Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 21 de decembro de 2021 Páx. 63196

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2021 pola que se convoca un proceso selectivo para ingresar como persoal laboral fixo do grupo I, na categoría de técnico/a superior de biotecnoloxía, polo sistema de acceso libre.

De conformidade co disposto na Resolución reitoral do 13 de decembro de 2018 (DOG do 24 de decembro) pola que se aproba a oferta pública de emprego (OEP) do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo para o ano 2018, esta reitoría, en uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e polos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro), do Goberno da Xunta de Galicia, resolveu convocar un proceso selectivo para o ingreso, polo sistema de promoción interna e de acceso libre, na categoría de técnico/a superior de biotecnoloxía, con suxeición ás seguintes bases:

1. Normas xerais.

1.1. Convócase un proceso selectivo para cubrir unha (1) praza de persoal laboral fixo da categoría de técnico/a superior de biotecnoloxía da Universidade de Vigo, grupo I, polo sistema de acceso libre.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición coas características que se indican no anexo I.

1.3. O programa que rexerá as probas relaciónase no anexo II.

1.4. A este proceso selectivo aplicaránselle a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (EBEP), a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG), o vixente II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, os estatutos da Universidade de Vigo e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

1.5. Os actos deste proceso que se deban publicar, agás cando a publicación se realice no DOG, terán como data de efectos a da súa publicación no taboleiro electrónico da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal/public/bulletin/bulletin-index.xhtml). Con efectos unicamente informativos, tamén se publicarán no seguinte enderezo electrónico
https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo

1.6. Para os efectos de información e consultas, as persoas interesadas pódense dirixir por correo electrónico a consultapas@uvigo.gal e por teléfono ao número 986 81 37 62.

2. Requisitos.

Para seren admitidas ao proceso selectivo, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes as persoas aspirantes deberán posuír, e manter ata a formalización do contrato, os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou dalgún dos Estados membros da Unión Europea. Tamén poderán participar:

1. Os cónxuxes de españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, nas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que sexan dependentes.

2. As persoas incluídas no ámbito de aplicación dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España en que sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

As persoas aspirantes non residentes en España incluídas no número 1, así como as persoas estranxeiras incluídas no número 2, deberán xuntar á súa solicitude a documentación que acredite as condicións que se alegan.

Quen, non sendo español nin nacional dun Estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade e sexa titular dun documento que o habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Idade: ter cumpridos 16 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Titulación: estar en posesión do título universitario de grao, licenciado, arquitecto ou enxeñeiro, ou estar en condicións de obtelo na data de remate do prazo de presentación de instancias.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

d) Taxas: ter aboado as taxas por participación, agás o previsto na base 3.

e) Capacidade: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

f) Habilitación: non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha das administracións públicas ou dos organismos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para desempeñar empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional a que pertencía. No caso de ser nacional doutro Estado, non encontrarse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

3. Solicitudes.

3.1. Para tomar parte nestas probas selectivas, deberase presentar unha solicitude seguindo o modelo oficial dispoñible no seguinte enderezo https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo→Solicitude de admisión, seguindo as indicacións que figuran nel, e cubrir todos os campos obrigatorios, validalos e confirmalos.

Asignarase a cada instancia un número de referencia de identificación único. Unha vez cuberta a instancia, imprimiranse dous exemplares que deberán ser asinados pola persoa solicitante; segundo o lugar de presentación, un servirá de recibo para a persoa interesada e o outro deberase presentar perante o reitor da Universidade de Vigo, consonte se regula no punto seguinte.

3.2. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. As solicitudes presentaranse na sede electrónica da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal/public/catalog-detail/1150909); tamén se poden presentar na Oficina de Asistencia en materia de rexistro do Campus de Vigo (Edificio Exeria, campus Universitario, 36310 Vigo), nas oficinas de asistencia en materia de rexistro dos campus de Ourense (unidade administrativa), Campus de Pontevedra (Escola de Enxeñaría Forestal) e Vigo (rúa Torrecedeira, nº 86) ou segundo as restantes formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). As solicitudes subscritas no estranxeiro poderanse cursar a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

3.3. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, as persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % indicarán na solicitude as posibles adaptacións de tempo e/ou medios que consideren necesarias para a realización das probas e o seu motivo; para este fin, deberase achegar coa solicitude un certificado que acredite a discapacidade, así como o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade; para estes efectos, o ditame médico deberá ser suficientemente explicativo para que o órgano de selección poida valorar a procedencia ou non das adaptacións solicitadas.

3.4. Os dereitos de participación serán de 43,30 euros, e o pagamento, no cal deberán constar o nome, apelidos e DNI ou pasaporte da persoa interesada, poderase realizar:

– Directamente nas oficinas de Abanca, indicando o código 2106

– Mediante transferencia á conta ES49 2080 5000 6731 1022 5991

A falta de aboamento destes dereitos durante o prazo de presentación de solicitudes non é rectificable e determinará a exclusión das persoas aspirantes.

3.5. Estarán exentas do pagamento desta taxa, sempre que o acrediten no prazo previsto no número 2 desta base:

a) As persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %, acreditada mediante o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os tres meses inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das probas selectivas e que non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego na data de presentación da solicitude de participación, acreditándoo mediante certificación expedida pola oficina de emprego relativa a ambas circunstancias.

c) As familias numerosas de categoría especial, o cal acreditarán mediante o correspondente título expedido dentro do ano anterior á data de publicación no DOG da convocatoria.

d) As vítimas de terrorismo, considerando como tales as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante unha sentenza xudicial firme ou en virtude dunha resolución administrativa pola cal se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

e) As vítimas de violencia de xénero a que fai referencia a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e os seus fillos ou fillas; para iso deberán presentar a resolución xudicial en que se outorgue a orde de protección a prol da vítima, sentenza condenatoria, medida cautelar a prol da vítima ou calquera outra en que o órgano xudicial considere a existencia de calquera dos delitos ou faltas.

3.6. Terán dereito a unha bonificación do 50 % da taxa por dereitos de exame as familias numerosas de categoría xeral, que o deberán acreditar na forma establecida na base 3.5.c).

3.7. En ningún caso o pagamento da taxa ou a xustificación da concorrencia dalgunha das súas causas de exención ou bonificación suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso selectivo. A omisión do pagamento dentro do prazo de presentación de solicitudes determinará a exclusión da persoa aspirante. Unicamente se poderá emendar o pagamento incompleto ou a falta de acreditación da súa exención e exclusivamente dentro do prazo previsto na base 4.2.

3.8. De conformidade co disposto na Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos, procederá a devolución das taxas de participación cando non se realice o feito impoñible por causas non imputables ao suxeito pasivo, caso en que a persoa interesada deberá solicitar a devolución e achegar os datos necesarios para a transferencia bancaria correspondente. Polo tanto, non procederá a devolución nos supostos de exclusión das probas selectivas por causa imputable á persoa interesada.

3.9. Unicamente dentro do prazo de presentación de solicitudes deberá achegarse:

a) Acreditación do pagamento das taxas ou, se é o caso, da causa de exención ou bonificación.

b) Acreditación do Celga 4 consonte o establecido na base 6.8 da convocatoria; de non ser así, deberase realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

c) Acreditación do diploma de español de nivel B2 (intermedio) ou superior, de conformidade co establecido na base 6.9; de non ser así, seralles de aplicación o previsto na dita base.

3.10. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fixesen constar nas súas solicitudes e unicamente poderán demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 4.2; transcorrido este prazo, non se admitirá ningún pedimento desta natureza.

3.11. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se correspondan coas copias simples presentadas.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Reitoría da Universidade de Vigo ditará unha resolución que se publicará no DOG en que se aprobe a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas e se indiquen o lugar en que se encontre exposta ao público a lista completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, co nome, apelidos e número de DNI, así como as causas que motivaron a exclusión, de ser o caso.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

4.3. A estimación ou desestimación das peticións de emenda ou corrección entenderanse implícita na resolución da Reitoría que aprobe a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicará igualmente no DOG.

4.4. O feito de figurar na relación de persoas admitidas non implicará recoñecerlles ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos, de xeito que a constatación de que non os posúen producirá o seu decaemento de todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.

5. Tribunal.

5.1. A composición do tribunal cualificador destas probas publicarase xunto coa relación provisional indicada na base 4.1 e terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Deberá actuar de acordo co disposto na LPACAP e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).

5.2. As persoas que formen parte do tribunal deberanse abster de intervir, e notificaranllo ao reitor da Universidade, cando concorran nelas as circunstancias previstas no artigo 23 da LRXSP, cando realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria ou de teren colaborado durante ese período con centros de preparación de opositores, de acordo co artigo 59.2 da LEPG.

A Presidencia deberalles solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non encontrarse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os e as integrantes do tribunal cando concorran neles/as algunha das circunstancias sinaladas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da LRXSP.

5.3. A Reitoría publicará, nos lugares indicados na base 1.5, a resolución pola cal se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunhas das causas previstas na base anterior.

5.4. Logo da convocatoria da Presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia, presencial ou a distancia, do presidente/a e do secretario/a ou, se é o caso, de quen os/as substitúa, e da metade, polo menos, dos/das seus membros titulares ou suplentes.

5.5. Corresponderalle ao tribunal a consideración, verificación e apreciación das incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento dos exercicios, o cal adoptará ao respecto as decisións que xulgue pertinentes.

5.6. O tribunal poderalle propor ao reitor a designación de asesores/as especialistas que se limitarán a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas e que deberán posuír titulación de igual ou superior nivel á exixida nesta convocatoria. A súa designación publicarase na páxina electrónica indicada na base 1.5 e seralles de aplicación o previsto en materia de abstención e recusación.

Así mesmo, cando o número de aspirantes o faga conveniente, poderá solicitar do reitor a designación de persoal colaborador.

5.7. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios que o resto das persoas aspirantes. Para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base 3.3, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

5.8. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e excluirá aquelas que consignen nas follas de exame marcas ou signos que as singularicen.

5.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre calquera dos requisitos exixidos nesta convocatoria, logo da audiencia da persoa interesada, deberá propor a súa exclusión ao órgano convocante ou, se é o caso, pór no seu coñecemento a posible concorrencia desta circunstancia, para que, logo das comprobacións necesarias, se resolva ao respecto.

5.10. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura da praza convocada, cando se produza renuncia da persoa seleccionada antes da toma de posesión ou non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación a persoa proposta, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.

5.11. Para os efectos de comunicacións, o tribunal terá a súa sede no Edificio Exeria, ao cal se poderán dirixir polas canles sinaladas na base 1.6.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra Y, de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda do 29 de xaneiro de 2021 (DOG do 5 de febreiro).

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento, no cal acreditarán a súa identidade, e serán excluídas do proceso selectivo as que non comparezan. Deberán obedecer as instrucións do tribunal e, de ser o caso, do persoal colaborador para o seu correcto desenvolvemento; en caso contrario, poderanlle impedir ao aspirante que continúe o proceso. Contra este acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. A resolución final deste proceso selectivo ditarase antes de que transcorra un ano desde a publicación desta convocatoria no BOE, sen contar o mes de agosto.

6.4. As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio, poderano por en coñecemento do tribunal e xuntaranlle á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberase realizar dentro dos cinco días seguintes ao do anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente, tomando en conta, ademais do alegado, os dereitos das demais persoas aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables e ás necesidades e aos intereses da Universidade. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.5. O lugar, a data e a hora de realización do primeiro exercicio publicaranse nos lugares previstos na base 1.5 cun mes de antelación, e non se realizará antes do 1 de febreiro de 2022.

A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal, no lugar ou lugares onde se realizase o anterior e, ademais, nos lugares indicados no parágrafo anterior, cunha antelación mínima de dous días ao da data sinalada para a súa iniciación.

6.6. En caso de que o tribunal acorde criterios de avaliación en desenvolvemento dos establecidos nesta convocatoria, publicaraos nos lugares previstos na base 1.5.

6.7. Tras cada exercicio, as persoas aspirantes poderán levar os cuestionarios e, nas probas tipo test, o tribunal publicará as respostas correctas na páxina electrónica indicada na base 1.5.

6.8. Estarán exentas de realizar o exercicio de coñecemento de lingua galega as persoas aspirantes que acrediten estaren en posesión do Celga 4 ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG do 30 de xullo) pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG do 19 de febreiro). A relación coas persoas que deban realizar a proba publicarase coa relación provisional de persoas admitidas e excluídas, e poderase solicitar a rectificación no prazo previsto na base 4.2.

6.9. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira, agás os e as nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español, deberán acreditar o coñecemento do castelán, ben mediante a presentación dos diplomas e certificacións relacionadas na base 3.9.d), ben mediante a superación dunha proba que se axustará ao disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro. A proba cualificarase como apto ou non apto e será necesario obter a cualificación de apto para poder realizar a fase de oposición.

6.10. Os aspirantes que superen o primeiro exercicio da oposición deberán presentar nos lugares indicados na base 3.2, no prazo de dez días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación do acordo do tribunal coa cualificación do dito exercicio, a documentación acreditativa da formación mediante copia do título, diploma ou certificación correspondente en que consten todos os elementos necesarios para a valoración ou susceptibles dela.

Neste mesmo prazo, a Universidade de Vigo expedirá, de oficio, unha certificación acreditativa da experiencia e remitiralles o orixinal ao tribunal e unha copia á persoa interesada.

Os méritos valoraranse por referencia á data de publicación desta convocatoria no DOG e non se valorarán os que non se presenten suficientemente acreditados nin os presentados fóra deste prazo.

7. Cualificacións.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará público nos lugares previstos na base 1.5 un acordo coa relación de persoas aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do nome. Contra este acordo poderanse presentar reclamacións no prazo de cinco días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

7.2. Rematada a fase de oposición, o tribunal publicará a lista coa valoración provisional da fase de concurso dos aspirantes que a superasen, detallada para cada unha das epígrafes que se relacionan no anexo I, contra a cal se poderá reclamar no prazo de tres días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

7.3. Resoltas as reclamacións, a Presidencia do tribunal publicará a relación coas persoas que superasen o proceso selectivo, ordenadas consonte a puntuación final obtida, e indicará as puntuacións definitivas da fase de concurso e de cada un dos exercicios da oposición. A continuación, elevaraa á a Reitoría, que ditará e publicará unha resolución que poña fin ao proceso selectivo.

7.4. A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas en ambas as dúas fases. No suposto de empate, acudirase por orde aos seguintes criterios:

a) Puntuación obtida no conxunto da fase de oposición.

b) Puntuación obtida en cada un dos exercicios pola seguinte orde: segundo, primeiro e terceiro.

c) Puntuación obtida no conxunto da fase de concurso.

d) Puntuación obtida en cada unha das epígrafes da fase de concurso na orde en que se relacionan no anexo.

e) Sorteo entre as persoas implicadas.

7.5. A elección de destinos realizarase considerando a orde das persoas aspirantes na proposta de adxudicación e o seu pedimento.

7.6. Finalizado o proceso selectivo, o tribunal valorará os méritos da fase de concurso e elaborará unha relación ordenada cos aspirantes de acordo coa normativa de elaboración de listas de espera da Universidade de Vigo. A lista de espera resultante utilizarase para atender as necesidades de persoal de carácter exclusivamente temporal que poidan xurdir.

8. Presentación de documentos e formalización do contrato.

8.1. A partir do día seguinte ao da publicación indicada na base 7.3, as persoas propostas disporán dun prazo de vinte días hábiles para presentaren, na Oficina de Asistencia en materia de rexistro da Universidade de Vigo, os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada do documento nacional de identidade; as persoas aspirantes que non posúan nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten as condicións alegadas, consonte a base 2.a).

b) Fotocopia compulsada ou cotexada do título académico ou certificación académica acreditativa de ter aprobadas todas as materias que capacitan para a obtención del título, á cal xuntarán o xustificante de ter aboado os dereitos para a expedición do título; no caso de titulación obtida no estranxeiro, presentarase credencial da súa homologación ou equivalencia.

c) Declaración xurada ou promesa relativa ao establecido na alínea f) da base segunda, seguindo o modelo que figura no anexo III.

d) Informe do Servizo Público de Saúde acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que imposibilite o desempeño das correspondentes funcións. Quen faga valer a súa condición de persoa con discapacidade deberá acreditar a súa compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

8.2. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos, a persoa aspirante formalizará un contrato de traballo no cal se establecerá un período de proba de tres (3) meses, transcorrido o cal, e de telo superado satisfactoriamente, adquirirá a condición de persoal laboral fixo.

Estará exento do período de proba quen desempeñase a mesma categoría e funcións na Universidade de Vigo por un período igual ou superior ao indicado.

8.3. Se dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior libremente apreciados, non se presenta a documentación ou do seu exame se deduce que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorra por falsidade na solicitude inicial.

Neste caso, ou no de non superar o período de proba, o posto adxudicaráselle á seguinte persoa candidata de entre as que superasen o proceso selectivo.

9. Norma derradeira.

9.1. De acordo co disposto no artigo 13 do Regulamento UE 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección da persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e co disposto no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos facilitados na solicitude serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade de Vigo coa finalidade de xestionar a tramitación deste proceso selectivo e amparados pola Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e os estatutos da Universidade de Vigo.

Coa súa participación nesta convocatoria as persoas interesadas autorizan a Universidade de Vigo para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza desta convocatoria. Non obstante e co fin de previr riscos para a publicidade de datos persoais de vítimas de violencia de xénero, a persoa afectada comunicará esta circunstancia coa maior celeridade á Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo (986 81 34 19 e igualdade@uvigo.es).

Estes datos trataranse durante o tempo imprescindible para cumprir coa citada finalidade e conservaranse durante o prazo necesario para determinar as posibles responsabilidades que poidan derivar da dita finalidade e do tratamento dos datos.

As persoas participantes están obrigadas a facilitar estes datos en virtude do especificado nos parágrafos anteriores e, en caso de non o faceren, serán excluídas do proceso selectivo.

As persoas participantes teñen dereito a solicitarlle ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, rectificación ou supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento, así como a oporse ao dito tratamento e a solicitar, agás en casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade dos seus datos.

Estes dereitos poderanse exercer mediante solicitude dirixida ao reitor da Universidade de Vigo, na Oficina de Asistencia en materia de rexistro da Universidade de Vigo ou en calquera dos rexistros indicados no artigo 16 da LPCAP, e remitida á Secretaría Xeral da Universidade de Vigo, Campus Universitario As Lagoas-Marcosende, 36310 Vigo (Pontevedra). Máis información: https://www.uvigo.gal/proteccion-datos

Pódese dirixir igualmente a dita solicitude directamente á delegada de Protección de Datos da responsable: Ana Garriga Domínguez, Facultade de Dereito, Campus Universitario As Lagoas, s/n, 32004 Ourense (España), 988 36 88 34, dpd@uvigo.gal

Tamén pode presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

9.2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso, perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpor contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpor un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 2 de decembro de 2021

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

Proceso selectivo

A) Fase de oposición.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite do día primeiro do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas expresas que figuran no anexo II e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan no momento da súa derrogación parcial ou total, con data límite do día primeiro do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio.

Non se permitirá o uso de ningún tipo de dispositivo, material nin recurso en ningún formato.

A oposición estará formada polos seguintes exercicios obrigatorios:

Primeiro. De carácter teórico, escrito e eliminatorio. Consistirá en contestar un test de 120 preguntas con 4 respostas alternativas, das cales só unha será correcta, da primeira parte do programa.

O tempo de realización será de 140 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. O exercicio incluirá 8 preguntas de reserva que se deberán responder dentro do tempo indicado. Cualificarase cun máximo de 24 puntos e será necesario obter 12 puntos para superalo.

Segundo. De carácter práctico e eliminatorio. Consistirá en realizar as probas prácticas e/ou resolver un ou varios supostos prácticos relativos á primeira parte do programa.

O tempo de realización será de 180 minutos. Cualificarase cun máximo de 30 puntos e será necesario obter 15 puntos para superalo.

Terceiro. Non terá carácter eliminatorio. Estará composto por dúas probas:

a) Coñecementos de lingua galega. Estarán exentas de realizala as persoas aspirantes que acrediten estaren en posesión do Celga 4, nos termos previstos nas bases da convocatoria, e serán cualificados con 2 puntos. Esta proba incluirá 2 partes:

Primeira. Consistirá en contestar un test de 20 preguntas sobre o coñecemento da lingua galega, con catro respostas alternativas das cales só unha delas será correcta. O exercicio incluirá 2 preguntas de reserva que se deberán responder dentro do tempo indicado. Disporase de 25 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. Valorarase cun máximo de 1 punto.

Segunda. Comprensión escrita ou oral e expresión oral. Consistirá en ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo e, a seguir, realizar unha entrevista coa persoa examinadora; deberase resumir o input e manter un diálogo ao respecto para avaliar a súa expresión oral. Valorarase cun máximo de 1 punto.

b) Coñecementos non específicos. Consistirá en contestar un test de 20 preguntas sobre a segunda parte do programa, con catro respostas alternativas das cales só unha será correcta. O exercicio incluirá 2 preguntas de reserva que se deberán responder dentro do tempo indicado. O tempo máximo de realización será de 25 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. Valorarase cun máximo de 4 puntos.

B) Fase de concurso:

1. Experiencia: ata un máximo de 30 puntos, a razón de 0,167 puntos por mes completo traballado. Valoraranse os servizos prestados na Universidade de Vigo na mesma categoría de persoal laboral incluída na clasificación do II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, ou categorías extinguidas por transformación e/ou promoción, actualmente establecidas na relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo (Resolución do 8 de xuño de 2021, DOG do 16 de xuño).

2. Formación: ata un máximo de 10 puntos. Valorarase a formación relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais, incluídas as materias cursadas para a obtención de títulos oficiais superiores ao exixido pola convocatoria ou afíns; neste último caso, deberase achegar o programa académico en que se indique a duración das disciplinas.

Duración

Puntuación

De 30 horas a 99 horas

1,5 puntos

De 100 horas a 249 horas

2,5 puntos

De 250 horas a 499 horas

3,5 puntos

Igual ou superior a 500 horas

5 puntos

Os cursos cunha duración menor de 30 horas non se tomarán en consideración, agás que a suma deles sexa igual ou superior a 30 horas, e recibirase polo conxunto un máximo de 1 punto.

Considerarase que a formación está directamente relacionada coa categoría se o seu contido se refire directamente aos temas que configuran o programa (anexo II), consideración que recibirán os cursos de galego.

De acreditar máis dun nivel de coñecemento, valorarase unicamente o curso de superior nivel. No caso dos cursos de galego, só se valorarán os de nivel superior ao exixido na convocatoria: Celga 5 e os cursos medio e superior de linguaxe administrativa galega e de linguaxe xurídica galega.

ANEXO II

Programa

Primeira parte: temario específico.

1. Forzas impulsoras en fluxo de fluídos.

2. Fluídos newtonianos e fluídos non newtonianos.

3. Perdas de carga.

4. Mecanismos e forzas impulsoras en transmisión de calor.

5. Transferencia de calor en sistemas con múltiples resistencias.

6. Forzas impulsoras en transferencia de materia.

7. Coeficientes de transferencia de materia.

8. Equilibrio en sistemas con transferencia de materia.

9. Natureza e fundamento da reacción química.

10. Efectos térmicos en sistemas con reacción química: sistemas adiabáticos.

11. Velocidade de reacción e orde de reacción.

12. Factores que afectan a velocidade de reacción.

13. Tipos de reactores ideais.

14. Reactores descontinuos: modos de operación.

15. Seguridade no manexo de reactores que operan en condicións severas.

16. Tipos de biorreactores.

17. Operación en biorreactores.

18. Cinética encimática e microbiana.

19. Fundamentos xerais da separación de partículas baseados na forza centrífuga.

20. Compoñentes, manexo e mantemento de equipamentos empregados en sedimentación centrífuga.

21. Sistemas de hixienización por altas presións: altas presións hidrostáticas.

22. Compoñentes, manexo e mantemento de equipamentos de altas presións hidrostáticas.

23. Fundamentos de separación cromatográfica.

24. Cromatografía líquida de alta eficacia.

25. Fundamentos da separación sólido-líquido.

26. Equilibrio sólido-líquido: variables e diagramas.

27. Equipamento de extracción sólido-líquido.

28. Extracción con fluídos supercríticos. Variables do proceso.

29. Sistemas de extracción baseados na utilización de dióxido de carbono supercrítico. Efecto dos co-solventes.

30. Compoñentes, manexo e mantemento de equipamentos de extracción con fluídos supercríticos.

31. Natureza das operacións de membrana.

32. Forzas impulsoras en operacións de membrana.

33. Configuracións durante a operación con membranas.

34. Ultrafiltración.

35. Nanofiltración.

36. Osmose inversa.

37. Principios básicos da extrusión.

38. Compoñentes, manexo e mantemento de equipamentos de extrusión.

39. Fundamentos da resistencia mecánica. Ensaios de tracción e flexión.

40. Compoñentes, manexo e mantemento de máquinas de ensaios universais.

41. Operacións básicas de mantemento dun laboratorio. Manexo, control e mantemento do pequeno equipamento: balanzas, axitadores magnéticos, estufas, pH-metro.

42. Compoñentes, manexo, control e mantemento do equipamento: autoclave, mufla, centrífugas, cabinas de fluxo laminar, termodesinfectadora, permeabilímetros, disruptor celular, cámaras frías e de conxelación.

43. Tecnoloxías de impresión 3D. Tipos de impresoras. Materiais para a impresión 3D.

44. Compoñentes, manexo e mantemento de impresoras 3D.

45. Software libre para a impresión 3D. Laminadores 3D: Cura.

46. Software libre de modelaxe de pezas para impresión 3D. Introdución a Blender.

47. Definición do mantemento industrial e de instalacións.

48. Inspeccións de instalacións industriais.

49. Técnicas aplicadas ao mantemento preditivo.

50. Recoñecemento e uso correcto do material de laboratorio.

51. A prevención de riscos laborais na Universidade de Vigo. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento.

52. Manexo de substancias tóxicas e perigosas.

53. Sinalización de seguridade.

54. Etiquetaxe e follas de seguridade de substancias químicas.

55. Emerxencias.

56. Equipamentos de protección individual.

57. Tratamento de residuos de laboratorio.

58. O Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI). Instalacións e estrutura organizativa.

59. Real decreto 374/2001, do 6 de abril, sobre a protección da saúde e seguridade dos traballadores contra os riscos relacionados cos axentes químicos durante o traballo. A prevención de riscos laborais na Universidade de Vigo. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento. Equipamentos de protección individual. Recoñecemento e uso correcto do material de laboratorio. Manexo de substancias tóxicas e perigosas. Etiquetaxe e follas de seguridade de substancias químicas. Sinalización de seguridade. Emerxencias.

Segunda parte: temario común.

1. A Constitución de 1978: título preliminar e título I.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia: títulos I e II.

3. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: título preliminar e títulos I, II, III, IV e V.

4. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público: título preliminar (agás a subsección 2ª da sección 3ª do capítulo II), e título III.

5. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: título I; capítulo I do título III; capítulo I do título IV; capítulo I do título V; capítulo I do título VI.

6. Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores: título I (agás os capítulos IV e V) e título II.

7. II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo.

8. Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades: título preliminar, título I, capítulo I do título II, capítulo I do título III, títulos VI e VIII, capítulo I do título IX e título X.

9. Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo.

10. Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais: capítulos I, II, III, IV e V.

11. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: títulos I, II, III, V, VII, VIII, IX e X.

12. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade: título preliminar; título II: capítulos: I, II, IV e V; e título IV: capítulos I e II.

ANEXO III

Declaración xurada/promesa

Don/a ..................................................................................................................................., con DNI/NIE/pasaporte .................................... e nacionalidade ...........................................

DECLARA BAIXO XURAMENTO OU PROMETE para os efectos de ser contratado/a persoal laboral fixo pola Universidade de Vigo

 CIDADÁN ESPAÑOL - Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha das administracións públicas ou dos organismos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para desempeñar empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional a que pertencía.

 CIDADÁN ESTRANXEIRO - Non encontrarse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

.............................................,.

...... de.

............................. de

202

(localidade)

(día)

(mes)

(ano)