Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 4 de febreiro de 2022 Páx. 7547

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a entidades locais de Galicia titulares de bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, para a adquisición de novidades editoriais (programa A) e para a mellora das coleccións no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (programa B), ambas en formato físico, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT235A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia e, no artigo 32, que corresponde ao Goberno da nosa Comunidade Autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

En execución das competencias citadas ditouse a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística de Galicia, que establece no seu artigo 20.3 a obriga da Xunta de Galicia de contribuír á promoción do libro galego con medidas que potencien a produción editorial e a súa disposición.

Neste senso, a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no seu artigo 16.3, establece que a Xunta de Galicia se compromete a adquirir, con periodicidade estable, para a súa difusión en todas as bibliotecas públicas, escolares e de centros universitarios, os produtos editoriais galegos segundo os criterios de selección e idoneidade das persoas con responsabilidades profesionais destes centros de lectura públicos.

De conformidade co Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa e estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e co Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, correspóndelle a este departamento, a través da Secretaría Xeral de Cultura, o exercicio das competencias en materia de promoción do libro e da lectura, así como nas materias de bibliotecas e arquivos. Así mesmo, compételle a xestión administrativa e a organización de axudas e instrumentos de colaboración coas corporacións locais en materia de bibliotecas.

Na mesma liña, correspóndelle á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, segundo o establecido na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, establecer anualmente nos seus orzamentos programas para a adquisición de fondos e recursos tecnolóxicos, actividades de difusión e formación do persoal e outros que puideren considerarse necesarios para a Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

En cumprimento das devanditas competencias, esta orde regula dous programas de subvencións dirixidas ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, un para a adquisición de novidades editoriais en galego (programa A) e o outro para a mellora das coleccións bibliográficas (programa B), ambos destinados ao libro en formato físico.

Programa A: a subvención para a adquisición de novidades editoriais ten como finalidade que as bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas teñan ao dispor dos seus usuarios e usuarias as ditas novidades en galego no momento da súa entrada no mercado, mediante un proceso de compra de libros en formato físico a cargo das entidades locais en función da demanda das súas bibliotecas e/ou axencias de lectura que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Unha vez adxudicada a subvención por un valor económico que se establece segundo os parámetros da poboación a que atende cada servizo bibliotecario público municipal, este poderá seleccionar os títulos incluídos nunha plataforma electrónica en que poderán incorporar as súas novidades todas as editoriais que publiquen en galego, que tamén serán as encargadas da distribución directa de cada libro solicitado desde a editorial a cada entidade beneficiaria.

Programa B: está dirixido á mellora das coleccións bibliográficas en formato físico das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas. Ten como finalidade actualizar as coleccións, de xeito que lle permita ao persoal técnico bibliotecario municipal mellorar o servizo bibliotecario vinculado a unha colección máis completa, diversificada e actual.

Os recursos económicos que nutren este programa proveñen do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O Consello Europeo aprobou o 21 de xullo de 2020 a creación do programa NextGenerationEU, como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada polo coronavirus.

O 10 de novembro de 2020, o Parlamento Europeo e o Consello alcanzaron o acordo sobre o paquete de medidas que inclúe os fondos de NextGenerationEU e o Marco financeiro plurianual 2021-2027, creando o Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia, como instrumento de apoio aos Estados membros a través de transferencias directas e préstamos para incrementar os investimentos públicos e acometer reformas para paliar os devastadores danos producidos pola COVID-19.

O Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a este e alcanzar os obxectivos establecidos e serán presentados formalmente polos Estados como moi tarde o 30 de abril.

A Resolución do 29 de abril de 2021, da Subsecretaría do Ministerio de Asuntos Económico e Transformación Dixital, dá publicidade ao Acordo do Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que define as estratexias que se seguirán no desenvolvemento dos fondos europeos de recuperación.

O compoñente 24, Revalorización da industria cultural, recolle reformas e investimentos orientadas a fortalecer a cadea de valor das industrias culturais españolas. Dentro deste atópanse diversos proxectos dos cales participarán as comunidades autónomas, entre os que está o C24.I2.P02, Dotación de bibliotecas, tras as transferencias dos pertinentes fondos durante os anos 2021 e 2022 para convocatorias públicas de axudas.

A Conferencia Sectorial de Cultura, na súa reunión do día 23 de xullo de 2021, aprobou o acordo polo que se distribúe o crédito destinado ás comunidades autónomas, para o financiamento do proxecto C24.I2.P4, Dotación de bibliotecas, do compoñente 24, dentro dos investimentos do Mecanismo de recuperación e resiliencia. Entre outras condicións, neste acordo recóllese o importe mínimo con que debe contar cada biblioteca pública para esta finalidade; a cantidade de libros que se deben adquirir, a súa tipoloxía e as porcentaxes mínimas ou máximas que corresponderán ás distintas linguas; o sistema prioritario de adquisición; os prazos para a execución e xustificación dos fondos e as obrigas derivadas da súa recepción.

Mediante a Orde do 23 de setembro de 2021, do Ministerio de Cultura e Deporte, transferíronse os créditos para execución do proxecto C24.I2.P4, Dotación de bibliotecas, acordado en Conferencia Sectorial de Cultura o 23 de xullo de 2021, que corresponden ás comunidades autónomas, a través de convocatorias de axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

En cumprimento da regulamentación antes descrita, todos os proxectos de investimento deben de respectar o «principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (principio DNSH, «Do no significant harm») e as condicións da etiqueta climática e dixital. Iso inclúe o cumprimento das condicións específicas asignadas previstas no compoñente 24, así como nos investimentos en que se enmarca o devandito proxecto, tanto no referido ao principio DNSH como á etiqueta climática e dixital. En relación co proxecto Dotación de bibliotecas, o Plan de recuperación, transformación e resiliencia non establece medidas específicas por considerar que a medida ten un impacto previsible nulo ou insignificante sobre o obxectivo ambiental relacionado dada a súa natureza.

A dotación ás bibliotecas de recursos bibliográficos garante á poboación, independentemente do seu lugar de residencia ou a súa condición, un acceso libre e gratuíto ao coñecemento e á cultura, o que contribúe a impulsar a cohesión territorial e social. Este proxecto prevé a transferencia de fondos ás comunidades autónomas para a dotación de libros en papel nas bibliotecas públicas.

Tendo en conta que a titularidade e competencia de xestión da maior parte das bibliotecas públicas galegas corresponde ás entidades municipais, resulta procedente convocar un programa de subvencións para facer efectiva a dotación nelas de libros en papel.

De conformidade coas condicións establecidas no acordo da Conferencia Sectorial do 23 de xullo de 2021, en ningún caso se poderá articular esta medida a través de subvencións de concorrencia competitiva ás bibliotecas, dado que se debe garantir que todas elas reciben fondos, polo menos, polo importe mínimo de 1.500,00 euros, e poderán establecerse criterios de repartición das contías que excedan esta cantidade en función doutras variables obxectivas.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións comúns aos dous programas

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de subvencións dirixidas ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Procedemento CT235A.

2. Nesta orde regúlanse os seguintes dous programas de subvencións:

Programa A. Subvencións para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico.

Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas en formato físico, no marco do Plan para a recuperación, transformación e resiliencia.

3. Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2022.

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión deste procedemento realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Normas de aplicación

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

b) Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

c) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

f) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

g) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

h) Resolución do 29 de abril de 2021, da Subsecretaría, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros do 27 de abril de 2021 polo que aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia (BOE núm. 103, do 30 de abril).

i) Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (BOE núm. 341, do 31 de decembro).

E, suplementariamente:

j) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

k) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

l) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

m) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

Artigo 4. Procedemento de concesión das subvencións

O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde será o de concorrencia non competitiva. Na súa virtude, para a concesión das subvencións ratearase o orzamento existente entre as entidades solicitantes que cumpran as condicións establecidas, en función do número de bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal con que conten e da poboación do concello, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para o programa B, ademais das devanditas condicións, establécese un mínimo de 1.500,00 € por biblioteca ou axencia de lectura.

Artigo 5. Tramitación anticipada de gasto

Este expediente tramitarase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2022. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Artigo 6. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta subvención todas as entidades locais de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura públicas, entendidas como aquelas de uso público xeral nos termos establecidos nos artigos 3, parágrafo 1.2.a), 19, 20, 24 e 25 da Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, e nos artigos 10, 11 e 13 do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Cumprisen o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Tamén poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. As ditas agrupacións deberán estar debidamente acreditadas e os concellos integrantes da agrupación deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos na presente orde. Os concellos que se presenten en agrupación non poderán presentarse ademais de forma individual.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Requisitos de participación

As bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais que reciban os fondos bibliográficos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais.

b) Ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2020 e tela remitido ao Servizo do Sistema de Bibliotecas, agás as bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia durante o ano 2021, aquelas que comunicasen a reactivación do servizo bibliotecario, así como as bibliotecas que se dotaron pola vía non automatizada do novo sistema de xestión bibliotecaria no dito ano.

c) Ter informatizada a xestión da biblioteca ou da axencia de lectura.

d) Ter remitido ao Consello de Contas de Galicia a conta xeral do exercicio 2020.

e) Ademais, para o programa A, estar integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas) antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de subvención reguladas nesta orde.

Artigo 8. Concorrencia das axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 9. Solicitudes e prazo

1. As entidades locais que desexen acollerse ás subvencións reguladas nesta orde deberán presentar a solicitude coa indicación do programa ou programas en que desexan participar, segundo o modelo anexo I, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, os domingos e os declarados festivos.

2. A solicitude irá dirixida á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

3. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

4. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

5. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Copia do certificado da remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral do exercicio 2020.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán indicalo nos correspondentes recadros habilitados para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada está incompleta ou presenta erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se terá por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Procedemento de instrución

1. Corresponde á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro a instrución do procedemento de concesión de subvencións. Este órgano desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. Instruídos os expedientes, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

Artigo 14. Resolución

1. No prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluiranse a relación de entidades locais beneficiarias e as cantidades concedidas por cada programa subvencionable.

2. O prazo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo no momento do vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa.

Artigo 15. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Publicación dos actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión das axudas nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web, https://www.cultura.gal

Artigo 17. Aceptación das axudas

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante da entidade beneficiaria.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular a proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible entre as solicitudes admitidas coa mesma proporción prevista no artigo 4 da presente orde.

Artigo 18. Xustificación

1. O prazo máximo para presentar a documentación xustificativa é ata o 31 de outubro de 2022 (inclusive).

2. A xustificación das subvencións desta orde realizarase separadamente por programas. Achegarase a documentación xustificativa correspondente a cada programa.

3. Esta documentación dirixirase á Secretaría Xeral de Cultura, Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, con data límite a de finalización do período de xustificación, sempre que non se opoña ao que se estableza na orde da Consellería de Facenda e Administración Pública que regule as operacións de peche de exercicio.

4. A documentación requirida na fase xustificativa deberá presentarse electronicamente, accedendo ao expediente do presente procedemento na Carpeta cidadá da entidade local que presentou a solicitude de inicio, https://sede.xunta.gal/carpeta-do-cidadan, mediante o formulario normalizado habilitado para o efecto a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Considerarase gasto realizado o importe das adquisicións de libros que se axusten ao disposto nesta orde, realizadas entre o día da publicación desta convocatoria e o 31 de outubro de 2022.

Artigo 19. Documentación xustificativa da subvención común para os dous programas

A documentación xustificativa que deberá presentarse é a seguinte:

a) Declaración de axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto. Poderá empregarse o modelo previsto no anexo II.

b) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Poderá empregarse o modelo previsto no anexo III.

c) Certificado da persoa responsable da secretaría ou intervención da entidade local de que os fondos bibliográficos adquiridos con esta subvención pasan a formar parte da colección da/das biblioteca/s ou da/das axencia/s de lectura públicas municipais. Poderá empregar o modelo previsto no anexo IV.

d) Exclusivamente para o programa B, achegarase relación certificada dos libros adquiridos e importe investido en cada biblioteca, asinada pola persoa responsable da biblioteca ou a persoa responsable da secretaría ou intervención da entidade local, segundo o modelo publicado na páxina web http://rbgalicia.xunta.gal/, epígrafe de axudas e subvencións.

e) Documentos acreditativos do gasto realizado, a través de unha das modalidades seguintes:

Modalidade 1). Conta xustificativa. Neste suposto, deberase achegar certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

Nome do provedor, número de factura, relación de libros adquiridos e número de exemplares, importe da factura, data de emisión da factura e data de pagamento. A omisión dalgún destes datos comporta a obriga de acollerse á modalidade 2.

Modalidade 2). Se non presentan conta xustificativa, deben achegar os seguintes documentos:

– Relación clasificada dos gastos. Poderase empregar o modelo do anexo V.

– Copia das facturas, en que se relacionen os libros adquiridos. De non figurar este dato na factura enviarán o albará xunto coa factura.

– Xustificantes bancarios do pagamento, en que consten a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa entidade beneficiaria da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa que emitiu a factura.

Artigo 20. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar despois da presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Pagamento

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase como efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito á subvención total ou parcial, segundo proceda, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto nos artigos 9 e 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da finalidade da subvención.

Artigo 23. Obrigas dos beneficiarios

As entidades locais beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ás seguintes obrigas:

– Obrigas xenéricas:

a) Cumprir o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

c) Dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

d) Os fondos bibliográficos en galego obxecto da presente convocatoria deberán cumprir a vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo). Así mesmo, respectarán a toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 desta lei.

– Obrigas específicas:

a) Incorporar os fondos adquiridos ao catálogo da biblioteca no prazo de 12 meses desde a súa adquisición. Neste prazo, os titulares das bibliotecas deberán remitir unha certificación sobre o cumprimento efectivo desta obriga.

b) Manter os fondos no catálogo durante un período mínimo de cinco (5) anos desde a adquisición, agás no caso de expurgación por deterioración ou nos casos de roubo, perda ou non devolución da persoa usuaria.

c) Garantir, polo menos durante cinco anos desde a adquisición, o acceso aos fondos por parte da cidadanía en condicións de gratuidade e igualdade, mediante a consulta e préstamo nas condicións habituais.

d) Garantir a cobertura e envío dos cuestionarios estatísticos anuais por parte das bibliotecas destinatarias dos fondos, polo menos nos cinco (5) anos posteriores á concesión da subvención.

Artigo 24. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a entidade local beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

Artigo 25. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

CAPÍTULO II

Disposicións específicas para cada programa

Sección 1ª. Programa A. Subvencións para a dotación de novidades editoriais
en galego en formato físico

Artigo 26. Obxecto e finalidade da subvención

1. O obxecto é a concesión dunha subvención anual ás entidades locais de Galicia para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico, con destino ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Os fondos bibliográficos deberán ser editados no período comprendido entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022 (inclusive).

2. A súa finalidade é de interese público: o fomento e edición de libros publicados en galego, así como a promoción da lectura e a mellora das coleccións e dos servizos bibliotecarios, por ser a Rede de bibliotecas públicas a destinataria dos exemplares.

Artigo 27. Imputación orzamentaria

1. Estas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.760.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, por un importe de 200.000,00 euros.

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 28. Fondos bibliográficos obxecto de subvención

1. Os fondos bibliográficos obxecto de subvención deberán estar incorporados á plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal, e ser seleccionados e recibidos por cada entidade local beneficiaria. A incorporación será realizada polas entidades editoras de acordo co sinalado no artigo 29 desta orde.

2. Con cargo á subvención o número máximo de exemplares de cada título que poderá solicitar cada entidade local ás editoriais, para cada unha das súas bibliotecas e/ou axencias de lectura municipal, será de 3.

Artigo 29. Procedemento de incorporación das novidades editoriais

1. Para se poder inscribir na plataforma electrónica as editoriais, sexan persoas físicas ou xurídicas, deberán ter a condición de editoras. No imposto de actividades económicas (IAE) debe figurar a epígrafe «edición de libros» ou outra en que quede claro o seu carácter fundamentalmente de editorial.

2. As editoriais incorporarán á plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal as súas novidades editoriais para seren seleccionadas polas entidades locais, sempre que as ditas editoriais cumpran os requisitos exixidos na resolución de convocatoria para poder participar na presente orde. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

3. Tanto a nova inscrición na plataforma electrónica, para as editoriais que nunca estiveron inscritas, como a reactivación da inscrición, para as editoriais xa inscritas, comporta a autorización á Secretaría xeral de Cultura, unidade tramitadora da plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, e tamén comporta a autorización para consultar o seu imposto de actividades económicas (IAE). Non obstante, a editorial ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e debe presentar entón as certificacións segundo o indicado na resolución a que se fai referencia no número 2 deste artigo.

4. Unha vez asignada a cantidade correspondente a cada entidade local relativa ao importe máximo do valor dos libros de que se van dotar as bibliotecas municipais, cada entidade, a través dun só representante para as súas bibliotecas e/ou axencias de lectura, xa designado na solicitude (anexo I), seleccionará e solicitará os títulos e o número de exemplares de cada título entre os incorporados á plataforma electrónica de adquisición de novidades editoriais, https://novidadeseditoriais.xunta.gal, polas editoriais, ata o límite do valor económico en libros que teña adxudicado na resolución definitiva desta convocatoria.

5. No prazo comprendido desde a data de publicación desta convocatoria ata o 15 de outubro de 2022 (inclusive) e a través da plataforma realizaranse os pedidos a cada unha das editoriais titulares de cada libro seleccionado pola entidade local beneficiaria da axuda. Serán as editoriais as que se encargarán do envío dos libros a cada solicitante, segundo fan constar no campo da plataforma «enderezo de envío».

Artigo 30. Contía das axudas

1. A contía da axuda que corresponderá a cada entidade beneficiaria determinarase en función do número de habitantes de cada concello, segundo as cifras oficiais de poboación correspondentes ao ano 2020 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, de conformidade coa seguinte táboa:

– Menos de 2.001 habitantes : importe máximo de 500,00 €.

– De 2.001 a 5.000: importe máximo de 1.000,00 €.

– De 5.001 a 10.000: importe máximo de 1.500,00 €.

– De 10.001 a 20.000: importe máximo de 2.000,00 €.

– De 20.001 a 30.000: importe máximo de 2.500,00 €.

– De 30.001 a 50.000: importe máximo de 3.000,00 €

– Máis de 50.001: importe máximo de 3.500,00 €

2. No caso de que concorra unha agrupación de concellos, computarase como número de habitantes o sumatorio dos habitantes integrantes dos concellos agrupados.

3. O cálculo da axuda que se concederá realizarase sobre a porcentaxe que resulta de aplicar o total de crédito orzamentario dispoñible para a adquisición dos fondos sobre o total de subvención, prevista para este programa, que se vai conceder segundo a táboa anterior (sumatorio do número de entidades locais por tramo multiplicado por contías individuais indicativas por tramo). A devandita porcentaxe multiplicarase polas contías individuais indicativas da propia táboa.

4. Non obstante, poderanse superar as cantidades máximas a que se refire este artigo, se unha vez repartido o crédito inicial existisen remanentes. Neste caso, o órgano instrutor poderá distribuír proporcionalmente a cantidade dispoñible entre as solicitudes correctamente recibidas que non alcanzasen o importe máximo da axuda. Se nesa repartición todos os solicitantes acadan esa contía máxima a que se refire o parágrafo primeiro deste artigo, a cantidade restante ratearase entre todos os beneficiarios.

5. As axudas poderán acadar ata o 100 % do investimento subvencionable.

Sección 2ª. Programa B. Subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas en formato físico

Artigo 31. Obxecto e finalidade da subvención

A finalidade é posibilitar a mellora dos fondos bibliográficos que configuran as coleccións das bibliotecas públicas municipais de Galicia, co obxecto de colaborar na súa actualización e mantemento e, deste xeito, dar cumprida resposta á demanda das persoas usuarias, no marco do Plan para a recuperación, transformación e resiliencia.

Artigo 32. Imputación orzamentaria

1. Este programa de axudas concederase con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.760.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, por un importe de 350.000,00 euros. No caso de que en 2022 se producise un incremento dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, este programa imputarase ao dito fondo.

2. Estes importes iniciais poden ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 33. Fondos bibliográficos obxecto de subvención e exclusións

1. Será obxecto desta axuda a compra de libros en papel.

Estes materiais deberán estar dirixidos ao mantemento ou renovación da colección e terán por obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca. En consecuencia, o seu contido e temática serán os tecnicamente adecuados para o uso público xeral, tanto dirixidos ao público infantil como ao adulto.

2. Entre os exemplares adquiridos deberanse incorporar materiais inclusivos, tales como obras de lectura fácil, de letra grande, ou outras características que faciliten a lectura por parte de persoas con discapacidade.

3. Como mínimo un 50 % do importe da subvención concedida destinarase á adquisición de fondo bibliográfico editado en castelán. O 50 % restante pode destinarse a adquisición de fondo bibliográfico tanto en galego como en castelán. Non obstante, dentro deste último, ata un 10 % poderá dedicarse a adquirir fondos editados en linguas estranxeiras ou en linguas oficiais ou con recoñecemento expreso no estatuto de autonomía doutras comunidades autónomas.

4. O número máximo de exemplares que se poderán adquirir de cada título será de 3 para cada unha das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas dependentes do concello.

5. Non serán obxecto desta axuda reproducións facsimilares, gravados, grandes obras de consulta (enciclopedias en varios volumes, repertorio de xenealoxía e heráldica, etc.), pinturas, libros de texto, temarios de oposición, publicacións periódicas (revistas, xornais, boletíns…) ou calquera outro material non mencionado no punto 1.

6. Os fondos bibliográficos en lingua galega obxecto desta convocatoria deberán cumprir a vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo).

Artigo 34. Adquisición dos fondos

Os libros adquiriranse na medida do posible polo sistema libreiro. Co obxecto de apoiar o crecemento competitivo e equilibrado de todo o territorio galego, os provedores dos materiais obxecto destas axudas deberán ser, preferentemente, empresas de comercio retallista da contorna municipal.

Artigo 35. Contía das axudas

1. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselles unha cantidade resultante da suma dos importes que se detallan a seguir:

a) Asignaranse 1.500,00 € a cada biblioteca ou axencia de lectura para as que se solicite subvención e que cumpran as condicións establecidas nesta orde para este programa.

b) A cantidade remanente, se é o caso, distribuirase entre a totalidade das bibliotecas ou axencias de lecturas para as que se solicite subvención en función do número de habitantes do concello, segundo as cifras oficiais de poboación o 1 de xaneiro de 2020 publicadas polo Instituto Galego de Estatística. Para tal efecto, dividirase a cantidade remanente entre a suma dos habitantes de todos os concellos solicitantes, a cifra resultante multiplicarase polo número de habitantes de cada concello e dividirase entre as bibliotecas ou axencias de lectura para as que se solicite subvención. No caso de que concorran unha agrupación de concellos, computarase como número de habitantes o sumatorio dos habitantes integrantes dos concellos agrupados.

2. As axudas poderán acadar ata o 100 % do investimento subvencionable.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Cultura no ámbito das súas competencias, para emitir as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file