Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 21 de decembro de 2021 Páx. 63006

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 2 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en materia de museos correspondentes ao programa 2022 (código de procedemento CT110B).

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade é o órgano da Administración autonómica, segundo o Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se fixa a súa estrutura orgánica, que ten atribuídas as competencias en materia de patrimonio museístico de Galicia. Son as súas funcións a protección, inventario, restauración e difusión do patrimonio cultural de Galicia custodiado neles, así como o coidado, a dotación, a instalación e a promoción dos centros museísticos de Galicia.

Para impulsar a formación do futuro persoal técnico en museos e posibilitar a súa aprendizaxe, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade convoca bolsas de formación que contribúan, na medida das posibilidades orzamentarias, a ampliar esta formación.

A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúa a completar o currículo académico, polo que é preciso poñer un límite no desfrute destas e tratar de ofrecelas ao maior número de persoas posibles, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de obxectividade e publicidade.

Esta orde tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, se existe crédito adecuado e suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2022.

Para estes efectos, é necesario establecer as bases reguladoras da concesión destas bolsas, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as normas de desenvolvemento.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Por medio da presente orde establécense as bases reguladoras do procedemento CT110B Bolsas de formación en materia de museos e procédese á convocatoria para o 2022 en centros museísticos que formen parte do Sistema galego de centros museísticos.

2. O persoal bolseiro realizará a súa actividade nos centros indicados anteriormente e nos servizos centrais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Serán tutelados, dirixidos e coordenados polos servizos técnicos da Secretaría Xeral de Cultura.

3. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

4. A formación comprende unha parte teórica e unha parte práctica, que será impartida por persoal técnico da Secretaría Xeral de Cultura.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1. Dispoñer da seguinte titulación:

a) No caso de persoas solicitantes de bolsas de formación en museos, ter grao universitario ou equivalente, segundo o Espazo europeo de educación superior, cunha configuración curricular (expediente académico) en que se acredite un mínimo de 75 créditos nestas materias para cada unha das especialidades seguintes:

1º. Historia da arte.

2º. Arqueoloxía.

Para a especialidade de Arqueoloxía, para o cómputo dos 75 créditos, teranse en conta as materias de arqueoloxía, historia antiga e medieval, prehistoria, epigrafía e numismática, paleografía e diplomática, métodos e técnicas de investigación, tendencias historiográficas e similares ou a realización de másteres ou cursos de especialización relacionados coa arqueoloxía cun mínimo de 30 créditos ECTS ou de 750 horas lectivas.

b) No caso de persoas solicitantes de bolsas de formación en restauración de fondos de museos, ter grao ou diplomatura universitaria en conservación e restauración de bens culturais ou equivalente, nas especialidades de:

1º. Arqueoloxía.

2º. Pintura ou escultura.

2. Acreditar dominio da lingua galega, nivel iniciación, mediante certificación oficial ou certificado Celga 3.

3. Non desfrutar, con anterioridade á publicación desta convocatoria de bolsas, dun período de tempo igual ou superior a doce (12) meses destas mesmas bolsas, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Secretaría Xeral de Cultura, logo de iniciado o período de vixencia.

4. Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

5. Non ter sido sancionado/a por infracción cometida durante o desfrute dunha bolsa concedida para a formación en materia de museos.

6. Cada solicitante só poderá presentar unha solicitude de bolsa para unha especialidade, como máximo.

Artigo 3. Número, duración e importe das bolsas

1. O número de bolsas convocadas será de vinte (20), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 10 desta convocatoria. Das vinte bolsas convocadas, farase unha reserva de cinco (5) bolsas destinadas exclusivamente a persoas graduadas ou con titulación equivalente que rematasen os estudos no curso 2016/17 ou posteriores. No caso de quedar deserta a reserva de praza nalgunha das especialidades, acudirase á listaxe na modalidade xeral da especialidade correspondente.

2. As bolsas terán unha duración de 6 meses, contados a partir da data de incorporación que estableza a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, de acordo co centro de destino.

3. As bolsas convócanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, por un importe total de cento catorce mil euros (114.000,00 €).

A tramitación desta orde faise por tramitación anticipada de gasto e queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

4. A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, establece que os expedientes de gasto se poderán iniciar, sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Por iso, a eficacia desta convocatoria queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2022, no momento da resolución de concesión.

No anteproxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 existe crédito adecuado e suficiente para poder tramitar esta orde.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

5. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, destinaranse, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social, seis mil euros (6.000,00 €) con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.484.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Con este obxecto aplícanse as regras de cotización correspondentes aos contratos para a formación e aprendizaxe, establecidas na respectiva Lei de orzamentos xerais do Estado e nas súas normas de aplicación e desenvolvemento. O cálculo das cotizacións faise tomando como referencia a cota empresarial para o ano 2022 máis unha cantidade adicional para posibles incrementos producidos por altas e baixas na mesma bolsa e no mesmo mes.

De ser o caso, farase unha modificación orzamentaria para adecuar esta previsión ao gasto real. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.

6. O importe bruto de cada bolsa será de cinco mil setecentos euros (5.700,00 €).

7. As bolsas poderán ser prorrogadas automaticamente ata outros 6 meses en función da existencia de crédito suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2022 e 2023.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo I).

A presentación será obrigatoriamente electrónica porque, de acordo co disposto tanto no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, como no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, estarán obrigados a relacionarse a través dos medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo os seguintes suxeitos:

Colectivos de persoas físicas respecto das cales, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

As persoas solicitantes, posuidoras de grao universitario ou equivalente, dispoñen da capacidade técnica e dos medios económicos necesarios para utilizar e dispoñer dos medios electrónicos requiridos para a realización dos trámites deste procedemento administrativo.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia do expediente académico coas cualificacións obtidas nas diferentes materias

b) Certificado de Celga 3 ou equivalente, non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

c) Copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos dos que se achegue proba documental.

d) Poder de representación da persoa representante; a representación acreditarase por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración.

Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de Celga 3 expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou equivalente.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Atriga.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Seguridade Social.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o texto da orde reguladora, a relación de beneficiarias/os e o importe das bolsas. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web do Portal de Museos, museos.xunta.gal

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Criterios de valoración

Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

a) Expediente académico.

O expediente académico da persoa solicitante terase en conta cunha valoración máxima de catro (4) puntos.

b) Formación complementaria.

1º. Cursos de posgrao, de especialización e másteres relacionados coa especialidade do campo a que se opta e coa xestión de museos, museoloxía, xestión cultural ou do patrimonio cultural organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais cunha duración mínima de 30 créditos ECTS: 2 puntos, ata un máximo de 4 puntos.

2º. Cursos relacionados coa especialidade do campo a que se opta e coa xestión de museos, museoloxía, xestión cultural ou do patrimonio cultural organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais:

Cursos con acreditación expresa igual ou superior a 10 horas de duración: 0,10 puntos, ata un máximo de 1 punto.

Cursos con acreditación expresa igual ou superior a 25 horas de duración: 0,20 puntos, ata un máximo de 1 punto.

Cursos con acreditación expresa igual ou superior a 40 horas: 0,30 puntos, ata un máximo de 1,5 puntos.

Cursos con acreditación expresa igual ou superior a 60 horas : 0,50 puntos, ata un máximo de 2 puntos.

Cursos con acreditación igual ou superior a 100 horas: 0,70 puntos, ata un máximo de 2,80 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

3º. Congresos, xornadas, seminarios e coloquios relacionados coa especialidade do campo a que se opta e coa xestión de museos, museoloxía, xestión cultural ou do patrimonio cultural: 0,10 puntos, ata un máximo de 1 punto.

Os cursos e congresos, xornadas, seminarios e coloquios non específicos que se acrediten, correspondentes ás letras a) e b), deberán acompañarse do seu correspondente programa para comprobar a relación coa especialidade.

4º. Cursos de informática aplicada á documentación en museos: 0,30 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

Artigo 11. Instrución e avaliación

1. A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle á Secretaría Xeral de Cultura, que revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida, poderase reclamar aos solicitantes que emenden os defectos apreciados na documentación exixida, outorgándoselles un prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, desde a notificación do requirimento, e indicaráselles que, se non o fan, se terán por desistidos da súa solicitude, de acordo co artigo 73.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A avaliación das solicitudes efectuaraa unha comisión técnica composta pola titular da Subdirección Xeral de Arquivos e Museos, que a presidirá, actuando como vogais dúas persoas técnicas do Servizo de Museos. Exercerá as funcións de secretaria a titular do Servizo de Museos. En caso de ausencia dalgunha das persoas da comisión, correspóndelle ao titular da Secretaría Xeral de Cultura nomear suplente. A comisión elaborará o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

3. A Secretaría Xeral de Cultura, á vista do expediente e do informe da Comisión de Avaliación, formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada. O prazo de exposición pública será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes.

4. Examinadas as alegacións presentadas, se é o caso, polas persoas solicitantes, formularase a proposta de resolución definitiva, conforme o procedemento establecido no artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Resolución e recursos

1. A Secretaría Xeral de Cultura elevaralle o informe xunto coa proposta de resolución definitiva ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que resolverá sobre a concesión das bolsas.

2. O titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade resolverá o procedemento de concesión no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. O prazo máximo para resolver e notificar será de catro meses desde a entrada en vigor da orde de convocatoria. De non se ditar resolución no prazo indicado, as solicitudes entenderanse desestimadas. Non se poderá conceder máis dunha bolsa por solicitante.

3. O contido da resolución que poña fin ao procedemento axustarase ao establecido no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e deberá expresar a relación de solicitantes aos cales se lle concede as bolsas convocadas. Poderán ser designadas, ademais, as persoas suplentes, en orde de prioridade, que serán notificadas como adxudicatarias de forma sucesiva cando non se puidese formalizar a aceptación da bolsa ou se produza unha renuncia. Así mesmo, a resolución determinará, de forma expresa, a desestimación do resto de solicitudes.

4. A resolución de adxudicación, que se notificará nos termos previstos no artigo 7, pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 114 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e contra esta cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da data de notificación desta ás persoas interesadas ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados, así mesmo, desde a data de notificación.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Aceptación das bolsas

1. As persoas que resultasen adxudicatarias dunha das bolsas convocadas elixirán o seu destino por orde de puntuación.

2. A Secretaría Xeral de Cultura poderá adxudicar outro destino en función do desenvolvemento da bolsa e das circunstancias que se poidan producir.

3. Dentro dos dez días naturais seguintes á notificación da resolución definitiva as persoas beneficiarias das bolsas deberán comunicar á Secretaría Xeral de Cultura a súa aceptación. De non facelo no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, de non comparecer no centro de destino na data estipulada, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Secretaría Xeral de Cultura procederá ao chamamento de suplentes para cubriren estas prazas.

5. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 15. Pagamento das bolsas e xustificación

1. O pagamento das bolsas axustarase á normativa orzamentaria de aplicación. Terá unha periodicidade mensual, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, unha vez que o persoal bolseiro presentase a documentación fixada no artigo 16.d).

2. Ás persoas adxudicatarias das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao pagamento da bolsa.

3. Así mesmo, as persoas beneficiarias das bolsas están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 16. Obrigas das persoas bolseiras

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, están obrigadas a:

a) Incorporarse ao destino adxudicado na data que estableza a Secretaría Xeral de Cultura. A non incorporación na data sinalada implicará a perda automática dos dereitos inherentes á bolsa concedida.

b) Asistir aos centros onde resulten destinados de acordo coas directrices que estipulen as persoas responsables da execución do programa de formación. O horario será o establecido no centro de destino.

c) Seguir as indicacións técnicas da dirección do museo e dos servizos técnicos coordinadores.

d) Entregar mensualmente aos servizos técnicos coordinadores informe da actividade realizada e, ao finalizar a bolsa, a memoria explicativa correspondente ás actividades desenvolvidas durante o tempo de goce da bolsa.

e) As persoas beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 17. Desenvolvemento das bolsas

1. Poderase autorizar a interrupción temporal da bolsa, logo da incorporación do persoal bolseiro ao destino adxudicado, por un prazo máximo de quince días naturais, a petición da persoa interesada, logo do informe favorable da dirección do centro museístico correspondente.

2. A Secretaría Xeral de Cultura poderá autorizar a interrupción temporal do goce da bolsa no caso de interrupcións motivadas por enfermidade ou accidente, risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade, debidamente acreditadas. A dotación da bolsa será do 100 % e o período interrompido poderá engadirse á data prevista para a finalización da bolsa sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan e, en todo caso, nas interrupcións por maternidade.

3. O pagamento da dotación económica da bolsa proporcional á duración do período de interrupción procederá só se é recuperado e sempre que sexa posible dentro do exercicio orzamentario e as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

4. Por petición do persoal bolseiro, ao remate da bolsa, a Secretaría Xeral de Cultura, logo de informe favorable dos servizos técnicos coordinadores e entrega dos informes e memorias solicitadas, expedirá certificación acreditativa dela.

5. As bolsas non implican relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, nin compromiso que se estenda máis alá do seu ámbito de duración.

6. Para a utilización do material e a información obtidos como resultado das actividades desenvolvidas durante a bolsa, as persoas bolseiras deberán contar coa autorización expresa e previa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e do centro onde estivesen destinadas.

7. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano, procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 18. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión.

Artigo 19. Renuncias, revogación e reintegro de cantidades

1. A renuncia á bolsa, unha vez comezado o desfrute desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Secretaría Xeral de Cultura polo menos con sete días de antelación á data na que solicite sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non desfrutada.

2. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa o persoal bolseiro poderá proporlle á Secretaría Xeral de Cultura a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das obrigas sinaladas.

3. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora cando proceda nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Réxime sancionador

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Réxime xurídico

Para todos aqueles aspectos non previstos nas presentes bases, aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Será de aplicación o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o secretario xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021; DOG do 16 de febreiro)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file