BDNS (Identif.): 606380.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. Para ser beneficiaria das axudas publicadas nesta orde deberanse acreditar os seguintes requisitos:
a) Ser unha entidade sen ánimo de lucro inscrita no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas creado polo Decreto 74/2002, do 28 de febreiro.
b) Ser titular ou responsable dunha vivenda de apoio á incorporación social de pacientes estabilizados/as nas unidades asistenciais de drogodependencias.
Este recurso deberá estar aberto todos os días do ano, sen excepción.
c) Acreditar o desenvolvemento de programas de incorporación social dirixidos ao colectivo de persoas drogodependentes durante os dous anos anteriores á anualidade desta convocatoria, achegando as memorias de actividade de cada ano. A dita memoria deberase axustar ao indicado no artigo 8, letra c), do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia.
d) Axustarse ao establecido pola Orde do 25 de xaneiro de 2008, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, para os centros de acollida e inclusión que desenvolven programas de apoio social a procesos terapéuticos, e estar inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), regulado na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
e) Estar autorizada, desde dous anos antes da anualidade desta convocatoria, polo servizo correspondente da Consellería de Política Social, segundo o Decreto 254/2011, do 23 de decembro, como centro de acollida-apoio social a procesos terapéuticos.
f) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, contar con domicilio social nela e comprometerse a desenvolver as actividades subvencionadas en vivendas próximas á poboación onde exista unidade asistencial de drogodependencias.
2. As entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que lles sexan exixibles de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Todos os requisitos se deberán acreditar na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manter durante todo o período de execución do programa subvencionado.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social desenvolvidos en vivendas durante o ano 2022, segundo a Orde do 25 de xaneiro de 2008 pola que se regulan os requisitos específicos que deben cumprir os centros de inclusión e emerxencia social, destinados a persoas afectadas por distintos tipos de adiccións que estean participando nun programa terapéutico de rehabilitación nas unidades de atención a drogodependencias incluídas no Circuíto de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos en Galicia.
A súa finalidade é apoiar as persoas que seguen un tratamento de deshabituación de trastornos adictivos para facilitar a súa incorporación social e promover unha vida autónoma en ámbito residencial.
Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria
Orde do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2022, tramitada como expediente anticipado de gasto (código de procedemento SA462B).
Cuarto. Contía
Para o financiamento destas axudas está previsto un crédito de douscentos cincuenta e tres mil euros (253.000 €) con cargo á aplicación 5001.413A.481.21 e código de proxecto 201400027, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022. As resolucións quedarán condicionadas, no momento da súa concesión, á existencia de crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria sinalada.
Do dito importe, corenta e catro mil setecentos trinta e un euros (44.731 €) corresponden á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario, e o resto, a fondos propios libres.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo deberase computar de conformidade co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Sexto. Outros datos
Para poder ser beneficiaria das subvencións deberase presentar unha solicitude axustada ao formulario normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo da orde e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código SA462B.
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021
Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade