Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 20 de decembro de 2021 Páx. 62378

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de decembro de 2021 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal do ámbito da atención primaria do Servizo Galego de Saúde nos concellos da Guarda, Oia e O Rosal os días 21, 22, 23 e 24 de decembro de 2021.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este, o que implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, para preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos ditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) comunicou a convocatoria dunha folga que afectará, segundo o seu teor literal, todo o persoal de todas as categorías –incluído o persoal residente en formación– que presta servizos nas unidades e servizos de atención primaria e puntos de atención continuada do Servizo Galego de Saúde nos concellos da Guarda, Oia e O Rosal, e que se desenvolverá desde as 8.00 horas do día 21 de decembro ata as 8.00 horas do día 24 de decembro de 2021, isto é, coincidindo coas datas inmediatamente anteriores ao período de Nadal, polo que a determinación dos servizos esenciais debe realizarse atendendo en primeiro termo a estas circunstancias.

Pero, ademais, cómpre subliñar o contexto en que se vai desenvolver a folga, nun escenario de crise sanitaria que motivou, como é público e notorio, a progresiva adopción, evolución e adaptación de medidas preventivas, de contención, seguimento e de actuación en materia de saúde pública e asistencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da pandemia do coronavirus COVID-19.

Polo que respecta á evolución da situación epidemiolóxica de Galicia, nas últimas semanas incrementouse a circulación do virus e, polo tanto, o risco de transmisión, con incidencias significativas nos distintos grupos de idade que poden ser usuarios dos centros da Área Sanitaria de Vigo comprendidos nesta folga, nos cales debe preservarse a asistencia máis completa posible ás persoas doentes e afectadas, diagnosticadas ou susceptibles de selo, por patoloxías compatibles ou confirmadas de infección polo SARS-CoV-2, de tal sorte que os criterios reitores e os servizos mínimos que se establezan deberán cohonestarse coa salvagarda das medidas emprendidas nos centros e entidades do Servizo Galego de Saúde. Trátase de conciliar, en suma, o lexítimo exercicio do dereito de folga co elenco de actuacións que a Administración sanitaria implantou co fin de dispoñer dos recursos humanos necesarios para facer fronte ao incremento e á natureza da carga asistencial motivados pola pandemia.

Con base no que antecede, e logo da audiencia ao Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga referida na parte expositiva entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen nesta orde.

A folga convocada comprende todo o persoal dos servizos sanitarios do ámbito da atención primaria do Servizo Galego de Saúde, dependentes da Área Sanitaria de Vigo, nos concellos da Guarda, Oia e O Rosal, e desenvolverase durante varias xornadas consecutivas. En consecuencia, tivéronse en conta, para a determinación dos servizos esenciais, os seguintes factores: o risco para as persoas enfermas, a conseguinte afectación da folga á actividade asistencial e o volume de poboación atendida nos citados servizos, ademais do específico contexto en que se vai desenvolver a folga, por mor da evolución da pandemia do coronavirus COVID-19 na Comunidade Autónoma. Por iso, deben manterse os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible ás persoas usuarias, así como a atención que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

De acordo coa motivación anterior, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a adecuada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía, e, ao propio tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

Con esa finalidade establécense os seguintes criterios reitores para o mantemento dos servizos esenciais nos centros sanitarios afectados pola folga:

a) Persoal facultativo:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente.

É imprescindible a cobertura do 100 % da actividade do servizo de urxencias extrahospitalarias (punto de atención continuada –PAC–), tendo en conta que non cabe prever as necesidades por non tratarse dunha actividade programable e ante a cal é preciso dar unha resposta asistencial inmediata, polo que ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.

2. No tramo ordinario de atención nos centros de saúde (non PAC) prestarase a asistencia urxente ou inaprazable da unidade, calquera que sexa a modalidade da prestación.

A prestación sanitaria no horario ordinario é desenvolvida polos profesionais dos servizos e unidades de atención primaria, polo que cómpre definir uns mínimos para garantir a asistencia urxente e o seguimento e tratamento dos procesos inaprazables, garantindo a seguinte dotación mínima:

– En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo por categoría.

– En centros con cinco ou máis profesionais: 2 efectivos por categoría.

b) Persoal sanitario non facultativo:

Respecto a este colectivo, a xustificación dos criterios reitores obedece substancialmente ao xa sinalado para o caso do persoal médico, dado que a asistencia debe ser necesariamente realizada en equipo, sen que poida levarse a efecto sen a colaboración do conxunto dos/das profesionais implicados/as.

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente.

É, así mesmo, imprescindible cubrir o 100 % da actividade urxente no PAC, tendo en conta que non cabe prever as necesidades por non tratarse dunha actividade programable e que require dunha resposta asistencial inmediata, polo que, igualmente, ten que manterse a cobertura establecida para os supostos de urxencia.

2. Polo que atinxe ao tramo ordinario de atención, os servizos mínimos que se fixan prestarán a asistencia urxente e inaprazable da unidade, o que abrangue as tarefas de cribado e vacinación contra o coronavirus (COVID-19) que, de ser o caso, precisen os/as usuarios/as e que vén realizando o persoal sanitario dos centros afectados pola folga. Nomeadamente, na actual situación de pandemia é preciso continuar durante todos os días da semana co cribado poboacional e a vacinación, pois atrasar estas actividades suporía un risco engadido para as persoas afectadas e comprometería, así mesmo, a saúde pública.

Con este fin, no tramo ordinario de atención cómpre garantir a seguinte dotación mínima:

– En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo por categoría.

– En centros con cinco ou máis profesionais: 2 efectivos por categoría.

c) Persoal de xestión e servizos:

1. Urxencias: 1 efectivo que garanta a cobertura do 100 % da actividade urxente.

Como se indicou anteriormente, os dispositivos de urxencias extrahospitalarias constitúen un servizo vital de atención ininterrompida durante as 24 horas e todos os días do ano, polo que para a prestación do servizo é imprescindible a existencia de profesionais de apoio ao persoal sanitario dos ditos dispositivos.

2. Unidades e servizos de atención primaria: 1 efectivo por centro.

Co fin de atender a actividade inaprazable en cada quenda, e tendo en conta as características arquitectónicas dos centros afectados, neste colectivo considérase imprescindible un efectivo para manter neles o soporte administrativo ás tarefas de xestión, información ás persoas usuarias e de apoio aos profesionais sanitarios para a realización do seu traballo.

Así mesmo, e polo que concirne ás citacións que realiza o persoal de xestión e servizos dos centros de atención primaria afectados por esta folga, na actual situación de pandemia é necesario continuar durante todos os días da semana coa citación para cribados e vacinación da poboación adscrita. Atrasar esta actividade, que igualmente ten lugar durante todos os días da semana, suporía un risco engadido para as persoas ás cales vai dirixida e para a propia saúde pública.

Artigo 2

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de mínimos e exteriorizarse adecuadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio sempre que sexa posible, será realizada pola Xerencia da Área Sanitaria de Vigo e notificada aos profesionais designados/as.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar, de ser o caso, a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de modo expreso.

No anexo desta orde recóllese o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga no ámbito da atención primaria do Servizo Galego de Saúde nos concellos da Guarda, Oia e O Rosal.

Artigo 3

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os preceptos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base, así mesmo, nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Efectivos de servizos mínimos

Servizos sanitarios de atención primaria da Área Sanitaria de Vigo:

– Centro de Saúde da Guarda.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

2

1

-

Persoal sanitario non facultativo

3

1

-

Persoal de xestión e servizos

1

1

-

– Centro de Saúde de Santa María de Oia.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

1

-

-

Persoal sanitario non facultativo

1

-

-

Persoal de xestión e servizos

1

-

-

– Centro de Saúde do Rosal.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

1

-

-

Persoal sanitario non facultativo

1

-

-

Persoal de xestión e servizos

1

-

-

– PAC da Guarda.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

-

1

1

Persoal sanitario non facultativo

-

1

1

Persoal de xestión e servizos

-

1

1