Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 18 de xaneiro de 2022 Páx. 2284

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

EXTRACTO da Resolución do 22 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2022 (código de procedemento PR775A).

BDNS (Identif.): 605355.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da Resolución do 22 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras e se fai pública a convocatoria do Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas, cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar aos premios os nenos e nenas galegos con idades comprendidas entre estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación de traballos.

Non poderán acceder a estes premios as persoas participantes cuxos representantes legais se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os fillos e fillas de quen sexa integrante do xurado non poderán presentar textos a esta convocatoria.

Segundo. Obxecto

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e convócase, baixo o réxime de concorrencia competitiva, o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas orientado aos nenos e nenas galegos, con idades comprendidas, segundo estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos (código de procedemento PR775A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 22 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2022 (código de procedemento PR775A).

Cuarto. Contía

Existirán en cada categoría tres premios en metálico, cada un deles coa seguinte dotación económica:

Categorías

De 9 a 11 anos

De 12 a 14 anos

1º premio

250 euros

250 euros

2º premio

200 euros

200 euros

3º premio

150 euros

150 euros

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas interesadas que opten pola presentación electrónica deberán formular a súa solicitude, mediante a presentación do anexo I, e presentarán a seguinte documentación, en arquivos independentes en formato pdf:

a) Un arquivo que conterá o texto do conto. Este arquivo nomearase co título do conto e o pseudónimo da persoa autora.

b) Un arquivo que conterá unha copia do libro de familia onde consten os datos de nome/s, apelidos e idade do/da menor que se presenta ao concurso, así como os datos dos seus proxenitores.

No caso de que se opte pola presentación presencial, á solicitude, que deberá formularse mediante a presentación do anexo I, deberá xuntarse a seguinte documentación:

a) Un sobre tamaño folio, pechado, coa seguinte inscrición: Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas, acompañado do pseudónimo e o título do conto. Este sobre incluirá o texto do conto en folio formato A4.

b) Unha copia do libro de familia onde consten os datos de nome, apelidos e idade do/da menor que se presenta ao concurso así como os datos dos seus proxenitores.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

Co obxecto de garantir o anonimato das persoas que redacten os contos, tanto na presentación presencial como na electrónica cumpriranse as seguintes exixencias:

– Na cabeceira do conto indicarase exclusivamente o título do conto presentado e o pseudónimo.

– Neste texto non poderá figurar ningún dato que permita identificar a persoa participante e romper o anonimato.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública