Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 13 de xaneiro de 2022 Páx. 1414

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2021 pola que se convocan probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional de técnico/a superior de investigación (difracción raios X), grupo I, pola quenda de promoción interna, vacante no cadro de persoal laboral.

O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como nos Estatutos desta universidade e, co fin de atender as necesidades de persoal de administración e servizos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en execución do previsto no anexo IV, oferta de promoción interna independente, da Resolución do 24 de setembro de 2020 (DOG do 5 de outubro) pola que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2020, resolve convocar probas selectivas para cubrir 1 praza da categoría profesional de técnico/a superior de investigación (difracción raios X) grupo I, vacante no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a USC derivados desta convocatoria realizaranse exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo 1 praza vacante na categoría profesional de técnico/a superior de investigación (difracción raios X) grupo I, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), pola quenda de promoción interna.

1.2. A presente convocatoria non xerará praza vacante na categoría de que proceda a persoa que supere o proceso selectivo.

1.3. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.4. A praza convocada terá o seu destino na localidade de Santiago de Compostela.

1.5. A adxudicación da praza á persoa aspirante que supere o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

1.6. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

1.7. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os Estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para seren admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato, os seguintes requisitos:

a) Posuír a condición de persoal laboral fixo da categoría técnico/a especialista investigación, especialidade química, e estar prestando servizos con carácter definitivo ou en adscrición provisional na Unidade de Difracción de Raios X da USC.

b) Ter unha antigüidade efectiva de, polo menos, seis meses como persoal laboral fixo na categoría a que pertenzan o último día do prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar en posesión de titulación universitaria oficial de grao, doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalentes. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.

d) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría a que se pretende incorporar.

e) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública.

f) Non estar sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do convenio colectivo para persoal laboral da USC.

g) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.8 desta convocatoria para as persoas con discapacidade e para os membros de familias numerosas.

3. Solicitudes.

3.1. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3.2. As persoas que desexen participar nestas probas selectivas deberán formalizar a súa solicitude, así como aboar a taxa correspondente, unicamente por medios electrónicos. Para iso empregarase exclusivamente o formulario electrónico habilitado ao respecto que figura no catálogo de procedementos da sede electrónica da USC: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalLaboral.htm empregando como medio de identificación electrónica as credenciais corporativas da USC.

3.3. A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

• Fotocopia do certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

As/os aspirantes que teñan ou tivesen expediente administrativo como PAS na USC estarán exentos/as de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa probados para obter a súa anterior contratación ou nomeamento e deben presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non se atope debidamente acreditada no seu expediente persoal.

3.4. A Xerencia expedirá e engadirá de oficio á solicitude presentada pola persoa aspirante un certificado acreditativo dos servizos prestados en que conste a categoría e os períodos en que se prestaron, así como os cursos de formación e cualificación profesional que consten no expediente.

3.5. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.6. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias auténticas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.7. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar no formulario de inscrición do proceso selectivo a adaptación de tempo e/ou medios para realización dos exercicios, reflectindo con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.

3.8. Os dereitos de exame serán de 42,24 €. Para realizar o seu ingreso, empregarase un dos seguintes medios accesibles desde o formulario de inscrición.

• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.

• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación que se deberá imprimir, unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo, sen que sexa precisa comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.

3.8.1. De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

3.8.2. As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:

• Persoas con discapacidade: certificado do grao discapacidade.

• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

3.8.3. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.8.4. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.9. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique na epígrafe «Medios de aviso de notificación» do formulario, o teléfono e o enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia na sede electrónica, para o acceso á cal se empregarán os medios de identificación que se indican na base 3.2.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución declarando aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se atopa exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivasen a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar os defectos que motivasen a exclusión.

Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas do catálogo de procedementos na seguinte ligazón:

https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalLaboral.htm para o que o/a aspirante deberá empregar o medio de identificación e sinatura que se indica no número 3.2 desta convocatoria.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa, e poderase interpor contra ela recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición ante o reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.5. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8 desta convocatoria.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a categoría primeira de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo aprobado en Consello de Goberno do 29 de decembro de 2020.

5.2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5.3. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.4. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, e notificalo ao reitor da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.5. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír os que teñan perdido a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.4.

5.6. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal de acordo co previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015, coa asistencia tanto presencial como a distancia da maioría absoluta dos seus membros titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.7. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a asistencia presencial ou a distancia do presidente e da secretaria, e da metade polo menos dos seus membros.

5.8. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que puideren xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.9. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, limitándose a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os ditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel que a exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutros/as funcionarios/as para colaboraren no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.10. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o número 3.7 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

5.11. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.12. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura da praza convocada, de se producir a renuncia da persoa seleccionada antes da toma de posesión ou cando non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación a persoa proposta, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «Y» de conformidade co establecido na Resolución do 29 de xaneiro de 2021 da Consellería de Facenda e Administración Pública.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e as que non comparezan serán excluídas da oposición, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal achegando á comunicación, o correspondente informe médico oficial.

A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. Os sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuaranse nos locais onde se realizase a proba anterior, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao comezo deste se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas se se trata dun novo.

6.4. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.5. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se tiver coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos por esta convocatoria, deberá propoñer a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.

Contra esta exclusión poderase interpor recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

7. Listaxe de persoas aspirantes aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública, no lugar ou lugares da súa celebración, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html e naqueloutros que coide oportunos a relación de persoas aspirantes que acadasen o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres días hábiles, contados a partir do día seguinte á realización de cada exercicio, para presentaren reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as/os aspirantes disporán de sete días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentaren reclamacións ás cualificacións.

7.4. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.5. A publicación anterior irá acompañada da relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada unha delas, fosen seleccionadas, na cal constará a cualificación final obtida en cada unha das fases, oposición e concurso, e da proposta provisional da persoa seleccionada segundo o previsto no anexo I.

No caso de producírense empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios: maior puntuación na fase de oposición, maior puntuación na fase de coñecementos específicos, maior puntuación no terceiro exercicio, maior idade e a orde alfabética establecida na base 6.1.

7.6. Contra esta publicación, as/os aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do rexistro de entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o que o/a aspirante deberá empregar o medio de identificación e sinatura que se indicou no número 3.2.

7.7. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta de contratación a favor da persoa aspirante seleccionada, tendo en conta o previsto no número 5.12 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html

8. Presentación de documentación.

8.1. No prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte a aquel en que se fixese pública a proposta de contratación, a persoa aspirante que figure nela deberán presentar na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros da USC, a documentación que acredite a posesión dos requisitos que figuran na base 2 desta convocatoria para proceder á contratación como persoal laboral fixo, agás que xa conste no expediente persoal do/da traballador/a.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen dentro do prazo fixado e, salvo caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Adxudicación do posto de traballo.

9.1. A adxudicación da praza obxecto de promoción á persoa que supere o proceso selectivo, comporta a amortización da praza da categoría de orixe.

10. Contratación como persoal laboral fixo.

10.1. Concluído o proceso selectivo, a persoa aspirante que o superase será contratada como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

11. Listaxes de espera.

11.1. Elaborarase unha listaxe de espera, coas persoas aspirantes que obteñan como mínimo unha puntuación de 12,5 puntos no segundo exercicio da fase de oposición. Para estes efectos, e co fin de determinar a opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia na parte correspondente da solicitude.

12. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación da praza: técnico/a superior de investigación (difracción raios X).

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a seguir se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a seguir se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro.

Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o segundo que será obrigatorio e non eliminatorio.

As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistas do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que achegasen documentalmente xunto coa solicitude ou que teñan acreditado no expediente, o certificado Celga 4 ou o certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Comprensión escrita, ou comprensión oral máis expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lle facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.

A duración máxima desta proba será de noventa minutos.

Segunda proba. Comprensión escrita, ou comprensión oral máis expresión oral.

As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo e, a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.

A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

Segundo exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 120 preguntas tipo test máis 5 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao programa que se relaciona no anexo II.

O tempo para a realización será de 125 minutos e a valoración, de 0 a 25 puntos.

Terceiro exercicio: consistirá na realización dun exercicio de carácter práctico ou teórico-práctico, proposto polo tribunal e relacionado co contido do temario específico do programa, no cal os/as aspirantes deberán demostrar as capacidades para o desempeño das funcións correspondentes.

As persoas candidatas disporán dos recursos necesarios para a realización da proba e proporcionarán os resultados e cálculos realizados por escrito ou en soporte informático, segundo a tipoloxía dos resultados xerados.

O tribunal poderá preguntar ás persoas aspirantes polos procedementos realizados e a expresión dos resultados obtidos.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 180 minutos.

A puntuación deste exercicio será de 0 a 35 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 15 puntos.

Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobados e publicados os criterios de avaliación e corrección.

As preguntas adicionais de reserva substituirán, se for o caso, as anuladas pola súa orde.

II. Fase de concurso: máximo 40 puntos.

Experiencia: máximo 35 puntos.

• Na mesma categoría incluída na clasificación do convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase a 0,40 puntos/mes. Non se valorará o tempo traballado en categoría superior por atribución temporal de funcións.

• Noutras categorías de persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase a 0,10 puntos/mes.

• Na mesma categoría noutras administracións públicas: valorarase a 0,10 puntos/mes, ata un máximo de 10 puntos.

Formación: valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:

Cursos de formación relacionados coa praza:

• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.

• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.

Cursos de formación de lingua galega:

• Celga 5: 0,75 puntos.

• Outros cursos de galego impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con aptitude: 0,02 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con asistencia: 0,01 puntos/hora.

Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valorarase a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso.

Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.

Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listaxes de espera, as dúbidas que xurdan serán resoltas por unha comisión composta por dúas persoas en representación da Xerencia e dúas en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listaxes e poderá solicitar información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.

ANEXO II

Denominación da praza: técnico/a superior de investigación (difracción raios X).

Programa.

Bloque común:

1. A Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación: obxecto e obxectivos xerais. O fomento e coordinación da investigación científica e técnica na Administración xeral do Estado.

2. Regulamento da USC para a realización de actividades de investigación ao abeiro do establecido no artigo 83 da Lei 6/2001, de universidades.

3. O Regulamento de funcionamento do catálogo de investigadores e grupos de investigación da USC.

4. Espazo europeo de investigación. Programa de investigación e innovación da Unión Europea. O Marco financeiro plurianual 2021-2027. Estrutura xeral. Mecanismos de participación. Modalidades de financiamento.

5. O Plan estatal de investigación científica, técnica e de innovación.

6. O Plan galego de I+D+i: finalidade, programas e instrumentos.

Coñecementos específicos:

1. Raios X: características. Xeración. Colimación. Monocromatización.

2. Rede cristalina. Cela unidade. Sistemas cristalinos. Redes de Bravais.

3. Dispersión e difracción de raios X. Interacción dos raios X coa materia. Planos e índices de Miller. Ecuacións de Laue. Lei de Bragg.

4. Rede recíproca. Esfera de Ewald. Xeometría da difracción.

5. Simetría cristalina. Elementos de simetría. Grupos puntuais. Clases cristalinas. Grupos espaciais. Extincións sistemáticas.

6. Factores de estrutura. Síntese de Fourier. Factores atómicos de forma. Parámetros de desprazamento atómico.

7. Lei de Friedel. Dispersión anómala. Función de Patterson.

8. Medida e procesamento dos datos. Factores de Lorenz e polarización. Absorción. Decaemento. Escalaxe y redución. Estimación do erro na medida.

9. Resolución da estrutura. Problema da fase. Métodos directos. Métodos de Patterson. Métodos duais. Substitución molecular.

10. Completamento da estrutura. Aplicación das sínteses de Fourier (Fo, Fo-Fc, 2Fo-Fc).

11. Refinación da estrutura. Metodoloxía dos mínimos cadrados. Esquemas de pesaxe. Factores de acordo e outros indicadores do axuste.

12. Parámetros adicionais do axuste. Restricións xeométricas. Extinción secundaria.

13. Determinación da configuración absoluta. Parámetros x de Flack e y de Hooft. Método dos cocientes de Parsons.

14. Mapas de densidade electrónica. Densidade electrónica residual.

15. Refinación con datos a alta resolución. Melloras do modelo estándar (IAM: Independent Atom Model).

16. Estruturas desordenadas. Desorde estática e dinámica. Dispersión térmica difusa.

17. Estruturas problemáticas e o seu tratamento: Maclas. Pseudosimetría.

18. Fundamentos de estruturas moduladas conmensuradas e inconmensuradas. Descrición. Identificación. Caracterización. Determinación da estrutura media.

19. Validación, interpretación e presentación dos resultados. Distancias e ángulos de enlace. Ángulos de torsión. Outros parámetros xeométricos. Interaccións intramoleculares e intermoleculares. Uso de software específico: Platon, Mogul (CSD).

20. Depósito de resultados en bases de datos estruturais: ICSD, CCDC, PDB.

21. Fundamentos para a interpretación dun difractograma de po cristalino: información estrutural contida no largo, forma e intensidades relativas dos picos.

22. Fundamentos para a caracterización dun material policristalino con base na posición e intensidade relativa dos picos: método Hanawalt, interpretación do contido de fichas PDF-2 y PDF-4 de la ICDD.

23. Fundamentos da caracterización de materiais non cristalinos coa técnica SAXS (dispersión de R-X a baixo ángulo): Aproximación de Guinier, representación Kratky e proceso para a obtención da función de distribución de pares.

24. Fundamentos da caracterización de películas delgadas pola técnica XRR (reflectometría de R-X): definición de ángulo crítico e parámetros que hai que axustar nunha curva experimental.

25. Difractómetros de raios X: descrición e uso.

26. Detectores de raios X e o seu uso en equipamentos de laboratorio.

27. Sistemas de seguridade e de protección da radiación nos equipamentos de raios X de laboratorio.

28. Mantemento do equipamento específico nun laboratorio de raios X: xeradores, recirculadores, dispositivos ópticos, goniómetros e detectores.

29. Técnicas avanzadas de manipulación e preparación de mostras para a súa determinación estrutural por técnicas de difracción e dispersión.

30. Selección dun monocristal. Luz polarizada.

31. Montaxe e caracterización preliminar. Indexación.

32. Planificación da estratexia de recollida de datos.

33. Ferramentas informáticas de adquisición e procesamento de datos de difracción, dispersión e reflectividade de raios X.

34. Coñecementos avanzados de informática: paquete Microsoft Office 365. Follas de cálculo avanzado, estatísticas e gráficos científicos. Software específico: paquetes de representación molecular e de resultados cristalográficos (ORTEP, Mercury, VESTA, CrystalExplorer e semellantes).

35. Coñecemento e uso do sistema de xestión de calidade ISO9001-2015. Xestión de solicitudes de servizo e rastrexabilidade das mostras. Mantemento dos equipamentos.

36. Clasificación das mostras en función do seu risco.

37. Normas de seguridade e medidas de prevención de riscos nun laboratorio.

38. Manipulación de gases inertes e de líquidos crioxénicos.

39. Real decreto 783/2001, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento sobre protección sanitaria contra radiacións ionizantes.

Nota: as referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame e, nese caso, deben entenderse referidas á lexislación en vigor.

ANEXO III

Denominación das prazas: técnico/a superior de investigación (difracción raios X).

Tribunal titular:

Presidente:

– Antonio Luis Llamas Saiz, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

Vogais:

– Antonio Sousa Pedrares, profesor contratado doutor da USC.

– Albina Román Castro, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

– Bruno da Cuña Mariño, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

Secretaria:

– María Carmen Ríos López, funcionaria de carreira da escala de xestión da USC, que actuará con voz e voto.

Tribunal suplente:

Presidente:

– Esteban Guitián Fernández, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

Vogais:

– Ana María García Deibe, profesora titular de universidade da USC.

– Martín Cacheiro Martínez, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

– Diego Conde Pérez, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

Secretario:

– Miguel Usón Pérez, funcionario de carreira da escala técnica superior de administración da USC, que actuará con voz e voto.