Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 23 de decembro de 2021 Páx. 63575

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2021, conxunta da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas.

O Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, determina, no seu artigo 35, que a Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social é o órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponden as funcións en materia de fomento do emprego, traballo autónomo, cooperativas e economía social.

Baixo a dirección da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social desenvólvense as funcións de planificación, coordinación, execución e control das competencias da Comunidade Autónoma en materia de cooperativas, sociedades laborais, centros especias de emprego e empresas de inserción, así como a xestión do Rexistro de Cooperativas, do Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais, do Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego e do Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación. Nesta resolución especificaranse a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito do Rexistro de Cooperativas de Galicia, do Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia, do Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e do Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral.

a) Dilixenciado de títulos inscritos.

b) Emisión de informes.

c) Emisión de certificados e notas simples.

Segundo. Os órganos responsables en relación coa actuación administrativa automatizada relacionada no punto anterior serán:

a) A Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dos selos electrónicos denominados Rexistro de Cooperativas de Galicia, Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia, Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral, ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderá a Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.

b) Organismo subscritor: Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

c) Nome dos selos:

Rexistro de Cooperativas de Galicia.

Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia.

Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia.

Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar os selos electrónicos denominados Rexistro de Cooperativas de Galicia, Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia, Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación dos selos electrónicos Rexistro de Cooperativas de Galicia, Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia, Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia e Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción Laboral, sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Sexto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021

Covadonga Toca Carús
Directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social

María del Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia