Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 4 de xaneiro de 2022 Páx. 185

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Resolución do 21 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento SI434B) (axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero).

BDNS (Identif.): 602727.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publicase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero.

2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos: a) non convivir co agresor; b) estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia; c) ter especiais dificultades para obter un emprego; d) carecer de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75 % do salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

3. Non poderán ser beneficiarias as mulleres que percibisen esta mesma axuda con anterioridade.

Segundo. Obxecto

Estas axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 21 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento SI434B).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de un millón cincocentos mil euros (1.500.000,00 €).

O importe xeral desta axuda será o equivalente a seis meses do subsidio por desemprego vixente, e que pode chegar a ser o equivalente a doce, dezaoito ou vinte e catro meses do subsidio por desemprego vixente en función das rendas e ingresos, das responsabilidades familiares, ou do grao de discapacidade da solicitante e/ou familiares ou menores acollidos/as a cargo.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2022.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade