Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 27 de decembro de 2021 Páx. 63869

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 9 de decembro de 2021 pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, tramitada por anticipado de gasto (códigos de procedemento TR807A e TR807B).

O artigo 4 do Decreto 106/1994, do 21 de abril, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo, determina o marco xeral en que se encadran as subvencións que a consellería competente, na actualidade, a Consellería de Emprego e Igualdade, concederá ás organizacións sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia.

En cumprimento do disposto na Lei orgánica 11/1985, de 2 de agosto, de liberdade sindical, e co fin de facilitar ás organizacións sindicais o exercicio das funcións e facultades a que se refire a dita lei, en concreto a realización das funcións propias das organizacións sindicais e a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos, así como o apoio aos plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, anúncianse os seguintes tipos de axudas para o ano 2022.

Programa I. Axudas para o desenvolvemento das actividades ordinarias das organizacións sindicais durante o ano 2022.

Programa II. Axudas para a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

O importe global das referidas axudas destinadas aos dous programas mencionados ascende a un total de 1.099.800 €, que terá tramitación anticipada de acordo co artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (RLSG), e será financiado de acordo co artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), que establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O Decreto 215/2020, do 3 de decembro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade e atribúe á Dirección Xeral de Relacións Laborais a execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e de conformidade coas atribucións que teño conferidas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios aos fins para os cales foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto e tipo de axudas

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas que concederá a Consellería de Emprego e Igualdade ás organizacións sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co seguinte:

Programa I (TR807A). Axudas para o desenvolvemento das actividades ordinarias das organizacións sindicais.

Programa II (TR807B). Axudas para a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

2. Concluído o proceso de eleccións sindicais previsto no título II do actual texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e en virtude do sistema de medición da representatividade das organizacións sindicais para os efectos das axudas previstas nesta orde, terase en conta a representatividade sindical en 31 de decembro de 2021 referida exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia.

Artigo 2. Condicións xenéricas para os dous programas

1. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e nesta orde. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei de subvencións de Galicia, axustándose a repartición aos criterios que se establecen nesta orde.

Así mesmo, e de acordo co establecido no artigo 25.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (RLSG), a concesión destas axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

2. Non poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde aquelas entidades que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non serán subvencionables os gastos financeiros, os derivados de actividades de asesoría financeira e os gastos notariais e rexistrais nin os gastos derivados da compra de equipamentos informáticos nin de calquera outro tipo de investimento que supoña un incremento patrimonial.

4. Os gastos derivados de actividades de asesoría xurídica só serán subvencionables nos casos en que o asesoramento estea referido a actividades sindicais. Para estes efectos serán actividades subvencionables todas aquelas accións en que o dito asesoramento se realiza en nome e/ou representación da entidade solicitante para a defensa das persoas traballadoras a que representa en todo tipo de procedementos xudiciais e extraxudiciais.

CAPÍTULO II

Programa I. Axudas para o desenvolvemento das actividades ordinarias das organizacións sindicais durante o ano 2022 (TR807A)

Artigo 3. Finalidade

Será a de facilitarlles axudas económicas ás organizacións sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para as actividades ordinarias que lles son propias e que se desenvolvan no ano 2022.

Artigo 4. Financiamento

Estas axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.324A.481.6 da Dirección Xeral de Relacións Laborais cun crédito por importe de 780.200 €, co código de proxecto 2015 00513. Para o ano 2022 na partida orzamentaria sinalada existe crédito suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia o día 18 de outubro de 2021.

Artigo 5. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables

1. O crédito que figura na citada aplicación orzamentaria será proporcionalmente distribuído entre as organizacións sindicais que o soliciten, segundo o número de representantes que tivesen o 31 de decembro de 2021 en virtude das eleccións celebradas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia. Terase en conta o número de representantes que teñan as organizacións sindicais baixo a denominación con que figuren rexistradas na data antedita.

2. Terán a condición de actividades subvencionables as actuacións ordinarias e habituais realizadas polas organizacións sindicais que impliquen o normal desenvolvemento das funcións que lles son propias.

CAPÍTULO III

Programa II. Axudas para a creación e/ou o funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais (TR807B)

Artigo 6. Finalidade

Será a de apoiar o funcionamento dos gabinetes técnicos das organizacións sindicais nas actividades específicas das materias correspondentes ao exercicio da actividade sindical, así como a de facilitar a formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Artigo 7. Requisitos dos gabinetes técnicos

Para poder ser obxecto de subvención, os gabinetes técnicos das organizacións sindicais deberán estar integrados, como mínimo, por dúas persoas, unha das cales deberá ter unha titulación de grao ou equivalente. As ditas persoas estarán contratadas a xornada completa para a realización das actividades propias dos gabinetes.

Artigo 8. Financiamento

Estas subvencións financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.324A.481.7 da Dirección Xeral de Relacións Laborais cun crédito por importe de 319.600 € co código de proxecto 2015 00514. Para o ano 2022 na partida orzamentaria sinalada existe crédito suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia o día 18 de outubro de 2021.

Artigo 9. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables

1. O crédito será proporcionalmente distribuído entre as organizacións sindicais intersectoriais que o soliciten, segundo o número de representantes que tivesen o 31 de decembro de 2021 en virtude das eleccións celebradas nas empresas e nas administracións públicas no ámbito de Galicia. Terase en conta o número de representantes que teñan as organizacións sindicais baixo a denominación con que figuren rexistradas na data antedita.

2. Terán a condición de actividades subvencionables as actuacións de carácter concreto e específico derivadas do funcionamento ordinario dos gabinetes técnicos das organizacións sindicais que impliquen o normal desenvolvemento das súas funcións, así como a impartición de actividades formativas dirixidas a cadros e delegadas e delegados sindicais. No caso de actividades formativas, os custos subvencionables por participante e por hora de impartición determinaranse de acordo cos módulos económicos máximos establecidos no anexo I da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se regula a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento (BOE núm. 78, do 1 de abril).

As organizacións sindicais poderán executar as actividades formativas obxecto da axuda en modalidade presencial, teleformación, aula virtual (que seguirá tendo a consideración de formación presencial) ou modalidade mixta.

Serán subvencionables os custos necesarios para a impartición en liña do curso e/ou xornada e que se atopen debidamente xustificados.

Considerarase aula virtual a contorna de aprendizaxe en que a persoa titora-formadora e o alumnado interactúan, de forma concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemático de carácter síncrono que permita levar a cabo un proceso de intercambio de coñecementos co fin de posibilitar unha aprendizaxe das persoas que participan na aula.

3. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde que teñan por finalidade o financiamento de plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización do plan de formación tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución do plan subvencionado e que deberá ser realizada consonte co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, os/as subcontratistas deberán facilitarlles aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. Esta subcontratación poderá chegar ata o 100 % do importe do plan.

Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente a Dirección Xeral de Relacións Laborais a través de comunicación escrita.

CAPÍTULO IV

Procedemento

Artigo 10. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexo I e/ou anexo II) dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acordo do órgano reitor competente, debidamente acreditado, polo que se decida solicitar a subvención.

No caso de que unha federación ou confederación efectúe a solicitude da subvención en nome doutros sindicatos con representatividade, deberá xuntar documentación acreditativa en que conste a autorización dos sindicatos para que a confederación a solicite no seu nome.

b) Memoria explicativa da actividade ou actividades desenvolvidas ou que vaia desenvolver a organización sindical ou o seu gabinete técnico e sobre o plan de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais, segundo o tipo de axuda que se solicite. En todo caso, as actuacións corresponderán ao ano 2022 e deberán constar de xeito detallado e específico.

c) Poder suficiente que acredite a representación da persoa que actúe en nome da organización sindical solicitante.

d) As organizacións sindicais solicitantes das axudas relativas ao programa II, ademais de achegaren a documentación anterior, deberán acreditar que teñen a condición de intersectoriais.

e) Cando se trate de axudas para o funcionamento de gabinetes técnicos, tamén se deberá xuntar copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete e os documentos expedidos pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social que acrediten a súa alta, así como a realización dunha xornada a tempo completo como persoal traballador da central sindical solicitante.

f) No caso de que o plan de formación se realice en formato de teleformación ou aula virtual, deberá achegarse a declaración dos delegados e delegadas de que dispón dos medios técnicos suficientes e axeitados para a súa realización, propios ou facilitados pola organización sindical, con carácter previo ao comezo destas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Prazo de presentación

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Para este efecto, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG.

3. Se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei, o incumprimento desta obriga determinará, se é o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

Artigo 15. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Tramitación

Logo da recepción de solicitudes, o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Dirección Xeral de Relacións Laborais comprobará se cada solicitude presentada coa súa correspondente documentación reúne os requisitos exixidos nos artigos anteriores e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá á entidade interesada para que, nun prazo máximo improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, despois da resolución que deberá ser pronunciada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 17. Resolución

1. A resolución das axudas, logo da proposta da persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións Laborais e a fiscalización da Intervención Delegada da consellería, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade e notificaráselles ás entidades interesadas no prazo de dez días a partir da data en que se dite a resolución.

2. O prazo para resolver e notificar será de tres meses contados desde o peche do prazo de presentación de solicitudes. A dita resolución poñerá fin a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

3. Transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que se dite resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

4. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Emprego e Igualdade publicará na súa páxina web e no DOG a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 18. Práctica das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. Unha vez notificada a resolución de concesión de subvención e previamente ao seu cobramento, a entidade beneficiaria dispoñerá dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada segundo o disposto no artigo 21.5, parágrafo 2º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, o prazo de presentación da xustificación das axudas concedidas rematará o 31 de outubro de 2022, agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.

2. No momento en que se teña constancia da aceptación da subvención concedida, poderanse realizar pagamentos anticipados para os dous programas, logo de solicitude en concepto de anticipo, e de acordo coas seguintes condicións establecidas no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cando o importe da subvención non supere os 18.000 €, ata o 80 % da subvención concedida.

b) Cando a subvención supere os 18.000 €, poderanse conceder pagamentos dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 €.

3. As axudas, con carácter xeral, poderán facerse efectivas nunha ou en varias fases. A Administración poderá efectuar un pagamento único ou varios pagamentos parciais á entidade beneficiaria segundo se xustifique a realización das actividades subvencionadas e os gastos delas derivados.

4. De acordo co establecido no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 62.3 e 67 do mesmo corpo legal, quedan exonerados da constitución de garantías os beneficiarios e as beneficiarias de subvencións con cargo aos créditos orzamentarios correspondentes ao capítulo IV, Transferencias correntes, destinados a familias e institucións sen fins de lucro.

5. Documentación xustificativa:

a) Certificacións, nas cales figure a desagregación detallada dos gastos contraídos polas actividades obxecto de subvención, expedidas pola persoa representante da central sindical solicitante.

b) Facturas en que figure o destino concreto do gasto, que deberá axustarse á finalidade da subvención. Ademais, deberanse presentar os xustificantes de pagamento das ditas facturas, de acordo co disposto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei.

Admítese a presentación de facturas electrónicas sempre que se poida garantir a autenticidade da orixe e a integridade do contido da factura de acordo co artigo 10 do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación. Tamén se admiten os xustificantes de pagamento por vía electrónica.

Non se admitirán as xustificacións de gastos realizadas mediante pagamentos en efectivo.

c) Declaración de que as facturas e demais documentación que se presenten para o efecto de xustificar o gasto subvencionado non foron nin serán presentadas como xustificación para a concesión doutras axudas por calquera outra Administración pública competente ou por outros entes públicos ou privados (segundo o modelo anexo III).

d) No caso de presentar nóminas como xustificación de gastos de persoal, tamén se achegarán os seguintes documentos:

1º. Relación nominal das persoas traballadoras cos seguintes datos: nome, tipo de contrato e xornada de traballo.

2º. Os xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, sistema de liquidación directa Proxecto Creta).

3º. Transferencias bancarias do seu pagamento.

e) No caso de xustificar gastos derivados de asesoría xurídica, tamén deberán presentar unha certificación da persoa representante da central sindical en que se especifique o concepto, termos, importe e os datos identificativos da persoa ou persoas ou entidade que prestan o dito asesoramento.

f) No caso de que se realice a subcontratación das actividades subvencionadas prevista no artigo 9 desta orde, as entidades beneficiarias da axuda para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais tamén achegarán, cando sexa necesario, copia do contrato subscrito con terceiros para a execución total ou parcial das ditas actividades segundo o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) No momento da xustificación das actividades subvencionadas, deberá presentarse declaración expresa de non incorrer nas circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta declaración deberá ser individualizada para cada programa (segundo o modelo anexo III).

h) No momento da xustificación total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados; se é o caso, indicarase na declaración que non solicitou ou percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo anexo III).

Esta comunicación deberá ser individualizada por programa e deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

i) Así mesmo, no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do último pagamento, deberase presentar unha memoria detallada de todas as actividades realizadas no ano 2022 dentro de cada un dos programas obxecto de subvención. Deberán constar datas e lugares de realización, así como o contido das ditas actividades.

j) Ademais do disposto nos puntos anteriores, na memoria das actividades realizadas e subvencionadas no marco do programa II e segundo o suposto de que se trate, farase constar:

1º. Aquelas actuacións propias e específicas da materia a que se dedique o gabinete técnico da central sindical solicitante.

2º. Se é o caso, certificación do representante legal da central sindical solicitante que acredite as persoas adscritas ao gabinete técnico correspondente.

3º. No caso de plans de formación deberán presentar unha relación detallada dos cursos e demais actividades formativas desenvolvidas durante o ano 2022, especificando as datas e os lugares de realización efectiva, o número de horas e a porcentaxe mínima de asistencia exixida, xunto cunha estatística co número de asistentes as actividades formativas desagregada por sexo. Deberán achegarse os controis de asistencia de cada alumna ou alumno ás actividades formativas.

6. En todo caso, as ditas xustificacións poderanse complementar cos medios de xustificación previstos nos artigos 46 e 47 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e terán que presentarse antes do 31 de outubro de 2022.

7. Cando o importe do gasto subvencionable supere os 15.000 euros, de acordo co establecido no artigo 118.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á prestación do servizo ou á entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

8. Transcorrido o prazo establecido sen ter presentado a xustificación dos gastos perante a Dirección Xeral de Relacións Laborais, esta requirirá á central sindical beneficiaria para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. Así mesmo, cando o órgano competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo, comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

9. Non poderá realizarse, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a central sindical beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

CAPÍTULO V

Compatibilidade, obrigas, seguimento e control

Artigo 21. Compatibilidade e prohibicións

1. A central sindical solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria de subvencións sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida nos anexos I e II desta orde.

2. As axudas recibidas ao abeiro do programa II desta orde non serán compatibles coas axudas previstas nos seguintes procedementos:

a) TR807J Axudas destinadas á creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial.

b) TR807K Axudas destinadas ao financiamento de plans de formación compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e a negociación colectiva (liña 1).

c) TR807L Axudas destinadas ao financiamento de plans de formación compostos por actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas coa negociación colectiva (liña 2).

d) TR852A Axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais.

3. Estas axudas, agás o establecido no punto 2 deste artigo, serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público ou privado, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo de que o importe das subvencións percibidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas ou subvencións non supere o custo da actividade que se vai desenvolver.

Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias as que se detallan no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial as seguintes:

1. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.

2. Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención. A Dirección Xeral de Relacións Laborais poderá comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados.

No caso de presentar nóminas como xustificación de gastos de persoal, achegarase antes do 10 de febreiro de 2023 o modelo 190 relativo ás retencións en concepto de IRPF polos períodos e persoas correspondentes.

Cando se trate de axudas destinadas o funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2023 os xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, sistema de liquidación directa Proxecto Creta) onde figuren as persoas traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2022 ou desde a data da súa creación, se esta for posterior, ata o 31 de decembro de 2022.

3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

5. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade, funcións para as cales poderá designar, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, persoal técnico ou funcionario da dita consellería; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 23. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para concesión da subvención, así como a obtención concorrente doutras achegas fóra do caso permitido no artigo 21.2 desta orde, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento

Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial das axudas no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunhas das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Reintegro

1. No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Emprego e Igualdade procederá ao reintegro total ou parcial da subvención concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu Regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) No caso de obter a axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a impedirían, así como a renuncia posterior á resolución definitiva, procederá o reintegro total.

b) No caso da obtención concorrente doutras achegas, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo total da actividade realizada.

c) O incumprimento das obrigas sinaladas no artigo 22 desta orde dará lugar ao reintegro da totalidade do incentivo ou da subvención concedida.

d) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

e) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

f) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro parcial do 5 % da axuda concedida.

g) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

Artigo 26. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas de actuación.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 27. Outra documentación

A Consellería de Emprego e Igualdade poderá requirir en todo momento a documentación que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquelas que, de acordo co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, xa se atopen en poder da Administración actuante.

Disposición adicional. Delegación de atribucións

De acordo co establecido no artigo 6 da Orde do 29 de setembro de 2021 sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer as obrigas e propoñer os pagamentos correspondentes a estas subvencións, así como para resolver os procedementos de revogación das subvencións concedidas e os reintegros de subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión, de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Lexislación supletoria

En todo o non regulado nesta orde aplicaranse de forma supletoria a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file