Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 1 de febreiro de 2022 Páx. 6501

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 7 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga) e se aproba a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR351F).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, do emprego e da formación e, a través do Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Emprego e Igualdade asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Emprego e Igualdade, para o exercicio orzamentario 2022, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego e de acordo coa Axenda 20 para o Emprego, e no eido da colaboración institucional e do diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

Entre as competencias que en materia laboral corresponden a esta comunidade autónoma, conforme o establecido no artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, está a de promoción do emprego. Para lograr a converxencia con España e a Unión Europea, Galicia deberá aumentar a súa taxa de emprego mellorando as condicións de empregabilidade e propoñendo oportunidades de integración social e laboral, especialmente entre aqueles grupos que teñen unha menor participación no mercado de traballo e que presentan un maior risco de exclusión e, consecuentemente, maiores dificultades para a súa inserción social e laboral.

A Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, recolle no título IV os mecanismos de acción positiva na formación para o emprego e as demais políticas activas de emprego a favor das persoas en situación ou risco de exclusión social.

En coherencia co exposto, e para dar cumprimento a ese mandato legal, a Consellería de Emprego e Igualdade implementa para o ano 2022 un programa dirixido a fomentar a mellora da empregabilidade a través da adquisición de experiencia profesional mediante a contratación subvencionada de persoas desempregadas de moi difícil inserción laboral e/ou en risco de exclusión social, beneficiarias da renda de integración social de Galicia (Risga).

Consecuentemente, a presente orde regula a convocatoria de subvencións ás entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Risga, de conformidade co establecido na normativa estatal básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo), na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no regulamento que a desenvolve, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. A presente orde adaptarase á dita normativa, atendendo en todo caso aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

A distribución provincial de créditos para o financiamento destes programas realizarase tendo en conta o número de persoas desempregadas e a evolución do paro rexistrado no período 2017-2021, a evolución da poboación no citado período e o número de persoas perceptoras da Risga existentes en cada concello de Galicia en 31 de decembro do ano 2021.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.460.3 (código de proxecto 2015 00532) por un importe global de 7.698.398 euros, contida no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 18 de outubro de 2021.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e de Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A solicitude, tramitación e concesión das subvencións obxecto da presente orde axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias, logo dos informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das axudas e subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga), co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral (código de procedemento TR351F), e a aprobación da súa convocatoria para o ano 2022.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde tramitarase de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Financiamento

1. O financiamento destas axudas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos créditos consignados na aplicación 11.04.322C.460.3 (código de proxecto 2015 00532), do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 18 de outubro de 2021, por un importe global de 7.698.398 euros.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Consonte o establecido no artigo 25.2 do Decreto 11/2009, do 11 de febreiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a concesión de subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito para o ano 2022 adecuado e suficiente no momento da resolución.

2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e de Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas previstas nesta orde será directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2017-2021 e inversamente proporcional á evolución da poboación no citado período, e terá en conta o número de persoas perceptoras da Risga existentes en cada concello en 31 de decembro de 2021.

4. Para os efectos de garantir unha distribución o máis equitativa posible dos recursos entre os distintos concellos que poidan participar nesta convocatoria, asignarase a cada entidade solicitante unha axuda inicial equivalente ás contratacións que lle correspondan en función do número de persoas perceptoras da Risga, de conformidade co tramo en que se atope cada un segundo a seguinte escala:

a) Ata 10 persoas perceptoras da Risga: ata 2 contratacións.

b) De 11 a 50 persoas perceptoras da Risga: ata 5 contratacións.

c) De 51 a 100 persoas perceptoras da Risga: ata 10 contratacións.

d) De 101 a 700 persoas perceptoras da Risga: ata 20 contratacións.

e) De máis de 700 persoas perceptoras da Risga: ata 40 contratacións.

5. Para a máxima eficacia destas axudas, calquera sobrante de crédito que poida producirse tras as resolucións de concesión ditadas de conformidade co establecido no punto anterior será asignado aos solicitantes das axudas polo órgano competente, atendendo ao número de persoas perceptoras da Risga existentes en cada concello.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde os concellos e as agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do obxecto para o cal se concede a subvención.

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En todo caso, a solicitude conxunta de subvención para o desenvolvemento dun servizo ou programa exclúe a posibilidade de solicitude individual.

Artigo 4. Contía da subvención

1. O importe da subvención que se concederá ás entidades beneficiarias será o equivalente ao necesario para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa desempregada contratada que reúna os requisitos establecidos no artigo 13 da presente orde.

2. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada. En todo caso, e con independencia da xornada de traballo a tempo completo ou a tempo parcial, a xornada de traballo subvencionable será, como máximo, do 75 % e non poderá, en ningún caso, ser inferior ao 50 %.

3. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, coas que é compatible, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado do anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, especificamente, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

c) Que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, cada concello deberá cumprir coa citada remisión.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

5. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación da persoa secretaria da entidade local en que consten os seguintes datos:

1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

2º. A aprobación polo órgano competente da entidade local da obra ou servizo de interese xeral ou social para o cal se vai contratar a persoa traballadora obxecto de solicitude de subvención.

3º. A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

4º. As retribucións salariais brutas das persoas traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia á publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, xuntando as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.

b) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración, se é o caso, e memoria explicativa da prestación conxunta do proxecto con indicación das contribucións económicas e achegas dos concellos agrupados.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 11. Procedemento

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Emprego e Economía Social da respectiva xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, que formulará a proposta de resolución, tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención, sen que interveña unha Comisión de Valoración.

Artigo 12. Resolución

1. A resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde, unha vez fiscalizadas pola intervención territorial delegada, corresponde á persoa responsable da respectiva xefatura territorial por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

2. O prazo máximo de resolución e notificación será de tres meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución da concesión de subvención fixará expresamente o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e incorporará, de ser o caso, as condicións, as obrigas e as determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria.

4. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e, contra elas, poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. A obtención da subvención quedará condicionada á existencia de crédito dispoñible, de acordo co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, da contía e da finalidade no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

8. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Requisitos da contratación

As contratacións deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) En todo caso, as contratacións polas cales se conceda a subvención deberán ser para a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social competencia das entidades locais.

b) Con independencia da duración do contrato, o período de contratación subvencionable será de nove meses. Os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución de concesión da subvención e, en todo caso, dentro do exercicio 2022.

Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a persoa responsable da respectiva xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade poderá autorizar a prórroga do dito prazo establecido na resolución de concesión, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

c) A selección de persoas traballadoras que se contraten será realizada por un grupo mixto constituído, para tal fin, por representantes da Consellería de Emprego e Igualdade, da entidade beneficiaria e dos equipos de inclusión sociolaboral dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, cando o ámbito territorial da entidade beneficiaria estea comprendido dentro das súas demarcacións para a intervención, que actuará de conformidade cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

d) As persoas traballadoras que se contraten deberán ser, en todo caso, persoas perceptoras da Risga e estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como persoas demandantes non ocupadas. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato. Terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da Risga que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e os que teñan cargas familiares.

e) Calquera que sexa a entidade local que realice as contratacións, deberá solicitar as persoas demandantes non ocupadas necesariamente mediante a presentación da oferta específica do programa de contratación de persoas beneficiarias da Risga nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia. Excepcionalmente, mediante a autorización expresa da respectiva xefatura territorial, e logo da acreditación da condición de persoa beneficiaria da Risga por parte da entidade solicitante, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal.

f) Efectuada a selección das persoas traballadoras, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

Artigo 14. Substitución de traballadores e traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo que falte para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais por causas que se prevexa que sexan de longa duración, superior a 30 días, a substitución só será posible logo de autorización expresa da xefatura territorial correspondente por solicitude fundamentada da entidade contratante.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas, agás a de que o contrato teña unha duración de 9 meses, e deberá ser notificada á xefatura territorial, indicando a causa da baixa, nun prazo máximo de 15 días desde a correspondente contratación. Na notificación, a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:

a) Parte de baixa na Seguridade Social da persoa substituída.

b) Parte de alta na Seguridade Social e contrato de traballo na modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social da persoa substituta.

c) Certificado de selección da persoa substituta, no modelo publicado na web institucional da Xunta de Galicia, agás que se trate dunha candidata que quedase en lista de espera na primeira selección e continúe en desemprego e sexa perceptora da Risga no momento de formalizar a contratación.

d) Documento de información da subvención, no cal conste a recepción asinada pola persoa traballadora.

4. Tanto no caso de extinción como de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta deberá levarse a cabo logo de solicitude á correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, salvo que se trate de persoas candidatas remitidas por este na oferta inicial e cumpran a condición de demandante de emprego inscrita, desempregada e perceptora da Risga no momento da súa contratación.

5. De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo for inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á redución da subvención concedida polo importe correspondente. En ningún caso se poderá producir un incremento da subvención concedida, e deberá facerse cargo a entidade beneficiaria dos sobrecustos que estas substitucións comporten.

Artigo 15. Xustificación e pagamento

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión e, en todo caso, antes do 20 de decembro de 2022:

a) Contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.

b) Partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC).

c) Un certificado da persoa secretaria ou órgano competente da entidade local beneficiaria, no cal conste:

1º. A formulación da correspondente oferta de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, especificando o número identificador desta e a relación nominal das persoas traballadoras desempregadas facilitada por aquel, así como as persoas candidatas finalmente seleccionadas e contratadas.

2º. As retribucións salariais brutas das persoas traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

d) Unha declaración responsable do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, no modelo que se publica como anexo II.

e) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 17.1.a).

f) Os documentos de información ás persoas traballadoras da subvención debidamente asinados.

2. Unha vez recibidos os fondos, a entidade beneficiaria deberá remitirlle á xefatura territorial correspondente da Consellería de Emprego e Igualdade unha certificación acreditativa da súa recepción.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación.

d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer, no momento do seu vencemento e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Emprego e Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e á distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

f) Comunicar á Consellería de Emprego e Igualdade aquelas modificacións substantivas que afecten á realización da actividade que vaian desenvolver as persoas contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Comunicar á Consellería de Emprego e Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

h) Realizar, cando proceda e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Emprego e Igualdade, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global en que se describan tanto os puntos fortes como as carencias das persoas mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través das axudas reguladas nesta orde.

Artigo 17. Seguimento

1. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) No lugar onde se realicen os servizos deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo, en modelo normalizado establecido e publicado na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0043.html, no cal constará o cofinanciamento por parte dos servizos públicos de emprego.

b) Utilizar os documentos de información ás persoas traballadoras da subvención no modelo normalizado na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0046.html

2. Sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na presente norma, as entidades beneficiarias das axudas deberán:

a) Manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

c) Presentar ante a respectiva xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, no prazo de dous meses unha vez que teña finalizado a execución do proxecto subvencionado, a seguinte documentación:

1º. Unha memoria final sobre as actividades realizadas e a práctica profesional adquirida polas persoas contratadas.

2º. Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia.

3º. Extracto bancario xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida.

4º. Copias das nóminas aboadas ás persoas traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de traballadores ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias necesariamente no caso das nóminas), o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF), e xustificantes do seu pagamento (modelo 111) correspondentes aos trimestres en que se desenvolveu o proxecto, unha vez que se dispoña deles.

5º. Documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada a que se refire o punto 2.a) deste artigo.

d) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, en virtude da mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, realice o persoal técnico da respectiva xefatura territorial.

Artigo 18. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe para reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 15.1: procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

d) Incumprimento da obriga de presentación de documentación exixida no artigo 17.2.c): no caso de que non se presente ningunha documentación, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e, no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe para reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

e) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobramento da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial mensualmente: cando o importe salarial aboado fóra de prazo sexa inferior ao 50 % do gasto subvencionado, o importe para reintegrar será equivalente ao importe aboado fóra do prazo establecido e, no suposto de que o importe salarial aboado fóra de prazo sexa igual ou superior ao 50 %, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 17.1: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada establecida no artigo 17.2.a): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

h) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 17.2.b): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposición adicional primeira

Unha vez esgotado o crédito, o órgano xestor deberá publicar o esgotamento da partida orzamentaria e a inadmisión de posteriores solicitudes.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos, e nas persoas responsables das correspondentes xefaturas territoriais desta consellería para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer as obrigas e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa responsable da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións, aclaracións e interpretacións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2022

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file