Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 26 de xaneiro de 2022 Páx. 4856

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022. Programa I: axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social (código de procedemento TR356A).

BDNS (Identif.): 606886.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. As empresas de inserción laboral inscritas como tales no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción Laboral de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, que regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral e que teñan o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nas bases reguladoras.

2. Tamén poderán solicitar e ser beneficiarias das axudas aquelas empresas que na data de presentación da solicitude da axuda solicitasen a súa cualificación como EIL, de conformidade co Decreto 156/2007.

Segundo. Obxecto

Promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral, previamente cualificadas no Rexistro Administrativo de EIL de Galicia, que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

A través deste programa subvenciónanselles parcialmente ás empresas de inserción laboral os custos salariais das persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social que teñan contratacións mínimas de seis (6) meses.

Terceiro. Importe

Para a concesión das axudas reguladas neste programa destínanse 865.000,00 euros con cargo á aplicación 11.04.324C.470.5, código de proxecto 201500561.

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR356A).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2022. Cada entidade só poderá presentar unha única solicitude.

Sexto. Outros datos

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva.

O período subvencionable comprenderá desde o 1 de outubro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022.

A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 8 de novembro de 2022.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade