Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 5 de xaneiro de 2022 Páx. 454

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte Tourado, sito nos concellos de Zas e Vimianzo (A Coruña) e promovido por Norvento, S.L. (expediente IN661A 2011/05).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte Tourado, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Monte Tourado (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 21 MW e promovido por Norvento, S.L. (en diante, a promotora).

Segundo. O 7.4.2011 a promotora presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

Terceiro. Mediante a Resolución do 3 de abril de 2012, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información publica a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a aprobación do proxecto de execución, do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, e do estudo de impacto ambiental referidos ao proxecto do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8 de maio de 2012, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 23 de abril e no xornal La Voz de Galicia do 24 de abril. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Zas e Vimianzo), da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e da xefatura territorial, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación, resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, as cales se recollen no anexo desta resolución:

• Existencia de eivas na relación de bens e dereitos afectados (RBDA), maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, co tipo de aproveitamento e coas afeccións do proxecto.

• Oposición á declaración de utilidade pública do proxecto por non estar debidamente xustificada a prevalencia da utilidade pública das instalacións sobre o dereito de propiedade e sobre a utilidade pública do aproveitamento gandeiro que se vén realizando sobre algún dos predios afectados, sendo a utilidade pública desta actividade a de fixación de poboación no ámbito rural e a xestión deste territorio, do cal se derivan importantes beneficios económicos e ambientais para o conxunto da sociedade.

• No caso de que se declare a utilidade pública, está deberá ser posterior á autorización administrativa do correspondente proxecto sectorial.

• As superficies de afección deberán corresponderse coas que se deriven do proxecto sectorial, debendo recollerse como afeccións en pleno dominio todas as superficies vinculadas ao parque eólico. Se as superficies de afección establecidas na declaración de utilidade pública non se adecúan ás do proxecto sectorial, farán incorrer en nulidade a declaración de utilidade pública e a totalidade do proceso expropiador.

Deberán recollerse tamén as afeccións derivadas do cambio de cualificación do solo.

• Na notificación recibida non se indica ningunha superficie afectada por ocupación temporal, polo que non se poderá producir invasión sobre zonas das parcelas que non estean afectadas pola expropiación en pleno dominio ou pola servidume de paso.

• A superficie que se determina como afectada vén derivada da planimetría catastral, que non se corresponde coa real, polo que será durante o levantamento de actas previas cando se concrete a superficie realmente afectada, así como os restantes bens e dereitos que deberán ser obxecto de expropiación.

• Deberase efectuar unha traza sobre o terreo co obxecto de determinar os limites da servidume, dado que coa información facilitada non se pode precisar que parte do predio é a afectada nin a que voo afecta. Sería conveniente que esta traza se efectuase con anterioridade ao levantamento das actas previas á ocupación.

En canto á cualificación do cultivo, deberá considerarse a realidade física do terreo no momento do levantamento de actas previas.

• Na documentación sometida a información pública non se inclúen as instalacións de conexión do parque eólico.

• En relación coa solución de evacuación da enerxía, existen contradicións entre a recollida na documentación exposta ao público e a que a promotora ten solicitado. Se finalmente a promotora opta por modificar a solución de evacuación, esta deberá someterse a información pública e notificarse ás persoas interesadas.

• O estudo de impacto ambiental exposto resulta incompleto polo que deberá ser obxecto dunha nova información pública no momento no que se proceda á súa completa definición.

• O parque eólico preténdese implantar nun municipio onde xa existen diversas instalacións deste tipo, polo que a avaliación ambiental deberá ser recollida desde esta perspectiva. Polo tanto, deberá exixírselle á promotora un estudio ambiental global e sinérxico do proxecto, en relación con todos os parques eólicos da contorna.

• Este proxecto ten a súa orixe na Orde do 29 de marzo de 2010, a cal supón unha planificación en canto á implantación de parques eólicos en Galicia e, para isto, con carácter previo exíxese a confección do informe de avaliación ambiental estratéxica, ao que fai referencia a Lei 9/2006.

• Non consta a relación de bens e dereitos sobre os que a empresa ten acadado acordos, nin xustificación dos motivos polos que non se puideron acadar.

• O proxecto carece de soporte xurídico necesario para que se aplique a Lei de expropiación forzosa, posto que non é un proxecto público nin de interese social.

• Afeccións á saúde das persoas e da fauna debido á contaminación electromagnética.

• O proxecto non xera ningún beneficio social.

• Non queda garantido que o estudo de impacto ambiental resolva os impactos xerados, en especial, no que respecta aos niveis de ruído, aos numerosos monumentos megalíticos, ás rutas de interese monumental e á zona de explotación mineira.

• As obras executaranse a través de empresas subcontratadas. O estudo económico do proxecto non recolle os custos reais, sendo os rendementos maiores dos indicados.

• Falta de claridade e difusión da información pública, así como información insuficiente sobre o proxecto aos afectados.

• Non se respectan as distancias ás poboacións.

• Non se garante que non vaia aumentar o nivel de contaminación acústica na zona nin a cobertura da sinal de televisión nas comarcas afectadas.

• Debe garantirse que as instalacións non van afectar o sector gandeiro existente na zona, posto que se ten constancia doutros lugares nos que as liñas de alta tensión teñen afectado a fertilidade dos animais.

• Solicítase a declaración de caducidade do procedemento de declaración de utilidade pública.

• Solicítase a suspensión da tramitación do proxecto do parque eólico e a revisión da declaración de impacto ambiental con base nas seguintes consideracións:

– A avaliación ambiental dos humidais, charcas e brañas presentes no ámbito de afección do proxecto eólico, baseouse no Inventario de humidais de Galicia que non contén ningún humidal inscrito.

– En relación coa escribenta das canaveiras deixouse en mans da promotora a avaliación da especie e a determinación do perímetro de zonificación e o perímetro de protección dos humidais que constitúen o hábitat potencial desta ave en perigo de extinción. Solicítase que se garanta a conservación da especie e dos seus hábitats nun estado de conservación favorable.

• Solicitase a nulidade de pleno dereito da declaración de impacto ambiental favorable do proxecto eólico por omitir a avaliación dos impactos sobre o lobo, ao abeiro do Convenio de Berna e o Plan galego de xestión da especie nos termos indicados neste escrito. Esta omisión fundamental invalida o documento ambiental, en tanto en canto prescinde total e absolutamente do procedemento establecido para o efecto na normativa.

• A avaliación ambiental do proxecto eólico obviou a importancia e prevalencia do sector forestal e madeireiro para a economía das familias dos municipios afectados e o seu importante valor social e ecolóxico.

• Solicítase a suspensión da aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia derivada da súa invalidez para os efectos ambientais, polo transcurso do tempo, ao abeiro da lexislación ambiental actual e ao principio de xerarquía normativa e nulidade de pleno dereito das disposicións administrativas que vulneran normas de rango superior, como é o caso. Un plan como o Plan sectorial eólico carece de avaliación ambiental estratéxica e o seu texto nunca chegou a publicarse no DOG.

Cuarto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Vimianzo, Concello de Zas, Augas de Galicia, Retegal e Retevisión I, S.A.

Quinto. O 5.3.2012 a Agencia Estatal de Seguridad Aérea autorizou a instalación do parque eólico, establecendo ademais o correspondente condicionado técnico.

Sexto. O 24.4.2012 Retevisión I, S.A. emitiu o correspondente condicionado técnico no que se manifesta oposición á construción do parque eólico, mentres non se obteña un compromiso da promotora e/ou se estableza, se é o caso, na propia resolución administrativa un condicionado que teña por obxecto establecer a obrigatoria e necesaria adopción de medidas correctoras sinaladas no informe achegado xunto co escrito ou, no seu defecto, a adopción daqueloutras medidas alternativas que acaden os mesmos fins de eliminación de todo tipo de afectacións e perturbacións sobre os servizos prestados por esta sociedade. O 25.5.2012 a promotora achegou a súa resposta.

Sétimo. O 27.4.2012 Retegal emitiu o correspondente condicionado técnico establecendo que a promotora se comprometerá á realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades do contorno, coa finalidade de comprobar que non se produciu perda ou degradación desta. Neste suposto, proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión da cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais TDT. O 25.5.2012 a promotora achegou a súa resposta.

Oitavo. O 14.5.2012 Augas de Galicia emitiu o correspondente condicionado técnico. O 15.6.2012 a promotora achegou a súa resposta.

Noveno. O 25.9.2014 a Xefatura Territorial reiterou as solicitudes de condicionado técnico aos concellos de Vimianzo e Zas.

Décimo. O 20.11.2014 a Xefatura Territorial emitiu informe sobre o proxecto do parque eólico e remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo primeiro. O 23.3.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 13 de abril de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DOG núm. 80, do 29 de abril).

Décimo segundo. O 19.5.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe no que se conclúe que a posición do aeroxerador MT01 non cumpre a distancia mínima de 500 m regulada no punto III.3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia (PSEGA) respecto do núcleo rural de Rus, no concello de Zas.

Décimo terceiro. O 30.6.2021, en vista do informado pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a promotora achegou addendas á documentación técnica e ambiental nas que se recolle o desprazamento da posición do aeroxerador MT01.

Décimo cuarto. O 18.8.2021 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático informou que a nova posición proposta para o aeroxerador MT01 estaría especificamente suxeita, no que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural e ao igual que sucedía coa inicial, á condición 4.1.2 da DIA, toda vez que se localizaría nunha das zonas insuficientemente prospectadas debido á espesa vexetación. Para os restantes aspectos de carácter ambiental, non habería obxeccións ao cambio solicitado pola promotora.

Décimo quinto. O 31.8.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe no que se conclúe que as coordenadas dos 7 aeroxeradores recollidas na memoria da addenda, cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Décimo sexto. O 7.10.2021 o Instituto de Estudos do Territorio, logo de analizar as características do proxecto do parque eólico, informou que as circunstancias materiais (características da paisaxe) sobre as que se emitiron os seus anteriores informes neste expediente, non sufriron cambios substancias, nin tampouco a aprobación do Catálogo das paisaxes de Galicia (Decreto 96/2020, do 29 de maio), introduce novos elementos substanciais polo que atinxe a este proxecto. Polo tanto, considera que o parque eólico non vulnera as determinacións das directrices de paisaxe de Galicia.

Décimo sétimo. O 21.10.2021 a promotora achegou o proxecto de execución actualizado, no que se recolle a nova posición do aeroxerador MT01. Así mesmo, recóllese unha actualización tecnolóxica do modelo de aeroxerador proxectado, que afecta unicamente a súa potencia nominal unitaria, que aumenta de 3 a 3,3 MW.

Décimo oitavo. O 22.11.2021, a Xefatura Territorial emitiu o informe sobre o proxecto de execución actualizado.

Décimo noveno. O 26.11.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático contestou a consulta efectuada por esta dirección xeral o 19.11.2021, en relación coa actualización tecnolóxica do modelo de aeroxerador proxectado, recollida no proxecto achegado pola promotora o 21.10.2021. Na dita resposta conclúese que, á vista do indicado por este órgano substantivo, cabe sinalar que a modificación proxectada non ten repercusións ambientais, polo que non procede emitir un informe por parte do órgano ambiental ao abeiro do punto 4.3.2 da DIA.

Vixésimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 21 MW, segundo os informes do xestor da rede do 23.11.2015 e do 28.2.2017.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, e resumidas no antecedente de feito terceiro, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación ás alegacións relacionadas coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, coas afeccións sobre eles, así como coas compensacións económicas que se poidan percibir por parte dos afectados pola súa eventual expropiación, cómpre indicar que serán tidas en conta na resolución do procedemento de declaración de utilidade pública do parque eólico, que non é obxecto da presente resolución. Con todo, hai que indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas.

De igual modo, as alegacións nas que se manifesta oposición á declaración de utilidade pública, e se solicita a caducidade do procedemento, serán consideradas no momento de resolver sobre o dito procedemento.

2. En relación coa reclamación sobre os prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións gandeiras, bens e demais dereitos afectados, non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

3. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.3.2021, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza, e de Innovación e Xestión da Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Secretaría Xeral para o Turismo e Augas de Galicia.

4. Respecto ás alegacións sobre a falta de información aos afectados e de difusión e claridade da información pública cabe remitirse ao indicado no antecedente de feito terceiro, no que se recollen as diferentes publicacións da Resolución do 3 de abril de 2012 (Diario Oficial de Galicia, o 8.5.2012, Boletín Oficial da provincia da Coruña, o 23.4.2012, e o xornal La Voz de Galicia, o 24.4.2012).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron a disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Vimianzo e Zas e na xefatura territorial, estando dispoñible ademais o estudo de impacto ambiental na Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

5. En relación coas infraestruturas de evacuación do parque eólico, as cales son compartidas con outras instalacións eólicas, cómpre manifestar que estas son obxecto doutro expediente, e que foron sometidas ao trámite de información pública mediante Acordo do 4 de xaneiro de 2018 da Xefatura Territorial (DOG núm. 15, do 22 de xaneiro), e contan con autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, en virtude do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 31 de outubro de 2018, publicado mediante a Resolución desta dirección xeral do 5 de novembro de 2018 (DOG núm. 219, do 16 de novembro).

6. En canto as alegacións relativas ás actuacións para a delimitación exacta sobre o terreo das superficies afectadas, estas deberán realizarse na fase correspondente do expediente.

7. As alegacións de carácter urbanístico, relativas á cualificación do solo correspondente aos terreos afectados, serán consideradas no momento de proceder á resolución da aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. No que respecta ás distancias aos núcleos de poboación, compre manifestar que o proxecto que se aproba mediante esta resolución conta co informe favorable da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle no antecedente de feito décimo quinto.

8. En relación coas posibles afeccións á cobertura do sinal de televisión, recóllese no condicionado desta resolución que no caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

9. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, compre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en tanto non se aprobe un novo Plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o acordo no DOG do 15 de decembro.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3 de xaneiro de 2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro de 2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira Lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse á avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo, este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Monte Tourado, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.3.2021, e recollida no antecedente de feito décimo primeiro desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Monte Tourado, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Monte Tourado.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Monte Tourado, sito nos concellos de Zas e Vimianzo (A Coruña) e promovido por Norvento, S.L., para unha potencia de 21 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Monte Tourado, composto polo documento Proyecto de Ejecución parque eólico Monte Tourado. Versión 2 (outubro 2021), asinado polo enxeñeiro superior Pablo María Fernández Castro (nº colexiado 985/201-Colegio de Ingenieros del ICAI) o 20.10.2021 e con número de visado 0524/21 de data 21.10.2021.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Norvento, S.L.

Enderezo social: Ramón María Aller Ulloa, 23, 27003 Lugo.

Denominación: parque eólico Monte Tourado.

Potencia instalada: 23,1 MW.

Potencia autorizada: 21 MW.

Produción neta: 76.895 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.329 h.

Concellos afectados: Zas e Vimianzo (A Coruña).

Orzamento de execución material (sen IVE): 19.126.682,09 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

505.874,57

4.762.785,55

2

502.474,54

4.762.785,55

3

501.474,52

4.763.685,55

4

500.574,51

4.763.685,54

5

500.574,51

4.766.585,57

6

503.474,53

4.769.985,60

7

505.874,56

4.769.985,60

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

MT01

504.799,00

4.768.922,00

MT02

503.442,54

4.766.922,58

MT03

503.153,54

4.766.923,58

MT04

504.979,55

4.768.808,59

MT05

501.685,52

4.766.879,58

MT06

502.698,54

4.765.436,57

MT07

502.807,54

4.765.114,57

Coordenadas das torres meteorolóxicas do parque eólico:

Torres

meteorolóxicas

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM_MT1

501.627,52

4.767.196,58

TM_MT2

502.910,54

4.764.915,57

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SET

502.974,54

4.765.835,57

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

• 7 aeroxeradores Vestas V112 de 3.300 kW de potencia nominal unitaria e 119 metros de altura de buxa e 112 m de diámetro de rotor.

• 7 centros de transformación de 3.750 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,65/20 kV, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador cos seus correspondentes aparellos de manobra e protección.

• 2 torres meteorolóxicas autoportantes de 119 m de altura, equipadas con anemómetros, cataventos, medidores de temperatura e de presión e logger rexistrador.

• Liñas eléctricas soterradas de 20 kV de tensión nominal en canalización entubada, normalmente baixo vía ou ben en terreo libre, para a evacuación de enerxía xerada e interconectando os centros de transformación 0,65/20 kV e a subestación transformadora 20/66 kV.

• Subestación transformadora híbrida de intemperie, equipada con transformador de 18/24 (ONAN/ONAF) MVA e relación de transformación 20/66 kV, celas de media tensión 20 kV, transformador de servizos auxiliares de 100 kVA e relación 20/0,4 kV, aparellos de medida, protección, telemando e control

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 143.221 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá obter os condicionados que resulten procedentes daqueles organismos que poidan verse afectados polo desprazamento da posición do aeroxerador MT01, solicitada pola promotora o 30.6.2021, en especial a autorización da Agencia Estatal de Seguridad Aérea.

5. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá achegar a esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Norvento, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 23.3.2021, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2021

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

Alegacións presentadas durante a tramitación do procedemento

Carmen Blanco Silvariño, o 27.4.2012; José Ferreiro Suárez, o 2.5.2012; María Lavandeira Cancela, o 3.5.2012; José Solís Veiga, o 4.5.2012; Andrés Cancela Blanco, o 4.5.2012; José Rey Blanco, o 4.5.2012; Ignacio Pais Mourelle, o 16.5.2012; Manuel Pais Mourelle, o 16.5.2012; María del Pilar Pais Mourelle, o 16.5.2012; José María Pais Mourelle, o 16.5.2012; María Aurora Pais Mourelle, o 16.5.2012; Santiago Lage González, o 18.5.2012; María Esther Pais Mourelle, o 30.5.2012; José Vilariño López, o 6.6.2012; Dolores Tomé Ramos, o 13.6.2012; María Pérez García, o 13.6.2012;

Ismael Antonio López Pérez, en representación da Asociación Ambiental Petón do Lobo, o 30.4.2021; Miguel Ángel Martínez Novoa, en representación do Movimento Ecoloxista da Limia (MEL), o 3.5.2021; Ana Martina Varela Velo, en representación da Asociación Cova Crea, o 4.5.2021; María Lorena Suárez Pazos, o 8.6.2021; Alicia López Pardo, o 12.6.2021; Mario Maceiras Dosil, en representación da Asociación en Defensa da Costa da Morte (ADECOM), o 17.8.2021; María Perez García, o 5.10.2021.