Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 10 de xaneiro de 2022 Páx. 645

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se inicia o prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de técnico/a de saúde de atención primaria no ámbito das institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia.

Pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 13 de xuño de 2016 (DOG nº 123, do 30 de xuño), publicouse o pacto subscrito pola Administración sanitaria coas organizacións sindicais CIG, CESM-O’MEGA, CC.OO., UGT e CSIF sobre a selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

No seu punto I disponse que este sistema de selección será de aplicación a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, baixo as modalidades establecidas no artigo 9 da Lei 55/2003, do 16 de decembro.

En atención ás circunstancias sanitarias actuais, faise preciso reforzar o nivel de atención primaria coa designación de persoal médico técnico de saúde para o desenvolvemento de funcións de apoio nos ámbitos da xestión da incapacidade temporal, prevención da enfermidade e outros que demanden as necesidades da atención sanitaria e a protección da saúde.

Ao abeiro da citada regulación, e logo de ser informada a Comisión Central de Seguimento do Pacto de selección de persoal estatutario temporal na súa reunión do 30 de decembro de 2021, esta dirección xeral, en uso das competencias que lle atribúe o artigo 7 da Orde do 22 de abril de 2020, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade, do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (DOG nº 82, do 29 de abril),

RESOLVE:

Primeiro. Iniciar o prazo para a inscrición das persoas interesadas nas listas de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia, na categoría de técnico/a de saúde de atención primaria do Servizo Galego de Saúde.

Segundo. A selección de aspirantes efectuarase consonte o disposto na Resolución do 13 de xuño de 2016 pola que se aproba o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG nº 123, do 30 de xuño).

En desenvolvemento das normas referidas no parágrafo anterior, tamén serán de aplicación as bases contidas no anexo I desta resolución.

Terceiro.

1. Esta resolución e as súas bases vinculan a Administración e as persoas aspirantes que soliciten participar no procedemento de selección.

2. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2021

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Bases do procedemento de selección

Primeira. Requisitos de participación e méritos

1. Requisitos comúns:

Poderán inscribirse nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais na categoría de técnico/a de saúde de atención primaria as persoas interesadas que, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes que se indica na base cuarta, reúnan os seguintes requisitos:

a) Idade: ter feitos os 16 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa.

b) Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do/dos correspondente/s nomeamento/s.

c) Habilitación: non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/das nacionais doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ter sido separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

d) Titulación: estar en posesión da titulación que se especifica no anexo II desta resolución ou estar en condicións de obtela dentro do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efecos profesionais, ao abeiro do disposto no Real decreto 1837/2008, do 8 de novembro, polo que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva comunitaria 2005/36/CE e o Real decreto 459/2010, do 16 de abril.

e) Protección xurídica do menor. Non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por tráfico de seres humanos, de conformidade coa previsión contida no artigo 57 da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia.

f) Aboamento das taxas por dereito de primeira inscrición que, se é o caso, correspondan, segundo o disposto na base oitava.

Os requisitos de participación deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período de permanencia na lista ata a formalización do oportuno nomeamento.

2. Baremo de méritos.

A orde de prelación das persoas aspirantes na lista virá determinada pola puntuación que resulte de aplicar o seguinte baremo:

1) Formación: máximo 12 puntos.

1.1) Formación académica.

a) Grao:

1. Licenciatura:

Plan antigo:

– Por cada matrícula de honra: 0,50 puntos.

– Por cada sobresaliente: 0,25 puntos.

– Por cada notable: 0,10 puntos.

Non se valorará o sobresaliente cando se obtivese matrícula de honra.

A suma das puntuacións dividirase polo número total de materias avaliadas no plan de estudos, expresando o cociente con dous decimais.

Non se valorarán as materias de idioma, relixión, formación política e educación física.

Plan novo:

A puntuación correspondente aos estudos de cada aspirante obterase mediante a aplicación do seguinte algoritmo:

0,10 Cn + 0,25 Cs + 0,50 Cmh

Ca + Cn + Cs + Cmh

As anotacións Ca, Cn, Cs e Cmh corresponden ao número total de créditos que na certificación académica estean adscritos a materias troncais e obrigatorias e nos cales, respectivamente, se obtiveron as cualificacións de aprobado, notable, sobresaliente e matrícula de honra. Non se puntuará o sobresaliente cando se obtivese matrícula de honra.

Non serán valorados os créditos correspondentes a materias optativas ou de libre elección/configuración.

A puntuación resultante expresarase con dous decimais.

Non se valorarán as materias de idioma, relixión, formación política e educación física.

2. Exame de grao ou memoria de licenciatura: 0,25 puntos (con sobresaliente ou matrícula de honra 0,15 puntos máis).

3. Premio extraordinario: 0,25 puntos.

b) Posgrao:

1. Pola realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou pola realización do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou pola obtención do diploma de estudos avanzados (DEA): 0,50 puntos.

2. Título de doutor/a no ámbito das ciencias da saúde: 1 punto.

3. Premio extraordinario de doutoramento no ámbito das ciencias da saúde: 0,25 puntos.

4. Por cada máster universitario oficial (Espazo Europeo de Educación Superior, EEES) no ámbito das ciencias da saúde, que se encontre debidamente acreditado e inscrito no RUCT: 0,50 puntos.

A titulación de máster débea rexistrar o/a aspirante en Fides/expedient-e na epígrafe de formación continuada recibida/máster.

As alíneas b.1) e b.2) son excluíntes entre si.

1.2) Formación continuada.

a) Pola asistencia, debidamente xustificada, a actividades formativas acreditadas por algún dos órganos acreditadores que integran o Sistema acreditador da formación continuada do Sistema nacional de saúde, polo Consello Europeo de Acreditación da Educación Médica Continuada (EACCME) ou a Asociación Médica Americana (AMA), impartidos por calquera entidade ou organismo público ou privado, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría a que se opta.

b) Pola asistencia debidamente xustificada a cursos de formación e perfeccionamento convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, Servizo Público de Emprego, Cruz Vermella, colexios profesionais, organizacións sindicais ou avalados polo Servizo Galego de Saúde ou por calquera organismo público, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría a que se opta.

c) Pola asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación continuada realizados en aplicación dos acordos de formación continuada das administracións públicas, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría a que se opta.

Valoración:

– Por crédito CFC: 0,05 puntos.

– Por crédito EACCME/AMA PRA categoría 1: 0,007 puntos.

– Por hora: 0,005 puntos.

d) Pola superación da actividade formativa impartida polas universidades, coa condición de título propio (máster universitario, experto universitario, especialista universitario), no ámbito das ciencias da saúde:

– En caso de estar computado en créditos ECT: 0,025 puntos/crédito.

– En caso de estar computado só en horas: 0,0025 puntos/hora.

A puntuación que se outorgará aos/ás aspirantes que impartisen os devanditos cursos de formación continuada será de 0,02 puntos por hora de docencia impartida. Valorarase a formación impartida que teña un contido relacionado coas funcións propias da categoría a que se opta.

Para o caso de que o certificado indique os créditos e as horas de duración, a valoración realizarase sempre polos créditos que figuren neste. Se a actividade formativa consta acreditada en créditos EACCME ou AMA PRA e créditos CFC; valorarase coa puntuación asignada a estes últimos.

Os cursos de prevención de riscos, informática, xestión clínica, bioestatística e metodoloxía da investigación valoraranse en todas as categorías e con independencia da data de obtención do título exixido para o acceso á categoría, cunha puntuación máxima de 4 puntos.

Así mesmo, valorarase en todo caso a formación en igualdade entre mulleres e homes e en prevención e loita contra a violencia de xénero.

Non serán obxecto de valoración os diplomas relativos á realización de xornadas, seminarios, simposios, obradoiros ou similares, agás que estean debidamente acreditados polos órganos acreditadores que forman o sistema acreditador da formación continuada do Sistema nacional de saúde.

2) Experiencia: máximo 28 puntos.

2.1.a) Por cada mes completo de servizos prestados en categoría de persoal licenciado sanitario, en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral pola conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do sistema sanitario público dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza: 0,20 puntos/mes.

2.1.b) Por cada mes completo de servizos prestados en categoría de persoal licenciado sanitario, pola conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias privadas concertadas e/ou acreditadas para a docencia de especialidades de ciencias da saúde de España ou dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza: 0,10 puntos/mes.

2.1.c) Por cada mes completo de servizos prestados noutra categoría profesional distinta das previstas na alínea a), en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias públicas dun país da Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza: 0,07 puntos/mes.

2.2) Puntuación específica polo exercicio de dereitos de conciliación:

Polo exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata o máximo de 0,5 puntos:

– Permiso por parto, adopción ou acollemento: 0,2 puntos/licenza.

– Permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción de fillo: 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada por motivos familiares: 0,02 puntos/mes completo.

– Excedencia por coidado de fillos e familiares: 0,02 puntos/mes completo.

Para estes efectos, dividirase o número total de días entre 30 e valorarase o cociente enteiro.

A acreditación de cada unha destas circunstancias deberá efectuala o/a aspirante na forma prevista no anexo IV.

2.3) Puntuación adicional pola prestación de servizos en centros sanitarios illados.

Polos servizos efectivamente prestados nos hospitais públicos do Barco, Verín, A Mariña, Cee e Monforte de Lemos ou en centros sanitarios do nivel de atención primaria, situados nos concellos que se relacionan no anexo VI, caracterizados polo seu illamento: 0,5 puntos/ano completo ou a parte proporcional.

Para estes efectos, só se valorarán os servizos que consten teren sido efectivamente prestados en tales centros, con independencia da súa realización ou non en virtude de vínculo directamente formalizado con tales institucións.

De conformidade co disposto no anexo IV desta convocatoria, non será necesario que o/a aspirante acredite este mérito.

Coa valoración das alíneas 2.2) e 2.3) non se poderá superar a puntuación máxima prevista para a epígrafe de experiencia profesional.

Normas xerais de valoración:

Primeira.

Os meses serán computados por días naturais.

Salvo para os nomeamentos de atención continuada ou gardas en atención extrahospitalaria, o cómputo dos servizos prestados efectuarase por meses. Para iso calcularase en cada epígrafe do baremo o número total de días e dividirase entre 30, de tal xeito que o que se valorará en cada punto será o cociente enteiro, desprezándose os decimais.

En ningún caso poderá valorarse a suma dos servizos prestados con distintos nomeamentos dentro do mesmo mes natural por enriba da puntuación establecida para o devandito período dun mes.

En ningún caso un mesmo período de servizos prestados poderá ser obxecto de valoración en distintas epígrafes do baremo. De igual xeito, un mesmo período de tempo de servizos prestados non poderá ser obxecto de valoración en máis dunha categoría/especialidade, ou en varios servizos ou unidades, tanto do mesmo como de diferente centro.

Os servizos prestados con nomeamento de atención continuada ou gardas en urxencias extrahospitalarias computaranse co criterio de equivalencia dun mes completo por cada 130 horas traballadas no devandito mes, ou a parte proporcional que corresponda á fracción. Se dentro dun mes natural se realizaron máis de 130 horas, soamente poderá valorarse un mes de servizos prestados, sen que o exceso de horas efectuado poida ser aplicado para o cómputo de servizos prestados noutro mes.

Segunda.

Os servizos prestados durante o período en que se desfrute dunha redución de xornada por algunha das causas legalmente previstas serán valorados como servizos prestados en réxime de xornada completa.

Os servizos prestados polo persoal especificamente nomeado a tempo parcial serán valorados coa conseguinte redución. Cando, nun mesmo período, o/a interesado/a acredite distintos nomeamentos a tempo parcial, realizarase unha acumulación, sen que poida resultar, en ningún caso, unha xornada acumulada superior á xornada completa.

Os períodos de permiso sen soldo, así como a permanencia en situación de servizos especiais, valoraranse como tempo de servizos efectivamente prestados na categoría para os efectos deste baremo.

Os servizos prestados noutra categoría en promoción interna temporal polo persoal estatutario fixo valoraranse como servizos temporais na dita categoría.

Serán obxecto de valoración na alínea b) os servizos prestados na mesma categoría en institucións sanitarias privadas con concerto sanitario ou autorización de uso co Sistema público de saúde, na data de prestación de servizos, que consten debidamente acreditados.

Terceira.

A experiencia profesional valorarase a partir da data de superación do período formativo conducente á obtención do título exixido para o acceso á categoría.

3) Coñecemento da lingua galega: 5 puntos.

Valorarase nesta epígrafe o coñecemento da lingua galega por parte das persoas aspirantes que acrediten estar en posesión do certificado Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia (curso de perfeccionamento de galego), de conformidade coa Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, que regula os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

Segunda. Solicitude de inscrición

1. A inscrición resulta obrigatoria para todas as persoas interesadas en figurar nas listas que se elaboren para o acceso a nomeamentos estatutarios temporais desta categoría.

2. As persoas interesadas deberán cubrir unha única solicitude de participación, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e), á cal se accederá seguindo as instrucións que se establecen no anexo V e que, logo de formalizada electronicamente, deberán asinar e presentar nos lugares e prazo indicados nas bases terceira e cuarta, respectivamente.

3. No formulario de inscrición farase constar expresamente a categoría a que se opta, así como o distrito ou distritos sanitarios que a persoa aspirante seleccione como opción/opcións preferente/s. De non concretar ningún, entenderase que opta por calquera deles.

4. Non se admitirán as solicitudes que conteñan algunha emenda, marca ou riscadura no formulario de inscrición, así como en calquera dos documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos exixidos.

5. As solicitudes vincularán as persoas aspirantes nos termos consignados no modelo normalizado. No entanto, e dentro do prazo de presentación de instancias admitiranse as renuncias á inscrición, así como as modificacións que resulte necesario efectuar nalgún dos datos contidos nela.

Terceira. Lugar de presentación

O formulario de inscrición, logo de formalizado electronicamente, dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de inscrición e poderase presentar por rexistro electrónico, de forma presencial no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cuarta. Prazo de presentación

1. Para a primeira xeración de listas, poderanse formalizar as solicitudes no prazo dos dez días hábiles seguintes ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Os méritos computables serán os causados ata o día inmediatamente anterior a esta publicación, que consten acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Unha vez xeradas as primeiras listas, a inscrición será aberta e permanente e a súa actualización efectuarase consonte as datas e o procedemento contido na Resolución do 13 de xuño de 2016, pola que se publica o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

Quinta. Ámbito de inscrición

O ámbito territorial de inscrición nestas listas será autonómico, ben que as persoas aspirantes poderán seleccionar aquel distrito e/ou distritos en que soliciten prestar os seus servizos con carácter preferente, de entre todos os que figuran no anexo III.

Sexta. Acreditación de requisitos e méritos

1. Cada unha das persoas interesadas en participar neste procedemento de selección deberá rexistrar no seu expediente electrónico persoal (Fides/expedient-e) os seus datos persoais, requisitos e méritos. O acceso ao expedient-e efectuarase a través da páxina web (www.sergas.es) na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regulan o contido, o uso e o acceso ao expediente electrónico dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia (DOG nº 92, do 15 de maio).

2. Efectuado o rexistro electrónico dos requisitos e méritos, deberá imprimirse a solicitude de validación, que estará dispoñible en Fides/expedient-e, na epígrafe de «informe».

3. Xunto coa solicitude de validación deberá achegarse a documentación acreditativa dos requisitos e méritos rexistrados no formulario de inscrición expedient-e. Tal acreditación deberá efectuala a persoa interesada mediante documento orixinal ou copia compulsada antes de que remate o prazo previsto na base cuarta, de non telo efectuado con anterioridade nun momento posterior ao 20 de xullo de 2011, suposto no cal non terá que achegarse novamente a documentación presentada, agás a que supoña actualización de méritos xa presentados.

A documentación acreditativa dos requisitos e méritos deberá dirixirse a unha unidade de validación e presentarse nalgún dos lugares previstos na base terceira desta resolución.

4. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia rexistrasen no sistema informático os seus requisitos e méritos sen presentaren a documentación correspondente, deberán solicitar a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión dentro do prazo previsto na base cuarta desta resolución para que poidan ser, se é o caso, valorados no primeiro proceso de xeración de listas.

5. Non será necesario acreditar documentalmente a seguinte información ao dispoñer dela esta Administración sanitaria:

– A experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

– A formación impartida pola antiga Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria xunto coa impartida pola actual Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS).

– Os datos validados no sistema informático expedient-e. Non obstante, a Administración poderá requirir en calquera momento a achega de documentación complementaria acreditativa de calquera requisito ou mérito aínda que conste validado.

6. A falta de acreditación pola persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade consignados na solicitude de inscrición, así como a consignación de datos falsos nela, levará consigo a perda do dereito a figurar inscrita na lista correspondente, sen prexuízo das demais responsabilidades que procedan.

7. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes para a primeira xeración de listas, non se terá en conta, para este primeiro proceso, a presentación de ningún documento acreditativo de méritos.

Os méritos que non consten rexistrados en Fides/expedient-e nin acreditados documentalmente na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de cada proceso de xeración non serán obxecto de valoración nese proceso.

Sétima. Procedemento de elaboración das listas

1. As listas elaboraranse de conformidade co previsto no punto II.4 do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, así como segundo o disposto nas bases precedentes desta resolución.

2. A xeración das listas efectuarase a través do sistema informático (Fides/expedient-e/Procesos), ao cal se accederá a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde.

3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase na páxina web do Servizo Galego de Saúde, logo do anuncio no Diario Oficial de Galicia, a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, coa asignación ás primeiras da puntuación correspondente segundo o disposto no baremo aplicable, consonte o disposto na norma II.3 do pacto vixente ou daquel que o substitúa.

4. As persoas excluídas, respecto da causa e/ou causas concretas da súa exclusión, así como as persoas admitidas, respecto dos resultados provisionais de baremación, poderán presentar reclamación ante as xerencias de área sanitaria e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da súa publicación.

As persoas que, presentando debidamente solicitude de inscrición, non consten admitidas nin excluídas disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

5. A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderase implícita na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren con carácter definitivo as/os aspirantes excluídas/os e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitiva das persoas aspirantes admitidas nas referidas listas.

6. Contra a exclusión definitiva, así como contra os resultados da baremación definitiva, poderanse interpoñer os recursos administrativos e/ou xudiciais que prevexa a resolución referida no número 7.5 anterior.

Oitava. Aboamento de taxas

1. De conformidade co disposto na Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, como requisito necesario para participar neste proceso, as persoas aspirantes deberán aboar previamente, en concepto de dereitos de inscrición nas listas, o importe de 18,04 € e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante ingreso ou transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación.

2. O impreso de autoliquidación, así como os códigos para a súa formalización, seranlles facilitados ás persoas interesadas nas xerencias das áreas sanitarias e estarán publicados, así mesmo, na páxina web do Servizo Galego de Saúde. A non presentación deste impreso de autoliquidación, en que deberá figurar o selo da entidade bancaria, xunto co formulario de solicitude de inscrición, determinará a exclusión da persoa aspirante.

3. Así mesmo, poderase facer efectivo o aboamento da taxa pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. En tal caso, accederase á páxina web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es) e, dentro desta, á lenda «Oficina virtual tributaria». Premerase entón a lenda «Servizos de acceso libre», e logo, situándose no menú da marxe esquerda, premerase «Taxas, prezos, multas e sancións», e escollerase a opción «Pagamento telemático de taxas e prezos». Realizado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de tela aboado (modelo 730) e achegarase coa solicitude.

En ningún dos casos o dito xustificante substituirá o trámite de presentación da solicitude no tempo e na forma establecidos.

4. Estarán exentas do aboamento desta taxa as persoas que acrediten un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, así como as que sexan integrantes de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de seren membros de familia numerosa de categoría xeral, terán unha bonificación do 50 %. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % as persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes da data de publicación da presente resolución, e non estivesen percibindo prestación ou subsidio por desemprego. Tamén terán unha bonificación do 50 % as vítimas do terrorismo.

Tales circunstancias deberán ser acreditadas, respectivamente, mediante fotocopia compulsada da cualificación de discapacidade, a través do título oficial de familia numerosa, con certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego ou con sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola que se recoñece a condición de vítima do terrorismo.

5 As persoas excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se aproben as listas definitivas de persoas aspirantes excluídas, para solicitar a devolución das taxas aboadas en concepto de inscrición.

Novena. Nomeamentos a tempo parcial

As persoas interesadas que soliciten a inclusión nas listas deberán facer constar no espazo habilitado no formulario de inscrición a súa voluntaria aceptación ou non das ofertas de nomeamentos a tempo parcial que poidan xurdir na categoría e ámbito respectivo.

Na falta de consignación expresa, entenderase que a persoa aspirante non acepta voluntariamente a formalización do dito tipo de nomeamentos.

Décima. Indispoñibilidade transitoria de aspirantes

De non existir nun distrito sanitario aspirantes dispoñibles que seleccionasen como opción preferente ese ámbito, o chamamento efectuarase por rigorosa orde de prelación na lista, con independencia da opción de preferencia manifestada polo/a aspirante, segundo se recolle no punto III.2 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

Décimo primeira. Entrada en vigor das listas

As listas que se elaboren en execución desta convocatoria entrarán en vigor na data que se indique na resolución pola que se publique a relación definitiva de persoas aspirantes excluídas e as puntuacións definitivas e orde de prelación final das persoas aspirantes admitidas. A publicación efectuarase a través da páxina web do organismo (www.sergas.es).

No período comprendido entre a finalización do prazo de inscrición previsto no punto 4) e a data de publicación das listas definitivas que se xeren en desenvolvemento desta resolución, o chamamento das persoas aspirantes para a formalización de nomeamentos temporais desta categoría efectuarase respectando a orde prevista para os supostos de indispoñibilidade de aspirantes que se contén no anexo III, A), punto sexto, da Resolución do 13 de xuño de 2016 pola que se publica o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (DOG nº 123, do 30 de xuño).

ANEXO II

Titulación

Categoría

Titulación

Técnico/a de saúde de atención primaria

Título universitario oficial de graduado/a ou licenciado/a en Medicina e Cirurxía

ANEXO III

Distritos sanitarios que se poden seleccionar como opción preferente

1. Ferrol

2. A Coruña

3. Cee

4. Santiago de Compostela

5. A Barbanza

6. Lugo

7. A Mariña

8. Monforte

9. Ourense

10. Verín

11. O Barco de Valdeorras

12. O Salnés

13. Pontevedra

14. Vigo

ANEXO IV

Procedemento de acreditación de méritos

a) Formación

académica

Acreditarase, segundo o suposto, mediante orixinal ou copia compulsada do título expedido polo ministerio con competencias en materia de educación ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinado, que deixe constancia de cada un dos méritos invocados polo/a aspirante e data en que foron causados. No relativo aos cursos de doutoramento, para que o dito mérito poida ser obxecto de valoración, a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que o/a aspirante realizou todos os cursos de doutoramento e indicar o programa e créditos obtidos. Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro (UE), achegarase, xunto coa copia compulsada do título, tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

As titulacións obtidas no estranxeiro (non UE) deberán acreditarse coa achega da copia compulsada do título, tradución xurada deste ou equivalente e documento de homologación ou validación expedido polo Ministerio de Educación español.

O expediente académico e as cualificacións obtidas requiren, para a súa valoración, a presentación da certificación de recoñecemento ou equivalencia oficial.

Supostos específicos.

a) A acreditación da formación máster efectuarase mediante orixinal ou copia compulsada do título ou certificación da universidade en que conste ter sido superada polo/a aspirante a formación conducente á obtención do referido título, datas de realización e o número de horas ou créditos ECT asignados á dita actividade formativa.

Poderá requirirse á persoa aspirante a achega do programa formativo nos supostos en que non quede suficientemente acreditada a relación do seu contido co ámbito das ciencias da saúde.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado o mérito.

b) Formación

continuada

a) Recibida: acreditarase tal mérito mediante copia compulsada do certificado de asistencia ao curso, no cal deberá constar o organismo ou entidade que convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e o número de créditos e/ou horas asignados. Poderá requirirse á persoa aspirante a achega do programa formativo ou categoría/s destinataria/s.

No suposto de cursos acreditados pola Comisión Nacional ou Autonómica de Formación Continuada, deberá constar o logotipo da respectiva comisión e, ademais, o número de expediente se se trata de actividades formativas posteriores a abril de 2007.

Normas específicas para a formación en liña. Valoraranse aqueles diplomas de cursos en liña en que conste o número de créditos, o número de expediente e o logotipo da Comisión de Formación Continuada. Non será necesario que conste o número de expediente se se trata de cursos anteriores a abril de 2007.

Serán válidos, ademais, aqueles diplomas asinados dixitalmente por Dixital Learning cun certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable polo órgano de selección. Noutro suposto, deberá achegarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa, que conterá toda a información exixida neste punto.

No suposto de formación en liña con desenvolvemento nun rango de datas, será válida a formación que conste superada dentro das ditas datas.

Valoraranse os módulos ou partes integrantes dun curso nos supostos en que quede debidamente acreditada a carga lectiva e horas/créditos asignados de forma diferenciada.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos que sexan parte dunha titulación de formación académica.

O órgano de selección reserva para si o dereito de poder exixir ao aspirante calquera documentación complementaria e/ou rexeitar calquera certificado en liña cando existan dúbidas razoables sobre a súa autenticidade.

b) Impartida: acreditarase mediante certificación do organismo ou entidade convocante na cal deberá constar o contido da actividade formativa, así como o número de horas de docencia impartidas.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito

c) Experiencia

profesional

A experiencia profesional en institucións públicas acreditarase mediante certificación emitida pola Dirección de Recursos Humanos do centro ou órgano equivalente, na cal deberá constar a seguinte información: categoría/especialidade, tipo de vínculo (fixo, temporal, atención continuada, formación, promoción profesional temporal), réxime xurídico de vinculación (laboral, funcionario, estatutario), data de inicio e fin de cada unha das vinculacións/número de horas no suposto de vínculos de atención continuada, total de días de vinculación, réxime de xornada (xornada completa, tempo parcial).

A experiencia profesional en centros privados acreditarase mediante certificación da empresa, na cal deberá constar a información anteriormente indicada ou contrato laboral. En ambos os supostos, xunto coa citada documentación deberá presentarse un informe de vida laboral emitido polo INSS.

No suposto de institucións sanitarias públicas, tal certificación deberá facer constar expresamente a natureza pública da institución e a súa integración no sistema sanitario público do Estado respectivo. Noutro caso, a experiencia profesional non será obxecto de valoración.

No suposto de institucións sanitarias privadas concertadas ou con autorización de uso, deberá quedar debidamente acreditada no certificado a existencia dun concerto ou autorización de uso co respectivo servizo de saúde autonómico ou sistema sanitario público dun país da Unión Europea nos períodos de vinculación. Noutro suposto, tal mérito non será valorado.

No suposto de institucións sanitarias privadas acreditadas para a docencia, deberá quedar debidamente acreditado no certificado que se achegue, a condición de institución acreditada no ámbito do SNS ou sistema sanitario público dun país da Unión Europea para a formación de especialidades de profesións sanitarias.

Non será necesario acreditar documentalmente a experiencia profesional nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, así como a condición de centro concertado co Servizo Galego de Saúde.

Puntuación específica por conciliación.

As situacións de permiso por paternidade e maternidade, redución de xornada por motivos familiares e excedencia por coidado de fillos/as e familiares acreditaranse mediante certificación da súa concesión expedida pola dirección do centro, en que deberán constar as datas de inicio e fin.

O persoal fixo ou temporal que nos últimos cinco anos anteriores á data de publicación da convocatoria viñese prestando os seus servizos no Servizo Galego de Saúde non terá que presentar ningunha documentación acreditativa de tales situacións.

d) Compulsa

de documentos

As copias dos documentos acreditativos de méritos que se acheguen deberán estar cotexadas/autenticadas polo responsable do rexistro onde se presenten ou compulsadas por notario ou funcionario público acreditado para a realización de tales funcións.

e) Tradución

de documentos

Os títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español deberán acompañarse da súa tradución ao castelán ou galego, que deberá efectuar:

a) Un tradutor xurado, debidamente autorizado ou inscrito en España.

b) Calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

c) A representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadán/cidadá o/a solicitante ou, de ser o caso, do de procedencia do documento.

Respecto dos traballos científicos e de investigación redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español, non será necesario presentar copia traducida.

ANEXO V

Instrucións de acceso ao expediente electrónico (Fides)

A Oficina Virtual do Profesional (Fides) constitúe o punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e os/as profesionais con que mantén unha vinculación, así como coas persoas aspirantes e profesionais doutros servizos de saúde que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo, configurándose como a plataforma de acceso ao expediente electrónico do/da profesional ou aspirante.

O acceso a Fides, poderase realizar desde:

– A internet (profesionais do Servizo Galego de Saúde e procedentes doutros servizos autonómicos de saúde).

– A intranet do Servizo Galego de Saúde (só dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na rede corporativa).

1. Acceso desde a internet.

1.1. Acceso desde a internet con certificado dixital.

Os profesionais do Servizo Galego de Saúde, así como os que procedan doutro servizo de saúde autonómico, poderán acceder desta forma a Fides a través do enderezo
http://fides.sergas.es

É requisito indispensable dispoñer dun certificado dixital para acceder a través desta vía. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre) e o DNI electrónico (DNIe).

Para obter o certificado dixital expedido pola FNMT será preciso solicitalo a través da internet (no enderezo www.cert.fnmt.es), ou ben en calquera oficina da Axencia Tributaria (Ministerio de Economía e Facenda).

Se o usuario xa dispón dunha tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico, esta xa contén un certificado da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo. De feito, a solicitude dun novo certificado inhabilitará o que existe na tarxeta sanitaria.

Pola súa parte, o DNI electrónico (DNIe) poderase solicitar nas oficinas da Dirección Xeral da Policía.

Para a identificación do usuario mediante tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico ou a través do DNI electrónico, será preciso, con carácter xeral, dispoñer dun lector de tarxetas. Non se requirirá lector de tarxetas unicamente no suposto de dispoñer dun certificado dixital da FNMT instalado no propio equipamento.

Os/as usuarios/as poderán solicitar información e obter asesoramento sobre a acreditación electrónica nos PAE (Punto de acreditación electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros sanitarios de atención especializada e atención primaria do organismo.

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os/as profesionais actualmente vinculados ao Servizo Galego de Saúde, así como aqueles profesionais procedentes doutros servizos de saúde que nalgún momento do pasado tivesen algún tipo de vinculación co citado organismo, serán tanto o acceso á xestión do expediente electrónico e á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados e demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo, como ao resto de funcionalidades existentes na Oficina Virtual do Profesional (Fides).

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os profesionais que nunca tiveron un vínculo co Servizo Galego de Saúde serán tanto o acceso á xestión do expediente electrónico como á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados e demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo.

A primeira vez que un profesional acceda con certificado dixital a Fides solicitaráselle que cubra un formulario de alta con datos básicos.

1.2. Acceso desde a internet sen certificado dixital.

O acceso a Fides desde a internet sen certificado dixital pode efectuarse a través do enderezo http://fides.sergas.es, mediante o sistema Chave365, que permite aos/ás cidadáns/cidadás maiores de idade identificarse tanto en Fides como na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico.

Pódese atopar toda a información relativa ao sistema Chave365 neste enderezo:
https://sede.xunta.gal/chave365

2. Acceso desde a intranet do Servizo Galego de Saúde.

Esta vía so estará dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e desde equipamentos informáticos situados fisicamente na rede corporativa do citado organismo.

Os/as profesionais cun vínculo activo terán, mediante este sistema, acceso á totalidade de servizos e funcionalidades de Fides, incluído o acceso á xestión do expediente electrónico.

O acceso a Fides realizarase mediante o código de usuario e contrasinal que os/as profesionais en activo xa teñen asignado e utilizan habitualmente para acceder ao resto de funcionalidades do sistema.

3. Manual de instrucións de acceso e funcionamento do expediente electrónico e validación da documentación.

Na sede electrónica do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) figura á disposición dos aspirantes un manual de instrucións sobre o acceso e funcionamento do expediente electrónico, os diferentes estados en que pode atopar a información relativa aos seus méritos e normas de validación da documentación que se debe achegar.

ANEXO VI

Concellos con condición de illamento

Área Sanitaria

Concello

A Coruña e Cee

Cabana de Bergantiños

Camariñas

Laxe

Ponteceso

Zas

Ferrol

Cariño

Mañón

Monfero

Ortigueira

Santiago de Compostela e A Barbanza

Boimorto

Toques

Santiso

Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos

Alfoz

Barreiros

Cervantes

Folgoso do Courel

Fonsagrada (A)

Lourenzá

Mondoñedo

Navia de Suarna

Negueira de Muñiz

Nogais (As)

Pedrafita do Cebreiro

Pontenova (A)

Quiroga

Ribas de Sil

Ribeira de Piquín

Riotorto

Trabada

Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

Avión

Beariz

Bolo (O)

Calvos de Randín

Chandrexa de Queixa

Entrimo

Gudiña (A)

Lobios

Manzaneda

Mezquita (A)

Montederramo

Muíños

Padrenda

Pobra de Trives (A)

Pontedeva

San Xoán de Río

Veiga (A)

Viana do Bolo

Vilariño de Conso

Vigo

Arbo

Crecente

Covelo (O)

Fornelos de Montes

Pazos de Borbén

Oia