Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2022 Páx. 1174

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2021, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de glorieta na PO-551, punto quilométrico 14+400, concello de Bueu, de clave PO/20/108.06.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas no trámite de información pública, ditou o 17 de decembro de 2021 a seguinte resolución:

Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de glorieta na PO-551, punto quilométrico (p.q.) 14+400 (concello de Bueu), de clave PO/20/108.06.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A actuación obxecto do proxecto consiste na reordenación da intersección situada no p.q. 14+400 da estrada PO-551 (Marín-Rande) que comunica as localidades de Bueu e Cangas mediante a execución dunha glorieta que substitúa a actual intersección e permita mellorar a seguridade viaria no cruzamento. Na dita intersección conflúen a estrada autonómica PO-551 coa EP-1301 e un dos roteiros alternativos de acceso ao polígono industrial de Castiñeiras (Bueu).

Segundo. No Diario Oficial de Galicia núm. 158, do 18 de agosto de 2021, publicouse o Anuncio do 29 de xullo de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de glorieta na PO-551, punto quilométrico (p.q.) 14+400 (concello de Bueu), de clave PO/20/108.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Terceiro. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública formuláronse alegacións polas persoas interesadas. A todas elas déuselles resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que lle foi notificado ás administracións ás cales se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. O artigo 21.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, se dará resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante poñerase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás cales se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.

Logo de revisados os informes emitidos e as alegacións formuladas, procede introducir as seguintes modificacións relativas ao proxecto sometido á información pública:

• Incluiranse nas dúas marxes da estrada EP-1301 sendas peonís a nivel cun ancho mínimo de 2,5 m balizadas mediante ollos de gato.

• Executarase na estrada EP-1301 un paso de peóns sobreelevado para conectar as dúas marxes da dita estrada provincial.

• Proxectaranse salvagabias nos dous accesos existentes na marxe dereita da EP-1301, para permitir o acceso ás parcelas por riba da nova cuneta en formigón.

• Incorporarase ao sinal S-300 o texto San Amedio con distancia 2,5 km e modificarase a distancia indicada ao núcleo de Beluso, que pasa a ser de 4 km.

Desestímanse as demais alegacións e modificacións propostas, de acordo coas xustificacións e fundamentos que constan no expediente de información pública.

O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que, no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

No seu punto 5, o mesmo artigo indica que a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

No punto 6 do mesmo artigo 22 indícase que «logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente».

De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais nas que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

Polo exposto, os concellos de Cangas e Bueu deberán adaptar o seu planeamento urbanístico na súa primeira modificación ou revisión ao contido no proxecto.

Terceiro. Que simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto e tras os informes, alegacións e certificados presentados,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública de glorieta na PO-551, punto quilométrico (p.q.) 14+400 (concello de Bueu), de clave PO/20/108.06, coas modificacións relativas ao documento sometido a información pública que se indican no fundamento de dereito segundo.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción de glorieta na PO-551, punto quilométrico (p.q.) 14+400 (concello de Bueu), de clave PO/20/108.06, nos termos indicados no punto anterior.

Terceiro. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, de 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos de Cangas e Bueu deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas