Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 26 de xaneiro de 2022 Páx. 4684

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

EXTRACTO da Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN519B).

BDNS (Identif.): 606968.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. As solicitudes poderanse presentar individualmente ou de forma conxunta baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

Segundo. Obxecto

Mellora dos servizos e acondicionamento de infraestruturas existentes ou de nova incorporación, co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais de Galicia poidan dispoñer de condicións máis competitivas para desenvolver a súa actividade económica.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN519B).

Publicadas no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contía

Importe total da convocatoria: 3.250.000,00 €.

Intensidade das axudas: 80 % do importe total considerado como subvencionable, cun máximo de 120.000,00 € para as solicitudes individuais e de 138.000,00 € para as solicitudes conxuntas.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da Orde do 27 de decembro de 2021 no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Poderase anticipar ata o 25 % do importe da subvención concedida.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2021

Francisco Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación