Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 27 de decembro de 2021 Páx. 64024

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 10 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a información pública e audiencia o proxecto de orde pola que se declara como espazo privado de interese natural o lugar denominado Fragas e brañas do Alto do Gaiteiro (concello de Mesía) e se aproban as súas normas de xestión e de conservación.

A Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, recoñece os espazos privados de interese natural (en diante, EPIN) como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 39 desta lei establece a posibilidade de que as persoas propietarias ou titulares dun dereito de uso de terreos en que existan formacións naturais, especies ou hábitats de flora e fauna silvestres dos cales se considere de interese a súa protección poidan propoñerlle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a súa declaración como EPIN.

O procedemento de declaración do EPIN Fragas e brañas do Alto do Gaiteiro, localizado no concello de Mesía, iniciouse o 13 de febreiro de 2020 por proposta de Casa Grande de Xanceda, S.L, representada por Guillermo Martínez Ruiz. Casa Grande de Xanceda, S.L. é a persoa titular acreditada dos dereitos de uso dos predios e a responsable da súa xestión.

O expediente conta cunha memoria técnica que acredita que o lugar posúe valores singulares e reúne as condicións adecuadas para ser declarada espazo protexido, axustándose aos contidos establecidos no artigo 40 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, e mais o compromiso formal da persoa promotora de pór en práctica as medidas precisas para a conservación dos valores naturais deste espazo. Conta, ademais, cunha proposta adecuada de normas de xestión e de conservación que se axusta aos contidos establecidos no artigo 64 da lei para os instrumentos de planificación dos EPIN.

Esta dirección xeral considera que a proposta reúne as condicións adecuadas e anuncia a súa información pública e audiencia ás persoas interesadas co obxecto de cumprir co disposto no artigo 40.5 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

ACORDO:

Primeiro. Someter ao procedemento de información pública e audiencia ás persoas interesadas, durante o prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, o proxecto de orde pola que se declara como espazo privado de interese natural o lugar denominado Fragas e brañas do Alto do Gaiteiro (concello de Mesía) e se aproban as súas normas de xestión e de conservación.

Segundo. Durante o citado prazo, poderase consultar o expediente na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia, na epígrafe correspondente á normativa en tramitación: https://transparencia.xunta.gal, así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza: https://cmatv.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

a) Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Declaración do EPIN Fragas e brañas do Alto do Gaiteiro».

b) Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

c) Tamén se poden remitir suxestións a través do formulario disposto para este fin no enlace do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural