Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 21 de xaneiro de 2022 Páx. 3660

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2021, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (códigos de procedemento ED481D e IN606C).

BDNS (Identif.): 606153.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur) e os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) radicados en Galicia, sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

Poderán acceder a estas axudas os organismos e entidades sinalados no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que se atopen, na data de peche da convocatoria, nalgún dos supostos que se indican no artigo 2 da convocatoria.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta convocatoria é outorgar axudas ás universidades do SUG, aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para completar a etapa de formación posdoutoral.

A finalidade é dar continuidade á súa carreira investigadora, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria a través dun contrato de dous anos de duración e unha axuda complementaria para o establecemento da liña de investigación

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 2.369.000 euros, para os anos 2022, 2023 e 2024.

Convócanse 23 axudas (20 para as universidades do SUG e 3 para o resto de entidades beneficiarias). As axudas inclúen os seguintes conceptos:

1. O financiamento dun contrato posdoutoral dun máximo de 38.000 € brutos anuais.

2. Unha axuda complementaria, por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación, coa seguinte desagregación por anualidades: 7.000 € para o ano 2022, 10.000 euros para o ano 2023 e 8.000 € para o ano 2024.

3. Un complemento anual por axuda de 1.000 €, destinado ás entidades beneficiarias para cubriren os gastos asociados á contratación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

P.D. (Orde do 9.2.2021)

Manuel Vila López

Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,

Educación e Universidade

Francisco Conde López

Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación e presidente da Axencia Galega de Innovación