Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 4 de febreiro de 2022 Páx. 7731

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 17 de xaneiro de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se lles comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado por este xurado relativo, entre outros, ao monte de Guldriz, no concello de Friol (expediente 92_80/2019_84).

Na sesión do Xurado Provincial o día 20.12.2021, figura o seguinte acordo:

Monte Devesa (expediente 43/73), pertencente aos veciños da parroquia de Devesa; Monte Narla (expediente 42/75), pertencente aos veciños da parroquia de Narla; Monte Friol (expediente 27/76), pertencente aos veciños da parroquia de Friol; Monte Guldriz (expediente 92/80), pertencente aos veciños da parroquia de Guldriz, todos eles do concello de Friol.

Os días 20.12.2019 e 23.1.2020 tivo entrada unha copia da sentenza do 21.10.2019, do Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Lugo, ditada no procedemento ordinario 724/2017. Na súa resolución declara que o monte de Devesa queda deslindado e marcado conforme o establecido no fundamento de dereito segundo da sentenza.

De acordo coa sentenza, o 20.10.2021, o Servizo de Montes emitiu un informe (2019_84) en que se especifican as modificacións resultantes nos ditos montes, que pasan a ter as seguintes superficies: MVMC Devesa, 123,3561 ha; MVMC Narla, 366,5272 ha; MVMC Friol, 171,0360 ha e MVMC Guldriz, 204,8885 ha.

Achégase esbozo da situación actual dos montes veciñais afectados pola sentenza.

Examinada a sentenza, o Xurado, por unanimidade, acorda dar cumprimento ao establecido nela e proceder ás correccións oportunas, coa incorporación dos novos esbozos ao expediente.

Ao descoñecerse o nome e enderezo dos posibles titulares de dereitos e intereses sobre o referido monte, por medio do presente anuncio, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, comunícase o devandito acordo.

Este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.

Lugo, 17 de xaneiro de 2022

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo