Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 13 de xaneiro de 2022 Páx. 1193

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 3 de xaneiro de 2022, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se publica o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 29 de decembro de 2021, polo que se autoriza, por razón de especial interese para o servizo, a superación dun dos límites previstos no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, aos facultativos do cadro de persoal do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina (HVU-RC) para que poidan compatibilizar coa actividade de profesor asociado T3-P6 no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

Con data do 29 de decembro de 2021, o Consello da Xunta de Galicia aprobou, por razóns de especial interese para o servizo, a superación do límite previsto no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, no que se refire a que a cantidade total percibida por ambos os dous postos ou actividades non supere a correspondente ao principal, estimada en réxime de dedicación ordinaria, incrementada nun 30 % para os funcionarios do grupo A ou persoal de nivel equivalente, aos facultativos do cadro de persoal do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina (HVU-RC) para que poidan compatibilizar coa actividade de profesor universitario asociado nos termos e nas condicións que nel se establecen.

En consecuencia, de acordo co disposto no punto segundo do acordo, resolvo publicalo no Diario Oficial de Galicia, para os efectos da súa entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2022

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

Acordo polo que se autoriza, por razón de especial interese para o servizo, a superación do límite previsto no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, no que se refire a que a cantidade total percibida por ambos os dous postos ou actividades non supere a correspondente ao principal, estimada en réxime de dedicación ordinaria, incrementada nun 30 % para os funcionarios do grupo A ou persoal de nivel equivalente, aos facultativos do cadro de persoal do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina (HVU-RC) para que poidan compatibilizar coa actividade de profesor asociado T3-P6 no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

EXPOSICIÓN

A Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, establece, con carácter xeral, no seu artigo 1, que o persoal comprendido no seu ámbito de aplicación non poderá compatibilizar as súas actividades co desempeño, por si ou mediante substitución, dun segundo posto de traballo, cargo ou actividade no sector público, salvo nos supostos previstos no articulado desta.

Un destes supostos taxados susceptibles de autorización de compatibilidade con outra actividade pública é o recollido no artigo 4.1, que se refire á actividade de profesor universitario asociado en réxime de dedicación non superior á de tempo parcial e con duración determinada.

O artigo 7.1 da Lei 53/1984 condiciona a autorización de compatibilidade de actividades públicas á comprobación de que a cantidade total percibida por ambos os dous postos ou actividades non supere a correspondente ao principal, estimada en réxime de dedicación ordinaria, incrementada nun 30 % para os funcionarios do grupo A ou persoal de nivel equivalente, ben que o mesmo precepto abre a posibilidade de autorizar, mediante acordo expreso do órgano competente das comunidades autónomas, a superación deste límite sobre a base de razóns de especial interese para o servizo.

As universidades empregan a figura de profesor asociado como un apoio necesario en diversos ámbitos profesionais para dar ao alumnado unha visión práctica dos seus estudos, grazas á elevada experiencia de empregados públicos de alto nivel, e é de especial interese para o servizo docente universitario cubrir esas necesidades con profesores asociados, isto é, con profesionais de recoñecida competencia e grande experiencia, alleos á respectiva universidade, de conformidade coa natureza e finalidade da figura de profesor asociado.

A Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela emite o 25 de marzo de 2021 informe xustificativo sobre a necesidade de compatibilizar ambas as actividades, considerando «acreditadas» razóns de especial interese para o servizo, para autorizar a superación do límite establecido no artigo 7.1 da Lei 53/84, do 26 de decembro.

Así mesmo, o 7 de abril de 2021 recíbese informe do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, actuando en calidade de presidente da Fundación Pública Galega Rof Codina, en idénticos termos ca o do reitor, sobre a necesidade de compatibilidade das actividades de facultativo veterinario e profesor asociado T3-P6 no HVU-RC e na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, considerando que «existen razóns de especial interese que deberían permitir que a Dirección Xeral da Función Pública aprobe a compatibilidade das actividades públicas de facultativo veterinario na FRC e profesor asociado T3-P6 no Campus de Lugo da Universidade de Santiago». Este informe é corrixido mediante outro do 25 de maio de 2021 no sentido de que se deben entender incluídos todos os facultativos do cadro de persoal do HVU-RC «tendo por incluída nestes a facultativa farmacéutica da farmacia hospitalaria do HVU-RC».

Nos ditos informes recóllese a necesidade de que «a docencia nas materias clínicas e asistenciais sexa impartida por especialistas con actividade clínica hospitalaria, pois a perda de profesorado a tempo completo estable nestas materias pon en risco a avaliación da EAEVE».

Con data do 3 de agosto de 2021, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, actuando en calidade de presidente da Fundación Pública Galega Rof Codina remite á consellería de Facenda e Administración Pública «Memoria da necesidade de compatibilidade das actividades de facultativo e profesor asociado T3-P6 no HVU-RC e na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo», na cal se expón:

«1. A FRC, constituída para a xestión do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina (en diante, HVU-RC), do Cebiovet e doutras estruturas de apoio á docencia e á investigación, ten por obxecto a realización dos seguintes fins xerais de interese galego:

• O apoio permanente á docencia clínica da Facultade de Veterinaria de Lugo, co fin de favorecer a maior correspondencia posible entre a docencia teórica da facultade e as ensinanzas que en materia clínica poida proporcionar o Hospital Veterinario Universitario.

• O apoio permanente á investigación no Centro de Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet).

• O cumprimento dos obxectivos marcados polo artigo 66 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

Desde entón, a FRC garante o financiamento do hospital e conforma a metade dunha comisión paritaria encargada, xunto coa Universidade de Santiago, de velar polo cumprimento da tripla finalidade deste: docente, asistencial e investigadora. Na actualidade, outros centros de similares características imitan este modelo de xestión. Desde un primeiro momento fan parte do Padroado da FRC a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo, ademais da Universidade de Santiago de Compostela, contribuíndo coas súas cotas anuais ao sustento financeiro da fundación e, por tanto, do hospital.

O HVU-RC exerce as funcións de hospital docente ao abeiro do convenio establecido entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Rof Codina. O centro asume a función de mellorar a actividade docente e investigadora da citada facultade e tamén realiza un labor asistencial de alta calidade dirixido a veterinarios/as e propietarios/as de animais. Esta tarefa non só se leva a cabo no hospital senón que tamén se realiza de maneira ambulante en explotacións pecuarias ou refuxios.

2. Para desenvolver todas estas actividades e cumprir cos obxectivos fundacionais a FRC conta cun cadro de facultativos que son especialistas nas súas respectivas áreas de actividade clínica asistencial.

A European Association for the Establishment of Veterinary Education (EAEVE}, órgano avaliador europeo que certifica a calidade das facultades de veterinaria de toda Europa (suspender a súa avaliación suporía un golpe ao prestixio da Facultade de Lugo), resalta no informe da súa visita de 2018, nos puntos 9.1.2., 9.2.3. e 9.6.3., a importancia de ter no cadro da facultade profesores con actividade asistencial que permitan manter unha casuística adecuada para unha docencia práctica de calidade. Por tanto, é de vital importancia que a docencia nas materias clínicas e asistenciais sexa impartida por especialistas con actividade clínica hospitalaria.

É por iso que esta actividade asistencial debe ser impartida por figuras con responsabilidade e carga docente axeitada, é dicir, debe ser impartida por profesores asociados T3-P6, xa que outras figuras, como as empregadas actualmente son figuras de acompañamento que non permiten cumprir co antes exposto.

En consecuencia, que a facultade poida contar con profesores asociados T3-P6 que sexan tamén facultativos é o que permite que o grao de Veterinaria cumpra cos estándares exixidos pola EAEVE no relativo á docencia das materias clínicas e o que supón un distintivo de calidade para este centro, que é o de maior prestixio e principal atractivo do Campus Terra de Lugo.

3. Para o financiamento destas prazas de profesor asociado T3-P6 para a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, cuxas compatibilidades se pretende que sexan aprobadas pola Dirección Xeral de Función Pública, existe financiamento adecuado e suficiente aprobado mediante convenio entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Universidade de Santiago de Compostela. Este convenio foi feito por proposta da Secretaría Xeral de Universidades, por considerar esta de vital importancia para o Campus Terra que a facultade conte con estas prazas de profesor asociado T3-P6 e facultativo do HVU-RC.

4. A Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, establece no ordinal 3° do seu artigo sétimo a posibilidade de autorizar a superación dos límites marcados para a compatibilidade de actividades públicas por razóns de especial interese para o servizo, razóns que se acreditan nos puntos 1, 2 e 3 do presente informe.

Por todo o exposto, considérase que existen estas razóns de especial interese que deberían permitir que o Consello da Xunta aprobe a compatibilidade das actividades públicas de facultativo do HVU-RC na FRC e profesor asociado T3-P6 no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela».

A aplicación do límite retributivo expresado no referido artigo 7.1 da Lei 53/1984, restrinxe nalgúns casos a autorización de compatibilidade a persoal empregado público desta Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico, limitando a incorporación destes profesionais á docencia na universidade.

A Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, actuando en calidade de presidente da Fundación Pública Galega Rof Codina, consideran que «existen razón de especial interese que debería permitir que a Dirección Xeral da Función Pública aprobe a compatibilidade das actividades públicas de facultativo veterinario na FRC e profesor asociado T3-P6 no Campus de Lugo da Universidade de Santiago».

E solicitan que se autorice a superación do límite previsto no artigo 7.1 da Lei 53/1984, relativo a que a cantidade total percibida por ambos os dous postos ou actividades non supere a correspondente ao principal, estimada en réxime de dedicación ordinaria, incrementada nun 30 % para os funcionarios do grupo A ou persoal de nivel equivalente aos facultativos do cadro de persoal do HVU-RC para que poidan compatibilizar coa actividade de profesor asociado T3-P6 no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

Xustifican a concorrencia de razóns de especial interese nas razóns que constan na Memoria do 3 de agosto de 2021 do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, actuando en calidade de presidente da Fundación Pública Galega Rof Codina, anteriormente transcrita.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Facenda e Administración Pública, por petición da Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela e do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, actuando en calidade de presidente da Fundación Pública Galega Rof Codina, o Consello da Xunta

ACORDA:

Primeiro. Autorizar, por razón de especial interese para o servizo, a superación do límite previsto no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, no que se refire a que a cantidade total percibida por ambos os dous postos ou actividades non supere a correspondente ao principal, estimada en réxime de dedicación ordinaria, incrementada nun 30 % para os funcionarios do grupo A ou persoal de nivel equivalente, aos facultativos do cadro de persoal do HVU-RC para que poidan compatibilizar coa actividade de profesor asociado T3-P6 no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

En todo caso, deberán cumprirse e aplicarse o resto dos requisitos e límites establecidos na Lei 53/1984, do 26 de decembro.

A presente autorización quedará automaticamente sen efecto na data de remate do curso académico 2023/24.

Segundo. O presente acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.