Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 11 de xaneiro de 2022 Páx. 799

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

EXTRACTO da Orde do 16 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao programa 2022 (código de procedemento CT110A).

BDNS (Identif.): 604306.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) y 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

1. Graduados universitarios ou titulación equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) en que predomine a formación en historia e/ou arquivística.

2. Acreditación de dominio da lingua galega a nivel iniciación mediante título oficial ou certificado Celga 3.

3. Non se beneficiar anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos doce (12) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Secretaría Xeral de Cultura, logo de iniciado o período de vixencia.

4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a organización e descrición de arquivos de interese galego.

Segundo. Obxecto

As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e os seus fondos documentais. Os bolseiros serán tutelados, coordinados e dirixidos polos servizos técnicos de arquivos.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 16 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao programa 2022 (código de procedemento CT110A).

Cuarto. Importe

Para a concesión das bolsas destinarase un crédito total de 119.809,20 euros, coa seguinte distribución por aplicacións orzamentarias:

• 11.20.432A.480.1: 114.000 €.

• 11.20.432A.484.0: 5.809,20 €.

Número de bolsas: 20.

Duración máxima: 6 meses. Poderanse prorrogar ata outros seis meses en función da existencia de crédito suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022 e 2023.

Importe bruto mensual de cada bolsa: 950,00 €.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destinará 48,41 euros por bolseiro/a e mes en concepto de cotizacións á Seguridade Social.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Universidade