Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 27 de decembro de 2021 Páx. 63896

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas de indemnización económica, dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento SI460A).

En novembro de 2016, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou, por unanimidade, unha proposición non de lei pola que se instaba o Goberno para promover a subscrición dun Pacto de Estado en materia de violencia de xénero polo Goberno da Nación, as comunidades autónomas e cidades con Estatuto de autonomía e a Federación Española de Municipios e Provincias, que siga impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado. Así, no seo da Comisión de Igualdade do Congreso, creouse unha subcomisión que tivo como obxectivo elaborar un informe en que se identificasen e analizasen os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia de xénero, e en que se incluísen un conxunto de propostas de actuación, entre elas as principais reformas que deben acometerse para dar cumprimento efectivo a ese fin, así como ás recomendacións dos organismos internacionais. O Congreso, na súa sesión plenaria do 28 de setembro de 2017, aprobou o Informe da Subcomisión para un Pacto de Estado en materia de violencia de xénero, informe no cal, entre outros aspectos, insta á posta en marcha dun Plan integral para previr, protexer e reparar o dano a menores vítimas de violencia de xénero.

Pola súa banda, a Comisión de Igualdade do Senado decidiu, o 21 de decembro de 2016, a creación dunha ponencia que estudase e avaliase, en materia de violencia de xénero, os aspectos de prevención, protección e reparación das vítimas, analizase a estratexia para alcanzar e implementar un Pacto de Estado contra a violencia de xénero e examinase a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. O 13 de setembro de 2017, o Pleno do Senado aprobou, por unanimidade, o Informe da ponencia de estudo para a elaboración de estratexias contra a violencia de xénero.

O 27 de decembro de 2017, todas as comunidades autónomas ratificaron de común acordo o documento final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que, no seu eixe 4 recolle, de maneira específica, medidas para «a intensificación da asistencia e protección de menores». A protección específica dos e das menores parte do seu recoñecemento como vítimas directas e leva aparellada a necesidade de ampliar e mellorar as medidas dirixidas á súa asistencia e protección, coa implantación de novas prestacións nos casos de orfandade como consecuencia da violencia de xénero; de revisar as medidas civís relativas á custodia dos menores; de fomentar as actuacións de reforzo no ámbito educativo e de impulsar a especialización dos puntos de encontro familiar para os casos relacionados coa violencia de xénero.

Son as comunidades autónomas as que asumen as competencias da asistencia social ás mulleres vítimas de violencia de xénero e dos seus fillos e fillas e están, polo tanto, chamadas a xogar un papel clave na prevención, atención e reparación do dano.

Así, o 2 de xaneiro de 2019, a Xunta de Galicia asinou un acordo de colaboración co Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, cos colexios oficiais de Graduados Sociais de Galicia, con Agaxen (Asociación Galega de Profesionais da Auditoría Sociolaboral de Xénero e da Prevención do Acoso e da Violencia de Xénero nas Organizacións) e co Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), para o acompañamento e asesoramento na xestión dos trámites administrativos así como no apoio socioeducativo que precisen as fillas e fillos orfos das vítimas mortais da violencia de xénero en Galicia.

A competencia en materia de igualdade correspóndelle á Consellería de Emprego e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

A presente resolución supón un paso máis no apoio e protección dos e das menores orfos, e tamén as mulleres vítimas que, por causa de agresións de violencia de xénero, sufran lesións graves que requiran hospitalización, articulando axudas económicas de indemnización cando carezan de recursos, e enmárcase no ámbito de acción das medidas 72, 75 e 210 do documento refundido de medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista normalmente no orzamento crédito axeitado e suficiente. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, finalidade e ámbito de aplicación

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases que rexerán a concesión de axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como a concesión de axudas de indemnización económica dirixidas a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero.

Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2022.

2. A finalidade das axudas é dar cumprimento a varias das medidas do Pacto de Estado en materia de violencia de xénero, e proporcionarlles apoio económico ás persoas citadas no punto anterior, cunha indemnización de axuda directa, co obxecto de garantir que o feito causante (morte da nai ou lesións graves, por mor de violencia de xénero) supoña un menor prexuízo económico para os fillos e fillas orfos, e para as propias vítimas gravemente feridas.

3. As indemnizacións recollidas nesta resolución serán de aplicación a todas as persoas beneficiarias sinaladas no punto 1 anterior que, no momento dos feitos, residan na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Todas as axudas de indemnización recollidas na presente resolución recoñeceranse cando o feito causante se producise con posterioridade ao 1 de xullo de 2020.

5. O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI460A.

Artigo 2. Tipos de axudas

As axudas a que se refire esta resolución fan referencia ás seguintes modalidades:

1. Axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, e que dependesen economicamente da súa nai e/ou do seu pai agresor.

2. Axudas de indemnización dirixidas ás mulleres que resultasen gravemente feridas, con lesións que requiran hospitalización, como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero.

Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista no punto 1 do artigo 2 desta resolución, en réxime de igualdade, cada un dos fillos e fillas da vítima mortal da violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, sempre que na data do falecemento da súa nai cumprisen algún dos seguintes requisitos:

a) Ser menores de idade e convivir coa nai, independentemente da renda familiar.

b) Ser maiores de idade ata 30 anos inclusive, e depender economicamente da nai e/ou do pai agresor. Entenderase que existe dependencia económica cando, na data do falecemento, as persoas beneficiarias non percibisen rendas, de calquera natureza, que, en cómputo anual, superen 12 mensualidades do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.

2. Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista no punto 2 do artigo 2 desta resolución as mulleres feridas gravemente, con lesións que requiran hospitalización, como consecuencia dunha agresión de violencia de xénero, sempre que na data en que se producisen os feitos se cumprisen os seguintes requisitos:

a) Ser muller, maior de idade ou emancipada.

b) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.

c) Atoparse nunha situación de precariedade económica. Entenderase que se produce unha situación de precariedade económica cando os ingresos da unidade familiar de convivencia a que pertenza a beneficiaria divididos polo número de membros que a compoñen non superen o importe do IPREM vixente, durante os 12 meses anteriores.

Artigo 4. Prazo e solicitude

1. O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2022.

De acordo co disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o prazo de presentación de solicitudes de subvención establecidos nas correspondentes convocatorias en ningún caso será inferior a un mes.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, asinado pola persoa solicitante ou a persoa representante legal de ser o caso.

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 5. Orzamento

1. Para a concesión destas indemnizacións destínase crédito polo importe de 70.000 € na aplicación orzamentaria 11.02.313D.480.2, código de proxecto 2018 00112.

O financiamento enmárcase nos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, correspondentes á Comunidade Autónoma de Galicia para 2022.

Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

2. Segundo o establecido no artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 6. Contía das axudas

O importe das indemnizacións reguladas nesta resolución fíxase na cantidade de sete mil euros (7.000 €), que será aboada unha única vez por cada persoa beneficiaria e para o mesmo feito causante.

Artigo 7. Aboamento das indemnizacións en casos de menores

Cando as persoas beneficiarias da indemnización prevista no punto 1 do artigo 2 desta resolución sexan menores de idade, a dita indemnización aboarase ás persoas que asuman a súa patria potestade, garda, custodia ou acollemento permanente.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Indemnización prevista no punto 1 do artigo 2 desta resolución.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia do libro de familia, certificación expedida polo Rexistro Civil ou calquera outro documento que acredite, fidedignamente, a relación de filiación.

b) No caso de menores de idade, resolución xudicial de custodia, informe dos servizos sociais, certificado de empadroamento colectivo onde consten todos os membros da unidade familiar ou calquera outra documentación que acredite a asunción da patria potestade, garda, custodia ou acollemento permanente por parte da persoa a quen se lle aboará a indemnización.

2. Indemnización prevista no punto 2 do artigo 2 desta resolución.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

b) Documentación que xustifique os ingresos declarados no punto 1 do anexo I, da persoa solicitante e dos membros da unidade familiar de convivencia, de ser o caso (nómina, recibo).

c) Documentación acreditativa da composición da unidade familiar de convivencia, de ser o caso.

d) Certificado dos servizos sanitarios que acrediten a hospitalización.

e) Modelo de anexo II «Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas», debidamente cuberto.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. As solicitantes deberán comunicar á Secretaría Xeral da Igualdade calquera modificación que se produza nos datos indicados na súa solicitude ou en calquera dos documentos que a acompañan. Esta variación comunicarase no momento en que se produza, co fin de axilizar a instrución do procedemento. No caso das prestacións do Servizo Público de Emprego non será preciso achegar a dita documentación agás que se denegue expresamente á Secretaría Xeral da Igualdade a dita consulta.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a. DNI ou NIE da persoa solicitante.

b. DNI ou NIE da persoa representante.

c. Certificado de residencia legal da persoa solicitante estranxeira.

d. Certificado de residencia da persoa solicitante.

e. Certificado de defunción da nai.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Resolución administrativa de acollemento familiar emitida pola Xunta de Galicia.

b) Prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal (Área de Galicia) da persoa solicitante e/ou dos/das familiares a cargo.

c) Renda de integración social de Galicia (Risga) da persoa solicitante e/ou dos/das familiares a cargo.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade. Este proceso efectuarase de forma continuada segundo a orde de recepción de solicitudes.

2. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na resolución de convocatoria, a Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero requirirá á interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, indicándolle que se non o fai se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, e sempre que sexa preciso, a Secretaría Xeral da Igualdade requirirá ás solicitantes que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. O órgano instrutor, de acordo co establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para as axudas concedidas polo procedemento previsto no artigo 19.2 desta lei, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos exixidos formulará a proposta de concesión directamente ao órgano concedente.

6. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. A resolución dos expedientes de solicitude destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

2. O procedemento de concesión segue o réxime de concorrencia non competitiva, polo que se recoñecerán axudas ata o esgotamento do crédito orzamentario.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de catro meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, esta entenderase desestimada, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

1. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa.

Artigo 15. Pagamento das axudas

1. O pagamento das axudas axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A contía da axuda concedida aboaráselles, nun pagamento único, ás persoas beneficiarias da axuda, agás no caso previsto no artigo 7 desta resolución.

2. O pagamento das axudas reguladas nesta resolución farase unicamente na conta que as persoas solicitantes fagan constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente; a Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias e as persoas que asuman a patria potestade, garda, custodia ou acollemento permanente no caso de orfos/as menores de idade que percibisen as axudas reguladas nesta resolución quedan sometidas ao cumprimento das obrigas exixidas de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, teñen a obriga de comunicar calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias que fundamentan o dereito a percibir estas axudas, de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral da Igualdade e de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión ou, de ser o caso, á revogación sen prexuízo do disposto no segundo parágrafo do artigo 18.

Artigo 18. Reintegro

1. O órgano xestor poderá proceder á apertura do expediente declarativo de reintegro total ou parcial e dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das obrigas establecidas nesta resolución.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos para a súa concesión ou falseando ou ocultando feitos ou datos que impedisem a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

2. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia, que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da subvención. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.

Artigo 19. Incompatibilidades

1. Coa excepción establecida no parágrafo seguinte deste artigo, as axudas de indemnización reguladas nesta resolución son incompatibles coa percepción doutra indemnización establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, destinadas ao mesmo fin e en relación ao mesmo feito causante.

2. As axudas de indemnización establecidas nesta resolución son compatibles coas axudas previstas na Lei 35/1995, do 11 de decembro, de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual, así como con calquera outra axuda económica de carácter autonómico ou local concedida pola situación de violencia de xénero.

Artigo 20. Comunicación de datos persoais

1. A Secretaría Xeral da Igualdade comunicará aos organismos competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou resulte accesible a través dos seus sistemas que sexa estritamente necesaria, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. En particular, poderá levar a cabo as seguintes comunicacións de datos:

– A outras administracións públicas estatais, autonómicas e locais no exercicio das súas competencias, coa finalidade de permitir a comprobación da súa condición de beneficiaria desta axuda, así como para a xustificación da concesión desta ante os seus organismos financeiros.

– Ao centro de referencia sinalado pola solicitante (CIM, servizos sociais, centro de acollida, etc.), para a xestión da concesión da axuda, incluíndo a verificación do cumprimento dos requisitos exixidos para a percepción da axuda, o cumprimento das obrigas, e como medio de contacto coa persoa beneficiaria.

2. A Secretaría Xeral da Igualdade accederá á información pertinente do eido de xustiza, do Servizo Público de Emprego, dos organismos competentes en materia tributaria e da Seguridade Social, e aqueloutra que resulte necesaria coa finalidade de verificar o cumprimento e mantemento dos requisitos e obrigas para ser beneficiaria desta axuda.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberase transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

Artigo 22. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI460A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos ou da Secretaría Xeral da Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, no teléfono 981 54 53 61 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal

Artigo 23. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Artigo 24. Remisión normativa

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional única. Facultade de desenvolvemento

A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o adecuado desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file