Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 17 de xaneiro de 2022 Páx. 1971

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR553C).

BDNS (Identif.): 605742.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e convocalas para o ano 2022.

2. Esta orde regulará o procedemento de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, que está recollido na sede electrónica da Xunta de Galicia co código de procedemento MR553C.

Segundo. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán optar ás indemnizacións previstas no artigo 1 as persoas físicas e xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares:

a) De animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.

b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.

d) De aves sacrificadas/mortas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria, de enfermidade de Newcastle ou doutra enfermidade das aves declarada oficialmente.

e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana, ou doutras enfermidades porcinas declaradas oficialmente ou durante o desenvolvemento de medidas, probas ou controis ordenados pola autoridade competente.

f) De visóns americanos que se sacrifiquen/morran por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas sanitarios oficiais.

g) De animais que morran como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.

h) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias de vixilancia, loita, control e erradicación de cada enfermidade.

2. Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias das indemnizacións reguladas nesta orde, as persoas ou entidades que se atopen en calquera das circunstancias sinaladas no artigo 10, puntos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13, puntos 2 e 3, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, será de obrigado cumprimento a apreciación recollida no artigo 14 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento MR553C).

Cuarto. Importe

1. As contías das indemnizacións serán as que estean en vigor en cada momento, segundo os baremos ou prezos oficiais aprobados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e publicados no Boletín Oficial del Estado mediante reais decretos ou ordes ministeriais.

2. No caso de indemnización por sacrificio decretado pola aparición dun foco de influenza aviaria ou de enfermidade de Newcastle, ou doutra enfermidade das aves declarada oficialmente e que non teña baremos oficiais aprobados, a contía da indemnización será a fixada nos baremos establecidos no Real decreto 823/2010, do 25 de xuño, polo que se establecen os baremos de indemnización polo sacrificio obrigatorio dos animais obxecto dos programas nacionais de control de salmonela en mandas de aves reprodutoras e poñedoras do xénero Gallus gallus, e de mandas de pavos reprodutores.

3. Para as indemnizacións do gando porcino por mor dos sacrificios obrigatorios (ou a morte) decretados pola autoridade competente, debidos á peste porcina clásica (PPC) ou á peste porcina africana (PPA) e para as enfermidades distintas da PPC e da PPA que non teñan baremo oficial aprobado, serán de aplicación os baremos contidos na Orde do 30 de decembro de 1987 pola que se actualizan os baremos de indemnización por sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica, pertencentes a razas precoces e os seus cruzamentos, para animais destas razas; na Orde do 30 de decembro de 1987 pola que se actualizan os baremos de indemnización por sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica, correspondentes a animais pertencentes ao tronco ibérico e os seus cruzamentos, e na Orde do 12 de maio de 1994 pola que se actualizan os baremos de indemnización de sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica correspondentes aos porcinos pertencentes ao tronco ibérico e os seus cruzamentos.

No anexo II, punto 1, desta orde recóllense os baremos de indemnización que son de aplicación ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 1987 pola que se actualizan os baremos de indemnización por sacrificio de animais afectados de peste porcina africana e peste porcina clásica, pertencentes a razas precoces e os seus cruzamentos. Para estes efectos, non se atopan incluídas nos baremos para a especie porcina (do citado punto 1) as primas sanitarias sobre o valor base do mercado recollidas no anexo da Orde do 30 de decembro de 1987.

4. Para os casos en que, por cuestións sanitarias, a autoridade competente considere necesario decretar o sacrificio obrigatorio de animais das especies bovina, ovina e cabrúa, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación, e para as que non haxa un baremo xa aprobado, a contía das indemnizacións será a sinalada no punto 1 anterior.

5. En caso de que se decrete o sacrificio obrigatorio de visóns americanos, afectados por enfermidades ou mortos/sacrificados durante o desenvolvemento de medidas, probas ou controis ordenados pola autoridade competente, e para as cales non haxa un baremo xa aprobado, a contía dos baremos de indemnización será a fixada no anexo II desta orde.

6. No caso dos produtos destruídos por motivo das encefalopatías esponxiformes transmisibles, cando a aplicación dos prezos citados non acade o valor medio normal nos mercados de referencia, farase unha taxación a prezo de mercado.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes e, se é o caso, da correspondente documentación complementaria será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de novembro de 2022.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural