos lugares indicados na base 3.2, no prazo de dez días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación do acordo do tribunal coa cualificación do dito exercicio, a documentación acreditativa da formación mediante copia do título, diploma ou certificación correspondente en que consten todos os elementos necesarios para a valoración ou susceptibles dela.

Neste mesmo prazo, a Universidade de Vigo expedirá, de oficio, unha certificación acreditativa da antigüidade ou da experiencia, e remitirá o orixinal ao tribunal e unha copia á persoa interesada.

Os méritos valoraranse por referencia á data de publicación desta convocatoria no DOG e non se valorarán os que non se presenten suficientemente acreditados nin os presentados fóra deste prazo.

7. Cualificacións.

7.1. O tribunal publicará as listaxes coas cualificacións das persoas aspirantes diferenciándoas segundo a quenda de acceso: promoción interna ou libre.

7.2. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares previstos na base 1.6, un acordo coa relación de persoas aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do nome; contra este acordo poderanse presentar reclamacións no prazo de cinco días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

7.3. Rematada a fase de oposición, o tribunal publicará a listaxe coa valoración provisional da fase de concurso dos aspirantes que a superaron, detallada para cada unha das epígrafes que se relacionan no anexo I, contra a cal se poderá reclamar no prazo de tres días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

7.4. Resoltas as reclamacións, a presidencia do tribunal publicará a relación coas persoas que superasen o proceso selectivo, ordenadas consonte a puntuación final obtida, indicando as puntuacións definitivas da fase de concurso e de cada un dos exercicios da oposición. A continuación a elevará a reitoría que ditará e publicará unha resolución poñendo fin ao proceso selectivo.

7.5. A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas en ambas as dúas fases. No suposto de empate, acudirase por orde aos seguintes criterios:

a) Puntuación obtida no conxunto da fase de oposición.

b) Puntuación obtida en cada un dos exercicios pola seguinte orde: segundo, primeiro e terceiro.

c) Puntuación obtida no conxunto da fase de concurso.

d) Puntuación obtida en cada unha das epígrafes da fase de concurso na orde en que se relacionan no anexo.

e) Sorteo entre as persoas implicadas.

7.6. A elección de destinos realizarase considerando a orde das persoas aspirantes na proposta de adxudicación e o seu pedimento, tendo preferencia, en todo caso, as persoas candidatas pola quenda de promoción interna.

7.7. Finalizado o proceso selectivo, o tribunal valorará os méritos da fase de concurso e elaborará unha relación ordenada cos aspirantes de acordo coa normativa de elaboración de listas de espera da Universidade de Vigo. A lista de espera resultante utilizarase para atender as necesidades de persoal de carácter exclusivamente temporal que poidan xurdir.

8. Presentación de documentos e formalización do contrato.

8.1. A partir do día seguinte ao da publicación indicada na base 7.4, as persoas propostas disporán dun prazo de vinte días hábiles para presentar na Oficina de asistencia en materia de rexistro da Universidade de Vigo os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada do documento nacional de identidade; as persoas aspirantes que non posúan nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten as condicións alegadas, consonte a base 2.a).

b) Fotocopia compulsada ou cotexada do título académico ou certificación académica acreditativa de ter aprobadas todas as materias que capacitan para a obtención del título, acompañando o resgardo xustificativo de ter aboado os dereitos para a expedición do título; no caso de titulación obtida no estranxeiro, presentarase credencial da súa homologación ou equivalencia.

c) Declaración xurada ou promesa relativa ao establecido na letra f) da base 2.1, seguindo o modelo que figura no anexo III.

d) Informe do servizo público de saúde acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que imposibilite o desempeño das correspondentes funcións. Quen fixese valer a súa condición de persoa con discapacidade, deberá acreditar a súa compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

8.2. Quen participase pola quenda de promoción interna só debera presentar o documento indicado nas letras b) e d) da epígrafe anterior.

8.3. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos, as persoas aspirantes formalizarán un contrato de traballo, en que se recollerá un período de proba de 3 meses, transcorrido o cal e de telo superado satisfactoriamente, adquirirán a condición de persoal laboral fixo.

Estarán exentos do período de proba quen tivese desempeñado a mesma categoría e funcións na Universidade de Vigo, por un período igual ou superior ao indicado.

8.4. Se dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior libremente apreciados, non se presenta a documentación ou do seu exame se deduce que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderán ser contratados/as e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorran por falsidade na solicitude inicial.

Neste caso ou no de non superar o período de proba, o posto adxudicarase á seguinte persoa candidata de entre as que superasen o proceso selectivo.

9. Norma derradeira.

9.1. De acordo co disposto no artigo 13 do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección da persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e co disposto no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos facilitados na solicitude serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade de Vigo, coa finalidade de xestionar a tramitación deste procedemento selectivo e amparados pola Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e os estatutos da Universidade de Vigo.

Coa súa participación nesta convocatoria as persoas interesadas autorizan a Universidade de Vigo para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza desta convocatoria. Non obstante, e co fin de previr riscos para a publicidade de datos persoais de vítimas de violencia de xénero, a persoa afectada comunicará esta circunstancia coa maior celeridade á Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo (986 81 34 19 e igualdade@uvigo.es).

Estes datos trataranse durante o tempo imprescindible para cumprir coa citada finalidade e conservaranse durante o prazo necesario para determinar as posibles responsabilidades que puidesen derivar da dita finalidade e do tratamento dos datos.

As persoas participantes están obrigadas a facilitar estes datos en virtude do especificado nos parágrafos anteriores e, en caso de non facelo, excluiráselles do proceso selectivo.

As persoas participantes teñen dereito a solicitar ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, rectificación ou supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento, así como a oporse ao devandito tratamento e a solicitar, agás casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade dos seus datos.

Estes dereitos poderán exercerse mediante solicitude dirixida ao reitor da Universidade de Vigo na Oficina de asistencia en materia de rexistro da Universidade de Vigo, ou en calquera dos rexistros indicados no artigo 16 da LPCAP e remitida á Secretaría Xeral da Universidade de Vigo, Campus Universitario As Lagoas-Marcosende, 36310 Vigo (Pontevedra). Máis información: https://www.uvigo.gal/proteccion-datos

Igualmente, pode dirixir a dita solicitude directamente á delegada de Protección de Datos do responsable: Ana Garriga Domínguez, Facultade de Dereito, Campus Universitario As Lagoas, s/n, 32004 Ourense (España), 988 36 88 34, dpd@uvigo.gal

Tamén pode presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

9.2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 1 de decembro de 2021

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

Proceso selectivo

A) Fase de oposición.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite ao día primeiro do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas expresas que figuran no anexo II e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan no momento da súa derrogación parcial ou total, con data límite ao día primeiro do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio.

Non se permitirá o uso de ningún tipo de dispositivo, material nin recurso en ningún formato.

A oposición estará formada polos seguintes exercicios obrigatorios:

Primeiro. De carácter teórico, escrito e eliminatorio. Consistirá en contestar un test de 120 preguntas con 4 respostas alternativas, das cales só unha será correcta, da primeira parte do programa.

O tempo de realización será de 140 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. O exercicio incluirá 8 preguntas de reserva que deberán responderse dentro do tempo indicado.

Segundo. De carácter práctico e eliminatorio. Consistirá en realizar as probas prácticas e/ou resolver un ou varios supostos prácticos relativos á primeira parte do programa.

O tempo de realización será de 180 minutos.

Terceiro. Non terá carácter eliminatorio. Estarán exentas de realizalo as persoas aspirantes pola quenda de promoción interna. Estará composto por dúas probas:

a) Coñecementos de lingua galega. Estarán exentas de realizalo as persoas aspirantes que acrediten estar en posesión do Celga 4, nos termos previstos nas bases da convocatoria, e serán cualificados con 2 puntos. Esta proba incluirá 2 partes:

Primeira. Consistirá en contestar a un test de 20 preguntas sobre o coñecemento da lingua galega, con catro respostas alternativas das cales só unha delas será correcta. O exercicio incluirá 2 preguntas de reserva que deberán responderse dentro do tempo indicado. Disporase de 25 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. Valorarase cun máximo de 1 punto.

Segunda. Comprensión escrita ou oral e expresión oral. Consistirá en ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo e, a seguir, realizar unha entrevista coa persoa examinadora, debendo resumir o input e manter un diálogo ao respecto para avaliar a súa expresión oral. Valorarase cun máximo de 1 punto.

b) Coñecementos non específicos. Consistirá en contestar a un test de 20 preguntas sobre a segunda parte do programa, con catro respostas alternativas, das cales só unha será correcta. O exercicio incluirá 2 preguntas de reserva que deberán responderse dentro do tempo indicado. O tempo máximo de realización será de 25 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. Valorarase cun máximo de 4 puntos.

Cualificación dos exercicios.

Promoción interna:

Primeiro exercicio. Cualificarase cun máximo de 40 puntos e será necesario obter 20 puntos para superalo.

Segundo exercicio. Cualificarase cun máximo de 45 puntos e será necesario obter 22,5 puntos para superalo.

Acceso xeral libre:

Primeiro exercicio. Cualificarase cun máximo de 24 puntos e será necesario obter 12 puntos para superalo.

Segundo exercicio. Cualificarase cun máximo de 30 puntos e será necesario obter 15 puntos para superalo.

B) Fase de concurso.

I. Promoción interna.

1. Antigüidade na Universidade de Vigo: ata un máximo de 10 puntos, a razón de 0,084 por mes completo traballado. Valoraranse os servizos prestados en calquera categoría de persoal laboral incluída na clasificación do II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, ou categorías extinguidas por transformación e/ou promoción, actualmente establecidas na relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, Resolución do 8 de xuño de 2021 (DOG do 16 de xuño).

2. Formación: ata un máximo de 5 puntos. Valorarase a formación relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais, incluídas as materias cursadas para a obtención de títulos oficiais superiores ao exixido pola convocatoria ou afíns; neste último caso, deberá achegarse o programa académico indicando a duración das disciplinas.

Duración

Puntuación

De 30 horas a 99 horas

1 punto

De 100 horas a 249 horas

2 puntos

De 250 horas a 499 horas

3 puntos

Igual ou superior a 500 horas

4 puntos

Os cursos cunha duración menor de 30 horas non se tomarán en consideración agás que a suma deles sexa igual ou superior a 30 horas, recibindo polo conxunto un máximo de 1 punto.

Considerarase que a formación está directamente relacionada coa categoría se o seu contido refírese directamente aos temas que configuran o programa (anexo II), consideración que recibirán os cursos de galego.

De acreditar máis dun nivel de coñecemento, valorarase unicamente o curso de superior nivel. No caso dos cursos de galego, só se valorarán os de nivel superior ao exixido na convocatoria: Celga 5 e os cursos medio e superior de linguaxe administrativa galega e de linguaxe xurídica galega.

II. Acceso libre.

1. Experiencia: ata un máximo de 30 puntos, a razón de 0,167 puntos por mes completo traballado. Valoraranse os servizos prestados na Universidade de Vigo na mesma categoría de persoal laboral incluída na clasificación do II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, ou categorías extinguidas por transformación e/ou promoción, actualmente establecidas na relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, Resolución do 8 de xuño de 2021 (DOG do 16 de xuño).

2. Formación: ata un máximo de 10 puntos. Valorarase a formación relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais, incluídas as materias cursadas para a obtención de títulos oficiais superiores ao exixido pola convocatoria ou afíns; neste último caso, deberá achegarse o programa académico indicando a duración das disciplinas.

Duración

Puntuación

De 30 horas a 99 horas

1,5 puntos

De 100 horas a 249 horas

2,5 puntos

De 250 horas a 499 horas

3,5 puntos

Igual ou superior a 500 horas

5 puntos

Os cursos cunha duración menor de 30 horas non se tomarán en consideración agás que a suma deles sexa igual ou superior a 30 horas, recibindo polo conxunto un máximo de 1 punto.

Considerarase que a formación está directamente relacionada coa categoría se o seu contido refírese directamente aos temas que configuran o programa (anexo II), consideración que recibirán os cursos de galego.

De acreditar máis dun nivel de coñecemento, valorarase unicamente o curso de superior nivel. No caso dos cursos de galego, só se valorarán os de nivel superior ao exixido na convocatoria: Celga 5 e os cursos medio e superior de linguaxe administrativa galega e de linguaxe xurídica galega.

ANEXO II

Programa

Primeira parte. Temario específico.

1. Multilingüismo e plurilingüismo nas sociedades actuais. A diversidade lingüística no Estado español.

2. Lexislación lingüística. O marco europeo, estatal e autonómico.

3. Lingua e sociedade na Galicia actual: bilingüismo, conflito lingüístico, substitución lingüística, mantemento da lingua, neofalantismo.

4. Situación sociolingüística de Galicia: lingua inicial, coñecementos, usos, actitudes e ideoloxías lingüísticas.

5. A normalización, a normativización e a estandarización lingüística.

6. Política lingüística nun contexto de minoración: definición, conceptos, caracterización, obxectivos e avaliación.

7. A lingua galega na Universidade de Vigo. Actores, normativa e usos. Propostas de planificación, mellora e avaliación.

8. A dinamización lingüística desde unha área de normalización lingüística: definición, organización, funcións e competencias. Propostas de mellora.

9. A formación escrita e oral en lingua galega na comunidade universitaria. Medidas, proposta de cursos e avaliación.

10. O asesoramento en lingua galega na comunidade universitaria. Medidas, avaliación e propostas de mellora.

11. A corrección de textos escritos. Corrección ortotipográfica, lingüística e estilística.

12. Os criterios lingüísticos da Universidade de Vigo. A calidade lingüística e comunicativa.

13. O uso igualitario da linguaxe. Linguaxe inclusiva. Recursos lingüísticos para un uso non sexista da lingua. Criterios integradores dos textos.

14. A linguaxe administrativa. Definición e propiedades. Tipos de documentos.

15. A redacción. Técnicas de redacción.

16. As linguaxes de especialidade. Terminoloxía e a terminografía. Elaboración de proxectos terminolóxicos.

17. A estandarización do idioma galego: definición, historia e trazos característicos. O estándar oral. A recepción social e académica do estándar.

18. Descrición e caracterización das variedades dialectais do galego.

19. O galego común e as desviacións do estándar. Interferencia e hibridación. Vulgarismos, arcaísmos hipergaleguismos, castelanismos e lusismos.

20. Libros de estilo: ortotipografía, siglas, acrónimos, uso de maiúsculas, minúsculas, citacións e bibliografía.

21. A gramática e a estrutura da lingua galega.

22. O léxico, a palabra e os seus constituíntes. Mecanismos de creación de palabras. Onomástica. Toponimia. Antroponimia. Xentilicios. Neoloxismos. Préstamos. Estranxeirismos.

23. Criterios estilísticos. Cohesión e coherencia nos enunciados. Os marcadores discursivos. Os xéneros discursivos. Figuras retóricas. A cortesía lingüística.

24. A historia social da lingua galega: séculos XX e XXI.

25. As tecnoloxías lingüísticas da lingua galega: dicionarios, correctores, corpus, léxicos especializados, aplicacións, ferramentas, glosarios.

Segunda parte. Temario común.

1. A Constitución de 1978: título preliminar e título I.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia: títulos I e II.

3. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: título preliminar e títulos I, II, III, IV e V.

4. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público: título preliminar (agás a subsección 2ª da sección 3ª do capítulo II), e título III.

5. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: título I; capítulo I do título III; capítulo I do título IV; capítulo I do título V e capítulo I do título VI.

6. Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores: título I (agás os capítulos IV e V) e título II.

7. II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo.

8. Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades: título preliminar, título I, capítulo I do título II, capítulo I do título III, títulos VI e VIII, capítulo I do título IX e título X.

9. Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo.

10. Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais: capítulos I, II, III, IV e V.

11. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: títulos I, II, III, V, VII, VIII, IX e X.

12. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Título preliminar; título II: capítulos I, II, IV e V; e título IV: capítulos I e II.

ANEXO III

Declaración xurada/promesa

Don/dona..., con DNI/NIE/pasaporte... e nacionalidade...

DECLARA BAIXO XURAMENTO OU PROMETE, para os efectos de ser contratado/a persoal laboral fixo pola Universidade de Vigo.

 CIDADÁN ESPAÑOL. Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha das administracións públicas ou dos organismos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para desempeñar empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á que se pertencía.

 CIDADÁN ESTRANXEIRO. Non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

................., ... de.... de 202...

(localidade) (día) (mes) (ano)