Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 17 de xaneiro de 2022 Páx. 1904

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 1/2022, do 13 de xaneiro, polo que se crea a Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ferrol.

O Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, reformula a estrutura da Administración periférica, acometendo un proceso de remodelación arredor das delegacións territoriais, concibidas como órganos de dirección e actuación da Administración autonómica dentro dos seus respectivos ámbitos.

No ano seguinte, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, regula os órganos centrais e territoriais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e establece como órganos de dirección, entre outros, as delegacións territoriais, as secretarías territoriais e as xefaturas territoriais.

Transcorridos máis de 10 anos desde a posta en marcha das delegacións territoriais, cómpre seguir consolidando esta estrutura, conxugando os principios de modernización e racionalización da xestión da Comunidade Autónoma de Galicia co de proximidade á cidadanía, tendo en conta os criterios de eficacia e economía e mellora continua que deben inspirar a actuación e a organización administrativa reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

A optimización dos recursos públicos, a eficacia na xestión, a racionalización, o logro da máxima coordinación das distintas unidades administrativas e a mellora continua son principios básicos que guían a actuación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e dado que na actualidade existen varias dependencias administrativas da Xunta de Galicia en Ferrol, é aconsellable crear unha delegación territorial que as aglutine.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, de acordo co artigo 31 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de xaneiro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación

Créase a Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, na cal se integran todos os órganos, unidades e servizos da Administración autonómica sitos no seu respectivo ámbito territorial.

Artigo 2. Ámbito territorial

A Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ferrol estará integrada polos municipios de Ferrol, Narón, Valdoviño, Cedeira, Ares, Mugardos, Fene, Neda, San Sadurniño, Moeche, As Somozas, Pontedeume, Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Monfero, Cerdido, Cariño, Ortigueira e Mañón.

Artigo 3. Organización e competencias

Á organización e ás competencias da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ferrol aplicaráselle o establecido no Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, e nos artigos 31, 34 e 35 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 4. Sede

A Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ferrol terá a súa sede na cidade de Ferrol.

Disposición adicional única

Os gastos de funcionamento serán financiados con cargo aos orzamentos da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e a súa xestión será asumida pola Xefatura Territorial da Coruña, sen que supoña incremento de gasto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia

O Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, queda modificado como segue:

Un. O artigo 1 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 1. Creación

1. Créanse as delegacións territoriais da Xunta de Galicia na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, nas cales se integran todos os órganos, unidades e servizos da Administración periférica autonómica sitos no seu respectivo ámbito territorial, na forma establecida neste decreto.

2. Á Delegación Territorial da Coruña correspóndenlle todos os concellos da provincia, coa excepción dos que se relacionan a seguir, que integrarán a Delegación Territorial de Ferrol: Ferrol, Narón, Valdoviño, Cedeira, Ares, Mugardos, Fene, Neda, San Sadurniño, Moeche, As Somozas, Pontedeume, Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Monfero, Cerdido, Cariño, Ortigueira e Mañón.

Á Delegación Territorial de Pontevedra correspóndenlle todos os concellos da provincia, coa excepción dos que se citan a seguir, que integrarán a Delegación Territorial de Vigo: Nigrán, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Pazos de Borbén, Mos, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Vigo, Cangas e Moaña.

Ás delegacións territoriais de Lugo e Ourense correspóndenlles todos os concellos da respectiva provincia».

Dous. O artigo 13 queda redactado do seguinte xeito:

«1. En cada delegación territorial existirá un gabinete xurídico territorial, encadrado organicamente na delegación territorial, que dependerá funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral, de acordo coas súas normas reguladoras.

No ámbito territorial da Delegación da Xunta de Galicia en Ferrol, as funcións establecidas no artigo 14.3 do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, serán desempeñadas polo Gabinete Xurídico Territorial da Coruña.

2. Igualmente, existirá unha intervención territorial, encadrada organicamente na delegación territorial e funcionalmente dependente da Intervención Xeral. Correspóndenlle as competencias que lle asignen as normas reguladoras deste centro directivo.

No ámbito territorial da Delegación da Xunta de Galicia en Ferrol, estas competencias serán desempeñadas pola Intervención Territorial da Coruña».

Tres. A disposición adicional quinta queda redactada do seguinte xeito:

«Sen prexuízo do establecido no artigo 1, polo que respecta a todas as actuacións en materia de tributos cedidos polo Estado, tributos propios, prezos establecidos pola Comunidade Autónoma de Galicia e demais ingresos de dereito público, mantense a competencia territorial dos órganos que a viñan exercendo no momento da entrada en vigor deste decreto, así como a dependencia orgánica e funcional das oficinas liquidadoras de distrito hipotecario.

Así mesmo, sen prexuízo do establecido no artigo 3, a estrutura das delegacións territoriais da Coruña e Ferrol e de Pontevedra e Vigo determinarase nas estruturas orgánicas das consellerías.››

Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

O Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, queda modificado como segue:

Un. Engádense dous parágrafos ao artigo 44.2.1:

Así mesmo, apoiará a persoa titular desa xefatura territorial nas funcións relativas ao rexistro da Xunta de Galicia e en materia de información e atención á cidadanía no ámbito territorial da Delegación Territorial da Coruña.

Por outra banda, apoiará a persoa titular da xefatura territorial na coordinación dos servizos e unidades da Consellería na Coruña con respecto aos existentes na Consellería en Ferrol».

Dous. Suprímese o punto 3 do artigo 44.

Tres. Modifícase o título do artigo 48, que pasa a denominarse:

«Delegacións territoriais de Vigo e Ferrol».

Catro. Engádese un punto 2 ao artigo 48:

2. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo contará para o exercicio das súas competencias, no ámbito da Delegación Territorial de Ferrol, co seguinte órgano:

2.1. Oficina Coordinadora, que exercerá funcións de apoio técnico e administrativo aos servizos e unidades existentes no ámbito territorial de Ferrol baixo as directrices da persoa titular da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, sen prexuízo das funcións de coordinación da Delegación Territorial.

Exercerá as competencias que lle sexan encomendadas pola Xefatura Territorial da Coruña no ámbito territorial de Ferrol, en particular as relativas á coordinación dos servizos, administración de edificios, réxime interno, recursos humanos e xestión económico-administrativa, e calquera outra en materia de xestión técnico-administrativa.

Así mesmo, apoiará a persoa titular da Secretaría Territorial na coordinación dos servizos e unidades da Consellería en Ferrol con respecto aos existentes na Xefatura Territorial da Consellería na Coruña.

Disposición derradeira terceira. Habilitación á Consellería de Facenda e Administración Pública

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola creación da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ferrol.

A Consellería de Facenda e Administración Pública realizará as modificacións orzamentarias necesarias para dar cumprimento do disposto neste decreto.

Disposición derradeira cuarta. Autorización para o desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xaneiro de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo