Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2022 Páx. 1078

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 22 de decembro de 2021 pola que se modifica a autorización do centro privado San Marcos, de Ourense.

A representación da titularidade do centro privado (CPR) San Marcos, de Ourense, solicita a autorización para impartir o ciclo formativo de grao medio (CM) Farmacia e parafarmacia, na modalidade semipresencial e a distancia.

O centro está autorizado para impartir na modalidade presencial as ensinanzas que solicita impartir na modalidade semipresencial e/ou a distancia en virtude da Orde do 21 de abril de 2006 (DOG do 15 de maio).

A Orde do 5 de novembro de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia do 11 de novembro de 2010, establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Autorizar o CM Farmacia e parafarmacia, na modalidade semipresencial e a distancia, no centro docente privado cuxos datos se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado (CPR).

Denominación específica: San Marcos.

Código do centro: 32016224.

Domicilio: avda. Buenos Aires, 61.

Localidade: Ourense.

Código postal: 32004.

Concello: Ourense.

Provincia: Ourense.

Titular: Academia Trinidad, S.L.

Composición resultante:

a) Modalidade presencial, réxime ordinario:

• CM Farmacia e parafarmacia (2 unidades para 20 postos escolares cada unha).

• CS Documentación e administración sanitarias (2 unidades para 20 postos escolares cada unha).

• CS Hixiene bucodental (2 unidades para 20 postos escolares cada unha).

• CS Próteses dentais (2 unidades para 20 postos escolares cada unha).

b) Modalidade semipresencial e a distancia, réxime de ensinanzas para as persoas adultas:

• CM Farmacia e parafarmacia.

Artigo 2. Ordenación académica

1. Ás ensinanzas autorizadas no artigo 1 desta orde aplicaráselles, en canto sexa axeitado á súa natureza, o previsto na Orde do 5 de novembro de 2010 pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

2. O desenvolvemento dos módulos profesionais organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva, que serán atendidas directamente polo profesorado de cada módulo. A titoría individual realizarase preferentemente de xeito telemático; a colectiva terá carácter presencial coa intervención directa do profesorado, nas instalacións do centro docente e, conforme o artigo 12 da mencionada Orde do 5 de novembro de 2010, as horas semanais de dedicación á titoría colectiva para a realización por parte do alumnado das actividades programadas non poderá ser inferior ao enteiro igual ou inmediatamente superior ao 25 % das horas semanais que se establezan para cada módulo profesional.

A asistencia ás titorías presenciais nas instalacións do centro educativo terá carácter voluntario para o alumnado.

3. Ao longo do período lectivo correspondente, o profesorado de cada módulo profesional realizará un seguimento do desenvolvemento do proceso de ensino e aprendizaxe, para o cal utilizará os instrumentos e os procedementos de recollida de información previamente establecidos na programación dos módulos, que deberán ser coñecidos polo alumnado.

A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua a través das actividades que se programen e harmonizarase con probas presenciais teórico-prácticas para cada avaliación parcial, de carácter obrigatorio para o alumnado, e axustadas aos resultados de aprendizaxe e aos criterios de avaliación dos currículos dos módulos profesionais. Ao finalizar o desenvolvemento de cada módulo, realizarase unha proba presencial final de carácter global. Esta proba terá que realizala o alumnado que non superase o módulo mediante as probas presenciais parciais que se realicen ao longo do curso.

4. O profesorado que imparta nas modalidades de distancia e semipresencial disporá das competencias necesarias para o manexo da plataforma de formación a distancia e para realizar o seguimento do proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado.

Artigo 3. Inicio da actividade

Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de Ourense, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación do profesorado que impartirá docencia nos devanditos ciclos, así como o equipamento.

Artigo 4. Inscrición no Rexistro de Centros

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Modificación da autorización

O centro queda obrigado a cumprir a normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando se deba modificar calquera dos datos que sinala a presente orde.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade