Unha vez convocada mediante Resolución do 13 de abril de 2021 (DOG nº 75, do 22 de abril) a provisión dun posto de xefe/a da Unidade de Urxencias do Hospital Universitario da Coruña, esta xerencia, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 137/2019, do 10 de outubro (DOG nº 208, do 31 de outubro), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde; pola Orde do 22 de abril de 2020 (DOG nº 82, do 29 de abril), de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, e polo Decreto 134/2019, do 10 de outubro (DOG nº 204, do 25 de outubro), polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia,
DISPÓN:
Primeiro. Resolver a convocatoria pública para a provisión dun posto de xefe/a da Unidade de Urxencias do Hospital Universitario da Coruña, convocado mediante Resolución do 13 de abril de 2021 (DOG nº 75, do 22 de abril).
Segundo. Nomear para o posto que se indica a persoa citada no anexo desta resolución.
Terceiro. A aspirante seleccionada deberá cesar na praza que desempeña dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.
A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberase efectuar dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrito ou destino provisional, ou comisión de servizos.
Se así o permiten as necesidades do servizo e por petición motivada da interesada, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.
O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a condición de servizo activo e os correspondentes haberes percibiranse de conformidade co que estableza a orde sobre confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.
Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular e será declarado nesa situación polo órgano competente quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.
Cuarto. Contra a presente resolución poderase interpor recurso de alzada, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A Coruña, 14 de decembro de 2021
Luis Verde Remeseiro
Xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee
ANEXO
Denominación do posto: xefa da Unidade de Urxencias do Hospital Universitario da Coruña.
Nome e apelidos: María de la Cámara Gómez.
DNI (*): ***9735**.
(*) Ocúltase parcialmente o número do documento nacional de identidade para preservar os datos de carácter persoal.